17/5/10

9,58 segundos

Guiropa. Guiró.....pa. Pasoume outro coñecido polo carril do lado, fungado, guiropa, como unha exhalación e quedo camiñando no medio da aceira algo desconcertado. Non podería asegurar o que acaba de acontecer: el camiñaba avenidadegalicia para arriba, eu ía comprar pan ao Eroski avenidadegalicia para abaixo en sentido contrario. Recoñecímonos ao lonxe, sorrimos, fixemos ese xesto coa cabeza como quen comeza a saudar pero deixa o resto do protocolo para o encontro. Tempo facía que non nos viamos. E no cruce afrouxamos a marcha un instante e cruzámonos sen deternos e dicímonos soamente tres cousas; miramos os reloxos, eu teño que marchar a non sei onde, el chega tarde para non sei que, un día quedamos. Guiropa. Como si nos levara o vento. Nin paramos, non sabemos por que, e queda no aire esa afectuosa palmada que lle ía dar nas costas. Coma nun torneo medieval, usando palabras en vez de lanzas, cruzámonos, dicímonos e seguimos camiñando mirando para atrás, socorrendo unha especie de conversa que avanza traqueteando e vai morrendo en tópicos Poisnada-Poisiso-Veñaentón que se van facendo case inaudibles na distancia durante os vinte metros seguintes mentres imos avanzando cruzando as pernas e mirando para atrás e para adiante para non tropezar. Somos conscientes de que o encontro foi unha trapallada e non desistimos a darlle caput, nin somos capaces de parar, nin capaces somos de arrancar camiñando sen máis e seguimos a afastarnos sorrindo, saudando, guiropa. Recupero o paso, un pouco turbado, un chisco aparvado polo que acaba de suceder. Os pés seguen a camiñar, un detrás doutro, collendo o ritmo acompasado de antes. Un-dous-un-dous. Detente! Dígome detente, obrígome a parar, maldita sexa: vou comprar pan, soamente a comprar pan, non teño necesidade ningunha de andar a correr, sermonéome. Teño gañas de darlle ao Rewind RWD, volver atrás, tentalo de novo, camiñar tranquilo, parar e parrafear co amigo, saber como lle van as cousas, que ven sendo da súa vida e comentarlle como me vai a miña. Pero xa é demasiado tarde e meu amigo apura o paso na distancia para recuperar.
Acabaremos pensando que as persoas son esas cousas que te fan chegar tarde cando vas dun sitio a outro. Que son como obstáculos no tempo que hai que sortear. Nas zonas nativas e nas rúas peonís a cousa pode ser aínda peor: tanta xente coñecida e moitas persoas ociosas que potencialmente poden conversar con un: hai que ter o mesmo coidado como se un paseara por un campo de minas. Esquivando os obstáculos como no brilé, hai que ter rapidez, estratexia, intuición e visión de xogo para que calquera amigo ou coñecido non nos impida perder os minutos que temos cronometrados para tirar o lixo. Jesús. Andamos tan apurados nesta vida que a morte espéranos ao final vestida de rugby en posición de cornerback, con proteccións para o choque, acazapada cos brazos abertos para tentar collernos á velocidade á que chegamos. Acojonada. E se nos colle, e paramos, por fin paramos, quedamos desconcertados, Xa está? pensamos, Era iso todo, non hai máis? flipando, cunha certa sensación de mareo, que pasamos pola vida a velocidade de cruceiro, fungados, guiropa, correndo para comprar o pan, acelerados, collendo atallos, esperando impacientes a que remate o programa 6 da lavadora, galopando para ir a traballar e chegando apresurados logo a casa para cambiar a roupa e facer footing antes da cea... unha cea rápida. Café, ginseng, spinning, SMS limitado a 160 caracteres, frases inconclusas rematadas con puntos suspensivos... Non estou condicionado polo tempo: o tempo está condicionado por min, eu vou máis rápido que el, me cago en la leche, eu son o Usain Bolt do reloxo e tiro das agullas deste como si fóra unha mula de noria impulsando o malacate e arrastrando a dar voltas e máis voltas. Unha noria á que estamos atados e coa que xiramos a toda velocidade non sabemos se polo noso impulso ou pola súa inercia. 1101, 1102, 1103...
Detente. Tranquilo. Respira. Dígome r-e-s-p-i-r-a. Que non debo ter necesidade algunha por andar correndo dun lado a outro, como unha bola do pinball: que a miña axenda non precisa medir o grosor dun tomo da enciclopedia Espasa. Decátome de que practicamente todo o que considero facer, esas necesidades que me creo na cabeza, molestas como as lombrices nas tripas, poden esperar un día, unha semana, un mes, ou podo tachalas da axenda sen perder un imperio. Que presa teño por andar a correr por esta vida que ven sendo a única que empiricamente pode ser gozada? Por que sempre deixo necesidades como a de vivir para un pouco máis adiante? Por que nunca é o momento de facer o que realmente quero facer? O que me gusta. O querer, que sempre queda en segundo plano por detrás do deber. Todos a correr, para que logo un gilipollas de Walt Street pulse a tecla de billón en vez da de millón e mande todo ao carallo. Mañá aínda será cedo para todo iso. Tomémolo con calma. E comezo a correr, de novo... se cadra aínda dou alcanzado ao meu amigo e tomamos algo, aquelo que tiñamos prometido para que me conte que tal lle vai na vida.