Mostrando entradas con la etiqueta peneira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta peneira. Mostrar todas las entradas

16/8/10

Bye bye A Peneira

O artigo do post anterior foi o derradeiro que escribo para o xornal A Peneira. De feito, nin sequera vai ser publicado. Sinto despedirme deste xornal que apreciei durante tanto tempo desta forma, palabra, pero a miña sempre foi unha «Zona temporalmente autónoma» que trasladará o seu radio de acción a outros espazos seguindo o ditame das circunstancias. Acollo esta ruptura con sabor agridoce: doce e agradecida polo vivido e porque me anima a novos proxectos que tiña na despensa. E áceda e amarga polas circunstancias.
Foi en agosto de 2004 cando Antón me propuxo colaborar coa nova publicación local nunha columna mensual de opinión persoal. Sen ningún condicionamento, sen censuras nin restricións de calquera tipo. Despois de seis anos de colaboración ininterrompida debo dicir que aquela promesa foi comprida absolutamente, e que resultou unha experiencia moi positiva e gratificadora. Foi unha proposta que remata agora con máis de setenta artigos publicados en «Zona temporalmente autónoma» a cambio do agradecemento dos traballadores do xornal, dos parabéns ou críticas de tantos lectores cos que compartín impresións e conversas nas rúas do Porriño e da propia satisfacción persoal. Enfrontarme cada mes coa miña carilla en branco foi unha recompensa coa que me deleitei ás veces para denunciar, outras para reflexionar sobre cuestións diversas e moitas outras para tentar provocarlles ese necesario sorriso nos beizos falando das nosas cousas. Neste blog quedan todas aquelas horas de traballo, repito, desinteresado.
Naquel proxecto que comezou no 2004 foron sumándose colaboradores e traballadores, naquelas páxinas encontreime con Diego, con Juancho, con Amparo, co meu estimado David… aquela xeración de rapaces e rapazas do Porriño que coñecía dende pequeno e que agora tiñamos a oportunidade e a responsabilidade de comunicarlles. Pero tamén traballadores, para conseguir que A Peneira chegara ás súas mans cada mes de xeito gratuíto coa información da Louriña e moito máis. Eses traballadores veñen de comunicarme que Guillermo Rodríguez Fernández, director da Peneira, alegando problemas económicos, acaba de despedir á plantilla do xornal (3 traballadores contratados e 2 externos) despois de seis meses sen cobrar e sen pagarlles as indemnizacións que lles corresponden. Os problemas económicos non evitaron que o empresario contrate os servizos dunha nova plantilla para sacar á rúa novos exemplares dunha Peneira que xa non será A Peneira. Ou polo menos xa non será a miña Peneira. A dirección do medio de comunicación tampouco tivo a ben comunicarme nada deste tema despois de seis anos de colaboración coa súa empresa. E comprenderedes que, de calquera xeito, eu xa non podería colaborar cun xornal así. Na miña columna sempre tentei plasmar que hai determinados valores que están por riba de todo: o respecto aos demais, a honestidade, a xustiza que non é sinónimo de legalidade. A derradeira defensa deses valores é solidarizarme cos meus compañeiros e abandonar a miña relación co xornal.
Rescindo así o meu oficioso contrato nestas liñas, apenado pero agradecido, agradecéndolle a Antón, a Diego e aos demais traballadores do xornal o seu traballo e desexándolles sorte nas súas xustas reclamacións laborais por vía xudicial; trasladándolle aos meus compañeiros de columnas que foi un honor compartir páxinas con eles e agradecido aos meus lectores esperando que lles resultaran escandalosas e interesantes as miñas denuncias, participaran nas miñas cavilacións e propiciara as súas propias reflexións, fóranlles útiles os meus consellos e conseguira arrincarlles un agarimoso sorriso nestes malos tempos que corren nos que estamos a volver á selva e ao neanderthalismo. Nestes tempos de totalitarismo económico nos que hai que ser belixerante e alentar a acción directa. Enarbolar a bandeira negra.
Foi un pracer ofrecer as miñas palabras ás súas lecturas. Pagou a pena, e moito. De seguro nos encontraremos xuntos de novo. Con todo, lector ou lectora, despídome desta última carilla da Peneira con sincero agradecemento e cun agradecido punto e aparte

Cerquiña de todo

(Non publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 73– Ano VII –agosto, 2010)

A ver si estes canteiros acaban dunha vez por todas coas montañas para que corra algo de brisa no Porriño. Que non hai quen pare, caramba. Que levo un mes de romaría pola noite, na habitación, abre a ventá apaga o ventilador, aparta a saba da cama pecha a ventá, acende o ventilador, levanta, bebe, mexa, abre a ventá, blasfema, apaga o ventilador e pecha a ventá, o carallo. Que parece que vivo en Tombuctú. Chegando a mañá esperto morrendo co sono, abro a ventá do salón por ver se apaño algo de aire e entra a traizón por ela unha nube piroplástica de calor, e de sol, e de ruído, e de contaminación e de que sei eu. Camións para un lado, coches para outro, avións e trens e motores fumegantes. Dióxido de carbono e unha calor asfixiante. Calor sofocante. Quecaló. Asomo a cabeza para confirmar que ao Parque do Cristo nin chegaron as dunas nin os camelos, soamente catro ou cinco gorrións mareados, abaneando aletargados nas polas, e algún peregrino desfogado co mochilón repleto de paraugas, chuvasqueiros e calzóns largos de flanela pensando Me cajo na Wikipedia e na Lonely Planet, reflexionando o desinformado turista que veu a encontrarse consigo mesmo no «solitario camiño da Galicia máxica e verde» e acabou encontrándose con todo dios menos consigo, para culebrear por entre as medianas, dende o cemento aceitoso e quente do Polígono Industrial continuando polo asfalto ardente do arcén da estrada para Redondela.
Porque isto é estupendo. Ter o clima tropical das Rías Baixas e non ter nin ría para mollar as pernas. Non somos nin da Galicia interior dos mil ríos nin da refrescante Galicia costeira. Quedamos no medio, somos meridianos, das Rías Baixas debemos ter a altitude baixa e a calor. O bochorno. Maldito sol!, canto clamei por el durante os dez meses de inverno e agora como peja impasible toda a tarde na ventá do salón mi madriña, acristalado dende o teito ata o chan. E alí estou eu, botando crema protectora do 25 para axexar polo escaparate urbano do pisito, asfixiadiño, en calzóns, que nese percal máis parezo unha profesional do Barrio Rojo de Ámsterdam que un individuo porriñés sen tempo hoxe para achegarme a Patos e remollar o sentido. E dicirlles aquelo de que a auga ao principio está algo fría pero logo xa que non... Aquí non. Aquí de frío temos o Calippo de fresa e de lima, o Cornetto, o Frigodedo e Frigolouro, que debe dar frío para dentro porque para fóra non da. Ao contrario. Neses días no que o mercurio está en ebulición no termómetro, nesas xornadas nas que pensas en abrir a neveira, tirar cos iogures desnatados e probar a meter a cabeza dentro, non tes mellor idea que aquela de desprecintar a ventá do salón por ver si nos corre a brisa un pouquichiño. Pero a brisa non corre, que va, a brisa estará correndo por Patos co resto, digo eu, ou espera ata a noite para correr que vai máis fresco. Condenada. Alí fora non corre nada home. Que vai correr! Fai tanta calor que os lagartos arnales están facendo largos no Louro. E ti comezas a suar e a suar, e miras para Frigolouro e lees «Coren» e, palabra, que ás veces parece que me saen ás e pico e comezo a xirar e dar voltas e voltas no salón como se fora un derviche e me sinto un poliño asado visto a través do cristal, un poliño de Coren desplumado e viscoso cociñándose ao espeto no asador da Louriña. Cagoentó, tiven que facer algo necesariamente malo nunha vida anterior.
Consólame que non exista nada perfecto neste mundo. Nada. Ata Casillas ronca polas noites na cama e Sara Carbonero, mosqueada, despeluxada, pégalle co brazo e grítalle «Iker, mecagoentó!». Non se crean. Brad Pitt mete barriga nas fotos, e O Porriño tampouco lles é perfecto, que lle imos facer. Na Louriña temos moitas virtudes pero a climatoloxía non é unha delas, por iso aos turistas vémolos de paso. Aquí temos a industria, a pastuqui. Non somos nin os altos nin os guapos na pandilla da comarca pero somos os que pagan as copas. Os pagafantas da mancomunidade. Por supostísimo que temos moitas virtudes máis, por descontado: quedamos cerca de todo e somos boa xente que leva as cousas con filosofía neste braseado val medianeiro sen costa e con río lagarteiro. A ver si, polo menos, nos poñen tamén un parque eólico deses e nos corre algo de brisa, que aquí non hai quen pare.

