12/12/09

Apadriñe a un artista famoso

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 66– Ano VI –decembro, 2009)

O pasado 1 de decembro “os artistas” da música, un colectivo que hai tempo pasou as fronteiras do musical para introducirse nos terreos do social, político, filosófico e moral, unha especie de estado máis dentro deste estado á carta, manifestáronse. Manifestáronse de novo. Porque non crea vostede que o músico, como especie, limita o seu traballo a organizar as corcheas e as semifusas polo pentagrama, non: neste país, o músico e o actor son o acubillo da conciencia social colectiva, a expresión máis perfecta e sublime da transcendencia humana. Daquela, cando hai un problema de calquera orde alí hai un músico en manifestación. O sitio natural de compositores e intérpretes parece non ser o escenario: o sitio natural do músico é a rúa, o reparto de octavillas, e destacan as manifestacións dos músicos por ser nas que mellor se corean as consignas. Non hai un desafino, todos dan a nota. E como dan a nota, ás veces. Non crean que poida ter algo en contra dos músicos, ao contrario, músicos son unha gran parte dos meus mellores amigos. Eu teño cousas en contra daquela xente que se cre por riba do ben e do mal, teño cousas en contra desa xente – todos sabemos quen son – que secuestrou a palabra “Cultura” e a usa en exclusiva como o seu patrimonio privado. Desta volta o colectivo de músicos multimillonarios protestaban porque Internet lles supón unha merma económica no seu anquilosado modelo de negocio. Que ben sendo como si os miniaturistas da época medieval pediran que se prohibira a imprenta de Gutenberg por competencia desleal.

Especificamente a devandita manifestación convocouse para protestar contra a piratería en Internet, é dicir, “para que se acaben as descargas ilegais en Internet”. É curioso, deixando de lado os danos e os beneficios – que tamén os hai, e moitos – das descargas de música en Internet, o certo é que en España é total e absolutamente legal descargarse música ou películas de Internet. O propio ministerio gasta unha pasta gansa en publicidade que pretende facernos crer que é ilegal, pero non se preocupe porque usen as palabras “piratería” e “ilegal” fóra de contexto: preocúpese pola razón de que gasten os seus cartos para mentirlle. Falando de ministerios, os artistas non se reuniron desta fronte ao de Cultura, que xa o teñen dominado, de feito alí conseguiron sacar adiante o canon dixital, uns ingresos extras na idea de que cada cidadán debe pagar ás súas depauperadas economías porque potencialmente é un delincuente que copiará as súas obras. Non, manifestáronse diante do Ministerio de Industria. Alí estaban Chenoa, Aute, Antonio Carmona, Tamara, o presidente de Sony e demais representantes deste colectivo marxinal e necesitado do país. Rosario Flores colle o micrófono e berra “que nos estamos muriendo de hambre, esa es la realidad, ¡que nos morimos de hambre!”. Probablemente debaixo das gafas Gucci que viste Rosario no momento do seu atormentado lamento hai uns ollos famélicos, desesperados. Un case ten gañas de ir a súa mansión para levarlle un bocadillo, unha lata de atún, que sei eu, o que apañe na despensa. Pero Rosario Flores ten un caché de 45.000 euros por concerto e este ano actuou en máis de 19 concertos, multipliquen. Soamente por concertos, logo súmelle os ingresos por dereitos de autor, cánones diversos, merchandising, venda de discos e demais negocios nos que ande metida. Daquela, o que parece necesitar Rosarito é un bo administrador, porque non se da gobernado como deus manda. Que fiche ao administrador da súa nai, Lola, que estafou vinte e pico millóns de pesetas a todos os españois e nin siquera pisou o cárcere, como pisariamos vostede e eu nesta democracia de cabaret. Lola dixera que non sabía nada de Facenda e que era unha muller pobre. Dicía que si cada español lle dera unha peseta solucionaban o tema. Hoxe, este país ten case 4 millóns de parados, e 357.000 familias que non teñen nin un só ingreso ao mes. Nada, nothing, rien, nin un puto can. E Rosario morre de fame. Pobre. Neste Nadal, apadriñe a un músico famoso.

19/11/09

A comunicación e a coliflor cocida

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 65– Ano VI –novembro, 2009)

