Mostrando entradas con la etiqueta ideologías. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ideologías. Mostrar todas las entradas

18/4/10

O Capitán Jacinto


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 70– Ano VII –abril, 2010)

Jacinto entraba puntualmente ás 14,30 na taberna e saudaba cun seco movemento de cabeza. Vestía a boina ladeada, como os franceses, e tiña as botas cheas de pelos e enormes gotas de sangue aínda fresca do traballo. Na man dereita sostiña fumeante o cigarro negro que acendera na porta do matadoiro e que lle duraba exactamente o camiño que tardaba en chegar á taberna. En canto Jacinto chegaba ao seu sitio da barra eu deixaba os deberes do cole a un lado e levantábame presto da mesa. Cuadrábame e levantaba a man dereita para executar o meu diario saúdo castrense. Susórdenes, capitán Jacinto. Jacinto fitábame de pés a cabeza, como pasando revista, e remataba invariablemente cun Descanse, grumete. Botaba unha derradeira calada ao pito e esperaba a que Ramona acabara de encherlle a cunca dun tinto de Barrantes. Ramona collía as cuncas co dedo gordo metido dentro porque tiña a medida situada na base da unlla: en canto o viño lle chegaba a ese nivel, paraba. Esa forma de calibrar a medida do tinto desgustáballe un mundo a Jacinto, que sempre meneaba a cabeza con resignación murmurando Pero que pouca cultura tes, muller, mentres observaba como unha preamar de Barrantes ía afogando o dedo gordo da sorrinte Ramona.

A pesar de que falaba o imprescindible e sempre o recordara entrando pola porta da taberna, contaban de Jacinto mil aventuras vividas en todos os países e mares da Terra, en mil traballos distintos e coas máis diversas e asombrosas identidades. Tíñaselle así por un profesional da vida, con múltiples licenciaturas en Experiencia, másteres varios en Mundoloxía e unha cátedra en Razón e Raciocinio. Un wikijacinto ou unha jacintopedia, razón pola cal as súas opinións gozaban de autoridade e respecto. Cando os contertulios de cunca de mediodía platicaban sobre cuestións superiores, ou as noticias da tele falaban sobre China ou doutra temática inabarcable, agardábase a arbitraxe dos criterios de Jacinto, con sumo interese. Este retiraba os cincentos labios do Barrantes e producíase na taberna un silencio absoluto, no que todos esperaban a súa ocorrencia aguantando a respiración como nun penalti. E Jacinto lanzaba sentencias como O problema de Españistán é que todo dios coñece as regras do fóra de xogo pero poucos saben para que serve un voto en branco. Aquelas ideas explotaban no ambiente da taberna como os fogos de Bouzas, quedaba toda a xente abaneando cos arrebatos discursivos de Jacinto quen, para rematar, e como de regalo, antes de volver a meter os labios no Barrantes podía soltar un Por iso en Españistán sempre tivemos os mellores xogadores de fútbol.

Cando o reloxo avisaba das tres en punto, Capitán Jacinto burlaba as propostas e os convites dos compañeiros cun intransixente Marchoqueteñoquemarchar. Pero nunca marchaba sen deixarme un regalo para pensar: podería dicirme Recorda, rapaz, que a arma máis perigosa do mundo é a ignorancia, ou algo polo estilo, e eu observaba con admiración como desaparecía pola porta aquel home de mundo. Non sei que opinaría Jacinto de que estean collendo o seu reprobado e amado Españistán, cortándoo en trociños e vendéndoo no sueste asiático como si foran as pezas dun coche, probablemente fixera un bo proxectil gramático para lanzalo na taberna, algo sobre a indecencia, sobre o deshonor, sobre que as persoas van e veñen pero soamente permanecen os pobos, sobre que as únicas xeracións que pagan a pena son as que loitan por antepoñer a dignidade dos seus descendentes á comodidade propia. Un día Jacinto non apareceu ás 14,30. No enterro souben que o meu querido Capitán pasara toda a vida traballando no matadoiro para alimentar á súa necesitada familia. Aquel home de mundo tiña a casa chea de libros de viaxes, de novelas de aventuras, de todas as disciplinas e coñecementos da vida. Foi un dos mestres, dos viaxeiros máis incansables que coñecín no camiño da miña vida. Era, Capitán Jacinto, dunha caste de persoas das que Españistán está moi falto.


14/12/08

Xulia Bolboreta

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 54 – Ano V –decembro, 2008)



Nesta tola época de transfuguismos, onde os chinos comunistas privatizan ata o aire e os occidentales capitalistas nacionalizamos bancos; nestes anos onde asistimos á defunción das ideoloxías en pro do beneficio propio, cobra máis importancia para min a defensa dunha idea incorruptible e xusta na figura de Julia Butterfly Hill.
Julia era unha moza de 23 anos que, o 10 de decembro de 1997, subiuse a unha árbore para evitar a súa tala. A árbore en cuestión era un sequoia de 1000 anos de antigüidade que a compañía madeireira Pacific Lumber pretendía cortar, xunto a outras 60.000 hectáreas de bosque, na cidade californiana de Stanford. A rapaza subiuse á árbore e, a 50 metros de altura, construíu unha plataforma de 3 metros cadrados cuberta por unha lona, mentres os seus compañeiros periodicamente lle subían comida a través dunha polea. Julia estivo alí arriba durante 738 días sen por un só pe na terra, e soportou que lle botaran chorros de auga dende helicópteros, queimaran parte do bosque para tentar asfixiala, montaran garda para que non lle subministraran comida. Julia soportou tormentas que arrasaron o seu escuálido refuxio, padeceu unha enfermidade vírica nos riles que soportou medicándose con extractos de plantas do tronco, caeu ao baleiro varias veces pero conseguiu salvarse agarrándose ás polas da árbore. Julia soportou que a denigraran, que a difamaran co apelativo de “ecoterrorista”, que a insultaran e atacaran, pero 738 días despois puxo por primeira vez un pé na terra: conseguira que indultaran a árbore e todo o bosque de arredor. Conseguira coa súa odisea, coa defensa da súa idea ata as últimas consecuencias, gañarse o respecto da xente, e a gran compañía madeireira tivo que renunciar ante ela.
Para moitas persoas Julia podería parecer unha extremista, unha radical, unha tola por pasar todo o que pasou por defender unha árbore. Pero para min e moita xente Julia é unha heroína, unha persoa cunha ideoloxía xusta á que sacrificou parte da súa vida. Unha moza que merece todos os meus respectos e parabéns, e da que terían moito que aprender todos eses que din que traballan polo noso beneficio. Porque Julia non defendía soamente a unha árbore que vivira 1000 anos nesta terra e que corría o risco de desaparecer por aumentar a conta corrente de catro ou cinco, ela defendía unha idea: que ninguén ten o dereito a roubar o pasado e futuro de todos para conseguir beneficios rápidos no presente. Que as ideas xustas deben defenderse ata o final.
O humano leva millóns de anos neste planeta, e quizais estamos asistindo á primeira vez que unha xeración deixa aos seus fillos un mundo peor do que herdou. O medio ambiente non existe como unha opción allea a nós: existe a Natureza, con maiúsculas, da que nós formamos parte. E deixando que a sacrifiquen, “pasando” do tema, non só estamos a realizar una forma de suicidio, senón que estamos tamén condenando aos nosos fillos á miseria e á morte. Sen medias tintas. Ninguén pide que debamos exercer unha guerra como a de Julia, pero sexamos conscientes de que quen loita para que non contaminen un regato - quizais o noso veciño – debe ser un heroe para nós e todas as xeracións que virán no futuro. Defendámolos, porque eles nos defenden a todos nós perante o beneficio momentáneo duns poucos.
Nesta época na que a calidade moral dos nosos supostos “representantes” adquire o cariz do noxento con parte da nosa complacencia, debemos volver ás ideoloxías, ao ben do colectivo por riba do beneficio propio: e a defensa da Natureza ben sendo, quizais, a súa máxima expresión porque é tamén a defensa da especie humana. Fai moitísimos anos, un indíxena norteamericano plasmou esta ideoloxía que debería facernos pensar cara a onde camiñamos: “soamente despois de que a derradeira árbore sexa cortada, soamente despois de que o derradeiro río sexa contaminado, soamente despois de que o derradeiro peixe sexa capturado, soamente entón descubriremos que o diñeiro non se pode comer”.

16/5/08

A focaccia contra o BigMac

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 47 – Ano V –maio, 2008)