12/7/10

Os nosos luzitas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 72– Ano VII –xuño, 2010)

Ao concluír a II Guerra Mundial, os habitantes da illa filipina de Luzón tiñan un problema considerable: a contenda rematara demasiado pronto para darlle saída «comercial» á grande cantidade de armamento que os aliados lles almacenaran na zona. Os americanos cortaran polo san en Hiroshima e Nagasaki... xa saben como remataba esa historia. Sen embargo, a historia dos habitantes de Luzón comezaba, porque alí se atopaban eles pensando como desfacerse daquela enorme cantidade agora inútil de bombas, granadas, dinamita e demais artefactos e trebellos de comunicación humana que lles deixaran ao lado, utensilios que unha vez asinado o armisticio pasaran de ser armamento para converterse en cargamento. Nunha carga, demasiado perigosa para ter almacenada na porta da casa en espera de tempos peores. Os luzonitas, luzonianos, luzoneños, luzoñeses ou filipinos non se romperon demasiado a cabeza: víronse rodeados de mar, e a trapallada explosiva acabou no mar. Sorpresa. Os luzonienses descubriran con grande algarabía e de modo fortuíto a «pesca á dinamita», palabra, e na idea de que a súa intelixencia conseguira converter un problema nunha oportunidade comezaron a explotar a rica biodiversidade da costa filipina. Fantástico. Porque a onda expansiva da detonación mata a todas as criaturas que se atopan nun determinado radio de acción un xa non ten que baixar a polos peixes. Xa soben eles sós. De tal xeito que uns anos despois de comezar aquela actividade tan rendible e tan pouco sustentable, os luzoneses acabaron sen bombas, sen peixes e case sen costas.
Así, con perspectiva histórica, os luzoninos filipinos pasáronnos de ser uns fenómenos a ser uns animais. Uns cabestros, que tanto poderían pescar rapes con dinamita como apañar as patacas con bombas de uranio empobrecido ou colleitar o millo con bazoka. Non demos ideas. Funcionara de novo a recorrente máxima de «pan para hoxe e fame para mañá» que os humanos temos a teima de repetir e repetir ata que o egoísmo cruza as fronteiras da estupidez para chegar ás diversas formas de suicidio colectivo. Calquera pode entender que unha explosión na auga fai máis doada a captura do quilo de sardiñas que un quere, poño por caso, pero tamén extermina un cento de quilos de sardiñas que non necesita, e do resto de peixes que se atopen no seu radio de acción, que tampouco precisa, e de todos os peixes, mariscos, mamíferos, invertebrados, e do plancton que alimenta a gran parte das criaturas mariñas, e de regalo afasta ao resto de bancos de peixe que outros xa non poderán nunca pescar. Chámanlle tamén «pesca de descarte», e con dúas bombas e uns minutos de observación a intelixencia de calquera pode alcanzar a comprender as súas nefastas consecuencias.
Aos luzonianos dos anos corenta poderíaselles escusar, sendo xeneroso, a súa inconsciencia sobre que os recursos mariños teñen uns límites. Non a súa estupidez. A os pescadores galegos do ano 2010, nin se lle escusa a estupidez nin a inconsciencia. Aos pescadores de sardiñas que recén colleron con dinamita e a moitísimos máis que non colleron, non se lles escusa pero nada. O seu non é un problema de inconsciencia: é unha cuestión de economía de valores, prefiren arrasar as nosas costas se iso lles proporciona máis cartos con menos tempo e esforzo. Algunhas persoas caen na trampa de xustificar dalgunha forma os seus actos co argumento de «levar o pan ás súas familias», unha variedade do todovale, creando unha especie de opinión pública chea de interrogantes, de condenas a medias, de silenzos comprometidos que non parecen tan comprometidos coas consecuencias deste tipo de pesca: pescar con dinamita significa negarlle o pan a milleiros doutras familias durante xeracións. Esas escusas rumorosas dalgúns cidadáns, medios e organizacións sociais, políticas e económicas, esas condenas a medias (veremos en que acaba todo isto) son as mesmas que se produciron cando unha manada de armadores e pescadores botaron do porto de Vigo, literalmente a pedradas, ao barco de Greenpeace no 2004 que viñera concienciar contra a pesca de arrastre, outra sutil arte de destrución mariña. Daquela chamáronlles aos ecoloxistas «terroristas do mar», unha expresión que se revela paradoxal coa perspectiva do tempo nas súas bocas, e nos seus actos que entón non recibiron case critica algunha da opinión pública.
Sen embargo os mares non son destes tipos, os mares son de todos. A sociedade lles concede o dereito de colleitar do mar temporalmente e comerciar segundo determinadas normas para que o beneficio persoal non provoque un prexuízo colectivo. Esa xente non soamente está a destruír os nosos recursos naturais, xa de por si febles, senón tamén os nosos recursos medioambientais, económicos e as posibilidades laborais dos fillos doutros pescadores e de todos, nunha terra que leva vivindo do mar centos de anos.
Os luzonienses filipinos - e aquí remata a súa historia – comprenderon un bó día cara onde camiñaban e non demasiado tarde cambiaron a súa actitude. Non só abandonaron as súas prácticas destrutivas, senón que se pasaron á pesca sustentable e a un ecoloxismo convencido. Na actualidade as súas costas, de novo ricas en biodiversidade, volven a aportarlles inxentes cantidades de peixes de todo tipo e ingresos turísticos dos buceadores que van admirar a riqueza natural dos seus fondos mariños que correron o risco de desaparecer. O tempo exculpou aos pescadores luzoneiros da estupidez, veremos se tamén exculpamos aos nosos antes de que sexa demasiado tarde.

14/6/10

O especulador e o chupacabras

O especulador é un ser a medio camiño entre a realidade e o mito, como o chupacabras. Unha especie de críptido contemporáneo que se agocha nas bolsas de valores, debaixo dos escritorios dos señores deputados e no interior das axencias de valoración de riscos. Ao especulador intuímolo polas súas accións: a gasolina sube periodicamente por culpa dos especuladores, o boom inmobiliario foi creado polos especuladores e 1.000 millóns de persoas pasan fame no mundo por cousa dos especuladores. Incluso a crise económica foi provocada polos especuladores, faltaría máis. E a pesar de que o especulador está detrás de cada tropezón que nos da este sistema capitalista, este mercado que se vai parecendo cada vez máis a unha praza de abastos; e a pesar de que é culpable da maioría dos males do noso tempo e ten unha participación tan activa nas nosas vidas, aínda non sabemos moi ben que aspecto ten o especulador. Xa me entenden: onde vive, cales son as súas costumes, cando lle toca a época de apareamento. Unha cousa fantástica. Entendemos que se trata dun ser misterioso, cuns hábitos moralmente cuestionables, a quen se lle achacan todos os males dende a política e a economía cunha determinación asombrosa para un ser case abstracto. Un bicho nocturno, sen cara e sen nome. Se os nosos gobernantes, Obama incluído, Ahmadineyad tamén, e toda esa clase media e traballadora que nos representa nos parlamentos teñen tan claro que o especulador é o inimigo deberían ser quen, a estas alturas, de comentarnos de pasada que xa teñen a algún identificado - coidado cos espellos, “especular” tamén pode referirse a verse no espello. Porque entendemos que contando ao seu servizo con todo o aparato policial do planeta, os nosos gobernantes poderían mirarnos iso, polo menos. Non vaia ser que acabemos no recurso fácil e rematen os nenos botándolle a culpa aos especuladores porque falta un paquete de galletas na despensa. Poderiamos comezar buscando no hábitat bursátil, non creo que os especuladores traballen co trueque, e despois de todo, si especular é “efectuar operacións comerciais ou financieiras, coa esperanza de obter beneficios baseados nas variacións dos prezos e dos cambios” poderíamos definir a Bolsa como “lugar de especulación” e iso xa sería un progreso entre tanta confusión. Un indicio, un avance, un sitio por onde comezar a buscar o condenado bicho.

Lamentablemente, os xornais vellos úsanse moitas das veces para poñer no chan mollado da cociña, e así, as noticias e a nosa historia van desaparecendo a cada paso que damos. Non me digan. Non me digan que nos olvidamos de todos aqueles presidentes e presidentas por outono do 2008, cando á banca fóiselle a man recollendo os beneficios que, para variar, non eran os deles. Pensaron daquela que os cidadáns iamos montar adediosescristo nas rúas, e saíron á palestra para dicirnos que fora cousa dos especuladores de novo, malo raio os parta, falándonos de ética, de eliminar os paraísos fiscais e de refundar o capitalismo. Logo, xa saben, non lles foi para tanto a protesta, e tiveron a boa idea de darlle outra vez a El Dioni as chaves do furgón, é dicir, encargarlle aos responsables do sistema económico que arranxaran os problemas creados por eles mesmos cos nosos cartos. E aquí seguimos aforrando e recortando para entregarlle os pesos ao mercado, a ver si somos quen de gañar a confianza dos inversores, mecachis, tentando que os especuladores arrasen e se repartan primeiro outro país que non sexa o que nos queda deste.

Pero dos especuladores ni fú. Ni fá. Seguimos sen ter máis datos ao respecto. Un rostro, unha dirección, un nome... aínda que sexa un mote. Que no sé quién me pone la pierna encima para que no levante cabeza. Sen embargo, como se foran doncellas virxes que se ofrecen en tributo ao dragón, os nosos gobernantes ofrécenlle na entrada da oscura cova recortes de gasto público, beneficios fiscais e flexibilizacións laborais, tentanto aplacar a voracidade do dragón especulador coa esperanza de que algún día decida, por el mesmo, de buen rollito, pórse a dieta e deixarnos vivir en paz. E parece sorprendente que a pesar de ternos papado gran parte do estado de benestar o dragón non alcanzara unhas dimensións tan considerables para que os nosos gobernantes, de común tan perspicaces, o deran recoñecido e nos dixeran “Nenos, aí temos un especulador, imos a por el”. Localizar bicho, eliminar bicho. Debe ser que usan brebaxes namoradizos para enfeitizar aos nosos deputados e deputadas. E, claro, o amor é cego.

17/5/10

9,58 segundos

Guiropa. Guiró.....pa. Pasoume outro coñecido polo carril do lado, fungado, guiropa, como unha exhalación e quedo camiñando no medio da aceira algo desconcertado. Non podería asegurar o que acaba de acontecer: el camiñaba avenidadegalicia para arriba, eu ía comprar pan ao Eroski avenidadegalicia para abaixo en sentido contrario. Recoñecímonos ao lonxe, sorrimos, fixemos ese xesto coa cabeza como quen comeza a saudar pero deixa o resto do protocolo para o encontro. Tempo facía que non nos viamos. E no cruce afrouxamos a marcha un instante e cruzámonos sen deternos e dicímonos soamente tres cousas; miramos os reloxos, eu teño que marchar a non sei onde, el chega tarde para non sei que, un día quedamos. Guiropa. Como si nos levara o vento. Nin paramos, non sabemos por que, e queda no aire esa afectuosa palmada que lle ía dar nas costas. Coma nun torneo medieval, usando palabras en vez de lanzas, cruzámonos, dicímonos e seguimos camiñando mirando para atrás, socorrendo unha especie de conversa que avanza traqueteando e vai morrendo en tópicos Poisnada-Poisiso-Veñaentón que se van facendo case inaudibles na distancia durante os vinte metros seguintes mentres imos avanzando cruzando as pernas e mirando para atrás e para adiante para non tropezar. Somos conscientes de que o encontro foi unha trapallada e non desistimos a darlle caput, nin somos capaces de parar, nin capaces somos de arrancar camiñando sen máis e seguimos a afastarnos sorrindo, saudando, guiropa. Recupero o paso, un pouco turbado, un chisco aparvado polo que acaba de suceder. Os pés seguen a camiñar, un detrás doutro, collendo o ritmo acompasado de antes. Un-dous-un-dous. Detente! Dígome detente, obrígome a parar, maldita sexa: vou comprar pan, soamente a comprar pan, non teño necesidade ningunha de andar a correr, sermonéome. Teño gañas de darlle ao Rewind RWD, volver atrás, tentalo de novo, camiñar tranquilo, parar e parrafear co amigo, saber como lle van as cousas, que ven sendo da súa vida e comentarlle como me vai a miña. Pero xa é demasiado tarde e meu amigo apura o paso na distancia para recuperar.
Acabaremos pensando que as persoas son esas cousas que te fan chegar tarde cando vas dun sitio a outro. Que son como obstáculos no tempo que hai que sortear. Nas zonas nativas e nas rúas peonís a cousa pode ser aínda peor: tanta xente coñecida e moitas persoas ociosas que potencialmente poden conversar con un: hai que ter o mesmo coidado como se un paseara por un campo de minas. Esquivando os obstáculos como no brilé, hai que ter rapidez, estratexia, intuición e visión de xogo para que calquera amigo ou coñecido non nos impida perder os minutos que temos cronometrados para tirar o lixo. Jesús. Andamos tan apurados nesta vida que a morte espéranos ao final vestida de rugby en posición de cornerback, con proteccións para o choque, acazapada cos brazos abertos para tentar collernos á velocidade á que chegamos. Acojonada. E se nos colle, e paramos, por fin paramos, quedamos desconcertados, Xa está? pensamos, Era iso todo, non hai máis? flipando, cunha certa sensación de mareo, que pasamos pola vida a velocidade de cruceiro, fungados, guiropa, correndo para comprar o pan, acelerados, collendo atallos, esperando impacientes a que remate o programa 6 da lavadora, galopando para ir a traballar e chegando apresurados logo a casa para cambiar a roupa e facer footing antes da cea... unha cea rápida. Café, ginseng, spinning, SMS limitado a 160 caracteres, frases inconclusas rematadas con puntos suspensivos... Non estou condicionado polo tempo: o tempo está condicionado por min, eu vou máis rápido que el, me cago en la leche, eu son o Usain Bolt do reloxo e tiro das agullas deste como si fóra unha mula de noria impulsando o malacate e arrastrando a dar voltas e máis voltas. Unha noria á que estamos atados e coa que xiramos a toda velocidade non sabemos se polo noso impulso ou pola súa inercia. 1101, 1102, 1103...
Detente. Tranquilo. Respira. Dígome r-e-s-p-i-r-a. Que non debo ter necesidade algunha por andar correndo dun lado a outro, como unha bola do pinball: que a miña axenda non precisa medir o grosor dun tomo da enciclopedia Espasa. Decátome de que practicamente todo o que considero facer, esas necesidades que me creo na cabeza, molestas como as lombrices nas tripas, poden esperar un día, unha semana, un mes, ou podo tachalas da axenda sen perder un imperio. Que presa teño por andar a correr por esta vida que ven sendo a única que empiricamente pode ser gozada? Por que sempre deixo necesidades como a de vivir para un pouco máis adiante? Por que nunca é o momento de facer o que realmente quero facer? O que me gusta. O querer, que sempre queda en segundo plano por detrás do deber. Todos a correr, para que logo un gilipollas de Walt Street pulse a tecla de billón en vez da de millón e mande todo ao carallo. Mañá aínda será cedo para todo iso. Tomémolo con calma. E comezo a correr, de novo... se cadra aínda dou alcanzado ao meu amigo e tomamos algo, aquelo que tiñamos prometido para que me conte que tal lle vai na vida.

18/4/10

O Capitán Jacinto


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 70– Ano VII –abril, 2010)

Jacinto entraba puntualmente ás 14,30 na taberna e saudaba cun seco movemento de cabeza. Vestía a boina ladeada, como os franceses, e tiña as botas cheas de pelos e enormes gotas de sangue aínda fresca do traballo. Na man dereita sostiña fumeante o cigarro negro que acendera na porta do matadoiro e que lle duraba exactamente o camiño que tardaba en chegar á taberna. En canto Jacinto chegaba ao seu sitio da barra eu deixaba os deberes do cole a un lado e levantábame presto da mesa. Cuadrábame e levantaba a man dereita para executar o meu diario saúdo castrense. Susórdenes, capitán Jacinto. Jacinto fitábame de pés a cabeza, como pasando revista, e remataba invariablemente cun Descanse, grumete. Botaba unha derradeira calada ao pito e esperaba a que Ramona acabara de encherlle a cunca dun tinto de Barrantes. Ramona collía as cuncas co dedo gordo metido dentro porque tiña a medida situada na base da unlla: en canto o viño lle chegaba a ese nivel, paraba. Esa forma de calibrar a medida do tinto desgustáballe un mundo a Jacinto, que sempre meneaba a cabeza con resignación murmurando Pero que pouca cultura tes, muller, mentres observaba como unha preamar de Barrantes ía afogando o dedo gordo da sorrinte Ramona.

A pesar de que falaba o imprescindible e sempre o recordara entrando pola porta da taberna, contaban de Jacinto mil aventuras vividas en todos os países e mares da Terra, en mil traballos distintos e coas máis diversas e asombrosas identidades. Tíñaselle así por un profesional da vida, con múltiples licenciaturas en Experiencia, másteres varios en Mundoloxía e unha cátedra en Razón e Raciocinio. Un wikijacinto ou unha jacintopedia, razón pola cal as súas opinións gozaban de autoridade e respecto. Cando os contertulios de cunca de mediodía platicaban sobre cuestións superiores, ou as noticias da tele falaban sobre China ou doutra temática inabarcable, agardábase a arbitraxe dos criterios de Jacinto, con sumo interese. Este retiraba os cincentos labios do Barrantes e producíase na taberna un silencio absoluto, no que todos esperaban a súa ocorrencia aguantando a respiración como nun penalti. E Jacinto lanzaba sentencias como O problema de Españistán é que todo dios coñece as regras do fóra de xogo pero poucos saben para que serve un voto en branco. Aquelas ideas explotaban no ambiente da taberna como os fogos de Bouzas, quedaba toda a xente abaneando cos arrebatos discursivos de Jacinto quen, para rematar, e como de regalo, antes de volver a meter os labios no Barrantes podía soltar un Por iso en Españistán sempre tivemos os mellores xogadores de fútbol.

Cando o reloxo avisaba das tres en punto, Capitán Jacinto burlaba as propostas e os convites dos compañeiros cun intransixente Marchoqueteñoquemarchar. Pero nunca marchaba sen deixarme un regalo para pensar: podería dicirme Recorda, rapaz, que a arma máis perigosa do mundo é a ignorancia, ou algo polo estilo, e eu observaba con admiración como desaparecía pola porta aquel home de mundo. Non sei que opinaría Jacinto de que estean collendo o seu reprobado e amado Españistán, cortándoo en trociños e vendéndoo no sueste asiático como si foran as pezas dun coche, probablemente fixera un bo proxectil gramático para lanzalo na taberna, algo sobre a indecencia, sobre o deshonor, sobre que as persoas van e veñen pero soamente permanecen os pobos, sobre que as únicas xeracións que pagan a pena son as que loitan por antepoñer a dignidade dos seus descendentes á comodidade propia. Un día Jacinto non apareceu ás 14,30. No enterro souben que o meu querido Capitán pasara toda a vida traballando no matadoiro para alimentar á súa necesitada familia. Aquel home de mundo tiña a casa chea de libros de viaxes, de novelas de aventuras, de todas as disciplinas e coñecementos da vida. Foi un dos mestres, dos viaxeiros máis incansables que coñecín no camiño da miña vida. Era, Capitán Jacinto, dunha caste de persoas das que Españistán está moi falto.


16/3/10

Aínda escoitas aos porcos, Clarice?


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 69– Ano VII –marzo, 2010)

Non sempre fun de bo comer. O pracer pola comida converteuse nunha das poucas cousas que adquirín coa idade e coa experiencia. Digamos que tiven unha preadolescencia de Nocilla e unha adolescencia de beiconconqueixo; malcomín polos vinte entre espaguetis, churrascos, maicitos das cervexas, pero agora, con trinta e poucos, fago a ola diante dun cocido e persígnome en acción de gracias se teño diante uns canelóns de bacallau e espinacas de La Cueva.
E non crean que foi un camiño de rosiñas, non tal, esta a miña evolución dende a cociña «basical minimalist» – é dicir, de pan e fiambre – ata descubrir que o forno tiña máis utilidades que secar os calcetíns. Levoume o seu tempo. Tiven incluso que resolver fundamentais conflitos internos, especialmente no tocante ao sacrificio animal. Admito que sempre fun vexetariano de vocación, aínda que na práctica exercitei como carnívoro. A miña progresión cara este postrero omnivorismo foi producida pola mirada que meu pai me dedicou cando entrei por casa un día e sentenciei que dende aquel momento negábame a comer carne. Meu pai levantou a vista, miroume a fito, e con esa sutileza fantástica das miradas cargadas de contido eu deixei de ser vexetariano. Ipso facto. Fun vexetariano catro segundos. Teñamos en conta que naquela mesa de cea meu pai era carniceiro, miña nai era carniceira, meu irmán era carniceiro, e traballaba e traballara coa carne gran parte da miña familia dende a creación de Frigolouro. E debido á aquela mirada que agora agradezo continúo gozando dos placeres do chuletón. Non podo dicir que a miña vida non estea relacionada coa carne, non señor. Con trece anos coñecía gran parte dos matadoiros do sur de Galicia, e visitaba con frecuencia os grandes mercados gandeiros de Salgueiriños e Escairón. Non negarei que o polbo «á feira na feira» contribuía a que quedaran gravadas no meu recordo aquelas xornadas fantásticas, como tampouco refuto que esta conxuntura insensibilizoume un chisco no tocante ao sacrificio dos animais, con fins exclusivamente alimenticios. Pero tampouco tanto.
Aínda distingo entre ir a un matadoiro e vivir nun matadoiro. E cando vexo pasar eses olorosos camións cheos de porcos pola rúa porriñesa do Progreso acódenme á mente aquelas xornadas gandeiras da miña infancia. E penso no paradoxo que representa para os porcos ese camiño nos camións-mofeta: camiño que para nós é do progreso e para eles corredor da morte. Pola noite, cando aínda permanece no ambiente do pobo un sutil recordo do aroma porcino, un pode pasear pola rúa Manuel Rodríguez entre os alaridos de centos de porcos que están a ser sacrificados, e tentar adiviñar a forma de utilizar esa banda sonora como reclamo turístico. Se cadra, podiamos bautizar o muro do Cando como «O muro das lamentacións», que corre un tupido velo sobre todo aquelo que non gusta, vía incluída, ou facer unha curtametraxe para Cans, unha versión de Apocalipse Now con alguén que interpretara a Robert Duvall na guerra do Vietnam, con sombreiro e torso espido, substituíndo o ruído dos helicópteros por sonoros gruñidos, enunciando filosófico “Cheiras iso, verdade? É porco, nada no mundo cheira como iso. Gústame o olor a porco pola mañá. Levamos toda a noite cortándolles o pescozo e agora xa non queda ningún deses porcos de merda”. Non che sei… como reclamo turístico pode que non quede elegante, se cadra resulta pouco atraínte, pero tampouco é cuestión de que todos os pobos teñamos que vivir do turismo. Alguén ten que facer o beicon.
O certo é que temos o tema metido na cabeza. E así cando a sabedoría popular porriñesa debe bautizar algún espazo público sen nome sempre bota man da gastronomía. Aí está o Cruce do Costilleta, o Camiño do Colesterol ou a Praza do Lizarrán, da que coñezo xente que se mudou por cousa das noites de insomnio consecuencia de vivir no medio dun matadoiro. Se cadra aí podiamos facerlle un busto a Haníbal Lecter e rebautizala como A Praza do Silencio dos Cordeiros, ou do Silencio dos porcos, con Jodie Foster no papel de Clarice, aquela muller que aínda despertaba polas noites escoitando os gritos dos animais sacrificados na súa infancia.