Nunha película de medo, o actor protagonista ten a impresión de sentir unha sombra que se desprazou pola ventá. Intrigado, achégase á fiestra con lentitude e abre as cortiñas cun rápido ademán. Pasamos uns segundos co corazón nun puño, pero suspiramos aliviados ao comprobar que non hai nada detrás do cristal. O galán pensa para os seus adentros que debeu ser unha imaxinación súa, dáse a volta e alí aparece de súpeto un tipo fantasmagórico coa cara tapada por unha careta infantil que sostén un enorme coitelo na man. A esta situación chamámoslle un tópico, un clixé. Os tópicos son o produto máis directamente relacionado coa falta de imaxinación nos sistemas narrativos, e hoxe en día se difunden nos medios de comunicación como a indecencia na política. Cando un creador, sexa un escritor, un guionista ou un xornalista, recorre a un clixé é porque non encontrou nada máis orixinal que volver a mastigar o continuamente mastigado para ofrecernos un prato cheo de aburrimento. O tópico, o clixé, utilízase para saír dunha situación narrativamente difícil sen valentía, valéndose da repetición, de copiar solucións alleas que no seu momento foron singulares. O mercado da comunicación e a narración humanas, cheo de personaxes recorrentes, historias redundantes, sentimentos insistentes e solucións reiterativas, acabou sendo tan exótico como a coliflor cocida. Os “produtos culturais de eficacia probada”, caen tan continuamente nas chamadas “secuelas”, que de tantas secuelas a soportar parecemos as vítimas dun accidente con politraumatismo. Pero, por fortuna, non todos son proxenetas da arte e da comunicación: hai milleiros de creadores que pagan a pena, que nas súas obras escapan dos tópicos como a nécora do loureiro, e son eses creadores os que fan avanzar en positivo as formas de expresión humana.
Nos medios de comunicación de masas, os tópicos están á orde do día. Tanta concentración no mero espectáculo e tanto becario ao que se lle pide o dobre do que se lle paga, provoca que os xornais e os telexornais estean caendo no panfleto folletinesco. Esaxeracións, gramáticas imposibles, informacións “desinformacionadas” e indescifrables, e textos cargados de tópicos son o pan noso de cada día. Ás veces o público encóntrase na situación de ter que ler entre liñas como por obrigación, porque teñen a teima de querer convertir as noticias en pequenas narracións supostamente atraíntes e espectaculares, historias repetitivas con personaxes repetitivos, cheas de slogans publicitarios, verborrea diarreica, frases baleiras e tópicos machacones cando un soamente quere ser informado da tal noticia.
E así, no medio do ano, cando sae o primeiro raio de sol, sempre haberá un reporteiro nalgunha praia co micrófono na man para dicirnos que “algún valente se atreveu a dar o primeiro baño do ano”. Sempre volverán a repetir que os Globos de Ouro son a antesala dos Óscar como si tal cousa. Diana de Gales era a princesa do pobo e Belén Estebán a famosa do pobo. Os espectáculos son “dantescos”, sempre se “especula coa posibilidade” e “o carismático cantante canta nun directo rigoroso temas do seu último disco no que contou con colaboradores de luxo”. Por certo, “recibiu cálidos aplausos dun público entregado”. O rei, campechano, visita ás xentes acolledoras e laboriosas do pobo de turno, saltándose o protocolo para saudar directamente á multitude, como un cidadán máis. E o reporteiro, que entrevista ao dianteiro nos “aledaños do estadio”, pregúntalle que sentiu cando o cancerbeiro detivo o esférico entre os paus no inferno turco, respondendo o futbolista “Bueno, non puido ser… o fútbol é así… ¿non? somos once contra once”.

16/10/09

comunicárm


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 64– Ano VI –outubro, 2009)

Todo para comunicarme, pasei horas e horas da miña infancia garabateando entre as dúas liñas guía dos Cuadernillos Rubio, coa lingua por fóra de concentración e aplicación aos trazos verticais, escribindo sen pensar “Haré un hoyo en la arena” e “Dame un kilo de chocolate” e tentando axuntar sen éxito o rabiño da ‘o’ co extremo da ‘l’ sen levantar o boli do papel. A cousa estaba complicada, e perdía horas tentando endereitar aquelas liñas da caligrafía que se me tombaban sen querer, pouco a pouco, sen decatarme sequera ata chegar á ‘e’ do chocolate, despegar a fronte da mesa e botarlle unha panorámica xeral ao resultado. Miraba para a frase modelo e non comprendía como aquel raio de rapaz escribirá “haré un hoyo en la arena” sen que as minúsculas sobresaíran por riba da liña superior e os paos das letras non se lle declinaran a partir do ‘hoyo’; como podería conseguir aquel neno sabiondo que escribía para os Cuadernillos que os rabiños das vocais enlazaran graciosamente coas letras veciñas, sen que parecera que as amarraban con desesperación e pánico. Comprendía que a miña caligrafía carecía de gusto, delicadeza e gracilidade, e miraba con inquietude cara o futuro: sería quen de comunicarme?
Por sorte para min, a adolescencia inundou de testosterona non soamente o meu corpo senón tamén a miña caligrafía. As filigranas convertéranse de súpeto en cousas de nenazas, polo que os rabiños e arabescos desapareceron da miña escritura deixando paso á marcial plenipotencia da letra de imprenta. Facerme maior parecía ser un camiño cara a austeridade. Sentíame libre, e o meu individualismo tipicamente adolescente facíase notar na miña grafía: excarcerei as letras da dependencia de sílabas e palabras, desaparecendo aquela liña continua, aquel escribir sen levantar o boli do papel. Abaixo o establecido, revolución: a miña caligrafía, por fin emancipada, libre de ataduras gañou en confianza e deixei de escribir “Haré un hoyo en la arena” para escribir poemas e relatos existencialistas.
Os poemas chegaron case case da man da universidade. O alfabeto serviume daquela para plasmar en papel todas aquelas máximas que os profesores profesaban subidos nas tarimas. Alí copiabamos con desesperación cada palabra que se escoitara ávidos de coñecementos; incansables fábricas de escritura, reproducíamos no papel ata o son das moscas e inundábamos logo os corredores da facultade traficando con folios subliñados e fotocopiados. A dilixencia na copia motivou daquela cambios fundamentais na miña escritura: naceron os garabatos, os ideogramas, os pictogramas, as abreviaturas inconcibibles e a escritura “cherokee” que desprezaba artigos, conxuncións, e preposicións en pro da celeridade e inmediatez de expresión do verbo+substantivo. Case desapareceron circunstancialmente os adxectivos do meu vocabulario mentres os meus textos gravitaban do poético ao político e a caligrafía volvía a converterse nunha indescifrable liña continua.
A máquina de escribir aparece na miña vida para concederlle luz e significado aos garabatos do papel. Canto machaquei os dedos naquelas teclas vertixinosas que se atrancaban unhas as outras non o podería asegurar, polo que o descubrimento da máquina de escribir eléctrica foi unha nova liberación apenas embazada polas dificultades de cambiarlle a cinta correctora do aparato. Logo chegou o ordenador, pero polo camiño empreguei o dedo para consignar pensamentos na area das praias, para debuxar frases no aire ensoñadoramente e acariñar confesións segredas na pel feminina. Redactei co pé verbas na auga de varias fontes, busquei consoantes debaixo das cenorias da sopa e procurei vogais na caixa do Scrabble. Asine con arabescos no chocolate de 33 tartas e escribín en Morse, en Braille, en linguaxe de signos, con luces e bandeiras, con sinais de fume, con caligrafía china, en código HTML, ¡cun bolígrafo de cinco cores! e todo para comunicarme. E agora escoito por aí “Eh…, joder, pois… o rollo… puf, non sei… mola” e leo “are 1 ollo nlarena”, e penso que xa volvín a facer o primo. Canto tempo perdido, carallo.

