11/4/08

Mírame lo mío

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 46 – Ano V –abril, 2008)


Galicia é unha imaxe cercada por tapias, onde cada un debe diferenciarse do resto coa súa casa, a súa finca e o seu muro de pedra. Isto o temos por dereito inalienable. Tamén temos por dereito que o resto debe pagarnos a traída de auga, de luz, de teléfono e asfaltarnos a estrada aínda que nos pete facer unha casa no quinto carallo. Somos minifundistas ata no sentido, de aí que tendamos a diseminar o sentimento de comunidade no “mírame lo mío”. O PIB galego baséase nos favores persoais, e con eles un pode comerciar coma se fora gando. O “mírame lo mío” dise coa boca pequena non por vergoña, xa que o resultado de ter bos contactos, amizades útiles e “un amigo, dun amigo, que me mira por lo mío” é predicado con orgullo aos catro ventos. O “mírame lo mío” fálase polo baixo porque cada un quere ser o único, o privilexiado: o malo é que unha comunidade privilexiada non se constrúe cunha totalidade de privilexiados que pretenden competir entre si e co resto. Así por exemplo, un non vende unha finca polo prezo que debería, senón por un pouco máis do que vendeu o veciño do lado. E queixámonos do caciquismo case endogámico en Galicia, sen ter en conta que detrás de cada galego moitas veces hai agochado un pequeno cacique, desexoso de privilexios e tolerante coa prevaricación na idea de que un faría o mesmo, coa esperanza de que algo lle caia co “mírame lo mío”. Fomos o berce de Julio Iglesias e de Pablo Iglesias, de Líster e de Franco, fomos submisos e "irmandiños": somos o país das contradicións.
Éche unha porta, a dos favores, que todo o mundo pretende manter aberta: un pode ter tratos co demo sen importarlle que eses tratos benefician a un, pero tamén benefician ao demo. O noso sacramento é “máis vale malo coñecido…”, e xustificámolo mantendo a Fraga como Gran Timonel ao longo de, ¡buf!, dende o século XX ao XXI.
Cedemos o noso voto por un punto de luz, e nas universidades, os galegos tendemos a sacrificar as clases polo tute de cafetería, coa certeza de que vale máis fomentar as relacións sociais para encontrar traballo que estudar para un traballo que dificilmente conseguiremos chuchando os sesos. Os grandes empresarios apañan os cartos de todos beneficiándose deste o noso neoliberalismo mental, e darán a cambio, cada ano, unha boa participación para a comisión de festas de turno, “para traer unha boa orquestra, carallo”. Os políticos de tradición, elevados pola nosa democracia de taberna, que manteñen o seu sillón quentiño repartindo os nosos cartos en subvencións a reo e a dedo, prometen novos paseos marítimos millonarios alzando os brazos entre o fume de sardiñadas populares; aplaudiremos, e cando vexamos a uns e outros pola rúa inclinaremos a cabeza ata pegar no chan e “buenos días, señor don Tal, como va lo mío?”. O “mírame lo mío” ten a súa máxima expresión neses informativos galaicos do mediodía, pura antropoloxía da terra, cuxas entrevistas de sucesos sempre rematan en “a ver quen me vai pagar a mín isto”. Soemos pedir pero poucas veces aceptamos dar. Amancio Ortega é reverenciado como un mesías, condecorado coa denominación de orixe galega, e parece que Galicia lle da as grazas aínda non sei moi ben por que. Quizais porque Galicia sempre foi unha paisaxe de casas miserentas periodicamente salpicada de pazos, e todo pobre quere que o rico que mantén sexa o máis rico. Quizais porque sabemos que así, sempre haberá alguén coñecido “que me mire por lo mío”. ¡Que mágoa de Galicia, tanta xente que a quere e tan poucos que a respectan! Quizais porque, como dixo Rivas, somos un país de brumas, do oculto e incomprensible, capaz do mellor e do peor. Somos un país moi rico, somos un país muy pobre. Somos galegos.

No hay comentarios: