Mostrando entradas con la etiqueta porriño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta porriño. Mostrar todas las entradas

16/8/10

Bye bye A Peneira

O artigo do post anterior foi o derradeiro que escribo para o xornal A Peneira. De feito, nin sequera vai ser publicado. Sinto despedirme deste xornal que apreciei durante tanto tempo desta forma, palabra, pero a miña sempre foi unha «Zona temporalmente autónoma» que trasladará o seu radio de acción a outros espazos seguindo o ditame das circunstancias. Acollo esta ruptura con sabor agridoce: doce e agradecida polo vivido e porque me anima a novos proxectos que tiña na despensa. E áceda e amarga polas circunstancias.
Foi en agosto de 2004 cando Antón me propuxo colaborar coa nova publicación local nunha columna mensual de opinión persoal. Sen ningún condicionamento, sen censuras nin restricións de calquera tipo. Despois de seis anos de colaboración ininterrompida debo dicir que aquela promesa foi comprida absolutamente, e que resultou unha experiencia moi positiva e gratificadora. Foi unha proposta que remata agora con máis de setenta artigos publicados en «Zona temporalmente autónoma» a cambio do agradecemento dos traballadores do xornal, dos parabéns ou críticas de tantos lectores cos que compartín impresións e conversas nas rúas do Porriño e da propia satisfacción persoal. Enfrontarme cada mes coa miña carilla en branco foi unha recompensa coa que me deleitei ás veces para denunciar, outras para reflexionar sobre cuestións diversas e moitas outras para tentar provocarlles ese necesario sorriso nos beizos falando das nosas cousas. Neste blog quedan todas aquelas horas de traballo, repito, desinteresado.
Naquel proxecto que comezou no 2004 foron sumándose colaboradores e traballadores, naquelas páxinas encontreime con Diego, con Juancho, con Amparo, co meu estimado David… aquela xeración de rapaces e rapazas do Porriño que coñecía dende pequeno e que agora tiñamos a oportunidade e a responsabilidade de comunicarlles. Pero tamén traballadores, para conseguir que A Peneira chegara ás súas mans cada mes de xeito gratuíto coa información da Louriña e moito máis. Eses traballadores veñen de comunicarme que Guillermo Rodríguez Fernández, director da Peneira, alegando problemas económicos, acaba de despedir á plantilla do xornal (3 traballadores contratados e 2 externos) despois de seis meses sen cobrar e sen pagarlles as indemnizacións que lles corresponden. Os problemas económicos non evitaron que o empresario contrate os servizos dunha nova plantilla para sacar á rúa novos exemplares dunha Peneira que xa non será A Peneira. Ou polo menos xa non será a miña Peneira. A dirección do medio de comunicación tampouco tivo a ben comunicarme nada deste tema despois de seis anos de colaboración coa súa empresa. E comprenderedes que, de calquera xeito, eu xa non podería colaborar cun xornal así. Na miña columna sempre tentei plasmar que hai determinados valores que están por riba de todo: o respecto aos demais, a honestidade, a xustiza que non é sinónimo de legalidade. A derradeira defensa deses valores é solidarizarme cos meus compañeiros e abandonar a miña relación co xornal.
Rescindo así o meu oficioso contrato nestas liñas, apenado pero agradecido, agradecéndolle a Antón, a Diego e aos demais traballadores do xornal o seu traballo e desexándolles sorte nas súas xustas reclamacións laborais por vía xudicial; trasladándolle aos meus compañeiros de columnas que foi un honor compartir páxinas con eles e agradecido aos meus lectores esperando que lles resultaran escandalosas e interesantes as miñas denuncias, participaran nas miñas cavilacións e propiciara as súas propias reflexións, fóranlles útiles os meus consellos e conseguira arrincarlles un agarimoso sorriso nestes malos tempos que corren nos que estamos a volver á selva e ao neanderthalismo. Nestes tempos de totalitarismo económico nos que hai que ser belixerante e alentar a acción directa. Enarbolar a bandeira negra.
Foi un pracer ofrecer as miñas palabras ás súas lecturas. Pagou a pena, e moito. De seguro nos encontraremos xuntos de novo. Con todo, lector ou lectora, despídome desta última carilla da Peneira con sincero agradecemento e cun agradecido punto e aparte

Cerquiña de todo

(Non publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 73– Ano VII –agosto, 2010)