20/9/09

Con vostedes... Lagripá!

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 63– Ano VI –setembro, 2009)

Pode que Phineas Taylor Barnum fora unha rata usureira, pero non se lle podía negar que carecera de principios. Cando no 1871 abandonou o seu cargo como político en Connecticut para crear en Brooklyn o seu famoso circo itinerante de tres pistas, Phineas tiña claros dous principios: que ao público non lle importa ser enganado, sempre e cando reciba a cambio entretemento para esquecerse dos seus problemas, e que, literalmente, “neste mundo, cada minuto nace un parvo”. De tal xeito que o seu circo Barnum chegaría a converterse no “maior espectáculo da terra” para o público norteamericano, acostumado, sen embargo, a que Phineas Taylor Barnum se inventase e manipulase os seus números sen pudor algún. Todos souberon que a Sirena de Feejee non era máis que a parte superior dun mono cosida á cola dun pez, ou que a Triste Susana non ría a pesar das apostas e tentativas do público non porque fora aburrida, senón porque tiña a cara paralizada. No 1835 Barnum anunciaba a todo trapo que exhibiría no seu circo a Joice Heth, unha escrava negra, cega e paralizada que servira de ama de cría do presidente George Washington: afirmaba que tiña 161 anos de idade. O público acudiu en masa, pero foise correndo o rumor de que todo se trataba dun engano. Algún iluminado pensador quizais se manifestara ao respecto. Barnum xustificouse daquela dicindo que Joice Heth non era humana, senón unha especie de robot. Isto desatou a histeria colectiva: a xente case se pegaba por unha entrada para o espectáculo. A vella morreu ao cabo, e Barnum, seguindo de novo os seus férreos principios, organizou unha autopsia pública cobrando unha verdadeira fortuna ás 1.500 persoas que tiveron o privilexio de acudir, para ver en directo como un forense certificaba que aquel corpo (humano, para máis indicacións), non tiña máis de oitenta anos. Outra das orixinais faenas na exitosa vida de Phineas Taylor Barnum.
Eu non sei si lles seremos tan primos como o público de Phineas, ou si gustamos tanto de ser enganados para ser entretidos - aínda que sexa un entretemento masoquista -, o que si entendo é que nos últimos tempos os carreiros deste mundo parecen estar descritos por un guionista de Hollywood. Un guionista un tanto retorcido que gusta das catástrofes apocalípticas. E o problema non é o espectáculo en si que nos presentan: o problema é que acabemos confundindo ese espectáculo coa realidade. En menos dunha década, case tivemos un apocalipse por ano, comezando co Efecto 2.000 (lembran aquelo dos ordenadores?), e polo camiño fomos aniquilados varias veces por terroristas de varios tipos e clases, destruídos por cometas desviados e estivemos a piques de comezar algunha guerra nuclear que outra. O que máis éxito pareceu ter, sen embargo, son os Armagedones de botica ou epidemias de pandemias: morremos todos polo ébola, fomos exterminados polo Creutzfeldt-Jakob das vacas tolas, devastados polo aspergillus dos aires acondicionados, extinguidos pola gripe do polo e agora parece que imos ser masacrados pola gripe A. Xesús, que vida de medo e sufrimento continuo. É curioso, sen embargo, que a gripe de toda a vida provoque a morte de entre 1.000 e 4.000 persoas cada ano soamente en España e que non saíra unha triste referencia nos medios: parece ser que o que non é novidade, non é noticia. Parece ser que importa máis o espectáculo que a información. Total, que de hecatombes en cataclismos, este raio de mundo non parece dar finalizado, e por moito que no inverno enchamos as urxencias de nenos constipados o único que estaremos a facer é converternos noutra consecuencia da esaxeración, do espectáculo mediático, do medo absurdo. A mala memoria mata máis xente neste mundo que todas as gripes xuntas, e sempre haberá un Phineas Taylor Barnum que se beneficie da inexistencia dunha vacina contra a estupidez humana. Queren un desastre de proporcións históricas?: o Ártico vai desaparecer. Iso si que é unha cuestión de vida ou morte. Gastemos máis nas hemerotecas e menos en Tamiflú, e deixemos de “joder la marrana”.

21/8/09

As verbenas talibanizadas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 62– Ano VI –agosto, 2009)

