Mostrando entradas con la etiqueta deshumanización. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta deshumanización. Mostrar todas las entradas

17/5/10

9,58 segundos

Guiropa. Guiró.....pa. Pasoume outro coñecido polo carril do lado, fungado, guiropa, como unha exhalación e quedo camiñando no medio da aceira algo desconcertado. Non podería asegurar o que acaba de acontecer: el camiñaba avenidadegalicia para arriba, eu ía comprar pan ao Eroski avenidadegalicia para abaixo en sentido contrario. Recoñecímonos ao lonxe, sorrimos, fixemos ese xesto coa cabeza como quen comeza a saudar pero deixa o resto do protocolo para o encontro. Tempo facía que non nos viamos. E no cruce afrouxamos a marcha un instante e cruzámonos sen deternos e dicímonos soamente tres cousas; miramos os reloxos, eu teño que marchar a non sei onde, el chega tarde para non sei que, un día quedamos. Guiropa. Como si nos levara o vento. Nin paramos, non sabemos por que, e queda no aire esa afectuosa palmada que lle ía dar nas costas. Coma nun torneo medieval, usando palabras en vez de lanzas, cruzámonos, dicímonos e seguimos camiñando mirando para atrás, socorrendo unha especie de conversa que avanza traqueteando e vai morrendo en tópicos Poisnada-Poisiso-Veñaentón que se van facendo case inaudibles na distancia durante os vinte metros seguintes mentres imos avanzando cruzando as pernas e mirando para atrás e para adiante para non tropezar. Somos conscientes de que o encontro foi unha trapallada e non desistimos a darlle caput, nin somos capaces de parar, nin capaces somos de arrancar camiñando sen máis e seguimos a afastarnos sorrindo, saudando, guiropa. Recupero o paso, un pouco turbado, un chisco aparvado polo que acaba de suceder. Os pés seguen a camiñar, un detrás doutro, collendo o ritmo acompasado de antes. Un-dous-un-dous. Detente! Dígome detente, obrígome a parar, maldita sexa: vou comprar pan, soamente a comprar pan, non teño necesidade ningunha de andar a correr, sermonéome. Teño gañas de darlle ao Rewind RWD, volver atrás, tentalo de novo, camiñar tranquilo, parar e parrafear co amigo, saber como lle van as cousas, que ven sendo da súa vida e comentarlle como me vai a miña. Pero xa é demasiado tarde e meu amigo apura o paso na distancia para recuperar.
Acabaremos pensando que as persoas son esas cousas que te fan chegar tarde cando vas dun sitio a outro. Que son como obstáculos no tempo que hai que sortear. Nas zonas nativas e nas rúas peonís a cousa pode ser aínda peor: tanta xente coñecida e moitas persoas ociosas que potencialmente poden conversar con un: hai que ter o mesmo coidado como se un paseara por un campo de minas. Esquivando os obstáculos como no brilé, hai que ter rapidez, estratexia, intuición e visión de xogo para que calquera amigo ou coñecido non nos impida perder os minutos que temos cronometrados para tirar o lixo. Jesús. Andamos tan apurados nesta vida que a morte espéranos ao final vestida de rugby en posición de cornerback, con proteccións para o choque, acazapada cos brazos abertos para tentar collernos á velocidade á que chegamos. Acojonada. E se nos colle, e paramos, por fin paramos, quedamos desconcertados, Xa está? pensamos, Era iso todo, non hai máis? flipando, cunha certa sensación de mareo, que pasamos pola vida a velocidade de cruceiro, fungados, guiropa, correndo para comprar o pan, acelerados, collendo atallos, esperando impacientes a que remate o programa 6 da lavadora, galopando para ir a traballar e chegando apresurados logo a casa para cambiar a roupa e facer footing antes da cea... unha cea rápida. Café, ginseng, spinning, SMS limitado a 160 caracteres, frases inconclusas rematadas con puntos suspensivos... Non estou condicionado polo tempo: o tempo está condicionado por min, eu vou máis rápido que el, me cago en la leche, eu son o Usain Bolt do reloxo e tiro das agullas deste como si fóra unha mula de noria impulsando o malacate e arrastrando a dar voltas e máis voltas. Unha noria á que estamos atados e coa que xiramos a toda velocidade non sabemos se polo noso impulso ou pola súa inercia. 1101, 1102, 1103...
Detente. Tranquilo. Respira. Dígome r-e-s-p-i-r-a. Que non debo ter necesidade algunha por andar correndo dun lado a outro, como unha bola do pinball: que a miña axenda non precisa medir o grosor dun tomo da enciclopedia Espasa. Decátome de que practicamente todo o que considero facer, esas necesidades que me creo na cabeza, molestas como as lombrices nas tripas, poden esperar un día, unha semana, un mes, ou podo tachalas da axenda sen perder un imperio. Que presa teño por andar a correr por esta vida que ven sendo a única que empiricamente pode ser gozada? Por que sempre deixo necesidades como a de vivir para un pouco máis adiante? Por que nunca é o momento de facer o que realmente quero facer? O que me gusta. O querer, que sempre queda en segundo plano por detrás do deber. Todos a correr, para que logo un gilipollas de Walt Street pulse a tecla de billón en vez da de millón e mande todo ao carallo. Mañá aínda será cedo para todo iso. Tomémolo con calma. E comezo a correr, de novo... se cadra aínda dou alcanzado ao meu amigo e tomamos algo, aquelo que tiñamos prometido para que me conte que tal lle vai na vida.