A ver si estes canteiros acaban dunha vez por todas coas montañas para que corra algo de brisa no Porriño. Que non hai quen pare, caramba. Que levo un mes de romaría pola noite, na habitación, abre a ventá apaga o ventilador, aparta a saba da cama pecha a ventá, acende o ventilador, levanta, bebe, mexa, abre a ventá, blasfema, apaga o ventilador e pecha a ventá, o carallo. Que parece que vivo en Tombuctú. Chegando a mañá esperto morrendo co sono, abro a ventá do salón por ver se apaño algo de aire e entra a traizón por ela unha nube piroplástica de calor, e de sol, e de ruído, e de contaminación e de que sei eu. Camións para un lado, coches para outro, avións e trens e motores fumegantes. Dióxido de carbono e unha calor asfixiante. Calor sofocante. Quecaló. Asomo a cabeza para confirmar que ao Parque do Cristo nin chegaron as dunas nin os camelos, soamente catro ou cinco gorrións mareados, abaneando aletargados nas polas, e algún peregrino desfogado co mochilón repleto de paraugas, chuvasqueiros e calzóns largos de flanela pensando Me cajo na Wikipedia e na Lonely Planet, reflexionando o desinformado turista que veu a encontrarse consigo mesmo no «solitario camiño da Galicia máxica e verde» e acabou encontrándose con todo dios menos consigo, para culebrear por entre as medianas, dende o cemento aceitoso e quente do Polígono Industrial continuando polo asfalto ardente do arcén da estrada para Redondela.
Porque isto é estupendo. Ter o clima tropical das Rías Baixas e non ter nin ría para mollar as pernas. Non somos nin da Galicia interior dos mil ríos nin da refrescante Galicia costeira. Quedamos no medio, somos meridianos, das Rías Baixas debemos ter a altitude baixa e a calor. O bochorno. Maldito sol!, canto clamei por el durante os dez meses de inverno e agora como peja impasible toda a tarde na ventá do salón mi madriña, acristalado dende o teito ata o chan. E alí estou eu, botando crema protectora do 25 para axexar polo escaparate urbano do pisito, asfixiadiño, en calzóns, que nese percal máis parezo unha profesional do Barrio Rojo de Ámsterdam que un individuo porriñés sen tempo hoxe para achegarme a Patos e remollar o sentido. E dicirlles aquelo de que a auga ao principio está algo fría pero logo xa que non... Aquí non. Aquí de frío temos o Calippo de fresa e de lima, o Cornetto, o Frigodedo e Frigolouro, que debe dar frío para dentro porque para fóra non da. Ao contrario. Neses días no que o mercurio está en ebulición no termómetro, nesas xornadas nas que pensas en abrir a neveira, tirar cos iogures desnatados e probar a meter a cabeza dentro, non tes mellor idea que aquela de desprecintar a ventá do salón por ver si nos corre a brisa un pouquichiño. Pero a brisa non corre, que va, a brisa estará correndo por Patos co resto, digo eu, ou espera ata a noite para correr que vai máis fresco. Condenada. Alí fora non corre nada home. Que vai correr! Fai tanta calor que os lagartos arnales están facendo largos no Louro. E ti comezas a suar e a suar, e miras para Frigolouro e lees «Coren» e, palabra, que ás veces parece que me saen ás e pico e comezo a xirar e dar voltas e voltas no salón como se fora un derviche e me sinto un poliño asado visto a través do cristal, un poliño de Coren desplumado e viscoso cociñándose ao espeto no asador da Louriña. Cagoentó, tiven que facer algo necesariamente malo nunha vida anterior.
Consólame que non exista nada perfecto neste mundo. Nada. Ata Casillas ronca polas noites na cama e Sara Carbonero, mosqueada, despeluxada, pégalle co brazo e grítalle «Iker, mecagoentó!». Non se crean. Brad Pitt mete barriga nas fotos, e O Porriño tampouco lles é perfecto, que lle imos facer. Na Louriña temos moitas virtudes pero a climatoloxía non é unha delas, por iso aos turistas vémolos de paso. Aquí temos a industria, a pastuqui. Non somos nin os altos nin os guapos na pandilla da comarca pero somos os que pagan as copas. Os pagafantas da mancomunidade. Por supostísimo que temos moitas virtudes máis, por descontado: quedamos cerca de todo e somos boa xente que leva as cousas con filosofía neste braseado val medianeiro sen costa e con río lagarteiro. A ver si, polo menos, nos poñen tamén un parque eólico deses e nos corre algo de brisa, que aquí non hai quen pare.

