18/4/10

O Capitán Jacinto


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 70– Ano VII –abril, 2010)

Jacinto entraba puntualmente ás 14,30 na taberna e saudaba cun seco movemento de cabeza. Vestía a boina ladeada, como os franceses, e tiña as botas cheas de pelos e enormes gotas de sangue aínda fresca do traballo. Na man dereita sostiña fumeante o cigarro negro que acendera na porta do matadoiro e que lle duraba exactamente o camiño que tardaba en chegar á taberna. En canto Jacinto chegaba ao seu sitio da barra eu deixaba os deberes do cole a un lado e levantábame presto da mesa. Cuadrábame e levantaba a man dereita para executar o meu diario saúdo castrense. Susórdenes, capitán Jacinto. Jacinto fitábame de pés a cabeza, como pasando revista, e remataba invariablemente cun Descanse, grumete. Botaba unha derradeira calada ao pito e esperaba a que Ramona acabara de encherlle a cunca dun tinto de Barrantes. Ramona collía as cuncas co dedo gordo metido dentro porque tiña a medida situada na base da unlla: en canto o viño lle chegaba a ese nivel, paraba. Esa forma de calibrar a medida do tinto desgustáballe un mundo a Jacinto, que sempre meneaba a cabeza con resignación murmurando Pero que pouca cultura tes, muller, mentres observaba como unha preamar de Barrantes ía afogando o dedo gordo da sorrinte Ramona.

A pesar de que falaba o imprescindible e sempre o recordara entrando pola porta da taberna, contaban de Jacinto mil aventuras vividas en todos os países e mares da Terra, en mil traballos distintos e coas máis diversas e asombrosas identidades. Tíñaselle así por un profesional da vida, con múltiples licenciaturas en Experiencia, másteres varios en Mundoloxía e unha cátedra en Razón e Raciocinio. Un wikijacinto ou unha jacintopedia, razón pola cal as súas opinións gozaban de autoridade e respecto. Cando os contertulios de cunca de mediodía platicaban sobre cuestións superiores, ou as noticias da tele falaban sobre China ou doutra temática inabarcable, agardábase a arbitraxe dos criterios de Jacinto, con sumo interese. Este retiraba os cincentos labios do Barrantes e producíase na taberna un silencio absoluto, no que todos esperaban a súa ocorrencia aguantando a respiración como nun penalti. E Jacinto lanzaba sentencias como O problema de Españistán é que todo dios coñece as regras do fóra de xogo pero poucos saben para que serve un voto en branco. Aquelas ideas explotaban no ambiente da taberna como os fogos de Bouzas, quedaba toda a xente abaneando cos arrebatos discursivos de Jacinto quen, para rematar, e como de regalo, antes de volver a meter os labios no Barrantes podía soltar un Por iso en Españistán sempre tivemos os mellores xogadores de fútbol.

Cando o reloxo avisaba das tres en punto, Capitán Jacinto burlaba as propostas e os convites dos compañeiros cun intransixente Marchoqueteñoquemarchar. Pero nunca marchaba sen deixarme un regalo para pensar: podería dicirme Recorda, rapaz, que a arma máis perigosa do mundo é a ignorancia, ou algo polo estilo, e eu observaba con admiración como desaparecía pola porta aquel home de mundo. Non sei que opinaría Jacinto de que estean collendo o seu reprobado e amado Españistán, cortándoo en trociños e vendéndoo no sueste asiático como si foran as pezas dun coche, probablemente fixera un bo proxectil gramático para lanzalo na taberna, algo sobre a indecencia, sobre o deshonor, sobre que as persoas van e veñen pero soamente permanecen os pobos, sobre que as únicas xeracións que pagan a pena son as que loitan por antepoñer a dignidade dos seus descendentes á comodidade propia. Un día Jacinto non apareceu ás 14,30. No enterro souben que o meu querido Capitán pasara toda a vida traballando no matadoiro para alimentar á súa necesitada familia. Aquel home de mundo tiña a casa chea de libros de viaxes, de novelas de aventuras, de todas as disciplinas e coñecementos da vida. Foi un dos mestres, dos viaxeiros máis incansables que coñecín no camiño da miña vida. Era, Capitán Jacinto, dunha caste de persoas das que Españistán está moi falto.


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi bo artigo. Dende logo non abundan os Jacintos en Españistán, talmente dacordo e engado que a vida nos dificulta moito selo e nos de gilipollas claudicamos. Chiño

Cato dijo...

Claro que si, Chiño, tes razón: as cousas póñense moitas veces demasiado costa arriba. E máis nos tempos que corren. Por iso penso que debemos admirar e ter como referente a aqueles que por moito peso que lle poñan nos ombros non conseguen axeonllar. Saúdos.