9/6/08

Gominolas e cacahuetes

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 48 – Ano V –xuño, 2008)


Teño o avalado parecer de que a educación como tal (formación para crear persoas adultas, conscientes, con personalidade crítica e, en definitiva, felices) está a piques de desaparecer, si xa non é pasto de responso. Os pais, obrigados polo mercado laboral e a velocidade desta sociedade que non deixa tempo “libre”, tiveron que renunciar á súa fundamental obriga de crear persoas formadas en valores dende a nenez. Ensinarlles que significa o bo, e que significa o malo. En detrimento, moitos practican a sobre protección e a permisibilidade máxima cara as actitudes e actuacións dos seus fillos no pouco tempo que poden estar con eles, creando nenos hipermimados, que nunca poderán desenvolverse sós na vida sen ninguén ao lado que os conduza. Suma e sigue, os profesores viron mermada a súa capacidade de empregar a disciplina, de exercer a autoridade - fundamental na educación - pasando a instrución escolar dun extremo a outro: da libre utilización da hostia como ximnasia educativa ata non poder levantarlle á voz ao neno indisciplinado que en clase impide que os demais poidan ser educados. Pola contra, foron as empresas e a televisión na súa liberdade sen límites, quen substituíron esa labor de preceptores, creando nos rapaces un humanismo de mercado onde os valores cívicos son substituídos pola independencia, a competición, o egoísmo e a negación de toda disciplina e razoamento: todo é susceptible de risa, ser un ignorante converteuse nun piropo, compremos ata rebentar. Os nenos, empantanados diante dos televisores, devoran toda a intranscendencia dunha televisión que invariablemente tense convertido en “telebasura”, son animados a esixirlle aos pais a compra de determinados produtos polos que son bombardeados, e un neno de doce anos vístese, peinase, fala e quere ser como David Beckham ou Pete Doherty, e unha nena de trece vístese, peinase, fala e quere ser Kate Mosh ou Amy Winehouse, modelos de persoas elevadas como referentes polos medios e as empresas: modelos de persoas de éxito baseados na compra, na moda, na intranscendencia e, moitas veces, no desaforado consumo de drogas. Os rapaces non queren ser bombeiros, para axudar á xente, nin aventureiros astronautas: a súa aspiración na vida é ser concursante de Gran Hermano, gañar unha edición de Operación Triunfo. Esixen en lugar de pedir, e pretenden ter máis dereitos negándose a asumir calquera tipo de responsabilidade. E o conseguen, magoa deles e culpa de todos.
Unha cousa é querer facerlle a vida máis doada aos menores e outra moi distinta mimalos con piruletas condenándoos a ser meniños o resto da súa vida. Non son todos, por fortuna, pero bastantes como para xeneralizar. E con esta xeración de adolescentes consentidos, esquilmadores de recursos e esforzos alleos, non me quero nin imaxinar que tipo de xubilación nos espera ao resto, deus nos colla confesados, que xa nos vexo traballando ata os 85 anos. No canto de obrigarlles a que asuman responsabilidades esta sociedade ponlles máis facilidades para todo, tendo en conta que si chegamos a esta situación é precisamente por darlles un mar de facilidades. Está prohibido prohibir neste patio, e así nos vai o conto. A prioridade na mastigada “Defensa do menor” debería pasar por garantirlle unha educación mínima, unha capacidade crítica, en inculcarlles uns valores cívicos, humanos e a aceptación de básicos compromisos e responsabilidades básicas, antes de obsesionarse unicamente por si reciben un sopapo de cando en vez.
Coa presa por destruír o pasado, parece que nos esquecemos de ir construíndo un futuro.