18/4/10

O Capitán Jacinto


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 70– Ano VII –abril, 2010)

Jacinto entraba puntualmente ás 14,30 na taberna e saudaba cun seco movemento de cabeza. Vestía a boina ladeada, como os franceses, e tiña as botas cheas de pelos e enormes gotas de sangue aínda fresca do traballo. Na man dereita sostiña fumeante o cigarro negro que acendera na porta do matadoiro e que lle duraba exactamente o camiño que tardaba en chegar á taberna. En canto Jacinto chegaba ao seu sitio da barra eu deixaba os deberes do cole a un lado e levantábame presto da mesa. Cuadrábame e levantaba a man dereita para executar o meu diario saúdo castrense. Susórdenes, capitán Jacinto. Jacinto fitábame de pés a cabeza, como pasando revista, e remataba invariablemente cun Descanse, grumete. Botaba unha derradeira calada ao pito e esperaba a que Ramona acabara de encherlle a cunca dun tinto de Barrantes. Ramona collía as cuncas co dedo gordo metido dentro porque tiña a medida situada na base da unlla: en canto o viño lle chegaba a ese nivel, paraba. Esa forma de calibrar a medida do tinto desgustáballe un mundo a Jacinto, que sempre meneaba a cabeza con resignación murmurando Pero que pouca cultura tes, muller, mentres observaba como unha preamar de Barrantes ía afogando o dedo gordo da sorrinte Ramona.

A pesar de que falaba o imprescindible e sempre o recordara entrando pola porta da taberna, contaban de Jacinto mil aventuras vividas en todos os países e mares da Terra, en mil traballos distintos e coas máis diversas e asombrosas identidades. Tíñaselle así por un profesional da vida, con múltiples licenciaturas en Experiencia, másteres varios en Mundoloxía e unha cátedra en Razón e Raciocinio. Un wikijacinto ou unha jacintopedia, razón pola cal as súas opinións gozaban de autoridade e respecto. Cando os contertulios de cunca de mediodía platicaban sobre cuestións superiores, ou as noticias da tele falaban sobre China ou doutra temática inabarcable, agardábase a arbitraxe dos criterios de Jacinto, con sumo interese. Este retiraba os cincentos labios do Barrantes e producíase na taberna un silencio absoluto, no que todos esperaban a súa ocorrencia aguantando a respiración como nun penalti. E Jacinto lanzaba sentencias como O problema de Españistán é que todo dios coñece as regras do fóra de xogo pero poucos saben para que serve un voto en branco. Aquelas ideas explotaban no ambiente da taberna como os fogos de Bouzas, quedaba toda a xente abaneando cos arrebatos discursivos de Jacinto quen, para rematar, e como de regalo, antes de volver a meter os labios no Barrantes podía soltar un Por iso en Españistán sempre tivemos os mellores xogadores de fútbol.

Cando o reloxo avisaba das tres en punto, Capitán Jacinto burlaba as propostas e os convites dos compañeiros cun intransixente Marchoqueteñoquemarchar. Pero nunca marchaba sen deixarme un regalo para pensar: podería dicirme Recorda, rapaz, que a arma máis perigosa do mundo é a ignorancia, ou algo polo estilo, e eu observaba con admiración como desaparecía pola porta aquel home de mundo. Non sei que opinaría Jacinto de que estean collendo o seu reprobado e amado Españistán, cortándoo en trociños e vendéndoo no sueste asiático como si foran as pezas dun coche, probablemente fixera un bo proxectil gramático para lanzalo na taberna, algo sobre a indecencia, sobre o deshonor, sobre que as persoas van e veñen pero soamente permanecen os pobos, sobre que as únicas xeracións que pagan a pena son as que loitan por antepoñer a dignidade dos seus descendentes á comodidade propia. Un día Jacinto non apareceu ás 14,30. No enterro souben que o meu querido Capitán pasara toda a vida traballando no matadoiro para alimentar á súa necesitada familia. Aquel home de mundo tiña a casa chea de libros de viaxes, de novelas de aventuras, de todas as disciplinas e coñecementos da vida. Foi un dos mestres, dos viaxeiros máis incansables que coñecín no camiño da miña vida. Era, Capitán Jacinto, dunha caste de persoas das que Españistán está moi falto.


16/3/10

Aínda escoitas aos porcos, Clarice?


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 69– Ano VII –marzo, 2010)