Luigi Digesú é un humilde panadeiro italiano de 35 anos que vive nunha pequena cidade do sur de Italia, Altamura. Quizais porque non en tódalas casas de ferreiro hai coitelos de pau, o feito de que o pai de Luigi, o avó de Luigi, o bisavó de Luigi e o tataravó Digesú foran destros na arte de enfariñar a tafona tería algo que ver para que o mozo panadeiro tivera a ben abrir un pequeno comercio na súa localidade natal. Luigi é representante desas antigas escolas familiares que modelaban un oficio común asumido polos descendentes case case por vocación xenética, herdado xunto coas fotografías e os recordos de familia. Se cadra por iso, pola esmagadora determinación dos xenes, Luigi Digesú non tivo outra que abrir ilusionado a súa pequena panadería-restaurante ao carón dos 550 metros cadrados do xigante mundial da comida rápida, McDonald´s, que elixira a pequena localidade de Altamura como punta de lanza para expandirse en todo o sur do país. Xa saben como son estas cousas: o McDonald´s atestado de xente, sobre todo mozos, que acoden case en procesión dende toda a comarca para comer o que a xente come na televisión e nas películas de Hollywood. E o bo de Luigi no seu pequeno establecemento artesán encarado á grande multinacional, enfariñando cun movemento de man similar ao da sementeira, traballando pausadamente, facendo a súa labor con cariño porque os alimentos tratados con cariño conservan ese amor co que foron manufacturados. Digesú explica a quen queira oílo que “para facer o pan necesítase tempo, deixar que o fermento faga o seu traballo; e despois hai que amasado coas mans, porque as máquinas non o fan igual; e logo débese cocer en forno de leña, e usar leña de aciñeira”.
A historia, contrariamente ao que poderiamos pensar, remata inusualmente: nuns meses o McDonald´s pecha e vaise de Altamura coa cabeza gacha. De nada serven as operacións de marketing da multinacional, as promocións, os descontos ou os cambios de directores no coloso da comida rápida, as súas mesas van baleirándose de xente nuns meses, mentres na panadería-restaurante de Digesú centos de persoas forman cola para probar os seus focaccia, as súas pizzas con setas cardoncello, o seu sinxelo pan regado con aceite de oliva e condimentado con tomates maduros. Unha noite, con premeditación e alevosía, os operarios da multinacional retiran a xigante “M” da fachada, e o pallaso sorrinte da súa publicidade vaise do sur de Italia coas súas “afamadas” hamburguesas. Luigi, atarefado co seu pan, non se da de conta que lle zumbou unha patada nas pelotas ao símbolo da globalización.
Desgraciadamente esta historia sucede a miúdo, pero sucede ao revés: chegan os grandes e o comercio local, artesán, tradicional, vaise ao carallo. En xeral vaise ao carallo todo o que teña que ver co artesán, o tradicional, porque a globalización nunca se adapta a nós senón que nós temos que adaptarnos a ela. Por aí camiñamos. E que me din dos oficios? Cada vez máis, na actualidade, o concepto de “oficio” vai deixando paso á máis descafeinada palabra de “traballo”, e así cada un soe ter un oficio, unha profesión, pero traballa, sen embargo, no que un poda ou lle saia na vida. Con iso temos algunha que outra cousa que gañar, pero tamén moitas que perder: e entre elas, non me negarán que no caso do panadeiro Luigi, alguén que creceu entre o forno e o cheiro do pan quente non sexa quen de sacarlle ao fermento e á fariña cousas que un licenciado en enxeñería, poño por caso, panadeiro polas vicisitudes do mercado laboral e empregado a tempo parcial, non sexa quen de sacarlle. Non sei vostedes, pero a min co pan de Digesú fíxoseme a boca auga, e teño a esperanza de que non desapareza nunca o bo facer destes entregados artesáns locais neste apático mundo globalizado.

4/12/07

Este rapaz está tolo

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 22 – Ano III – marzo, 2006)



Este rapaz está tolo, comentábame alguen nun deses momentos nos que ves a televisión sinxelamente porque ten luz e as cousas, no seu interior, se moven. Unha interxección que me sacou do meu estado de aletargamento progresivo e casi fai que me atragante cunha cervexa barata do Lidl. Oh, carallo, pensei. E logo está tolo por que? O rapaz en cuestión un bo día mandara todo a tomar polo cu e adicábase ó soberbio exercicio de vivir e ver mundo; sen traballo e sen cartos, sen ambicións e sen preocupacións. Unha persoa desas que soamente deixan detrás a pegada das botas e que por desvelo soamente sofren a elección de camiñar cara o norte ou cara o sur. Acendín un pito e pensei que se neste mundo hai alguén tolo, somos nós e os que son como eu. Os que, tendo opcións, transiximos e aceptamos, e pasarán media vida traballando para gastar os poucos cartos que den apañado no pouco tempo que lles quede para disfrutalos. Os que traballan para poder seguir traballando e morren cunha sensación de fraude nos beizos. A xente das hipotecas e da vida solucionada sempre e cando parte da nómina sexa depositada no banco, coma un tributo ós novos deuses que nos conceden unha satisfactoria explicación do mundo a un 6 % TAE. Os que se arrastran polo mundo rodeados de mentiras, e sábeno, e continúan a xogar a ser actores dramáticos de reparto. A xente que vive e morre e non sabe nin por que vive, nin por que morre. Os que se preocupan máis de pensar na vida que en vivila. Nós, a caste dos que botan a sábana por riba cando as pantasmas invaden a nosa habitación nas eternas noites en vela. Nós, os descastados existenciais. A tolemia nunha vida deshumanizada, desnaturalizada, é a mellor forma de cordura nun mundo que cada vez, e en maior medida, xoga a estar durmido. Nun mundo desmondado como unha laranxa espida.