14/6/09

Esquéce-Me

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 60– Ano VI –xuño, 2009)



Camiño pola rúa e todo son estímulos para min. Todas esas luces de neon que iluminan os meus pasos, esas cores pestanexantes que me aledan a alma; todos eses carteis nos que multitude de señoras estupendas en provocativas posturas te observan diante dun deportivo e parecen dicirche: chato, se compras este coche eu vou no lote… pirata. Porque sempre nos faltará algo máis para ser felices. Sigo camiñando pola rúa, e en cada porta unha alfombra de esparto exclama cortesmente “¡benvido! ¡benvido!”, e me alegra o día. “Pase sen chamar”, indica a porta dunha inmobiliaria, e a máquina de tabaco, mentres me vende 20 paliños de morte plastificados, non deixa de comportarse coa maior corrección “O seu tabaco, grazas”. Escoitei algunha vez que soamente existimos por canto alguén pensa en nós, que nos transformamos en realidade unicamente cando formamos parte do pensamento doutra persoa. E todos eses estímulos están aí para nós, por nós, para captar a nosa atención como consumidores potenciais. Sempre haberá alguén pensando en nós se nos tiramos ás fauces das avenidas. Sempre parece haber un ollo do Gran Irmán espiándonos, dirixindo os fíos para facernos as cousas máis cómodas sen darnos de conta. Tanto como para chegar a escoller os nosos gustos. Os produtos que me poden interesar colócanos no supermercado sempre á mesma altura e posición; os destacan por cores, para que os vexa ben, para que non me esqueza de levalos. Os políticos páranme na rúa cada catro anos e me aseguran que eles pensan en min, que me queren coidar, que non estou só; me acariñan suavemente, e eu a rosmar coma un gatiño co voto na furna despois de convencerme de que o que máis lóxico sería votar nesa liña, cabaleiro, de acordo ao meu estatus, aos meus desexos, á miña cor de calzóns. Para os músicos sempre son un público estupendo, para os presentadores son un espectador intelixente e para os vendedores son un cliente esixente que non se deixa enganar.
Camiño pola rúa e a xente, os carteis, os anuncios, os políticos, os traficantes, as señoras con bolso das esquinas non deixan de ofrecerme cousas que quizais necesite. “Veña cabaleiro, tome isto, colla aquelo, probe o outro”. Compre, compre, compre. Porque saben que gastar faime máis humano, faime máis guapo, máis sabio e máis alto. Ás veces, cando teño a sensación de que me trepanaron a caveira cun abrelatas oxidado e conseguiron un touchdown co meu cerebro, saio á rúa para que a xente me ofreza cousas, para que as cousas me ofrezan cousas e para que eu as compre. Paso por un caixeiro automático, e na súa pequena pantalliña escondida e infeliz leo “Introduza a súa tarxeta, por favor”; paso por outro pequeno caixeiro e o pobre dime: “Por favor, introduza a súa tarxeta”; e como son tan sensible e dáme pena, ao terceiro non me aguanto e termino por introducila. Unha e outra vez. Recibo máis chamadas no móbil das “identidades ocultas” que dos meus amigos, e cada día son merecedor de ter na casa unha visita de comerciais que me informan amablemente dos produtos que quizás necesite. Sorríntes, eloxiándo-Me aínda que aparente ter sido atropelado por un tráiler. O meu buzón de correo está cheo de cartas de bancos, tendas, comercios e curandeiros senegaleses que me invitan a formar parte dos seus proxectos, do seu colectivo de usuarios, da súa gran familia de clientes; e a bandexa de entrada do e-mail colapsada por tantas e tantas mensaxes de empresas que se preocupan por comunicarme as súas novidades.
Cada día recibimos entre 1600 e 3000 anuncios publicitarios case sen decatarnos, entre 1600 e 3000 notificacións de que o mundo nos ten en conta. Todos parecen dirixirse soamente a nós. Para cada un deles somos importantes. Non lles parece entrañable? A min paréceme realmente insoportable.