Non sempre fun de bo comer. O pracer pola comida converteuse nunha das poucas cousas que adquirín coa idade e coa experiencia. Digamos que tiven unha preadolescencia de Nocilla e unha adolescencia de beiconconqueixo; malcomín polos vinte entre espaguetis, churrascos, maicitos das cervexas, pero agora, con trinta e poucos, fago a ola diante dun cocido e persígnome en acción de gracias se teño diante uns canelóns de bacallau e espinacas de La Cueva.
E non crean que foi un camiño de rosiñas, non tal, esta a miña evolución dende a cociña «basical minimalist» – é dicir, de pan e fiambre – ata descubrir que o forno tiña máis utilidades que secar os calcetíns. Levoume o seu tempo. Tiven incluso que resolver fundamentais conflitos internos, especialmente no tocante ao sacrificio animal. Admito que sempre fun vexetariano de vocación, aínda que na práctica exercitei como carnívoro. A miña progresión cara este postrero omnivorismo foi producida pola mirada que meu pai me dedicou cando entrei por casa un día e sentenciei que dende aquel momento negábame a comer carne. Meu pai levantou a vista, miroume a fito, e con esa sutileza fantástica das miradas cargadas de contido eu deixei de ser vexetariano. Ipso facto. Fun vexetariano catro segundos. Teñamos en conta que naquela mesa de cea meu pai era carniceiro, miña nai era carniceira, meu irmán era carniceiro, e traballaba e traballara coa carne gran parte da miña familia dende a creación de Frigolouro. E debido á aquela mirada que agora agradezo continúo gozando dos placeres do chuletón. Non podo dicir que a miña vida non estea relacionada coa carne, non señor. Con trece anos coñecía gran parte dos matadoiros do sur de Galicia, e visitaba con frecuencia os grandes mercados gandeiros de Salgueiriños e Escairón. Non negarei que o polbo «á feira na feira» contribuía a que quedaran gravadas no meu recordo aquelas xornadas fantásticas, como tampouco refuto que esta conxuntura insensibilizoume un chisco no tocante ao sacrificio dos animais, con fins exclusivamente alimenticios. Pero tampouco tanto.
Aínda distingo entre ir a un matadoiro e vivir nun matadoiro. E cando vexo pasar eses olorosos camións cheos de porcos pola rúa porriñesa do Progreso acódenme á mente aquelas xornadas gandeiras da miña infancia. E penso no paradoxo que representa para os porcos ese camiño nos camións-mofeta: camiño que para nós é do progreso e para eles corredor da morte. Pola noite, cando aínda permanece no ambiente do pobo un sutil recordo do aroma porcino, un pode pasear pola rúa Manuel Rodríguez entre os alaridos de centos de porcos que están a ser sacrificados, e tentar adiviñar a forma de utilizar esa banda sonora como reclamo turístico. Se cadra, podiamos bautizar o muro do Cando como «O muro das lamentacións», que corre un tupido velo sobre todo aquelo que non gusta, vía incluída, ou facer unha curtametraxe para Cans, unha versión de Apocalipse Now con alguén que interpretara a Robert Duvall na guerra do Vietnam, con sombreiro e torso espido, substituíndo o ruído dos helicópteros por sonoros gruñidos, enunciando filosófico “Cheiras iso, verdade? É porco, nada no mundo cheira como iso. Gústame o olor a porco pola mañá. Levamos toda a noite cortándolles o pescozo e agora xa non queda ningún deses porcos de merda”. Non che sei… como reclamo turístico pode que non quede elegante, se cadra resulta pouco atraínte, pero tampouco é cuestión de que todos os pobos teñamos que vivir do turismo. Alguén ten que facer o beicon.
O certo é que temos o tema metido na cabeza. E así cando a sabedoría popular porriñesa debe bautizar algún espazo público sen nome sempre bota man da gastronomía. Aí está o Cruce do Costilleta, o Camiño do Colesterol ou a Praza do Lizarrán, da que coñezo xente que se mudou por cousa das noites de insomnio consecuencia de vivir no medio dun matadoiro. Se cadra aí podiamos facerlle un busto a Haníbal Lecter e rebautizala como A Praza do Silencio dos Cordeiros, ou do Silencio dos porcos, con Jodie Foster no papel de Clarice, aquela muller que aínda despertaba polas noites escoitando os gritos dos animais sacrificados na súa infancia.

21/8/09

As verbenas talibanizadas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 62– Ano VI –agosto, 2009)

