Mostrando entradas con la etiqueta economía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta economía. Mostrar todas las entradas

16/5/08

A focaccia contra o BigMac

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 47 – Ano V –maio, 2008)



Luigi Digesú é un humilde panadeiro italiano de 35 anos que vive nunha pequena cidade do sur de Italia, Altamura. Quizais porque non en tódalas casas de ferreiro hai coitelos de pau, o feito de que o pai de Luigi, o avó de Luigi, o bisavó de Luigi e o tataravó Digesú foran destros na arte de enfariñar a tafona tería algo que ver para que o mozo panadeiro tivera a ben abrir un pequeno comercio na súa localidade natal. Luigi é representante desas antigas escolas familiares que modelaban un oficio común asumido polos descendentes case case por vocación xenética, herdado xunto coas fotografías e os recordos de familia. Se cadra por iso, pola esmagadora determinación dos xenes, Luigi Digesú non tivo outra que abrir ilusionado a súa pequena panadería-restaurante ao carón dos 550 metros cadrados do xigante mundial da comida rápida, McDonald´s, que elixira a pequena localidade de Altamura como punta de lanza para expandirse en todo o sur do país. Xa saben como son estas cousas: o McDonald´s atestado de xente, sobre todo mozos, que acoden case en procesión dende toda a comarca para comer o que a xente come na televisión e nas películas de Hollywood. E o bo de Luigi no seu pequeno establecemento artesán encarado á grande multinacional, enfariñando cun movemento de man similar ao da sementeira, traballando pausadamente, facendo a súa labor con cariño porque os alimentos tratados con cariño conservan ese amor co que foron manufacturados. Digesú explica a quen queira oílo que “para facer o pan necesítase tempo, deixar que o fermento faga o seu traballo; e despois hai que amasado coas mans, porque as máquinas non o fan igual; e logo débese cocer en forno de leña, e usar leña de aciñeira”.
A historia, contrariamente ao que poderiamos pensar, remata inusualmente: nuns meses o McDonald´s pecha e vaise de Altamura coa cabeza gacha. De nada serven as operacións de marketing da multinacional, as promocións, os descontos ou os cambios de directores no coloso da comida rápida, as súas mesas van baleirándose de xente nuns meses, mentres na panadería-restaurante de Digesú centos de persoas forman cola para probar os seus focaccia, as súas pizzas con setas cardoncello, o seu sinxelo pan regado con aceite de oliva e condimentado con tomates maduros. Unha noite, con premeditación e alevosía, os operarios da multinacional retiran a xigante “M” da fachada, e o pallaso sorrinte da súa publicidade vaise do sur de Italia coas súas “afamadas” hamburguesas. Luigi, atarefado co seu pan, non se da de conta que lle zumbou unha patada nas pelotas ao símbolo da globalización.
Desgraciadamente esta historia sucede a miúdo, pero sucede ao revés: chegan os grandes e o comercio local, artesán, tradicional, vaise ao carallo. En xeral vaise ao carallo todo o que teña que ver co artesán, o tradicional, porque a globalización nunca se adapta a nós senón que nós temos que adaptarnos a ela. Por aí camiñamos. E que me din dos oficios? Cada vez máis, na actualidade, o concepto de “oficio” vai deixando paso á máis descafeinada palabra de “traballo”, e así cada un soe ter un oficio, unha profesión, pero traballa, sen embargo, no que un poda ou lle saia na vida. Con iso temos algunha que outra cousa que gañar, pero tamén moitas que perder: e entre elas, non me negarán que no caso do panadeiro Luigi, alguén que creceu entre o forno e o cheiro do pan quente non sexa quen de sacarlle ao fermento e á fariña cousas que un licenciado en enxeñería, poño por caso, panadeiro polas vicisitudes do mercado laboral e empregado a tempo parcial, non sexa quen de sacarlle. Non sei vostedes, pero a min co pan de Digesú fíxoseme a boca auga, e teño a esperanza de que non desapareza nunca o bo facer destes entregados artesáns locais neste apático mundo globalizado.

