14/3/08

Mulleres veladas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 45 – Ano V –marzo, 2008)
Que si velo por aquí, por si velo por Alá. Debate controvertido este, e posición arriscada a de considerar que concentrar tantos esforzos da loita pola igualdade da muller no uso desta tela non me parece boa táctica, que queren que lles diga. O velo é representativo dunha cultura que sendo, con todos os meus respectos, distinta e admirable en moitos aspectos, non deixa de ser escandalosamente machista, como a maioría delas, como é singularmente machista a nosa cultura: neste país, ata ben pouco as mulleres necesitaban o permiso dun home para abrir unha conta bancaria ou viaxar ao estranxeiro. Tradicionalmente, na nosa cultura as mulleres defínanse como mentirosas, promiscuas e libidinosas, a súa intelixencia traería a desgraza ao home que non as tivera á raia e o seu campo de actuación limitábase ao coidado da casa, dos fillos e do marido. Esta sociedade radicalmente sexista afortunadamente agoniza na actualidade, dando os seus derradeiros coletazos, desgraciadamente, nos centos de mulleres asasinadas polas súas parellas, por neandertales que non son quen de soportar os cambios no rol feminino.
O uso do velo é, como dicía, representativo doutra sociedade sexista, pero si o debate se concentra na eliminación dos símbolos de dominación machista no canto da eliminación das circunstancias (económicas e sociais) que fan posible esa dominación, estaremos a facer a casa polo tellado. A democracia tampouco se preocupou ata ser adulta de eliminar os símbolos do franquismo porque antes debía concentrarse en eliminar o franquismo en si mesmo. Do mesmo xeito, si as circunstancias que fan posible a desigualdade de xénero no mundo musulmán desaparecen, os seus símbolos caerán polo seu propio peso. ¿Cantas mulleres deixarían de usar o velo si foran independentes economicamente? Camiñemos por aí primeiro, cada cousa ao seu debido tempo, o contrario sería “espinicar”, verbo empregado pola miña avoa cando un vai picando pero non acaba de dar comido.
Agora ben: ningunha liberdade se consegue a través de prohibicións, é contraproducente e antagónico e soamente levaría á afirmación do prohibido; paréceme, ademais, perigoso andar prohibindo este tipo de cousas, aínda que non gusten. As sociedades que comezan a prohibir símbolos están a un paso da autocomplacencia, da ortodoxia e da ditadura. Que baixo a bandeira da “liberdade de xénero” non se eliminen as “liberdades individuais”. O velo, símbolo machista, é tamén un símbolo relixioso, cultural e tradicional, e son tantas e tan diversas as mulleres que se identifican con el que prohibir o seu uso significaría abrir unha porta pola que podería colarse logo calquera cousa. Máis que o velo en si, considero máis carcelaria para moitas mulleres a periódica visita ás perruquerías ou a dieta do pepino, esa obsesiva pretensión de tantas mulleres por estar sempre e en todo momento guapas e delgadas e á última moda; en identificar o seu ser coa súa presenza, non sempre por vontade senón pola necesidade de adaptarse ao machista rol feminino da muller-obxecto, da muller-maniquí, que moitas outras, todo hai que dicilo, abrazan e consenten coa maior felicidade.
Ambas son dúas caras da mesma moeda da explotación feminina, ámbalas dúas poden ser denigrantes á súa forma e ámbalas dúas deberían ser defendibles ata o último alento si son voluntariamente escollidas por unha muller. Non hai que ir de mesías pola vida, non se trata aquí de establecer por norma un modelo de muller senón de pór as condicións para que cada unha escolla o seu modo de vida, aínda que un deles signifique a renuncia da súa feminidade como tal a coñecemos. As miñas preferencias, claro está, non pasan en modo algún polo velo, nin tampouco por negarlle o dereito ás mulleres que queiran usalo.