No verán, con tanta festa patronal, andan os santos e santas do ceo toliños sorteando as bombas de palenque que lles tiramos dende abaixo para a súa honra, honor e homenaxe. Impresionados, comentan en círculos que parece que tiramos a dar, malo raio nos parta. Pensan os santos e santas do ceo, que unha cousa é un petardo amarrado a unha caña na festa e outra ben distinta é usar verdadeiros mísiles terra-aire. Esaxerados que somos. Dende as nubes, aniñados nas trincheiras, observan como se forman nos torreiros das parroquias as divisións de artillería - formadas polos membros da comisión de festas e os pirotécnicos -, recompóñense o casco e rézanse a si mesmos para que desta vez non se nos ocorrera cambiar a pólvora por unha cabeza nuclear. Parecerá excesivo, pero está demostrado que os humanos non temos límite - pensan no ceo -, e bombardeamos día e noite a estratosfera no canto de procurarlle boa saúde aos tímpanos do santoral para as nosas pregarias, que coa cousa da crise boa falta nos farían. Non lle encontran explicación a esa nosa teima de celebrar e anunciar as festas a base de gastarnos gran parte do seu orzamento en bombas, en ruído efémero; retumban os cristais das ventás, os cans corren coa cola entre as patas, e bum! (50 euros), bum (50 euros) BRUBUBUBUBÚMMMM!!!! (250 €), no canto dun silencioso e práctico folleto informativo ou dunha mensaxe SMS.
Disque o uso de bombas de palenque para anunciar as festas non é moi antigo. Soamente nos valemos delas dende hai unhas décadas, cando comezou a consolidarse a opinión científica de que os rebumbios das bombas de palenque espantaban as nubes e o mal tempo. A mesma corrente erudita mantivo a opinión de que cantar e bailar a música de “A cabritinha” era sinónimo de bos augurios e contribuiría a presaxiar boas colleitas e tempos de bonanza. Logo hai xente máis teórica, defensores conceptuais que poderían argumentar que “as bombas convocan o espírito lúdico dos galegos e a súa potente carga de pólvora se xustifica porque a orografía de Galicia precisa unha explosión que anuncie a festa aos habitantes de aldeas veciñas”. Olé. Pero para gran parte dos mortais, gastar miles de euros en bombas de palenque en cada festa soamente se xustifica por unha especie de instinto animal que temos os humanos de facer o máximo ruído posible cando estamos de festa e foder a quen non pode estar de festa e ten que levantarse á mañá seguinte para traballar. E punto. Logo podemos botar man da palabra “tradición”, que pode caer como unha lousa en toda conversa para xustificar o inxustificable, como botar a unha cabra dende un campanario, pero a verdade é que aos humanos gústanos malgastar, tirar os cartos, poñerlles unha caña e facelos explotar no ceo; facémolo nos nosos coches, facémolo nas fachadas pretenciosas de tanta casa galega con tanta columna e tanto mármore que máis que casas parecen Partenóns, e facémolo nas nosas festas. O importante na vida non é ter, senón aparentar que se ten. Se os da parroquia do lado gastan 4.000 euros en bombas, nós gastaremos 5.000; se os do pobo do lado gastan media hora en ruído nos gastaremos tres cuartos. Que carallo… Forma parte da mesma lóxica da “vergoña do galego”, pola que é psicoloxicamente imprescindible que quede en cada prato un anaco de comida aínda que morramos coa fame: con iso demostramos ao colectivo que non necesitamos nada máis, que xa temos de sobra. Coas bombas de palenque pasa un pouco o mesmo, coa diferencia de que un anaco de tortilla non custa miles de euros, deixa durmir ao resto da humanidade, non provoca incendios nos montes e os camiñantes inocentes non corren o risco de que unha lanza xusticiera caída do ceo lles atravese o pescozo de punta a cabo. Galicia sitio distinto. O galego, reflexivo por natureza, xa comezou fai tempo a darlle voltas á cabeza e inventarlle novos usos ao instrumento, reconvertido para a pesca da sardiña e as manifestacións do metal en Vigo. Para botarse a tremer.

11/5/09

A fantasía dos horizontes

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 59– Ano VI –maio, 2009)