4/12/07

En cómodos prazos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 38 – Ano IV –agosto, 2007)
Dous de cada tres españois son incapaces de aforrar un só céntimo cada fin de mes, e por iso, e porque cada vez que un pasa polo banco aparecen no papel todas as letras que temos acumulado, eu propoño dende esta tarima literaria que as “cartillas de aforro” pasen a denominarse “prosa fiscal”. Por unha sorte de malabarismo económico, o pago a crédito que xurdiu (ou iso nos dixeron) para facilitarnos a cousa das compras tense convertido, para moitos, nunca forma de hipotecarse toda unha vida. Unha v-i-v-e-n-d-a, un c-o-c-h-e, ou un s-o-f-a-c-a-m-a teñen moitísimas máis letras das que parece, e custa máis pagalas do que nos informa ese señor comercial que, sorrinte, case chega a chamarnos “estúpidos” por non contratar ese produto imprescindible que nos tenta vender, se cadra unha batedora en trinta cómodos prazos que non necesitamos. Non é nada persoal: probablemente ese señor comercial teña dous traballos en precario e letras dabondo que pagar como apechugar coa cabeza baixa calquera cousa que lle ordenen no traballo; e así anda a xente pola rúa, amargada, porque temos tantos créditos concertados que necesitamos calquera traballo de merda para pagalos. Porque nos teñen pillados polos collóns. Un inocente neno saharauí que observaba o ritual do caixeiro automático, exclamaba inocente que aquí os cartos saían das paredes, e así lle debe parecer a moita xente que despois mantén a respiración cada vez que lle pasan o imposto revolucionario da VISA. Porque, vamos a ver, unha sinxela operación matemática bastaría para comprender que se un ten 1.000 euros non pode gastar 1.500, por cómodo, aprazado ou fraccionado que sexa o pago, so pena de ter que contratar (e isto xa raiaría na estupidez verdadeira) un crédito para pagar un crédito para pagar un crédito, algo insostible a medio prazo, créanme. A xente non se corta, e alentada polo universo dos anuncios e pola audacia de axentes comerciais formados (lembremos que a profesión de “axente comercial”, por moi digna que sexa, é vender, calquera cousa) compra e compra e veña a comprar. Todo ven a rematar na cousa do consumismo feroz, dado que mercamos cousas que moitas veces non necesitamos e a prezos que non son os axeitados. Sei de xente nova sen traballo fixo que comprou un piso cunha hipoteca a 30 anos con mensualidades de 700 euros ao mes, e a min me poden dicir misa porque eu sigo cavilando que esa xente estará obrigada durante 30 anos a conseguir 700 euros ao mes para o demo do piso, todo un deporte de risco, como andan as cousas da vida. E soamente despois de 30 anos poderán dicirme que ese piso e seu, porque antes, amigos meus, ese piso é propiedade do banco, e un non ten máis que deixar de pagar catro mensualidades da hipoteca para quedarse na rúa. Existe tamén a palabra “aluguer” que a min me gusta moito máis e permite unha vida máis disoluta. E aínda que parece que da vértigo pensar que tes que vivir de aluguer toda a vida, cando aqueles e eu teñamos sesenta anos, eles con moita sorte terán un pequeno piso en propiedade despois de trinta anos de aforros, medos e resignacións, mais eu terei trinta anos de vida relaxada e cómoda, de ter a liberdade de gastar os cartos que gaño como me pete a gaña. Sinceramente, se os cartos naceran nas paredes ou se os créditos de tantas cousas que me queren vender me permitiran ter cartos ao mes para viaxar, cenar fora e saír de noite dous ou tres veces á semana, comprar roupa e libros, etcétera, etcétera, non o dubiden: eu tamén caería no abismo do consumismo feroz. Pero mentres tanto, prefiro ter que traballar para vivir, e non vivir e traballar para pagar cada mes as débedas.

… que ven o lobo

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 35 – Ano IV –maio, 2007)


De cativo, a través da ventá do coche, observaba impresionado o aspecto dos pobos abandonados da conca mineira de Asturias. Aldeas pantasmas cuxa vida se foi despois de que pecharan as fábricas de carbón baixo as cales se distribuían miserentos poboados de pequenos edificios monocromos. Apenábame a visión daqueles parques infantís, de columpios oxidados, case tristes, que tan só se movían co impulso do vento, e no ambiente silencioso existía tal grado de tristura melancólica, de lembranza de vidas, que un, case nun acto reflexo, abría os beizos e pronunciaba a palabra “nostalxia”. Entre aquelas paredes abandonadas celebráranse noiteboas e cumpreanos; naceran e creceran nenos e ilusións, proxectos de vida, e só tiña que pechar os ollos e agudizar o oído para escoitar as risas e os choros que quedaran para sempre impregnados no aire daqueles espazos agora inertes. Coa estrada e os cartos do carbón, alí chegaran os homes coas súas familias, e levantaran fábricas e traballaran nelas, e crearan escolas, farmacias e bares, peñas deportivas, amizades, amoríos. Coa estrada marcharan certo día os cartos e o carbón, e comezara a xente a marchar detrás deles, a pechar a escola, a clausurar os bares e a separarse os amantes con bágoas nos ollos. Todos fixeran as maletas e marcharan en pouco tempo: tan rápido que se esqueceran de levar consigo os mortos do cemiterio agora abandonado. Había unha palabra que o resumía todo: “carbón”; e a súa cor impregnaba os muros e as árbores de todo o val, e o seu olor embriagaba o nariz, e o seu son se escoitaba fuxidío polos camiños que serviran para chegar, e serviran despois para marchar daquel lugar. Quedaran, para o recordo, as construcións valeiras e ennegrecidas que chegaran co carbón e co carbón se foran. Cando un depende tanto dunha única cousa, esa única cousa (como a droga) se converte en dona o señora da vontade dun, e un non pode máis que seguir os pasos que lle sexan marcados por ela. O carbón desta historia podería chamase “granito” ou “Citroën” noutra historia sen que cambiase a cuestión de que a nosa vida non debería depender de si unha empresa quere ser máis o menos rendible segundo o vaivén do mercado. Teño claro que o granito deste val acabarase máis cedo que tarde, e os chineses aprenden a pronunciar a palabra “Citroën” como aprenderon a pronunciar o nome de centos de empresas que a preceden cada día. A cuestión non é só quen terá as maletas máis cheas cando moitos teñan que marchar de aquí, senón, creo, ata que punto estamos dispostos a estirar a corda, a baixar os pantalóns, a “flexibilizar” a nosa dignidade laboral, social, humana en beneficio destas empresas antes de que o inevitable suceda. Dependemos tanto de tan poucas cousas, que se non comezamos a buscar alternativas económicas xa, teremos que ir pensando nesta terra que poñer nas maletas cando teñamos que trasladarnos a outra.