14/2/10

Nivel medio

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 68– Ano VII –febreiro, 2010)

Non é que teña un problema especial co inglés. Especial non é. Pásame o mesmo con outros idiomas bárbaros nos que tropezo, deixando de lado o galego, o castelán e o arxentino. Non sei que me pasa que hai un momento aí que me atasco, e non hai maneira. Mira que o teño intentado, e nada. Que me desespero e deixo de estudar periodicamente. Pero entre período de estudo e período de estudo o teño aí, rosmándome na cabeza como unha mosca cojonera «hai que estudar – zumba -, tes que porte co inglés - zumba que te zumba». Por aquí, na terra, non pasa nada con esta a miña pequena carencia. En España a planilla dos currículums vitae ven co inglés medio – falado e escrito – por defecto. Pregúntaslle a alguén, «e ti cos idiomas, que tal?». E dinche, home, eu cos idiomas ándolle aíaí – quedan pensando – aíaí lle ando... defendéndome. E de súpeto replícaslle «dime en inglés iso que me acabas de dicir». E o deixas abaneando. Fuck you, responde. Por aquí andamos así, a maioría. Pero por alí fóra xa é outro cantar. Din os estranxeiros que os españois somos simpáticos porque sempre andamos a rir. Dinnos algo e nós rimos, o carallo. Somos simpáticos porque non entendemos o que nos din. Botámonos a rir e por aí nos imos defendendo. Vas por London sacando fotos e achégase un e pregúntache en inglés «perdoe, bo señor, non terá vostede hora por un casual?» e ti quedas parado e bótaste a rir. Monday, lle dis. Queda abaneando. «Spanish?» pregunta, «espanis yes, yes», e os dous a rir. Os españois sodes a hostia, comenta o tipo en inglés, mira que sodes simpáticos tío.

Logo hai cousas coas que me parto. Por exemplo, teño un amigo que afirma que os ingleses non saben falar inglés. Non teñen nin idea, dime. Os holandeses, por exemplo, falan un inglés cojonudo, enténdeselles mellor, proclama. Aos ingleses non lles entendes nada. Nothing. Él é outro dos que se defende co inglés, ándalle aíaí. A Foreign Office, chámoo. Pensa que eu non falo e pónseme co inglés cada dous por tres. Dille que lle pasa ás veces, que cambia do español ao inglés sen darse de conta, que é ambidiestro. É unha cousa fenomenal. Pero eu, que fun jevi antes de ser punki, doume de conta de que me está a recitar unha canción. «Esa é de Guns N’Roses», aseguro, menuda jeta. Non tal, me responde. Pero pídolle que me diga o mesmo en español e dime fuck you.

Eu tamén teño un par de trucos para momentos especiais, non se crean. O primeiro é que cun par de Gin Tonics un fala mellor inglés. Vai perdendo o medo, a vergoña, que sei eu, deixa correr as eses con máis soltura. Con outro aquel. Tamén pode ir baixando a voz a medida que vai dicindo unha palabra: empezas sempre con voz potente e acabas nun susurro. Non fai falla que esa palabra exista, pode vostede dicir o primeiro conxunto de letras e sons que se lle veñan aos labios. Ese é outro truco, dicir calquera cousa pero dicila con convicción. Que pareza inglés. Se parece inglés, moito mellor, claro. O interlocutor nunca lle preguntará que carallo acaba vostede de dicir. Non demostrará as súas carencias. Recorde que todos sabemos inglés. Aínda que sexa de nivel medio. Un español nunca afirmaría que non sabe. Un español nace co inglés por defecto. Non lle diría repeat, please. Como moito botaríase a rir. «Monday», podería susurrar. Se di Monday podemos desbarrar. Podemos levantar unha cella mirándoo con condescendencia e resignación e comentar de pasada «Jesús, que país...».

Tiña eu outro amigo que a veces saía de farra o sábado pola noite e lle cadraba a luz do domingo pola mañá. Imaxínense a coxuntura de estar toda noite aprendendo inglés (inglés de Gin Tonic, me refiro) e ter que atravesar camiñando o pobo de punta a rabo nese estado, a esas horas, con todos os veciños paseando ociosos. Pero lonxe de amilanarse, antes de atravesar o pobo meu amigo compraba o xornal para finxir que se levantara cedo, para aproveitar unha mañá de domingo. Cruzaba o pobo sorrinte e saudaba a todo quisqui. Transformaba un problema nunha oportunidade. Ás veces ata compraba curasáns, o cabrón. Co xornal e os curasáns era total. Os pais dos seus amigos poñíano de exemplo para os seus fillos resacosos na comida do domingo. Aquel era un home feito e dereito, admitían. Cando o vían co New York Times debaixo do brazo era o acabose. O inglés dáballe o toque de distinción que lle faltaba. Desbarrara, o Times significaba en clave unha noite épica. Os fillos, claro, dicían «monday» e botábanse a rir.


15/1/10

O Principio de Pareto

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 67– Ano VII –xaneiro, 2010)


A riqueza é como a enerxía: nin se crea, nin se destrúe, soamente se transforma de estado e cambia de mans. Esta é unha verdade de pura matemática que me custou aprender no colexio porque explicáronma con chocolatinas. Dicíame o profesor «a ver, zopenco, outra vez: se Pedro ten 8 chocolatinas e lle da 6 a Manolo, que tiña 2, ¿con cantas chocolatinas queda cada un?». Eu, que sempre fun moi realista e non asimilaba esa abstracción da maldita aritmética, quedaba de pé, mirando para o encerado coa tiza nas mans durante uns dramáticos segundos, e respondía resoluto «Pedro queda con 8 e Manolo con 2». Despois preocupábame por esquivar o borrador que me enviaban a velocidade de cruceiro en dirección á cabeza. O problema real, o que non era capaz de asimilar, era que Pedro puidera entregarlle 6 chocolatinas a Manolo así polas boas. Se o profesor dixera que Pedro era parvo, ou que Manolo lle dera con antelación dúas hostias para facilitar a desinteresada transacción podería chegar a entendelo. Pero así sen máis, non. Sentaba no meu sitio, intrigado, confuso, sacudíndome os restos de tiza do pelo, e o meu compañeiro que era máis racional que eu, inclinábase sobre o pupitre e tranquilizábame cómplice: «o problema é que Pedro non comprende que só hai 10 chocolatinas en xogo».