De pequeno sempre pensaba que o mundo era máis grande do que realmente era. Tiña a idea da existencia de paisaxes inabarcables, de carreiros que comezaban ás beiras do monte, preto da miña casa, e conducían a lugares inimaxinables a través de milleiros, millóns de quilómetros que atravesaban naturezas inexpugnables, descoñecidas. De enormes paisaxes cheas de vales, montañas, bosques indómitos, árbores e animais que apenas seriamos capaces de imaxinar. Pensaba que existían continentes enteiros aínda por descubrir, e que si seguira as direccións e orientacións correctas, a partir do camiño que saía da miña casa, podería introducirme en rexións onde ninguén ousara pisar. A pesar de que os montes de Torneiros non poderían cualificarse como unha selva tupida, non había quen me sacara da cabeza aquela ilusión por perderme entre eles, buscando a aventura da natureza “salvaxe”; e as veces collía folgos, metía no peto un bocadillo de mortadela, e enchendo a cantimplora de auga acometía un novo carreiro como quen da inicio a un acto histórico. Ás veces levaba unha navalla, para defenderme das bestas, e unha cana de pesca rudimentaria, para alimentarme nos regatos que atopase. Pretendíame un descubridor, un digno herdeiro de Magallanes, de Marco Polo, Admunsen ou Shackleton. Ben sabía, non se crean, que camiñando un pouco chegaría por un lado a Chenlo e polo outro a Tui, pero tampouco tiña tanto tempo, entre a hora de comer e a hora de cear, para descubrir continentes perdidos como un Alexandre Magno.
Pero, sobre todo, cando a idade me permitiu viaxar máis alá das montañas deste vale, tentando sempre ir un pouco máis lonxe, decepcionoume o feito de que o home ten “humanizado”, “civilizado” a inmensa maioría das nosas paisaxes, e quen acomete un carreiro, por moi afastado que sexa, ten poucas oportunidades de camiñar unha decena de quilómetros sen atoparse unha casa, unha estrada, unha liña eléctrica. A nosa paisaxe está tan domesticada, a nosa natureza tan explotada, que as miñas esperanzas de converterme nun aventureiro explorador quedaron do mesmo xeito domesticadas. Sobre todo na Louriña. Supoño que un neno de Mos non podería ter a día de hoxe a amplitude de miras, esa pequena fantasía do descubrimento ao que me refería, a ilusión por acometer o camiño dun monte que comunicara con continentes perdidos, porque por cen metros que andase acabaría atopándose coa cuneta dunha estrada. Case vivimos neste vale como engaiolados, entre tanta estrada, autoestrada, liña de ferrocarril e autovías. Somos como periquitos de salón: observamos o horizonte limitado por barrotes artificiais. Somos como notas enchironadas nun pentagrama.
Sempre pensei que ese carácter galego, supersticioso, misterioso, brumoso, viña condicionado en grande medida pola nosa xeografía abrupta, polos nosos densos bosques, onde calquera cousa podería agocharse “detrás de”. Pero cada vez máis temos paisaxes fragmentadas, e incluso se constrúen zigzageantes camiños para que algunhas especies de animais non se atopen cos humanos. E o Miño, con tanta presa e minicentral, deixou de ser río para converterse nunha forma de Aquapark. Fragmentamos toda a nosa paisaxe, e, con elo, ímonos fragmentado un pouco máis a nós mesmos.
Sempre houbo dispersión rural, pero co “progreso”, con tanta devoción pola construción, por esa teima de vivir no quinto carallo e pretender ter todos os servizos que un pode ter no medio da cidade, tendemos a unir cada núcleo poboacional, cada casa perdida, con tantas infraestruturas, arrasando tanta paisaxe que había polo medio, que a día de hoxe, quen observa Galicia dende un avión non sabe si está a ver unha paisaxe ou un prato de “espaguetti ao pesto”.

3/2/09

Parece que refresca

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 55– Ano VI –xaneiro, 2009)


Si señor, un inverno como deus manda, non se fala doutra cousa. E pase por nós, os galegos, tan expertos nas conversas sobre o clima que ver o parte do tempo na tele éche cousa sagrada, pero que todos os informativos empecen falando do tempo coa que cae en Gaza… non deixa de sorprenderme. Alí, todos eses reporteiros distribuídos por diferentes puntos da xeografía peninsular cajándose de frío co micro nas mans, dicíndonos que si en Burgos xeou pola noite ou si en Pamplona andan a botar sal polas rúas. As señoras patinando nos portais do edificio, e os señores tusindo coa gripe nos asentos dos centros de saúde. A xente envía fotos e todo “Aquí Mari Puri, dende Cáceres, envía unha imaxe do seu can medio morto de frío”. Non se fala doutra cousa. Os caprichos do clima son de interese nacional. O tema da crise foi arrasado polos mapas de isobaras. E coa cousa do cambio climático ben poderemos mandar os xeranios ao lixo e plantar uns percebes no balcón. Non me digan que o tema non ten futuro. Ben é verdade que esta climatoloxía convulsa que imos soportando nunha estación que xa nin era estación nin era nada, debe facernos sentir afortunados. A neve, o xeo e ese frío que fainos pasear polas beirarrúas encollidos, como si fósemos imitando a Chiquito de la Calzada – no puedorrrr -, podería interpretarse como un claro factor de cohesión social. Explícome. Coa cousa dos excesos climatolóxicos afondamos moitísimo máis na conversa con aqueles seres humanos que non chegando a “amigos” quedáronse en “coñecidos”. Socializámonos. Abrímonos aos demais.
Xa me dirán vostedes si non soportaron esa incómoda situación de compartir o ascensor cun veciño do que apenas lle coñecemos o nome. Alí, os dous metidiños nun metro cadrado mirando o chan e contando os pisos que faltan. Si parece que non pasa o tempo. Unha situación difícil na que os dous habitantes do ascensor saben que é necesario falar, aínda que ningún arranca. Unha disposición que intimida, certamente. Cun inverno normal o roce non pasaría dos típicos “Ola”, “Bos dias”, e tate, disconnecting; sen embargo, cun inverno de tantas inclemencias un ten materia dabondo para estenderse, e pode darlle renda solta a unha conversa que por trivial e repetitiva non deixa de ser un pasiño no camiño da boa veciñanza. Aí lle mandamos un “Que frío, non?”, e xa está, xa temos conversa montada. Quedamos como dios.
Os expertos na materia, aqueles que poden chegar a establecer diálogo ata co Antonio Palacios da peatonal, memorizan toda a información meteorolóxica da tele para este tipo de situacións. Poden darche a media de temperatura de todas as capitais provinciais. Os portos de montaña pechados, os metros de neve en Baqueira-Beret. Poden facerche unha análise completa da situación. Estatísticas, previsións, contar os anos que pasaron sen que pasara o mesmo. Sen chegar a tanto, na molesta situación do ascensor, un debe ter algún dato adicional para subsistir: non vale con responder “Pois si, vai moito frío”, porque así estariamos asasinando unha conversa ao pouco de nacer: a resposta non aporta nada ao discurso e o veciño calará de súpeto. Pensará que somos uns bordes antisociais. Logo non nos queixemos de ser ignorados pola comunidade. Sexamos máis sociais, indiquemos, quizais, algo do tipo “Din que o martes xa se moderan as temperaturas” e teñamos unha cordial relación de veciñanza. Unha xeada a tempo pode ser unha oportunidade para fomentar a camaradería cos nosos concidadáns, para desenvolver novas relacións de amizade. Non se corte, sexa comunicativo, fale vostede do tempo.

