12/12/09

Apadriñe a un artista famoso

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 66– Ano VI –decembro, 2009)

O pasado 1 de decembro “os artistas” da música, un colectivo que hai tempo pasou as fronteiras do musical para introducirse nos terreos do social, político, filosófico e moral, unha especie de estado máis dentro deste estado á carta, manifestáronse. Manifestáronse de novo. Porque non crea vostede que o músico, como especie, limita o seu traballo a organizar as corcheas e as semifusas polo pentagrama, non: neste país, o músico e o actor son o acubillo da conciencia social colectiva, a expresión máis perfecta e sublime da transcendencia humana. Daquela, cando hai un problema de calquera orde alí hai un músico en manifestación. O sitio natural de compositores e intérpretes parece non ser o escenario: o sitio natural do músico é a rúa, o reparto de octavillas, e destacan as manifestacións dos músicos por ser nas que mellor se corean as consignas. Non hai un desafino, todos dan a nota. E como dan a nota, ás veces. Non crean que poida ter algo en contra dos músicos, ao contrario, músicos son unha gran parte dos meus mellores amigos. Eu teño cousas en contra daquela xente que se cre por riba do ben e do mal, teño cousas en contra desa xente – todos sabemos quen son – que secuestrou a palabra “Cultura” e a usa en exclusiva como o seu patrimonio privado. Desta volta o colectivo de músicos multimillonarios protestaban porque Internet lles supón unha merma económica no seu anquilosado modelo de negocio. Que ben sendo como si os miniaturistas da época medieval pediran que se prohibira a imprenta de Gutenberg por competencia desleal.

Especificamente a devandita manifestación convocouse para protestar contra a piratería en Internet, é dicir, “para que se acaben as descargas ilegais en Internet”. É curioso, deixando de lado os danos e os beneficios – que tamén os hai, e moitos – das descargas de música en Internet, o certo é que en España é total e absolutamente legal descargarse música ou películas de Internet. O propio ministerio gasta unha pasta gansa en publicidade que pretende facernos crer que é ilegal, pero non se preocupe porque usen as palabras “piratería” e “ilegal” fóra de contexto: preocúpese pola razón de que gasten os seus cartos para mentirlle. Falando de ministerios, os artistas non se reuniron desta fronte ao de Cultura, que xa o teñen dominado, de feito alí conseguiron sacar adiante o canon dixital, uns ingresos extras na idea de que cada cidadán debe pagar ás súas depauperadas economías porque potencialmente é un delincuente que copiará as súas obras. Non, manifestáronse diante do Ministerio de Industria. Alí estaban Chenoa, Aute, Antonio Carmona, Tamara, o presidente de Sony e demais representantes deste colectivo marxinal e necesitado do país. Rosario Flores colle o micrófono e berra “que nos estamos muriendo de hambre, esa es la realidad, ¡que nos morimos de hambre!”. Probablemente debaixo das gafas Gucci que viste Rosario no momento do seu atormentado lamento hai uns ollos famélicos, desesperados. Un case ten gañas de ir a súa mansión para levarlle un bocadillo, unha lata de atún, que sei eu, o que apañe na despensa. Pero Rosario Flores ten un caché de 45.000 euros por concerto e este ano actuou en máis de 19 concertos, multipliquen. Soamente por concertos, logo súmelle os ingresos por dereitos de autor, cánones diversos, merchandising, venda de discos e demais negocios nos que ande metida. Daquela, o que parece necesitar Rosarito é un bo administrador, porque non se da gobernado como deus manda. Que fiche ao administrador da súa nai, Lola, que estafou vinte e pico millóns de pesetas a todos os españois e nin siquera pisou o cárcere, como pisariamos vostede e eu nesta democracia de cabaret. Lola dixera que non sabía nada de Facenda e que era unha muller pobre. Dicía que si cada español lle dera unha peseta solucionaban o tema. Hoxe, este país ten case 4 millóns de parados, e 357.000 familias que non teñen nin un só ingreso ao mes. Nada, nothing, rien, nin un puto can. E Rosario morre de fame. Pobre. Neste Nadal, apadriñe a un músico famoso.