No verán, con tanta festa patronal, andan os santos e santas do ceo toliños sorteando as bombas de palenque que lles tiramos dende abaixo para a súa honra, honor e homenaxe. Impresionados, comentan en círculos que parece que tiramos a dar, malo raio nos parta. Pensan os santos e santas do ceo, que unha cousa é un petardo amarrado a unha caña na festa e outra ben distinta é usar verdadeiros mísiles terra-aire. Esaxerados que somos. Dende as nubes, aniñados nas trincheiras, observan como se forman nos torreiros das parroquias as divisións de artillería - formadas polos membros da comisión de festas e os pirotécnicos -, recompóñense o casco e rézanse a si mesmos para que desta vez non se nos ocorrera cambiar a pólvora por unha cabeza nuclear. Parecerá excesivo, pero está demostrado que os humanos non temos límite - pensan no ceo -, e bombardeamos día e noite a estratosfera no canto de procurarlle boa saúde aos tímpanos do santoral para as nosas pregarias, que coa cousa da crise boa falta nos farían. Non lle encontran explicación a esa nosa teima de celebrar e anunciar as festas a base de gastarnos gran parte do seu orzamento en bombas, en ruído efémero; retumban os cristais das ventás, os cans corren coa cola entre as patas, e bum! (50 euros), bum (50 euros) BRUBUBUBUBÚMMMM!!!! (250 €), no canto dun silencioso e práctico folleto informativo ou dunha mensaxe SMS.
Disque o uso de bombas de palenque para anunciar as festas non é moi antigo. Soamente nos valemos delas dende hai unhas décadas, cando comezou a consolidarse a opinión científica de que os rebumbios das bombas de palenque espantaban as nubes e o mal tempo. A mesma corrente erudita mantivo a opinión de que cantar e bailar a música de “A cabritinha” era sinónimo de bos augurios e contribuiría a presaxiar boas colleitas e tempos de bonanza. Logo hai xente máis teórica, defensores conceptuais que poderían argumentar que “as bombas convocan o espírito lúdico dos galegos e a súa potente carga de pólvora se xustifica porque a orografía de Galicia precisa unha explosión que anuncie a festa aos habitantes de aldeas veciñas”. Olé. Pero para gran parte dos mortais, gastar miles de euros en bombas de palenque en cada festa soamente se xustifica por unha especie de instinto animal que temos os humanos de facer o máximo ruído posible cando estamos de festa e foder a quen non pode estar de festa e ten que levantarse á mañá seguinte para traballar. E punto. Logo podemos botar man da palabra “tradición”, que pode caer como unha lousa en toda conversa para xustificar o inxustificable, como botar a unha cabra dende un campanario, pero a verdade é que aos humanos gústanos malgastar, tirar os cartos, poñerlles unha caña e facelos explotar no ceo; facémolo nos nosos coches, facémolo nas fachadas pretenciosas de tanta casa galega con tanta columna e tanto mármore que máis que casas parecen Partenóns, e facémolo nas nosas festas. O importante na vida non é ter, senón aparentar que se ten. Se os da parroquia do lado gastan 4.000 euros en bombas, nós gastaremos 5.000; se os do pobo do lado gastan media hora en ruído nos gastaremos tres cuartos. Que carallo… Forma parte da mesma lóxica da “vergoña do galego”, pola que é psicoloxicamente imprescindible que quede en cada prato un anaco de comida aínda que morramos coa fame: con iso demostramos ao colectivo que non necesitamos nada máis, que xa temos de sobra. Coas bombas de palenque pasa un pouco o mesmo, coa diferencia de que un anaco de tortilla non custa miles de euros, deixa durmir ao resto da humanidade, non provoca incendios nos montes e os camiñantes inocentes non corren o risco de que unha lanza xusticiera caída do ceo lles atravese o pescozo de punta a cabo. Galicia sitio distinto. O galego, reflexivo por natureza, xa comezou fai tempo a darlle voltas á cabeza e inventarlle novos usos ao instrumento, reconvertido para a pesca da sardiña e as manifestacións do metal en Vigo. Para botarse a tremer.

9/7/09

Meter water resistance

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 61– Ano VI –xullo, 2009)

Shangai afógase nas augas. E vaia noticia que lles traio a colación, pensarán, despois de saber que estamos a afogarnos todos co do cambio climático. Pero o caso é que Shangai leva por ese lado (afógase polo aumento do nivel do mar co desconxelamento dos polos) pero tamén leva por outro: o peso dos xigantescos rañaceos que pouco a pouco cobren todo o seu horizonte está afundido a cidade a un ritmo de dous centímetros por ano. Algo que ver coa masa e a forza da gravidade, non me pregunten, eu son de Letras.
Co “Espertar do Gran Dragón Chinés”, Shangai converteuse nun centro financeiro e económico mundial de primeira orde, despois de tantos anos como Taiwan vendendo transistores, calculadoras con funcións e reloxos con dubidosos “meters water resistant” (que cousas ten a vida…). Shangai é agora un símbolo desa nova e perfecta forma de capitalismo onde se conxuga o imperio do mercado co semiescravismo real das persoas. Shangai é unha megalópole en constante aumento, un mundo de obras, de edificios que se levantan batendo todos os records, de rañaceos cada vez máis impresionantes que compiten entre si e parecen rivalizar na súa altura coa física e coa lóxica. O orgullo do humano que en canto gaña catro duros xa está a facer a casa con máis pisos ca do veciño. O humano que nunca aprende dos erros e pensa que todos teñen o dereito de volver a cometelos. Xa pasara coa Torre de Babel, non sei si se lembran, e miren vostedes como acabaron daquela. Os chineses están un pouco así, como pensando quen podería ser quen metera a pata en todo este lío, sen lembrarse que alí estaba todo o mundo botando berros de ledicia cada vez que se inauguraba outra nova mole de aceiro e cristal (Viva! Máis arriba!) para envexa dos occidentais, sen preocuparse, entre outras nimiedades, de que se estaban a cargar todo o medio ambiente para maior gloria do capital, e de como carallo podería sosterse todo aquelo nunha cidade construída sobre un pantano.
Pero as obras non van a pararse, non se pensen. Están en proxecto de execución os rañaceos máis grandes do mundo en Shangai. Os chineses teñen por dogma que eles poden arrasar con todo o que lles pareza; que nós, os occidentais, xa levamos séculos arrasando e agora tócalles a eles. E non lles faltaría razón lóxica si o primeiro que arrasaran non foran a eles mesmos. O capitalismo, que non crearon os chineses pero que están a levar á súa perfección máis retorcida, obriga a que o crecemento nunca deba pararse: pararse significaría a crise (de aí o de “refundar o capitalismo” e todas esas chorradas que nos din coa crise económica). E de aí que cheguemos á situación lisérxica de subvencionar aos bancos para que fagan negocio connosco. Pero continuar, como vemos, é tamén unha especie de suicidio: polo que Shangai paréceme unha metáfora da civilización humana.
Sabemos que o consumo desaforado non nos leva a ningunha parte, que arrasando o medio ambiente estamos a arrasarnos a nós mesmos, e entendemos que cando esgotemos todos os recursos non imos a ter máis: pero, “mariquita o último”, morrerremos coas botas postas.
Como símbolos que son da tolemia dunha forma de vida que está a arrasar con toda a vida no planeta, non lle desexo a Dubai maior sorte que debaixo dela soamente exista arena moi pero que moi fina. Porque este tipo de sobradas construtivas, de chulerías urbanísticas, do todo vale, do crecemento sen límite e sen prexuízos por parte de multinacionais e multimillonarios, este concepto de correr cada vez máis e a maior velocidade ou se detén, ou afogamos todos. Paseniño. Uns centímetros cada ano.