21/11/08

Nossa Senhora de Ikea

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 53 – Ano V –novembro, 2008)


Circula un pulo por Internet, que teñen intención de beatificar a “Nossa Sra. de Ikea” en Matosinhos, seguindo a liña das grandes relixións monoteístas cos seus centros do comercio espiritual: Roma, Compostela, Xerusalén, A Meca, e agora Porto. Os medios informativos recollen verdadeiras romarías de peregrinación de compatriotas polas autoestradas lusas nas fines de semana e festas de gardar, e un pasea pola sección de cociña da portuguesa Ikea saudando a tantos veciños como quen paseara pola peatonal. Fátima, no pais do lado, está de capa caída, e soamente hai que ver o aparcadoiro deste templo sueco dos mobles e complementos, para comprender que as preferencias dos nosos compatriotas cidadáns cambiaron dunha combinación (bacallau + toallas + Virxe de Fátima) a outra (bacallau + toallas + Nossa Sra. de Ikea), polo motivo evidente de que, a pesar dos rogos e pregarias, a de Fátima non é quen de decorar as nosas casas como deus manda, e a de Matosinhos, cunha pátina escandinava, parece ser que si.
¡Que recorrido temos dado, dende os mobles de formica! ¡Que recorrido! E pensabamos ser internacionais gastando os cuartos nos “mobles portugueses” de antes, cando agora temos unha mesiña de noite feita en Bulgaria, un colchón indonesio, un aparador de Senegal e variado xénero internacional, nunha furgalla de aluguer con todo dentro vai e ben entre Porriño e Porto. ¡Que recorrido!, logo de pasar polo enriquecemento persoal que supoñía o “fágao vostede mesmo” dun Bricoking ou dun Leroy Merlin, enchendo toda a casa de serríns e de pintura, de tablóns mal encadrados, malevolamente animados polo vasco de barbas de Bricomanía. ¡Pero que recorrido temos dado!, ata chegar á serie Lack, a esas liñas rectas, á suave intranscendencia da estética moderna. Coñezo xente que saltou, como por arte de maxia, do barroquismo dos mobles decimonónicos, que un podía atoparse nos almacéns do Centro Reto de Vigo, e agora sonche minimalistas; e un pensa que case case poderían estar nunha beira do Mar Báltico, por Estocolmo, con gafa de patilla plástica teorizando sobre a dietética da remolacha ecolóxica.
Escusamos, co de Ikea, de rompernos a cabeza tentando sacar ao deseñador que poida que non teñamos dentro, para delegar as cousas da decoración de interiores a un Tord Björklund, a un Nike Karlsson ou a unha Carina Bengs, que están na súa casiña prefabricada de Uppsala, deseña que te deseña, cunha manta a cadros Blahägg, ben postiña sobre as pernas. Preocupámonos do noso, sacamos a tarxeta de crédito e deixámoslle o deseño da nosa casa a IKEA of Sweden. Os suecos, que non teñen unha climatoloxía envexable, dedícanse todos a deseñar e deseñar dende moi novos, alí, todo o día con regra e compás metidos nas súas casiñas quentes, mentres nós podemos sacarlle toda a punta á vida contemplativa e andar por aquí de cañas nas terrazas, quizais sentados nunha cadeira Äpplarö, 29,95 € a unidade. Pero como non todo monte é ourego, se cadra temos un salón idéntico, punto por punto, a Tatsumi Irigochi, que vive en Osaka (Xapón) e ao veciño de 2º, do 3º e do 5º G, sentíndonos, ás veces, como aquela que vai de punta en branco a unha voda e recoñece o seu vestido copiado por dúas ou tres convidadas máis; como quen fora de Inditex. Éche o que ten o deseño en serie: que está ao alcance de todos. Co de Nossa Sra. de Ikea, ¡Deus nos colla confesados!, somos un pouco máis “exclusivamente homoxéneos” e Silleda deixou de ser a capital do moble para seguir sendo un pobo que ninguén sabe moi ben onde nos queda. Non me toca opinar si todo isto é bo ou é malo, pero sentado escribindo no meu salón Made in Ikea, non deixo de pensar si todo isto é necesario ou non. Pero, Nossa Senhora de Fátima, confeso que eu peco coa de Ikea, porque son un mortal feble.

