O especulador é un ser a medio camiño entre a realidade e o mito, como o chupacabras. Unha especie de críptido contemporáneo que se agocha nas bolsas de valores, debaixo dos escritorios dos señores deputados e no interior das axencias de valoración de riscos. Ao especulador intuímolo polas súas accións: a gasolina sube periodicamente por culpa dos especuladores, o boom inmobiliario foi creado polos especuladores e 1.000 millóns de persoas pasan fame no mundo por cousa dos especuladores. Incluso a crise económica foi provocada polos especuladores, faltaría máis. E a pesar de que o especulador está detrás de cada tropezón que nos da este sistema capitalista, este mercado que se vai parecendo cada vez máis a unha praza de abastos; e a pesar de que é culpable da maioría dos males do noso tempo e ten unha participación tan activa nas nosas vidas, aínda non sabemos moi ben que aspecto ten o especulador. Xa me entenden: onde vive, cales son as súas costumes, cando lle toca a época de apareamento. Unha cousa fantástica. Entendemos que se trata dun ser misterioso, cuns hábitos moralmente cuestionables, a quen se lle achacan todos os males dende a política e a economía cunha determinación asombrosa para un ser case abstracto. Un bicho nocturno, sen cara e sen nome. Se os nosos gobernantes, Obama incluído, Ahmadineyad tamén, e toda esa clase media e traballadora que nos representa nos parlamentos teñen tan claro que o especulador é o inimigo deberían ser quen, a estas alturas, de comentarnos de pasada que xa teñen a algún identificado - coidado cos espellos, “especular” tamén pode referirse a verse no espello. Porque entendemos que contando ao seu servizo con todo o aparato policial do planeta, os nosos gobernantes poderían mirarnos iso, polo menos. Non vaia ser que acabemos no recurso fácil e rematen os nenos botándolle a culpa aos especuladores porque falta un paquete de galletas na despensa. Poderiamos comezar buscando no hábitat bursátil, non creo que os especuladores traballen co trueque, e despois de todo, si especular é “efectuar operacións comerciais ou financieiras, coa esperanza de obter beneficios baseados nas variacións dos prezos e dos cambios” poderíamos definir a Bolsa como “lugar de especulación” e iso xa sería un progreso entre tanta confusión. Un indicio, un avance, un sitio por onde comezar a buscar o condenado bicho. Lamentablemente, os xornais vellos úsanse moitas das veces para poñer no chan mollado da cociña, e así, as noticias e a nosa historia van desaparecendo a cada paso que damos. Non me digan. Non me digan que nos olvidamos de todos aqueles presidentes e presidentas por outono do 2008, cando á banca fóiselle a man recollendo os beneficios que, para variar, non eran os deles. Pensaron daquela que os cidadáns iamos montar adediosescristo nas rúas, e saíron á palestra para dicirnos que fora cousa dos especuladores de novo, malo raio os parta, falándonos de ética, de eliminar os paraísos fiscais e de refundar o capitalismo. Logo, xa saben, non lles foi para tanto a protesta, e tiveron a boa idea de darlle outra vez a El Dioni as chaves do furgón, é dicir, encargarlle aos responsables do sistema económico que arranxaran os problemas creados por eles mesmos cos nosos cartos. E aquí seguimos aforrando e recortando para entregarlle os pesos ao mercado, a ver si somos quen de gañar a confianza dos inversores, mecachis, tentando que os especuladores arrasen e se repartan primeiro outro país que non sexa o que nos queda deste.