
Eu non sei si lles seremos tan primos como o público de Phineas, ou si gustamos tanto de ser enganados para ser entretidos - aínda que sexa un entretemento masoquista -, o que si entendo é que nos últimos tempos os carreiros deste mundo parecen estar descritos por un guionista de Hollywood. Un guionista un tanto retorcido que gusta das catástrofes apocalípticas. E o problema non é o espectáculo en si que nos presentan: o problema é que acabemos confundindo ese espectáculo coa realidade. En menos dunha década, case tivemos un apocalipse por ano, comezando co Efecto 2.000 (lembran aquelo dos ordenadores?), e polo camiño fomos aniquilados varias veces por terroristas de varios tipos e clases, destruídos por cometas desviados e estivemos a piques de comezar algunha guerra nuclear que outra. O que máis éxito pareceu ter, sen embargo, son os Armagedones de botica ou epidemias de pandemias: morremos todos polo ébola, fomos exterminados polo Creutzfeldt-Jakob das vacas tolas, devastados polo aspergillus dos aires acondicionados, extinguidos pola gripe do polo e agora parece que imos ser masacrados pola gripe A. Xesús, que vida de medo e sufrimento continuo. É curioso, sen embargo, que a gripe de toda a vida provoque a morte de entre 1.000 e 4.000 persoas cada ano soamente en España e que non saíra unha triste referencia nos medios: parece ser que o que non é novidade, non é noticia. Parece ser que importa máis o espectáculo que a información. Total, que de hecatombes en cataclismos, este raio de mundo non parece dar finalizado, e por moito que no inverno enchamos as urxencias de nenos constipados o único que estaremos a facer é converternos noutra consecuencia da esaxeración, do espectáculo mediático, do medo absurdo. A mala memoria mata máis xente neste mundo que todas as gripes xuntas, e sempre haberá un Phineas Taylor Barnum que se beneficie da inexistencia dunha vacina contra a estupidez humana. Queren un desastre de proporcións históricas?: o Ártico vai desaparecer. Iso si que é unha cuestión de vida ou morte. Gastemos máis nas hemerotecas e menos en Tamiflú, e deixemos de “joder la marrana”.