Anos despois, este o meu apaixonado interese polas matemáticas que esperta en min de década en década, volveu a aparecerme no medio do camiño da vida baixo o nome de Principio de Pareto. O tal principio indica que o 20 por cento dos membros dunha sociedade posúen o 80 por cento da súa riqueza, e, sendo a riqueza finita – é dicir, soamente están en xogo 10 chocolatinas, non máis – o que ten un membro deixaría de telo o outro pasando dun 80 a un 20%.

Xa sei que o Principio de Pareto é un regra inxusta, pouco equitativa e nada igualitaria, pero con ela podía explicar moitas das cousas nas que estaba inmerso. Con ela explicaba a existencia dun 1º Mundo e dun 3º Mundo ou a presenza, dentro de cada mundo, dunha minoría de ricos e unha maioría de pobres. O principio de Pareto quedoume gravado na cabeza grazas á pedagoxía práctica – a golpe de borrador -, razón pola cal logo fun quen de identificar calquera proceso gobernado polo mesmo.

Daquela podo dicir que o acontece neste mundo globalizado no que hai tempo se preocupan por tirar as fronteiras estase a producir polo Principio de Pareto. Así, no primeiro mundo hai unha desaceleración acelerada da economía, crecen os parados, pechan as empresas... e nos países emerxentes (como China, India ou Brasil, Indonesia, Malaisia, etc.) prodúcese, á inversa, unha acelerada aceleración da economía, diminúen os parados e abren a maior parte das empresas que pechan aquí. Polo tanto, a cousa non trata de que o mercado de traballo está aletargado, invernando como os osos, senón que está largándose para outro lado e dubido moito que volva algún día. Chámanlle «deslocalización».

A cousa trata de que está funcionando o Principio de Pareto, e non por inercia. Os que nos roubaron unha vez – crearon esta crise económica -, e dúas veces – os mesmos que roubaron baleiraron logo as arcas do Estado coa escusa de arranxar as cousas -, estannos roubando de novo poñendo en marcha este principio, levándose para outras partes a riqueza e cargándose o edificio social que nos custou xeracións construír. Á par, argallan manobras de despiste para manternos ocupados noutras lides, como o terrorismo, Obama ou a Gripe A coa que, por certo, volveron a roubarnos de novo. Éche un ladrón con tres cabezas – Económica, Política e Medios de Comunicación – pero co mesmo corpo, e a solución que nos propón desta vez é recortar os poucos dereitos laborais que aínda nos quedan. Se calquera de nós fóra tan manifestamente incapaz, inútil e indecente como os que nos meteron na ruína, que non foron os traballadores, estaría de patiñas na rúa respectando toda a lexislación laboral vixente, polo que coido que non será problema dela. Quizais si desta sociedade aletargada e distraída na que vivimos, que o permite todo.

12/12/09

Apadriñe a un artista famoso

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 66– Ano VI –decembro, 2009)

O pasado 1 de decembro “os artistas” da música, un colectivo que hai tempo pasou as fronteiras do musical para introducirse nos terreos do social, político, filosófico e moral, unha especie de estado máis dentro deste estado á carta, manifestáronse. Manifestáronse de novo. Porque non crea vostede que o músico, como especie, limita o seu traballo a organizar as corcheas e as semifusas polo pentagrama, non: neste país, o músico e o actor son o acubillo da conciencia social colectiva, a expresión máis perfecta e sublime da transcendencia humana. Daquela, cando hai un problema de calquera orde alí hai un músico en manifestación. O sitio natural de compositores e intérpretes parece non ser o escenario: o sitio natural do músico é a rúa, o reparto de octavillas, e destacan as manifestacións dos músicos por ser nas que mellor se corean as consignas. Non hai un desafino, todos dan a nota. E como dan a nota, ás veces. Non crean que poida ter algo en contra dos músicos, ao contrario, músicos son unha gran parte dos meus mellores amigos. Eu teño cousas en contra daquela xente que se cre por riba do ben e do mal, teño cousas en contra desa xente – todos sabemos quen son – que secuestrou a palabra “Cultura” e a usa en exclusiva como o seu patrimonio privado. Desta volta o colectivo de músicos multimillonarios protestaban porque Internet lles supón unha merma económica no seu anquilosado modelo de negocio. Que ben sendo como si os miniaturistas da época medieval pediran que se prohibira a imprenta de Gutenberg por competencia desleal.

Especificamente a devandita manifestación convocouse para protestar contra a piratería en Internet, é dicir, “para que se acaben as descargas ilegais en Internet”. É curioso, deixando de lado os danos e os beneficios – que tamén os hai, e moitos – das descargas de música en Internet, o certo é que en España é total e absolutamente legal descargarse música ou películas de Internet. O propio ministerio gasta unha pasta gansa en publicidade que pretende facernos crer que é ilegal, pero non se preocupe porque usen as palabras “piratería” e “ilegal” fóra de contexto: preocúpese pola razón de que gasten os seus cartos para mentirlle. Falando de ministerios, os artistas non se reuniron desta fronte ao de Cultura, que xa o teñen dominado, de feito alí conseguiron sacar adiante o canon dixital, uns ingresos extras na idea de que cada cidadán debe pagar ás súas depauperadas economías porque potencialmente é un delincuente que copiará as súas obras. Non, manifestáronse diante do Ministerio de Industria. Alí estaban Chenoa, Aute, Antonio Carmona, Tamara, o presidente de Sony e demais representantes deste colectivo marxinal e necesitado do país. Rosario Flores colle o micrófono e berra “que nos estamos muriendo de hambre, esa es la realidad, ¡que nos morimos de hambre!”. Probablemente debaixo das gafas Gucci que viste Rosario no momento do seu atormentado lamento hai uns ollos famélicos, desesperados. Un case ten gañas de ir a súa mansión para levarlle un bocadillo, unha lata de atún, que sei eu, o que apañe na despensa. Pero Rosario Flores ten un caché de 45.000 euros por concerto e este ano actuou en máis de 19 concertos, multipliquen. Soamente por concertos, logo súmelle os ingresos por dereitos de autor, cánones diversos, merchandising, venda de discos e demais negocios nos que ande metida. Daquela, o que parece necesitar Rosarito é un bo administrador, porque non se da gobernado como deus manda. Que fiche ao administrador da súa nai, Lola, que estafou vinte e pico millóns de pesetas a todos os españois e nin siquera pisou o cárcere, como pisariamos vostede e eu nesta democracia de cabaret. Lola dixera que non sabía nada de Facenda e que era unha muller pobre. Dicía que si cada español lle dera unha peseta solucionaban o tema. Hoxe, este país ten case 4 millóns de parados, e 357.000 familias que non teñen nin un só ingreso ao mes. Nada, nothing, rien, nin un puto can. E Rosario morre de fame. Pobre. Neste Nadal, apadriñe a un músico famoso.

