Non sei si compartirán esa sensación comigo. Esa impresión de que se lle foi a pinza ultimamente a moita xente. Esa marea de maltratadores, pederastas, pais que maltratan aos fillos e fillos que maltratan aos pais. Ese mundo de persoas, ás veces, e a maioría delas trapallada humana que ocupan os telexornais e que me provocan náuseas de estar a observar tanta senrazón no corazón desta sociedade. Uns adolescentes queiman a un vagabundo por diversión, un home demostra amor á súa parella con vinte puñaladas no abdome, un profesor abusa sexualmente do seu alumno de seis anos. Parecíame, ao principio desta especie de virus de tolemia que golpea á nosa sociedade, que se trataba doutro caso típico de sensacionalismo por parte dos medios. Casos illados empregados para crear xeneralizacións. Xa saben: o medo vende. Os americanos facíanse dóciles a través do medo a que calquera puidera ser un terrorista, e parecía un produto vendible o medo a que calquera veciño noso puidera ser un desgraciado. Parecíame, ao principio, ata decatarme agora de que nos estamos a meter nun camiño no que para que dúas persoas se relacionen sexa necesario un policía de por medio. Eu teño medo, pero non por crer que calquera persoa normal poida converterse nunha trapallada do calibre do que estamos a falar, senón porque teño a certeza de que, precisamente, non se trata de persoas normais. Por moito trastorno mental transitorio, por moito atenuante que sexa, por moito malabarismo interpretativo que se precie, non me pode coller na cabeza que un home normal poida facer dano á persoa que quere, non podo asimilar que un pai poida abusar sexualmente dun fillo, non me entra nas neuronas que alguén poida excitarlle a visión dun cativo ou calzarlle dúas hostias a un bebé por moito que chore. Non hai escusa posible. Nin importa calquera escusa que se poida poñer por medio. A min dáme medo, e non me da medo soamente por saber que convivimos con este calibre de trapallada humana, senón pola certeza de que son tantos e cada vez son máis. No 2007 houbo 63.347 denuncias por malos tratos a mulleres, o ano pasado morreron 75 mulleres a mans das súas parellas, os casos de pederastia incrementáronse nun 1.246 % dende 2003 e estamos fartos de ver casos onde parece perseguirse o “máis difícil aínda” da demencia. Cara a onde camiñamos? Parece que estamos a volver á lei da selva. Tantos milenios de evolución humana para converternos de novo en salvaxes. O que está claro é que algo estamos a facer mal nesta sociedade para convivir con tanto horror en aumento. E, certamente, non me parece casual o feito de que na actualidade unha persoa sexa valorada socialmente pola súa beleza, o seu éxito ou polo poder que posúa, moi por diante das súas calidades morais. Ser moral máis parece unha carga que unha virtude. Que o valor de ser moral pase a segundo plano nas relacións humanas é o primeiro paso para que unha persoa normal se converta en trapallada. A moral como esixencia de vida deixou paso á necesidade dunha lei implacable para que non deamos acabado uns cos outros. E paréceme triste que poidamos chegar a ese punto no que facer o mal poida ser máis rendible, práctico e incluso divertido que facer o ben. Que déramos chegado a un punto no que milleiros de persoas neste país, cada ano, poidan ter trastornos mentais transitorios que rematen en manchas de sangue. Acenda vostede a tele e soamente verá a xente que insulta, critica e denigra a outra xente, envalentonada por risas e aplausos. Estamos a pisotear a nosa humanidade, e dáme medo que a palabra ética se inclúa dentro da palabra estética.
No hay comentarios:
Publicar un comentario