14/6/09

Esquéce-Me

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 60– Ano VI –xuño, 2009)



Camiño pola rúa e todo son estímulos para min. Todas esas luces de neon que iluminan os meus pasos, esas cores pestanexantes que me aledan a alma; todos eses carteis nos que multitude de señoras estupendas en provocativas posturas te observan diante dun deportivo e parecen dicirche: chato, se compras este coche eu vou no lote… pirata. Porque sempre nos faltará algo máis para ser felices. Sigo camiñando pola rúa, e en cada porta unha alfombra de esparto exclama cortesmente “¡benvido! ¡benvido!”, e me alegra o día. “Pase sen chamar”, indica a porta dunha inmobiliaria, e a máquina de tabaco, mentres me vende 20 paliños de morte plastificados, non deixa de comportarse coa maior corrección “O seu tabaco, grazas”. Escoitei algunha vez que soamente existimos por canto alguén pensa en nós, que nos transformamos en realidade unicamente cando formamos parte do pensamento doutra persoa. E todos eses estímulos están aí para nós, por nós, para captar a nosa atención como consumidores potenciais. Sempre haberá alguén pensando en nós se nos tiramos ás fauces das avenidas. Sempre parece haber un ollo do Gran Irmán espiándonos, dirixindo os fíos para facernos as cousas máis cómodas sen darnos de conta. Tanto como para chegar a escoller os nosos gustos. Os produtos que me poden interesar colócanos no supermercado sempre á mesma altura e posición; os destacan por cores, para que os vexa ben, para que non me esqueza de levalos. Os políticos páranme na rúa cada catro anos e me aseguran que eles pensan en min, que me queren coidar, que non estou só; me acariñan suavemente, e eu a rosmar coma un gatiño co voto na furna despois de convencerme de que o que máis lóxico sería votar nesa liña, cabaleiro, de acordo ao meu estatus, aos meus desexos, á miña cor de calzóns. Para os músicos sempre son un público estupendo, para os presentadores son un espectador intelixente e para os vendedores son un cliente esixente que non se deixa enganar.
Camiño pola rúa e a xente, os carteis, os anuncios, os políticos, os traficantes, as señoras con bolso das esquinas non deixan de ofrecerme cousas que quizais necesite. “Veña cabaleiro, tome isto, colla aquelo, probe o outro”. Compre, compre, compre. Porque saben que gastar faime máis humano, faime máis guapo, máis sabio e máis alto. Ás veces, cando teño a sensación de que me trepanaron a caveira cun abrelatas oxidado e conseguiron un touchdown co meu cerebro, saio á rúa para que a xente me ofreza cousas, para que as cousas me ofrezan cousas e para que eu as compre. Paso por un caixeiro automático, e na súa pequena pantalliña escondida e infeliz leo “Introduza a súa tarxeta, por favor”; paso por outro pequeno caixeiro e o pobre dime: “Por favor, introduza a súa tarxeta”; e como son tan sensible e dáme pena, ao terceiro non me aguanto e termino por introducila. Unha e outra vez. Recibo máis chamadas no móbil das “identidades ocultas” que dos meus amigos, e cada día son merecedor de ter na casa unha visita de comerciais que me informan amablemente dos produtos que quizás necesite. Sorríntes, eloxiándo-Me aínda que aparente ter sido atropelado por un tráiler. O meu buzón de correo está cheo de cartas de bancos, tendas, comercios e curandeiros senegaleses que me invitan a formar parte dos seus proxectos, do seu colectivo de usuarios, da súa gran familia de clientes; e a bandexa de entrada do e-mail colapsada por tantas e tantas mensaxes de empresas que se preocupan por comunicarme as súas novidades.
Cada día recibimos entre 1600 e 3000 anuncios publicitarios case sen decatarnos, entre 1600 e 3000 notificacións de que o mundo nos ten en conta. Todos parecen dirixirse soamente a nós. Para cada un deles somos importantes. Non lles parece entrañable? A min paréceme realmente insoportable.

11/5/09

A fantasía dos horizontes

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 59– Ano VI –maio, 2009)


