Mostrando entradas con la etiqueta ecología. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ecología. Mostrar todas las entradas

12/7/10

Os nosos luzitas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 72– Ano VII –xuño, 2010)

Ao concluír a II Guerra Mundial, os habitantes da illa filipina de Luzón tiñan un problema considerable: a contenda rematara demasiado pronto para darlle saída «comercial» á grande cantidade de armamento que os aliados lles almacenaran na zona. Os americanos cortaran polo san en Hiroshima e Nagasaki... xa saben como remataba esa historia. Sen embargo, a historia dos habitantes de Luzón comezaba, porque alí se atopaban eles pensando como desfacerse daquela enorme cantidade agora inútil de bombas, granadas, dinamita e demais artefactos e trebellos de comunicación humana que lles deixaran ao lado, utensilios que unha vez asinado o armisticio pasaran de ser armamento para converterse en cargamento. Nunha carga, demasiado perigosa para ter almacenada na porta da casa en espera de tempos peores. Os luzonitas, luzonianos, luzoneños, luzoñeses ou filipinos non se romperon demasiado a cabeza: víronse rodeados de mar, e a trapallada explosiva acabou no mar. Sorpresa. Os luzonienses descubriran con grande algarabía e de modo fortuíto a «pesca á dinamita», palabra, e na idea de que a súa intelixencia conseguira converter un problema nunha oportunidade comezaron a explotar a rica biodiversidade da costa filipina. Fantástico. Porque a onda expansiva da detonación mata a todas as criaturas que se atopan nun determinado radio de acción un xa non ten que baixar a polos peixes. Xa soben eles sós. De tal xeito que uns anos despois de comezar aquela actividade tan rendible e tan pouco sustentable, os luzoneses acabaron sen bombas, sen peixes e case sen costas.
Así, con perspectiva histórica, os luzoninos filipinos pasáronnos de ser uns fenómenos a ser uns animais. Uns cabestros, que tanto poderían pescar rapes con dinamita como apañar as patacas con bombas de uranio empobrecido ou colleitar o millo con bazoka. Non demos ideas. Funcionara de novo a recorrente máxima de «pan para hoxe e fame para mañá» que os humanos temos a teima de repetir e repetir ata que o egoísmo cruza as fronteiras da estupidez para chegar ás diversas formas de suicidio colectivo. Calquera pode entender que unha explosión na auga fai máis doada a captura do quilo de sardiñas que un quere, poño por caso, pero tamén extermina un cento de quilos de sardiñas que non necesita, e do resto de peixes que se atopen no seu radio de acción, que tampouco precisa, e de todos os peixes, mariscos, mamíferos, invertebrados, e do plancton que alimenta a gran parte das criaturas mariñas, e de regalo afasta ao resto de bancos de peixe que outros xa non poderán nunca pescar. Chámanlle tamén «pesca de descarte», e con dúas bombas e uns minutos de observación a intelixencia de calquera pode alcanzar a comprender as súas nefastas consecuencias.
Aos luzonianos dos anos corenta poderíaselles escusar, sendo xeneroso, a súa inconsciencia sobre que os recursos mariños teñen uns límites. Non a súa estupidez. A os pescadores galegos do ano 2010, nin se lle escusa a estupidez nin a inconsciencia. Aos pescadores de sardiñas que recén colleron con dinamita e a moitísimos máis que non colleron, non se lles escusa pero nada. O seu non é un problema de inconsciencia: é unha cuestión de economía de valores, prefiren arrasar as nosas costas se iso lles proporciona máis cartos con menos tempo e esforzo. Algunhas persoas caen na trampa de xustificar dalgunha forma os seus actos co argumento de «levar o pan ás súas familias», unha variedade do todovale, creando unha especie de opinión pública chea de interrogantes, de condenas a medias, de silenzos comprometidos que non parecen tan comprometidos coas consecuencias deste tipo de pesca: pescar con dinamita significa negarlle o pan a milleiros doutras familias durante xeracións. Esas escusas rumorosas dalgúns cidadáns, medios e organizacións sociais, políticas e económicas, esas condenas a medias (veremos en que acaba todo isto) son as mesmas que se produciron cando unha manada de armadores e pescadores botaron do porto de Vigo, literalmente a pedradas, ao barco de Greenpeace no 2004 que viñera concienciar contra a pesca de arrastre, outra sutil arte de destrución mariña. Daquela chamáronlles aos ecoloxistas «terroristas do mar», unha expresión que se revela paradoxal coa perspectiva do tempo nas súas bocas, e nos seus actos que entón non recibiron case critica algunha da opinión pública.
Sen embargo os mares non son destes tipos, os mares son de todos. A sociedade lles concede o dereito de colleitar do mar temporalmente e comerciar segundo determinadas normas para que o beneficio persoal non provoque un prexuízo colectivo. Esa xente non soamente está a destruír os nosos recursos naturais, xa de por si febles, senón tamén os nosos recursos medioambientais, económicos e as posibilidades laborais dos fillos doutros pescadores e de todos, nunha terra que leva vivindo do mar centos de anos.
Os luzonienses filipinos - e aquí remata a súa historia – comprenderon un bó día cara onde camiñaban e non demasiado tarde cambiaron a súa actitude. Non só abandonaron as súas prácticas destrutivas, senón que se pasaron á pesca sustentable e a un ecoloxismo convencido. Na actualidade as súas costas, de novo ricas en biodiversidade, volven a aportarlles inxentes cantidades de peixes de todo tipo e ingresos turísticos dos buceadores que van admirar a riqueza natural dos seus fondos mariños que correron o risco de desaparecer. O tempo exculpou aos pescadores luzoneiros da estupidez, veremos se tamén exculpamos aos nosos antes de que sexa demasiado tarde.