16/5/08

A focaccia contra o BigMac

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 47 – Ano V –maio, 2008)



Luigi Digesú é un humilde panadeiro italiano de 35 anos que vive nunha pequena cidade do sur de Italia, Altamura. Quizais porque non en tódalas casas de ferreiro hai coitelos de pau, o feito de que o pai de Luigi, o avó de Luigi, o bisavó de Luigi e o tataravó Digesú foran destros na arte de enfariñar a tafona tería algo que ver para que o mozo panadeiro tivera a ben abrir un pequeno comercio na súa localidade natal. Luigi é representante desas antigas escolas familiares que modelaban un oficio común asumido polos descendentes case case por vocación xenética, herdado xunto coas fotografías e os recordos de familia. Se cadra por iso, pola esmagadora determinación dos xenes, Luigi Digesú non tivo outra que abrir ilusionado a súa pequena panadería-restaurante ao carón dos 550 metros cadrados do xigante mundial da comida rápida, McDonald´s, que elixira a pequena localidade de Altamura como punta de lanza para expandirse en todo o sur do país. Xa saben como son estas cousas: o McDonald´s atestado de xente, sobre todo mozos, que acoden case en procesión dende toda a comarca para comer o que a xente come na televisión e nas películas de Hollywood. E o bo de Luigi no seu pequeno establecemento artesán encarado á grande multinacional, enfariñando cun movemento de man similar ao da sementeira, traballando pausadamente, facendo a súa labor con cariño porque os alimentos tratados con cariño conservan ese amor co que foron manufacturados. Digesú explica a quen queira oílo que “para facer o pan necesítase tempo, deixar que o fermento faga o seu traballo; e despois hai que amasado coas mans, porque as máquinas non o fan igual; e logo débese cocer en forno de leña, e usar leña de aciñeira”.
A historia, contrariamente ao que poderiamos pensar, remata inusualmente: nuns meses o McDonald´s pecha e vaise de Altamura coa cabeza gacha. De nada serven as operacións de marketing da multinacional, as promocións, os descontos ou os cambios de directores no coloso da comida rápida, as súas mesas van baleirándose de xente nuns meses, mentres na panadería-restaurante de Digesú centos de persoas forman cola para probar os seus focaccia, as súas pizzas con setas cardoncello, o seu sinxelo pan regado con aceite de oliva e condimentado con tomates maduros. Unha noite, con premeditación e alevosía, os operarios da multinacional retiran a xigante “M” da fachada, e o pallaso sorrinte da súa publicidade vaise do sur de Italia coas súas “afamadas” hamburguesas. Luigi, atarefado co seu pan, non se da de conta que lle zumbou unha patada nas pelotas ao símbolo da globalización.
Desgraciadamente esta historia sucede a miúdo, pero sucede ao revés: chegan os grandes e o comercio local, artesán, tradicional, vaise ao carallo. En xeral vaise ao carallo todo o que teña que ver co artesán, o tradicional, porque a globalización nunca se adapta a nós senón que nós temos que adaptarnos a ela. Por aí camiñamos. E que me din dos oficios? Cada vez máis, na actualidade, o concepto de “oficio” vai deixando paso á máis descafeinada palabra de “traballo”, e así cada un soe ter un oficio, unha profesión, pero traballa, sen embargo, no que un poda ou lle saia na vida. Con iso temos algunha que outra cousa que gañar, pero tamén moitas que perder: e entre elas, non me negarán que no caso do panadeiro Luigi, alguén que creceu entre o forno e o cheiro do pan quente non sexa quen de sacarlle ao fermento e á fariña cousas que un licenciado en enxeñería, poño por caso, panadeiro polas vicisitudes do mercado laboral e empregado a tempo parcial, non sexa quen de sacarlle. Non sei vostedes, pero a min co pan de Digesú fíxoseme a boca auga, e teño a esperanza de que non desapareza nunca o bo facer destes entregados artesáns locais neste apático mundo globalizado.

