16/10/09

comunicárm


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 64– Ano VI –outubro, 2009)

Todo para comunicarme, pasei horas e horas da miña infancia garabateando entre as dúas liñas guía dos Cuadernillos Rubio, coa lingua por fóra de concentración e aplicación aos trazos verticais, escribindo sen pensar “Haré un hoyo en la arena” e “Dame un kilo de chocolate” e tentando axuntar sen éxito o rabiño da ‘o’ co extremo da ‘l’ sen levantar o boli do papel. A cousa estaba complicada, e perdía horas tentando endereitar aquelas liñas da caligrafía que se me tombaban sen querer, pouco a pouco, sen decatarme sequera ata chegar á ‘e’ do chocolate, despegar a fronte da mesa e botarlle unha panorámica xeral ao resultado. Miraba para a frase modelo e non comprendía como aquel raio de rapaz escribirá “haré un hoyo en la arena” sen que as minúsculas sobresaíran por riba da liña superior e os paos das letras non se lle declinaran a partir do ‘hoyo’; como podería conseguir aquel neno sabiondo que escribía para os Cuadernillos que os rabiños das vocais enlazaran graciosamente coas letras veciñas, sen que parecera que as amarraban con desesperación e pánico. Comprendía que a miña caligrafía carecía de gusto, delicadeza e gracilidade, e miraba con inquietude cara o futuro: sería quen de comunicarme?
Por sorte para min, a adolescencia inundou de testosterona non soamente o meu corpo senón tamén a miña caligrafía. As filigranas convertéranse de súpeto en cousas de nenazas, polo que os rabiños e arabescos desapareceron da miña escritura deixando paso á marcial plenipotencia da letra de imprenta. Facerme maior parecía ser un camiño cara a austeridade. Sentíame libre, e o meu individualismo tipicamente adolescente facíase notar na miña grafía: excarcerei as letras da dependencia de sílabas e palabras, desaparecendo aquela liña continua, aquel escribir sen levantar o boli do papel. Abaixo o establecido, revolución: a miña caligrafía, por fin emancipada, libre de ataduras gañou en confianza e deixei de escribir “Haré un hoyo en la arena” para escribir poemas e relatos existencialistas.
Os poemas chegaron case case da man da universidade. O alfabeto serviume daquela para plasmar en papel todas aquelas máximas que os profesores profesaban subidos nas tarimas. Alí copiabamos con desesperación cada palabra que se escoitara ávidos de coñecementos; incansables fábricas de escritura, reproducíamos no papel ata o son das moscas e inundábamos logo os corredores da facultade traficando con folios subliñados e fotocopiados. A dilixencia na copia motivou daquela cambios fundamentais na miña escritura: naceron os garabatos, os ideogramas, os pictogramas, as abreviaturas inconcibibles e a escritura “cherokee” que desprezaba artigos, conxuncións, e preposicións en pro da celeridade e inmediatez de expresión do verbo+substantivo. Case desapareceron circunstancialmente os adxectivos do meu vocabulario mentres os meus textos gravitaban do poético ao político e a caligrafía volvía a converterse nunha indescifrable liña continua.
A máquina de escribir aparece na miña vida para concederlle luz e significado aos garabatos do papel. Canto machaquei os dedos naquelas teclas vertixinosas que se atrancaban unhas as outras non o podería asegurar, polo que o descubrimento da máquina de escribir eléctrica foi unha nova liberación apenas embazada polas dificultades de cambiarlle a cinta correctora do aparato. Logo chegou o ordenador, pero polo camiño empreguei o dedo para consignar pensamentos na area das praias, para debuxar frases no aire ensoñadoramente e acariñar confesións segredas na pel feminina. Redactei co pé verbas na auga de varias fontes, busquei consoantes debaixo das cenorias da sopa e procurei vogais na caixa do Scrabble. Asine con arabescos no chocolate de 33 tartas e escribín en Morse, en Braille, en linguaxe de signos, con luces e bandeiras, con sinais de fume, con caligrafía china, en código HTML, ¡cun bolígrafo de cinco cores! e todo para comunicarme. E agora escoito por aí “Eh…, joder, pois… o rollo… puf, non sei… mola” e leo “are 1 ollo nlarena”, e penso que xa volvín a facer o primo. Canto tempo perdido, carallo.