14/12/08

Xulia Bolboreta

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 54 – Ano V –decembro, 2008)



Nesta tola época de transfuguismos, onde os chinos comunistas privatizan ata o aire e os occidentales capitalistas nacionalizamos bancos; nestes anos onde asistimos á defunción das ideoloxías en pro do beneficio propio, cobra máis importancia para min a defensa dunha idea incorruptible e xusta na figura de Julia Butterfly Hill.
Julia era unha moza de 23 anos que, o 10 de decembro de 1997, subiuse a unha árbore para evitar a súa tala. A árbore en cuestión era un sequoia de 1000 anos de antigüidade que a compañía madeireira Pacific Lumber pretendía cortar, xunto a outras 60.000 hectáreas de bosque, na cidade californiana de Stanford. A rapaza subiuse á árbore e, a 50 metros de altura, construíu unha plataforma de 3 metros cadrados cuberta por unha lona, mentres os seus compañeiros periodicamente lle subían comida a través dunha polea. Julia estivo alí arriba durante 738 días sen por un só pe na terra, e soportou que lle botaran chorros de auga dende helicópteros, queimaran parte do bosque para tentar asfixiala, montaran garda para que non lle subministraran comida. Julia soportou tormentas que arrasaron o seu escuálido refuxio, padeceu unha enfermidade vírica nos riles que soportou medicándose con extractos de plantas do tronco, caeu ao baleiro varias veces pero conseguiu salvarse agarrándose ás polas da árbore. Julia soportou que a denigraran, que a difamaran co apelativo de “ecoterrorista”, que a insultaran e atacaran, pero 738 días despois puxo por primeira vez un pé na terra: conseguira que indultaran a árbore e todo o bosque de arredor. Conseguira coa súa odisea, coa defensa da súa idea ata as últimas consecuencias, gañarse o respecto da xente, e a gran compañía madeireira tivo que renunciar ante ela.
Para moitas persoas Julia podería parecer unha extremista, unha radical, unha tola por pasar todo o que pasou por defender unha árbore. Pero para min e moita xente Julia é unha heroína, unha persoa cunha ideoloxía xusta á que sacrificou parte da súa vida. Unha moza que merece todos os meus respectos e parabéns, e da que terían moito que aprender todos eses que din que traballan polo noso beneficio. Porque Julia non defendía soamente a unha árbore que vivira 1000 anos nesta terra e que corría o risco de desaparecer por aumentar a conta corrente de catro ou cinco, ela defendía unha idea: que ninguén ten o dereito a roubar o pasado e futuro de todos para conseguir beneficios rápidos no presente. Que as ideas xustas deben defenderse ata o final.
O humano leva millóns de anos neste planeta, e quizais estamos asistindo á primeira vez que unha xeración deixa aos seus fillos un mundo peor do que herdou. O medio ambiente non existe como unha opción allea a nós: existe a Natureza, con maiúsculas, da que nós formamos parte. E deixando que a sacrifiquen, “pasando” do tema, non só estamos a realizar una forma de suicidio, senón que estamos tamén condenando aos nosos fillos á miseria e á morte. Sen medias tintas. Ninguén pide que debamos exercer unha guerra como a de Julia, pero sexamos conscientes de que quen loita para que non contaminen un regato - quizais o noso veciño – debe ser un heroe para nós e todas as xeracións que virán no futuro. Defendámolos, porque eles nos defenden a todos nós perante o beneficio momentáneo duns poucos.
Nesta época na que a calidade moral dos nosos supostos “representantes” adquire o cariz do noxento con parte da nosa complacencia, debemos volver ás ideoloxías, ao ben do colectivo por riba do beneficio propio: e a defensa da Natureza ben sendo, quizais, a súa máxima expresión porque é tamén a defensa da especie humana. Fai moitísimos anos, un indíxena norteamericano plasmou esta ideoloxía que debería facernos pensar cara a onde camiñamos: “soamente despois de que a derradeira árbore sexa cortada, soamente despois de que o derradeiro río sexa contaminado, soamente despois de que o derradeiro peixe sexa capturado, soamente entón descubriremos que o diñeiro non se pode comer”.