4/12/07

Connected people

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 41 – Ano IV –novembro, 2007)


Obrigueime a escribir esta columna con bolígrafo e papel. Saiban vostedes que teño por vicio escribir, escribir calquera tipo de cousas que a maioría das veces nunca saen á luz, e a maioría das veces fágoo por necesidade de sacarme todas esas palabras que andan roldándome a cabeza desde o mesmo momento que soa o maldito despertador. Non escribo por vontade, non: escribo por necesidade, e chegados a este punto dinme de conta que había demasiado tempo que non me enfrontaba a unha páxina en branco por enfrontarme ás 15 polgadas do meu ordenador portátil. En realidade voulles ser franco: fodéronse, a un mesmo tempo, a miña conexión wifi e o teclado do meu portátil. Xa que logo, escribo en papel por necesidade e non, seguramente, por vontade, o que me fixo reconsiderar algunha serie de cousas ademais do marabilloso que é un papel cheo de borróns e correccións por riba da aséptica farmacoloxía do “Delete”.
A miña vida está definitivamente informatizada, case sen darme de conta e a pesar de moitas reticencias pola miña parte. Eu son da xeración que facía os traballos de clase en máquina de escribir, que comezou co da informática cando aínda non existían os ratos e a pantalla do Wordperfect 5.1 era dunha espesa e aburrida cor azul, tampouco hai tanto tempo. E hoxe, cando estou parcialmente disconnected, decátome de que gran parte da miña actividade pasa necesariamente por Internet e a informática, aínda que penso que non me botei a perder definitivamente. Traballo diante dun ordenador e por Internet, compro e levo as contas desde Internet, e gran parte do meu ocio desenvólvese ao redor do ordenador. Pero son dos que prefiren un mundo sen pixelizar, palabra. O outro día, ao meu carón, uns rapaces xogaban ensimesmados coas súas PSP (xa saben, a típica maquiniña) sen levantar a vista para apreciar unha paisaxe espectacular. Os tres alí, tan xuntiños e afastados de todo, sen dicírense palabra. Eu non, eu son dos que, polo de agora, prefiren camiñar pola rúa absorbendo todos os sons, e ruídos, que ensimesmarme nun MP3 que, pola mesma, aínda son remiso a mercar. Prefiro navegar polo mar que por Internet, e para min sempre será preferible chatear nos bares que facelo no Messenger. Incluso ás veces esquézome o móbil na casa, adrede, coma unha especie de reto a min mesmo.
A tecnoloxía é inmensamente útil, non vou ser nin retrógrado nin hipócrita, porque dicir o contrario sería do máis absurdo e tampouco é conto de converterse nun eremita, como San Antonio Abade, pero tamén ten o perigo de converterte nun autómata desligado do mundo (é dicir, nun eremita) si un non é capaz de poñela ao seu servizo. É perigosa esa tendencia galopante a preferir conectarse á rede antes que conectarse ás persoas, á realidade non reconstruída a través de bits. Pensen vostedes nesa especie de ansiedade que lle provoca a un perder a cobertura do móbil ou quedarse sen batería, vamos… estar disconnected, cando tampouco hai tantos anos que viviamos baixo a ditadura da telefonía fixa.
Un escritor ao que moito admiro, escribiu “A ciencia e a tecnoloxía deberían ser empregadas como si foran creadas para o home, e non, como sucede na actualidade, como si o home debera adaptarse e escravizarse a elas”. Foi Aldous Huxley, no seu prólogo a “Un mundo feliz”, alí polo remoto ano de 1946.