De pequeno sempre pensaba que o mundo era máis grande do que realmente era. Tiña a idea da existencia de paisaxes inabarcables, de carreiros que comezaban ás beiras do monte, preto da miña casa, e conducían a lugares inimaxinables a través de milleiros, millóns de quilómetros que atravesaban naturezas inexpugnables, descoñecidas. De enormes paisaxes cheas de vales, montañas, bosques indómitos, árbores e animais que apenas seriamos capaces de imaxinar. Pensaba que existían continentes enteiros aínda por descubrir, e que si seguira as direccións e orientacións correctas, a partir do camiño que saía da miña casa, podería introducirme en rexións onde ninguén ousara pisar. A pesar de que os montes de Torneiros non poderían cualificarse como unha selva tupida, non había quen me sacara da cabeza aquela ilusión por perderme entre eles, buscando a aventura da natureza “salvaxe”; e as veces collía folgos, metía no peto un bocadillo de mortadela, e enchendo a cantimplora de auga acometía un novo carreiro como quen da inicio a un acto histórico. Ás veces levaba unha navalla, para defenderme das bestas, e unha cana de pesca rudimentaria, para alimentarme nos regatos que atopase. Pretendíame un descubridor, un digno herdeiro de Magallanes, de Marco Polo, Admunsen ou Shackleton. Ben sabía, non se crean, que camiñando un pouco chegaría por un lado a Chenlo e polo outro a Tui, pero tampouco tiña tanto tempo, entre a hora de comer e a hora de cear, para descubrir continentes perdidos como un Alexandre Magno.
Pero, sobre todo, cando a idade me permitiu viaxar máis alá das montañas deste vale, tentando sempre ir un pouco máis lonxe, decepcionoume o feito de que o home ten “humanizado”, “civilizado” a inmensa maioría das nosas paisaxes, e quen acomete un carreiro, por moi afastado que sexa, ten poucas oportunidades de camiñar unha decena de quilómetros sen atoparse unha casa, unha estrada, unha liña eléctrica. A nosa paisaxe está tan domesticada, a nosa natureza tan explotada, que as miñas esperanzas de converterme nun aventureiro explorador quedaron do mesmo xeito domesticadas. Sobre todo na Louriña. Supoño que un neno de Mos non podería ter a día de hoxe a amplitude de miras, esa pequena fantasía do descubrimento ao que me refería, a ilusión por acometer o camiño dun monte que comunicara con continentes perdidos, porque por cen metros que andase acabaría atopándose coa cuneta dunha estrada. Case vivimos neste vale como engaiolados, entre tanta estrada, autoestrada, liña de ferrocarril e autovías. Somos como periquitos de salón: observamos o horizonte limitado por barrotes artificiais. Somos como notas enchironadas nun pentagrama.
Sempre pensei que ese carácter galego, supersticioso, misterioso, brumoso, viña condicionado en grande medida pola nosa xeografía abrupta, polos nosos densos bosques, onde calquera cousa podería agocharse “detrás de”. Pero cada vez máis temos paisaxes fragmentadas, e incluso se constrúen zigzageantes camiños para que algunhas especies de animais non se atopen cos humanos. E o Miño, con tanta presa e minicentral, deixou de ser río para converterse nunha forma de Aquapark. Fragmentamos toda a nosa paisaxe, e, con elo, ímonos fragmentado un pouco máis a nós mesmos.
Sempre houbo dispersión rural, pero co “progreso”, con tanta devoción pola construción, por esa teima de vivir no quinto carallo e pretender ter todos os servizos que un pode ter no medio da cidade, tendemos a unir cada núcleo poboacional, cada casa perdida, con tantas infraestruturas, arrasando tanta paisaxe que había polo medio, que a día de hoxe, quen observa Galicia dende un avión non sabe si está a ver unha paisaxe ou un prato de “espaguetti ao pesto”.

Proxectos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 58– Ano VI –abril, 2009)



Os humanos pasamos toda a vida facendo proxectos dos que moi poucos poderemos levar a cabo. Sometidos á necesidade do cambio, da evolución, do progreso constante. A nosa existencia non é máis que un grande proxecto, e quizais por iso cada neno que nace é visto como un “proxecto de vida”, e o humano, que non gaña todas as batallas ás que se enfronta, como un ser incompleto e inacabado. Cando as persoas non están sometidas á cousa da civilización a súa vida está condicionada polo rutineiro ritmo do día e a noite, das estacións do ano, do sol e da choiva; e as fases da súa existencia (adolescencia, matrimonio, descendencia…) repítense case identicamente e ao mesmo tempo en cada individuo: seguimos un ritmo natural que, como as plantas, florecen e xerminan cando toca. Daquela, os proxectos redúcense ao mínimo, porque tamén mínimas son as opción de cambio, as esperanzas de modificar a evolución das cousas. Hoxe as persoas nacemos cunha grande interrogante sobre a cabeza: ninguén podería dicir a onde iremos a parar, que seremos, en que nos converteremos. Somos pedras sen esculpir e así nos mantemos gran parte da nosa vida. Os milleiros de posibilidades que temos enfronte pasan necesariamente polo establecemento de proxectos, e a vida é tan absurdamente curta que moitos deles quedarán no camiño, ás veces tinguidos dun sentimento de frustración.
Un proxecta aprender algún idioma estranxeiro, viaxar ao Nepal, cambiar de traballo, montar o negocio que sempre quixo ter, irse a vivir á montaña, escribir un libro, facer ioga, estudar psicopatoloxía, converterse, cincelada a cincelada, nesa persoa que admiramos como modelo e que cada un de nós ten no seu interior: ese “nós” que queremos imitar a cada paso para sentirnos autorrealizados, para conseguir ser felices con palabras maiúsculas. Todos os nosos proxectos se encamiñan, dunha maneira ou doutra, a ese fin: a felicidade. Pero sempre nos atopamos cun muro diante en cada proxecto, construído cos recios ladrillos da rutina, da comodidade, das trabas morais, temporais ou materiais que temos que derrubar para chegar á nosa meta. E está ben que os nosos proxectos se atopen con muros, porque senón non serían retos que nos axuden a crecer como persoas, porque poucas cousas que se conseguen con facilidade merecen verdadeiramente a pena. Moitas veces nos quedaremos, pois, co noso proxecto escorréndose entre as mans.
Sen embargo, paréceme bastante logro de por si, alcanzar ese punto no que xa nos déramos detido no camiño, nos preguntáramos “Que é o que quero da miña vida?” e conseguíramos atopar respostas, construír proxectos arredor delas e ter a valentía de emprendelos con ilusión. Debemos preguntarnos sempre “Que quero?”, escoitar a nosa resposta máis sincera e atopar a forza de vontade que nos permita perseguir ese desexo. Aínda teremos problemas, pero xa estaremos en movemento e teremos a oportunidade de resolvelos. Ademais, os proxectos son como as viaxes, das que un pode gozar tanto do camiño como do destino. Todo, se non queremos converternos en plantas, levados en volandas pola vida por una rutina allea a nós, que quizais non nos faga felices. Aínda que ser planta, realmente, tampouco debe ser mala opción si podes vivir fóra da civilización.