17/10/08

O mellor que me pasou na vida

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 52 – Ano V –outubro, 2008)

“É o mellor que me pasou na vida”, pensa o pai na porta do colexio, rodeado doutros pais e nais de mediana idade que saúdan coa man ao fillo ou filla que se introduce no patio da escola. Todos amosan un espléndido sorriso na cara e volven saudar coa man cando o fillo ou filla se da a volta. Unha escena cándida, encantadora, que se repite cada mañá do curso escolar en cada colexio do mundo e das que por estes lares andabamos tan escasos. Os índices de natalidade parece que están repuntando, a pesar da crise hipotecaria e a crise económica nun país no que ata fai ben pouco o único aforro que exercitaban os cidadáns era en fillos. Tate, á media pouco lle faltaba para baixar de un, se cadra no pensamento de que para ter un fillo fan falta dous, andabamos case polo medio fillo por cabeza. ¿De onde sacabamos os cartos, o tempo, para coidar dun fillo? ¿Que lle iamos deixar en herdanza, ao pobre, se viviamos de aluguer e apurabamos ata o último día de prazo na ITV? Pero parece que andamos agora algo máis ricos (incluso subvencionamos aos bancos); onde comen dous, comen tres, e ben claro está que, por riba dos 2.000 euros por parto do goberno (ou sexa, de nós mesmos), no Porriño a Peatonal foi decisiva neste punto: sacar ao fillo a pasear pola Peatonal é un vicio ao que moi poucos se poden resistir. É unha tentación demasiado forte como para non ceder ante ela. Non me digan que non luce o fillo, ven vestidiño, unha tarde de sol Peatonal-para -abaixo-Peatonal-para-arriba. Parece que a un, de terraza, fáltalle algo se non ten un deses pequenos berrando ao redor ou chocando contra a pata da cadeira cunha pequena moto de plástico, último modelo. Tal como existiu a xeración do “baby boom”, a X e a Y, dentro duns anos falarase da “xeración-Peatonal”, e todos terán en común un destacado moreno de pel e unha certa tendencia ao motociclismo.
A xente pola rúa fala de panais e de biberóns, do método Estivill e deses pequenos avances en principio (soamente en principio) intranscendentes dos fillos sempre esaxerados polos proxenitores: se o neno eructa dise que xa fala, non me digan que non lles parece entrañable ese orgullo por derivación xenética . Os anciáns convertéronse en avós, e pasaron de ver as obras a ter conta dos netos, un branco móbil moitísimo máis enriquecedor e entretido. En serio, parece que nestas latitudes a xente como que reviviu con este exército de nenos e nenas que berran polas rúas, berran nos pisos novos e berran pola Peatonal. Faltábanos algo de optimismo e non hai maior optimismo que o provocado pola descendencia, xa que significa a prolongación da nosa vida. A xente mira un neno e inconscientemente sorrí, non sabemos ben por que, polo que como obxecto provocador de sorrisos xa estaría xustificada a súa presenza entre nós, a pesar dos berros, das babas e das cacas. Cada neno é un proxecto de vida, significa esperanza, unha especie de espertar na sociedade, a asunción dunha responsabilidade na existencia. O neno, como produto, significa de principio unha longa baixa laboral por maternidade/paternidade e 2.000 euros na conta do banco, polo que era certo que chega ata nós cun pan debaixo do brazo, aínda que non sexa un pan de fartura. Significa tamén noites en vela, carreiras ao pediatra e un gasto moi considerable en paciencia e panais, pero todos estes contratempos quedan de lado co estimulador exercicio de pasear ao neno pola Peatonal, con “P” maiúscula.