17/10/08

O mellor que me pasou na vida

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 52 – Ano V –outubro, 2008)

“É o mellor que me pasou na vida”, pensa o pai na porta do colexio, rodeado doutros pais e nais de mediana idade que saúdan coa man ao fillo ou filla que se introduce no patio da escola. Todos amosan un espléndido sorriso na cara e volven saudar coa man cando o fillo ou filla se da a volta. Unha escena cándida, encantadora, que se repite cada mañá do curso escolar en cada colexio do mundo e das que por estes lares andabamos tan escasos. Os índices de natalidade parece que están repuntando, a pesar da crise hipotecaria e a crise económica nun país no que ata fai ben pouco o único aforro que exercitaban os cidadáns era en fillos. Tate, á media pouco lle faltaba para baixar de un, se cadra no pensamento de que para ter un fillo fan falta dous, andabamos case polo medio fillo por cabeza. ¿De onde sacabamos os cartos, o tempo, para coidar dun fillo? ¿Que lle iamos deixar en herdanza, ao pobre, se viviamos de aluguer e apurabamos ata o último día de prazo na ITV? Pero parece que andamos agora algo máis ricos (incluso subvencionamos aos bancos); onde comen dous, comen tres, e ben claro está que, por riba dos 2.000 euros por parto do goberno (ou sexa, de nós mesmos), no Porriño a Peatonal foi decisiva neste punto: sacar ao fillo a pasear pola Peatonal é un vicio ao que moi poucos se poden resistir. É unha tentación demasiado forte como para non ceder ante ela. Non me digan que non luce o fillo, ven vestidiño, unha tarde de sol Peatonal-para -abaixo-Peatonal-para-arriba. Parece que a un, de terraza, fáltalle algo se non ten un deses pequenos berrando ao redor ou chocando contra a pata da cadeira cunha pequena moto de plástico, último modelo. Tal como existiu a xeración do “baby boom”, a X e a Y, dentro duns anos falarase da “xeración-Peatonal”, e todos terán en común un destacado moreno de pel e unha certa tendencia ao motociclismo.
A xente pola rúa fala de panais e de biberóns, do método Estivill e deses pequenos avances en principio (soamente en principio) intranscendentes dos fillos sempre esaxerados polos proxenitores: se o neno eructa dise que xa fala, non me digan que non lles parece entrañable ese orgullo por derivación xenética . Os anciáns convertéronse en avós, e pasaron de ver as obras a ter conta dos netos, un branco móbil moitísimo máis enriquecedor e entretido. En serio, parece que nestas latitudes a xente como que reviviu con este exército de nenos e nenas que berran polas rúas, berran nos pisos novos e berran pola Peatonal. Faltábanos algo de optimismo e non hai maior optimismo que o provocado pola descendencia, xa que significa a prolongación da nosa vida. A xente mira un neno e inconscientemente sorrí, non sabemos ben por que, polo que como obxecto provocador de sorrisos xa estaría xustificada a súa presenza entre nós, a pesar dos berros, das babas e das cacas. Cada neno é un proxecto de vida, significa esperanza, unha especie de espertar na sociedade, a asunción dunha responsabilidade na existencia. O neno, como produto, significa de principio unha longa baixa laboral por maternidade/paternidade e 2.000 euros na conta do banco, polo que era certo que chega ata nós cun pan debaixo do brazo, aínda que non sexa un pan de fartura. Significa tamén noites en vela, carreiras ao pediatra e un gasto moi considerable en paciencia e panais, pero todos estes contratempos quedan de lado co estimulador exercicio de pasear ao neno pola Peatonal, con “P” maiúscula.