20/3/09

Trapallada

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 57– Ano VI –marzo, 2009)

Non sei si compartirán esa sensación comigo. Esa impresión de que se lle foi a pinza ultimamente a moita xente. Esa marea de maltratadores, pederastas, pais que maltratan aos fillos e fillos que maltratan aos pais. Ese mundo de persoas, ás veces, e a maioría delas trapallada humana que ocupan os telexornais e que me provocan náuseas de estar a observar tanta senrazón no corazón desta sociedade. Uns adolescentes queiman a un vagabundo por diversión, un home demostra amor á súa parella con vinte puñaladas no abdome, un profesor abusa sexualmente do seu alumno de seis anos. Parecíame, ao principio desta especie de virus de tolemia que golpea á nosa sociedade, que se trataba doutro caso típico de sensacionalismo por parte dos medios. Casos illados empregados para crear xeneralizacións. Xa saben: o medo vende. Os americanos facíanse dóciles a través do medo a que calquera puidera ser un terrorista, e parecía un produto vendible o medo a que calquera veciño noso puidera ser un desgraciado. Parecíame, ao principio, ata decatarme agora de que nos estamos a meter nun camiño no que para que dúas persoas se relacionen sexa necesario un policía de por medio. Eu teño medo, pero non por crer que calquera persoa normal poida converterse nunha trapallada do calibre do que estamos a falar, senón porque teño a certeza de que, precisamente, non se trata de persoas normais. Por moito trastorno mental transitorio, por moito atenuante que sexa, por moito malabarismo interpretativo que se precie, non me pode coller na cabeza que un home normal poida facer dano á persoa que quere, non podo asimilar que un pai poida abusar sexualmente dun fillo, non me entra nas neuronas que alguén poida excitarlle a visión dun cativo ou calzarlle dúas hostias a un bebé por moito que chore. Non hai escusa posible. Nin importa calquera escusa que se poida poñer por medio. A min dáme medo, e non me da medo soamente por saber que convivimos con este calibre de trapallada humana, senón pola certeza de que son tantos e cada vez son máis. No 2007 houbo 63.347 denuncias por malos tratos a mulleres, o ano pasado morreron 75 mulleres a mans das súas parellas, os casos de pederastia incrementáronse nun 1.246 % dende 2003 e estamos fartos de ver casos onde parece perseguirse o “máis difícil aínda” da demencia. Cara a onde camiñamos? Parece que estamos a volver á lei da selva. Tantos milenios de evolución humana para converternos de novo en salvaxes. O que está claro é que algo estamos a facer mal nesta sociedade para convivir con tanto horror en aumento. E, certamente, non me parece casual o feito de que na actualidade unha persoa sexa valorada socialmente pola súa beleza, o seu éxito ou polo poder que posúa, moi por diante das súas calidades morais. Ser moral máis parece unha carga que unha virtude. Que o valor de ser moral pase a segundo plano nas relacións humanas é o primeiro paso para que unha persoa normal se converta en trapallada. A moral como esixencia de vida deixou paso á necesidade dunha lei implacable para que non deamos acabado uns cos outros. E paréceme triste que poidamos chegar a ese punto no que facer o mal poida ser máis rendible, práctico e incluso divertido que facer o ben. Que déramos chegado a un punto no que milleiros de persoas neste país, cada ano, poidan ter trastornos mentais transitorios que rematen en manchas de sangue. Acenda vostede a tele e soamente verá a xente que insulta, critica e denigra a outra xente, envalentonada por risas e aplausos. Estamos a pisotear a nosa humanidade, e dáme medo que a palabra ética se inclúa dentro da palabra estética.

18/2/09

A agridoce festa da democracia

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 56– Ano VI –febreiro, 2009)