Este rapaz está tolo

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 22 – Ano III – marzo, 2006)



Este rapaz está tolo, comentábame alguen nun deses momentos nos que ves a televisión sinxelamente porque ten luz e as cousas, no seu interior, se moven. Unha interxección que me sacou do meu estado de aletargamento progresivo e casi fai que me atragante cunha cervexa barata do Lidl. Oh, carallo, pensei. E logo está tolo por que? O rapaz en cuestión un bo día mandara todo a tomar polo cu e adicábase ó soberbio exercicio de vivir e ver mundo; sen traballo e sen cartos, sen ambicións e sen preocupacións. Unha persoa desas que soamente deixan detrás a pegada das botas e que por desvelo soamente sofren a elección de camiñar cara o norte ou cara o sur. Acendín un pito e pensei que se neste mundo hai alguén tolo, somos nós e os que son como eu. Os que, tendo opcións, transiximos e aceptamos, e pasarán media vida traballando para gastar os poucos cartos que den apañado no pouco tempo que lles quede para disfrutalos. Os que traballan para poder seguir traballando e morren cunha sensación de fraude nos beizos. A xente das hipotecas e da vida solucionada sempre e cando parte da nómina sexa depositada no banco, coma un tributo ós novos deuses que nos conceden unha satisfactoria explicación do mundo a un 6 % TAE. Os que se arrastran polo mundo rodeados de mentiras, e sábeno, e continúan a xogar a ser actores dramáticos de reparto. A xente que vive e morre e non sabe nin por que vive, nin por que morre. Os que se preocupan máis de pensar na vida que en vivila. Nós, a caste dos que botan a sábana por riba cando as pantasmas invaden a nosa habitación nas eternas noites en vela. Nós, os descastados existenciais. A tolemia nunha vida deshumanizada, desnaturalizada, é a mellor forma de cordura nun mundo que cada vez, e en maior medida, xoga a estar durmido. Nun mundo desmondado como unha laranxa espida.

3/12/07

Cando xogabamos ós trompos cos amigos...

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 8 – Ano II – xaneiro, 2005)

Ben é certo que os tempos cambian, afortunadamente, pero ás veces non son capaz de discernir se cambian para mellor ou peor. Se cadra foi o Nadal o que me puxo melancólico, pero tendo en conta que un non ten tantos anos de idade preocúpame o feito de mirar ós tempos da miña infancia con nostalxia. E comparalos con estes tempos que corremos e as infancias que creamos. Antes, logo do colexio, continuabamos a nosa educación na rúa, cos amigos, xogando a calquera xogo imaxinable, xogando xuntos a facernos maiores pouco a pouco; e aprendiamos tolerancia, integración no grupo, amizade, sociabilidade. Os nenos de hoxe pasan as horas de lecer en soedade, vendo a tele ou cos videoxogos que lles regalamos xogando a arrasar unha cidade calquera. E non é difícil aventurar que se a formación dos nosos nenos depende do violento heroe do videoxogo americano de turno, ou dos programas televisivos de prensa rosa e frikis por doquier, imos aviados meu. Logo nos extrañamos de que un rapaz colla unha escopeta e se leve por diante á familia e a medio barrio. Non me explico como puido pasar”, dirá a veciña do lado, en bata e zapatillas no Telediario Primeira Edición. E é que a educación, por fortuna, non remata na escola, nin consiste en deixa-lo neno diante dunha pantalla para que non de o coñazo. Ben se sabe que na actualidade todos temos moi pouco tempo, pero quen non teña tempo para darlle a mínima educación que se merece un fillo... que non o teña. Que teña un hámster, que xa nacen sabidos.