19/11/09

A comunicación e a coliflor cocida

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 65– Ano VI –novembro, 2009)

Nunha película de medo, o actor protagonista ten a impresión de sentir unha sombra que se desprazou pola ventá. Intrigado, achégase á fiestra con lentitude e abre as cortiñas cun rápido ademán. Pasamos uns segundos co corazón nun puño, pero suspiramos aliviados ao comprobar que non hai nada detrás do cristal. O galán pensa para os seus adentros que debeu ser unha imaxinación súa, dáse a volta e alí aparece de súpeto un tipo fantasmagórico coa cara tapada por unha careta infantil que sostén un enorme coitelo na man. A esta situación chamámoslle un tópico, un clixé. Os tópicos son o produto máis directamente relacionado coa falta de imaxinación nos sistemas narrativos, e hoxe en día se difunden nos medios de comunicación como a indecencia na política. Cando un creador, sexa un escritor, un guionista ou un xornalista, recorre a un clixé é porque non encontrou nada máis orixinal que volver a mastigar o continuamente mastigado para ofrecernos un prato cheo de aburrimento. O tópico, o clixé, utilízase para saír dunha situación narrativamente difícil sen valentía, valéndose da repetición, de copiar solucións alleas que no seu momento foron singulares. O mercado da comunicación e a narración humanas, cheo de personaxes recorrentes, historias redundantes, sentimentos insistentes e solucións reiterativas, acabou sendo tan exótico como a coliflor cocida. Os “produtos culturais de eficacia probada”, caen tan continuamente nas chamadas “secuelas”, que de tantas secuelas a soportar parecemos as vítimas dun accidente con politraumatismo. Pero, por fortuna, non todos son proxenetas da arte e da comunicación: hai milleiros de creadores que pagan a pena, que nas súas obras escapan dos tópicos como a nécora do loureiro, e son eses creadores os que fan avanzar en positivo as formas de expresión humana.
Nos medios de comunicación de masas, os tópicos están á orde do día. Tanta concentración no mero espectáculo e tanto becario ao que se lle pide o dobre do que se lle paga, provoca que os xornais e os telexornais estean caendo no panfleto folletinesco. Esaxeracións, gramáticas imposibles, informacións “desinformacionadas” e indescifrables, e textos cargados de tópicos son o pan noso de cada día. Ás veces o público encóntrase na situación de ter que ler entre liñas como por obrigación, porque teñen a teima de querer convertir as noticias en pequenas narracións supostamente atraíntes e espectaculares, historias repetitivas con personaxes repetitivos, cheas de slogans publicitarios, verborrea diarreica, frases baleiras e tópicos machacones cando un soamente quere ser informado da tal noticia.
E así, no medio do ano, cando sae o primeiro raio de sol, sempre haberá un reporteiro nalgunha praia co micrófono na man para dicirnos que “algún valente se atreveu a dar o primeiro baño do ano”. Sempre volverán a repetir que os Globos de Ouro son a antesala dos Óscar como si tal cousa. Diana de Gales era a princesa do pobo e Belén Estebán a famosa do pobo. Os espectáculos son “dantescos”, sempre se “especula coa posibilidade” e “o carismático cantante canta nun directo rigoroso temas do seu último disco no que contou con colaboradores de luxo”. Por certo, “recibiu cálidos aplausos dun público entregado”. O rei, campechano, visita ás xentes acolledoras e laboriosas do pobo de turno, saltándose o protocolo para saudar directamente á multitude, como un cidadán máis. E o reporteiro, que entrevista ao dianteiro nos “aledaños do estadio”, pregúntalle que sentiu cando o cancerbeiro detivo o esférico entre os paus no inferno turco, respondendo o futbolista “Bueno, non puido ser… o fútbol é así… ¿non? somos once contra once”.

16/10/09

comunicárm


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 64– Ano VI –outubro, 2009)

Todo para comunicarme, pasei horas e horas da miña infancia garabateando entre as dúas liñas guía dos Cuadernillos Rubio, coa lingua por fóra de concentración e aplicación aos trazos verticais, escribindo sen pensar “Haré un hoyo en la arena” e “Dame un kilo de chocolate” e tentando axuntar sen éxito o rabiño da ‘o’ co extremo da ‘l’ sen levantar o boli do papel. A cousa estaba complicada, e perdía horas tentando endereitar aquelas liñas da caligrafía que se me tombaban sen querer, pouco a pouco, sen decatarme sequera ata chegar á ‘e’ do chocolate, despegar a fronte da mesa e botarlle unha panorámica xeral ao resultado. Miraba para a frase modelo e non comprendía como aquel raio de rapaz escribirá “haré un hoyo en la arena” sen que as minúsculas sobresaíran por riba da liña superior e os paos das letras non se lle declinaran a partir do ‘hoyo’; como podería conseguir aquel neno sabiondo que escribía para os Cuadernillos que os rabiños das vocais enlazaran graciosamente coas letras veciñas, sen que parecera que as amarraban con desesperación e pánico. Comprendía que a miña caligrafía carecía de gusto, delicadeza e gracilidade, e miraba con inquietude cara o futuro: sería quen de comunicarme?
Por sorte para min, a adolescencia inundou de testosterona non soamente o meu corpo senón tamén a miña caligrafía. As filigranas convertéranse de súpeto en cousas de nenazas, polo que os rabiños e arabescos desapareceron da miña escritura deixando paso á marcial plenipotencia da letra de imprenta. Facerme maior parecía ser un camiño cara a austeridade. Sentíame libre, e o meu individualismo tipicamente adolescente facíase notar na miña grafía: excarcerei as letras da dependencia de sílabas e palabras, desaparecendo aquela liña continua, aquel escribir sen levantar o boli do papel. Abaixo o establecido, revolución: a miña caligrafía, por fin emancipada, libre de ataduras gañou en confianza e deixei de escribir “Haré un hoyo en la arena” para escribir poemas e relatos existencialistas.
Os poemas chegaron case case da man da universidade. O alfabeto serviume daquela para plasmar en papel todas aquelas máximas que os profesores profesaban subidos nas tarimas. Alí copiabamos con desesperación cada palabra que se escoitara ávidos de coñecementos; incansables fábricas de escritura, reproducíamos no papel ata o son das moscas e inundábamos logo os corredores da facultade traficando con folios subliñados e fotocopiados. A dilixencia na copia motivou daquela cambios fundamentais na miña escritura: naceron os garabatos, os ideogramas, os pictogramas, as abreviaturas inconcibibles e a escritura “cherokee” que desprezaba artigos, conxuncións, e preposicións en pro da celeridade e inmediatez de expresión do verbo+substantivo. Case desapareceron circunstancialmente os adxectivos do meu vocabulario mentres os meus textos gravitaban do poético ao político e a caligrafía volvía a converterse nunha indescifrable liña continua.
A máquina de escribir aparece na miña vida para concederlle luz e significado aos garabatos do papel. Canto machaquei os dedos naquelas teclas vertixinosas que se atrancaban unhas as outras non o podería asegurar, polo que o descubrimento da máquina de escribir eléctrica foi unha nova liberación apenas embazada polas dificultades de cambiarlle a cinta correctora do aparato. Logo chegou o ordenador, pero polo camiño empreguei o dedo para consignar pensamentos na area das praias, para debuxar frases no aire ensoñadoramente e acariñar confesións segredas na pel feminina. Redactei co pé verbas na auga de varias fontes, busquei consoantes debaixo das cenorias da sopa e procurei vogais na caixa do Scrabble. Asine con arabescos no chocolate de 33 tartas e escribín en Morse, en Braille, en linguaxe de signos, con luces e bandeiras, con sinais de fume, con caligrafía china, en código HTML, ¡cun bolígrafo de cinco cores! e todo para comunicarme. E agora escoito por aí “Eh…, joder, pois… o rollo… puf, non sei… mola” e leo “are 1 ollo nlarena”, e penso que xa volvín a facer o primo. Canto tempo perdido, carallo.

20/9/09

Con vostedes... Lagripá!