Nathan M. Rothschild, magnate das finanzas estadounidenses, dixo unha vez alá pola primeira metade do século XIX, nun deses ataques de sinceridade que alimentan o champaña e as distendidas sobremesas entre os oligarcas da banca, “Déanme a emisión de moeda dun país e non me importa quen faga as leis”. O bo de Nathan probablemente sería aplaudido polos seus colegas, arroibados polo alcohol, os puros e a erótica do poder, porque ninguén lle podería negar que acababa de dicir unha gran verdade. Pouco despois Rothschild pasaría a peor vida – o consolo que nos queda aos pobres é que soamente nós poderemos pasar a mellor vida – e vería o seu sono parcialmente feito realidade. Nathan M. Rothschild foise, pero moitos máis viñeron a ocupar o seu sitio. Fai pouco, o xornal “The Guardian” sinalaba co dedo aos 25 culpables da actual catástrofe financeira, a maioría vellos traxeados, encollidos e severos, mantidos con vida soamente polo pequeno pero sólido fío da cobiza. Parvadas. Cortiñas de fume. Este tipo de acusacións fáciles verquidas polos xornais de masas e apoiadas polo poder político son pura terxiversación, con aleivosía. Sinalan a este tipo de magnates como culpables únicos porque estes teñen inmunidade moral e legal. É dicir, son os únicos en todo este planeta que nunca veriamos nun banquiño de acusados (dun xulgado ou dunhas eleccións), por iso lles importa un carallo quedar como os malos: porque poden permitirse seguir co chiringuito aberto a pleno rendemento mentres os seus compinches políticos se atribúen o cargo de fiscais. É coñecido, por exemplo, que en política a mellor forma de dar carpetazo a un asunto incómodo é crear una comisión de investigación para que non se investigue nada. Acusados, avogados, fiscais e xuíces son os mesmos. A vítima do caso, a masa social que paga, será debidamente informada de que “se fixo xustiza”. O caso é que o circo continúe. Todo debe cambiar para que nada cambie.
Verán vostedes, un Estado de democracia real é aquel onde os representantes do pobo deciden por si o futuro económico e financeiro da Nación que normalmente deberá repercutir no beneficio de todo o edificio social. Si o futuro o deciden os monopolios de banqueiros nacionais ou internacionais, é calquera cousa que poda chamarse, menos democracia. Éche un panorama triste pero é o que construímos, temos, mantemos e defendemos: esta crise debería confirmarnos dunha vez por todas que a nosa vida, inevitablemente rexida pola economía, non está no noso poder, nin tan sequera no poder dos nosos representantes “democráticos”; está fora do alcance da protección do Estado, concentrada e dirixida por intereses económicos privados. E eses intereses privados, rexidos pola lóxica do capitalismo, baséanse na rendibilidade e beneficio persoal, ás veces por derivación do beneficio da sociedade (situación de antes) e outras por derivación da ruína da sociedade (situación de agora). Segundo veña o vento. Pero sempre saen gañando porque nós lles concedemos un sistema que poden manexar ás súas anchas. Nós lle delegamos o noso poder, por comodidade ou ignorancia. Queren unha explicación da crise? Pois aquí vai unha: hai crise porque alguén ten o suficiente poder para creala e saír beneficiado dela.
A solución? Pois non sei. Non estaría de máis ter as ideas básicas ben claras, aínda que sexa duro aceptalas, e deixarse de confiar en que calquera mesías de turno vainos sacar as castañas do lume con novas promesas cargadas de retórica cada catro anos. Por moita vontade que teña e de calquera partido que sexa. Algúns defenden unha resposta á grega: saír por milleiros ás rúas e facer bronca para que se desmorone todo o sistema. Paréceme demasiado radical, pero que llo neguen a eses millóns de familias españolas que están quedando na indixencia porque Rothschild tiña toda a maldita razón.

3/2/09

Parece que refresca

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 55– Ano VI –xaneiro, 2009)


Si señor, un inverno como deus manda, non se fala doutra cousa. E pase por nós, os galegos, tan expertos nas conversas sobre o clima que ver o parte do tempo na tele éche cousa sagrada, pero que todos os informativos empecen falando do tempo coa que cae en Gaza… non deixa de sorprenderme. Alí, todos eses reporteiros distribuídos por diferentes puntos da xeografía peninsular cajándose de frío co micro nas mans, dicíndonos que si en Burgos xeou pola noite ou si en Pamplona andan a botar sal polas rúas. As señoras patinando nos portais do edificio, e os señores tusindo coa gripe nos asentos dos centros de saúde. A xente envía fotos e todo “Aquí Mari Puri, dende Cáceres, envía unha imaxe do seu can medio morto de frío”. Non se fala doutra cousa. Os caprichos do clima son de interese nacional. O tema da crise foi arrasado polos mapas de isobaras. E coa cousa do cambio climático ben poderemos mandar os xeranios ao lixo e plantar uns percebes no balcón. Non me digan que o tema non ten futuro. Ben é verdade que esta climatoloxía convulsa que imos soportando nunha estación que xa nin era estación nin era nada, debe facernos sentir afortunados. A neve, o xeo e ese frío que fainos pasear polas beirarrúas encollidos, como si fósemos imitando a Chiquito de la Calzada – no puedorrrr -, podería interpretarse como un claro factor de cohesión social. Explícome. Coa cousa dos excesos climatolóxicos afondamos moitísimo máis na conversa con aqueles seres humanos que non chegando a “amigos” quedáronse en “coñecidos”. Socializámonos. Abrímonos aos demais.
Xa me dirán vostedes si non soportaron esa incómoda situación de compartir o ascensor cun veciño do que apenas lle coñecemos o nome. Alí, os dous metidiños nun metro cadrado mirando o chan e contando os pisos que faltan. Si parece que non pasa o tempo. Unha situación difícil na que os dous habitantes do ascensor saben que é necesario falar, aínda que ningún arranca. Unha disposición que intimida, certamente. Cun inverno normal o roce non pasaría dos típicos “Ola”, “Bos dias”, e tate, disconnecting; sen embargo, cun inverno de tantas inclemencias un ten materia dabondo para estenderse, e pode darlle renda solta a unha conversa que por trivial e repetitiva non deixa de ser un pasiño no camiño da boa veciñanza. Aí lle mandamos un “Que frío, non?”, e xa está, xa temos conversa montada. Quedamos como dios.
Os expertos na materia, aqueles que poden chegar a establecer diálogo ata co Antonio Palacios da peatonal, memorizan toda a información meteorolóxica da tele para este tipo de situacións. Poden darche a media de temperatura de todas as capitais provinciais. Os portos de montaña pechados, os metros de neve en Baqueira-Beret. Poden facerche unha análise completa da situación. Estatísticas, previsións, contar os anos que pasaron sen que pasara o mesmo. Sen chegar a tanto, na molesta situación do ascensor, un debe ter algún dato adicional para subsistir: non vale con responder “Pois si, vai moito frío”, porque así estariamos asasinando unha conversa ao pouco de nacer: a resposta non aporta nada ao discurso e o veciño calará de súpeto. Pensará que somos uns bordes antisociais. Logo non nos queixemos de ser ignorados pola comunidade. Sexamos máis sociais, indiquemos, quizais, algo do tipo “Din que o martes xa se moderan as temperaturas” e teñamos unha cordial relación de veciñanza. Unha xeada a tempo pode ser unha oportunidade para fomentar a camaradería cos nosos concidadáns, para desenvolver novas relacións de amizade. Non se corte, sexa comunicativo, fale vostede do tempo.