20/9/09

Con vostedes... Lagripá!

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 63– Ano VI –setembro, 2009)

Pode que Phineas Taylor Barnum fora unha rata usureira, pero non se lle podía negar que carecera de principios. Cando no 1871 abandonou o seu cargo como político en Connecticut para crear en Brooklyn o seu famoso circo itinerante de tres pistas, Phineas tiña claros dous principios: que ao público non lle importa ser enganado, sempre e cando reciba a cambio entretemento para esquecerse dos seus problemas, e que, literalmente, “neste mundo, cada minuto nace un parvo”. De tal xeito que o seu circo Barnum chegaría a converterse no “maior espectáculo da terra” para o público norteamericano, acostumado, sen embargo, a que Phineas Taylor Barnum se inventase e manipulase os seus números sen pudor algún. Todos souberon que a Sirena de Feejee non era máis que a parte superior dun mono cosida á cola dun pez, ou que a Triste Susana non ría a pesar das apostas e tentativas do público non porque fora aburrida, senón porque tiña a cara paralizada. No 1835 Barnum anunciaba a todo trapo que exhibiría no seu circo a Joice Heth, unha escrava negra, cega e paralizada que servira de ama de cría do presidente George Washington: afirmaba que tiña 161 anos de idade. O público acudiu en masa, pero foise correndo o rumor de que todo se trataba dun engano. Algún iluminado pensador quizais se manifestara ao respecto. Barnum xustificouse daquela dicindo que Joice Heth non era humana, senón unha especie de robot. Isto desatou a histeria colectiva: a xente case se pegaba por unha entrada para o espectáculo. A vella morreu ao cabo, e Barnum, seguindo de novo os seus férreos principios, organizou unha autopsia pública cobrando unha verdadeira fortuna ás 1.500 persoas que tiveron o privilexio de acudir, para ver en directo como un forense certificaba que aquel corpo (humano, para máis indicacións), non tiña máis de oitenta anos. Outra das orixinais faenas na exitosa vida de Phineas Taylor Barnum.
Eu non sei si lles seremos tan primos como o público de Phineas, ou si gustamos tanto de ser enganados para ser entretidos - aínda que sexa un entretemento masoquista -, o que si entendo é que nos últimos tempos os carreiros deste mundo parecen estar descritos por un guionista de Hollywood. Un guionista un tanto retorcido que gusta das catástrofes apocalípticas. E o problema non é o espectáculo en si que nos presentan: o problema é que acabemos confundindo ese espectáculo coa realidade. En menos dunha década, case tivemos un apocalipse por ano, comezando co Efecto 2.000 (lembran aquelo dos ordenadores?), e polo camiño fomos aniquilados varias veces por terroristas de varios tipos e clases, destruídos por cometas desviados e estivemos a piques de comezar algunha guerra nuclear que outra. O que máis éxito pareceu ter, sen embargo, son os Armagedones de botica ou epidemias de pandemias: morremos todos polo ébola, fomos exterminados polo Creutzfeldt-Jakob das vacas tolas, devastados polo aspergillus dos aires acondicionados, extinguidos pola gripe do polo e agora parece que imos ser masacrados pola gripe A. Xesús, que vida de medo e sufrimento continuo. É curioso, sen embargo, que a gripe de toda a vida provoque a morte de entre 1.000 e 4.000 persoas cada ano soamente en España e que non saíra unha triste referencia nos medios: parece ser que o que non é novidade, non é noticia. Parece ser que importa máis o espectáculo que a información. Total, que de hecatombes en cataclismos, este raio de mundo non parece dar finalizado, e por moito que no inverno enchamos as urxencias de nenos constipados o único que estaremos a facer é converternos noutra consecuencia da esaxeración, do espectáculo mediático, do medo absurdo. A mala memoria mata máis xente neste mundo que todas as gripes xuntas, e sempre haberá un Phineas Taylor Barnum que se beneficie da inexistencia dunha vacina contra a estupidez humana. Queren un desastre de proporcións históricas?: o Ártico vai desaparecer. Iso si que é unha cuestión de vida ou morte. Gastemos máis nas hemerotecas e menos en Tamiflú, e deixemos de “joder la marrana”.