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 63– Ano VI –setembro, 2009)

Pode que Phineas Taylor Barnum fora unha rata usureira, pero non se lle podía negar que carecera de principios. Cando no 1871 abandonou o seu cargo como político en Connecticut para crear en Brooklyn o seu famoso circo itinerante de tres pistas, Phineas tiña claros dous principios: que ao público non lle importa ser enganado, sempre e cando reciba a cambio entretemento para esquecerse dos seus problemas, e que, literalmente, “neste mundo, cada minuto nace un parvo”. De tal xeito que o seu circo Barnum chegaría a converterse no “maior espectáculo da terra” para o público norteamericano, acostumado, sen embargo, a que Phineas Taylor Barnum se inventase e manipulase os seus números sen pudor algún. Todos souberon que a Sirena de Feejee non era máis que a parte superior dun mono cosida á cola dun pez, ou que a Triste Susana non ría a pesar das apostas e tentativas do público non porque fora aburrida, senón porque tiña a cara paralizada. No 1835 Barnum anunciaba a todo trapo que exhibiría no seu circo a Joice Heth, unha escrava negra, cega e paralizada que servira de ama de cría do presidente George Washington: afirmaba que tiña 161 anos de idade. O público acudiu en masa, pero foise correndo o rumor de que todo se trataba dun engano. Algún iluminado pensador quizais se manifestara ao respecto. Barnum xustificouse daquela dicindo que Joice Heth non era humana, senón unha especie de robot. Isto desatou a histeria colectiva: a xente case se pegaba por unha entrada para o espectáculo. A vella morreu ao cabo, e Barnum, seguindo de novo os seus férreos principios, organizou unha autopsia pública cobrando unha verdadeira fortuna ás 1.500 persoas que tiveron o privilexio de acudir, para ver en directo como un forense certificaba que aquel corpo (humano, para máis indicacións), non tiña máis de oitenta anos. Outra das orixinais faenas na exitosa vida de Phineas Taylor Barnum.
Eu non sei si lles seremos tan primos como o público de Phineas, ou si gustamos tanto de ser enganados para ser entretidos - aínda que sexa un entretemento masoquista -, o que si entendo é que nos últimos tempos os carreiros deste mundo parecen estar descritos por un guionista de Hollywood. Un guionista un tanto retorcido que gusta das catástrofes apocalípticas. E o problema non é o espectáculo en si que nos presentan: o problema é que acabemos confundindo ese espectáculo coa realidade. En menos dunha década, case tivemos un apocalipse por ano, comezando co Efecto 2.000 (lembran aquelo dos ordenadores?), e polo camiño fomos aniquilados varias veces por terroristas de varios tipos e clases, destruídos por cometas desviados e estivemos a piques de comezar algunha guerra nuclear que outra. O que máis éxito pareceu ter, sen embargo, son os Armagedones de botica ou epidemias de pandemias: morremos todos polo ébola, fomos exterminados polo Creutzfeldt-Jakob das vacas tolas, devastados polo aspergillus dos aires acondicionados, extinguidos pola gripe do polo e agora parece que imos ser masacrados pola gripe A. Xesús, que vida de medo e sufrimento continuo. É curioso, sen embargo, que a gripe de toda a vida provoque a morte de entre 1.000 e 4.000 persoas cada ano soamente en España e que non saíra unha triste referencia nos medios: parece ser que o que non é novidade, non é noticia. Parece ser que importa máis o espectáculo que a información. Total, que de hecatombes en cataclismos, este raio de mundo non parece dar finalizado, e por moito que no inverno enchamos as urxencias de nenos constipados o único que estaremos a facer é converternos noutra consecuencia da esaxeración, do espectáculo mediático, do medo absurdo. A mala memoria mata máis xente neste mundo que todas as gripes xuntas, e sempre haberá un Phineas Taylor Barnum que se beneficie da inexistencia dunha vacina contra a estupidez humana. Queren un desastre de proporcións históricas?: o Ártico vai desaparecer. Iso si que é unha cuestión de vida ou morte. Gastemos máis nas hemerotecas e menos en Tamiflú, e deixemos de “joder la marrana”.

21/8/09

As verbenas talibanizadas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 62– Ano VI –agosto, 2009)

No verán, con tanta festa patronal, andan os santos e santas do ceo toliños sorteando as bombas de palenque que lles tiramos dende abaixo para a súa honra, honor e homenaxe. Impresionados, comentan en círculos que parece que tiramos a dar, malo raio nos parta. Pensan os santos e santas do ceo, que unha cousa é un petardo amarrado a unha caña na festa e outra ben distinta é usar verdadeiros mísiles terra-aire. Esaxerados que somos. Dende as nubes, aniñados nas trincheiras, observan como se forman nos torreiros das parroquias as divisións de artillería - formadas polos membros da comisión de festas e os pirotécnicos -, recompóñense o casco e rézanse a si mesmos para que desta vez non se nos ocorrera cambiar a pólvora por unha cabeza nuclear. Parecerá excesivo, pero está demostrado que os humanos non temos límite - pensan no ceo -, e bombardeamos día e noite a estratosfera no canto de procurarlle boa saúde aos tímpanos do santoral para as nosas pregarias, que coa cousa da crise boa falta nos farían. Non lle encontran explicación a esa nosa teima de celebrar e anunciar as festas a base de gastarnos gran parte do seu orzamento en bombas, en ruído efémero; retumban os cristais das ventás, os cans corren coa cola entre as patas, e bum! (50 euros), bum (50 euros) BRUBUBUBUBÚMMMM!!!! (250 €), no canto dun silencioso e práctico folleto informativo ou dunha mensaxe SMS.
Disque o uso de bombas de palenque para anunciar as festas non é moi antigo. Soamente nos valemos delas dende hai unhas décadas, cando comezou a consolidarse a opinión científica de que os rebumbios das bombas de palenque espantaban as nubes e o mal tempo. A mesma corrente erudita mantivo a opinión de que cantar e bailar a música de “A cabritinha” era sinónimo de bos augurios e contribuiría a presaxiar boas colleitas e tempos de bonanza. Logo hai xente máis teórica, defensores conceptuais que poderían argumentar que “as bombas convocan o espírito lúdico dos galegos e a súa potente carga de pólvora se xustifica porque a orografía de Galicia precisa unha explosión que anuncie a festa aos habitantes de aldeas veciñas”. Olé. Pero para gran parte dos mortais, gastar miles de euros en bombas de palenque en cada festa soamente se xustifica por unha especie de instinto animal que temos os humanos de facer o máximo ruído posible cando estamos de festa e foder a quen non pode estar de festa e ten que levantarse á mañá seguinte para traballar. E punto. Logo podemos botar man da palabra “tradición”, que pode caer como unha lousa en toda conversa para xustificar o inxustificable, como botar a unha cabra dende un campanario, pero a verdade é que aos humanos gústanos malgastar, tirar os cartos, poñerlles unha caña e facelos explotar no ceo; facémolo nos nosos coches, facémolo nas fachadas pretenciosas de tanta casa galega con tanta columna e tanto mármore que máis que casas parecen Partenóns, e facémolo nas nosas festas. O importante na vida non é ter, senón aparentar que se ten. Se os da parroquia do lado gastan 4.000 euros en bombas, nós gastaremos 5.000; se os do pobo do lado gastan media hora en ruído nos gastaremos tres cuartos. Que carallo… Forma parte da mesma lóxica da “vergoña do galego”, pola que é psicoloxicamente imprescindible que quede en cada prato un anaco de comida aínda que morramos coa fame: con iso demostramos ao colectivo que non necesitamos nada máis, que xa temos de sobra. Coas bombas de palenque pasa un pouco o mesmo, coa diferencia de que un anaco de tortilla non custa miles de euros, deixa durmir ao resto da humanidade, non provoca incendios nos montes e os camiñantes inocentes non corren o risco de que unha lanza xusticiera caída do ceo lles atravese o pescozo de punta a cabo. Galicia sitio distinto. O galego, reflexivo por natureza, xa comezou fai tempo a darlle voltas á cabeza e inventarlle novos usos ao instrumento, reconvertido para a pesca da sardiña e as manifestacións do metal en Vigo. Para botarse a tremer.