Mostrando entradas con la etiqueta vidas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta vidas. Mostrar todas las entradas

18/4/10

O Capitán Jacinto


(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 70– Ano VII –abril, 2010)

Jacinto entraba puntualmente ás 14,30 na taberna e saudaba cun seco movemento de cabeza. Vestía a boina ladeada, como os franceses, e tiña as botas cheas de pelos e enormes gotas de sangue aínda fresca do traballo. Na man dereita sostiña fumeante o cigarro negro que acendera na porta do matadoiro e que lle duraba exactamente o camiño que tardaba en chegar á taberna. En canto Jacinto chegaba ao seu sitio da barra eu deixaba os deberes do cole a un lado e levantábame presto da mesa. Cuadrábame e levantaba a man dereita para executar o meu diario saúdo castrense. Susórdenes, capitán Jacinto. Jacinto fitábame de pés a cabeza, como pasando revista, e remataba invariablemente cun Descanse, grumete. Botaba unha derradeira calada ao pito e esperaba a que Ramona acabara de encherlle a cunca dun tinto de Barrantes. Ramona collía as cuncas co dedo gordo metido dentro porque tiña a medida situada na base da unlla: en canto o viño lle chegaba a ese nivel, paraba. Esa forma de calibrar a medida do tinto desgustáballe un mundo a Jacinto, que sempre meneaba a cabeza con resignación murmurando Pero que pouca cultura tes, muller, mentres observaba como unha preamar de Barrantes ía afogando o dedo gordo da sorrinte Ramona.

A pesar de que falaba o imprescindible e sempre o recordara entrando pola porta da taberna, contaban de Jacinto mil aventuras vividas en todos os países e mares da Terra, en mil traballos distintos e coas máis diversas e asombrosas identidades. Tíñaselle así por un profesional da vida, con múltiples licenciaturas en Experiencia, másteres varios en Mundoloxía e unha cátedra en Razón e Raciocinio. Un wikijacinto ou unha jacintopedia, razón pola cal as súas opinións gozaban de autoridade e respecto. Cando os contertulios de cunca de mediodía platicaban sobre cuestións superiores, ou as noticias da tele falaban sobre China ou doutra temática inabarcable, agardábase a arbitraxe dos criterios de Jacinto, con sumo interese. Este retiraba os cincentos labios do Barrantes e producíase na taberna un silencio absoluto, no que todos esperaban a súa ocorrencia aguantando a respiración como nun penalti. E Jacinto lanzaba sentencias como O problema de Españistán é que todo dios coñece as regras do fóra de xogo pero poucos saben para que serve un voto en branco. Aquelas ideas explotaban no ambiente da taberna como os fogos de Bouzas, quedaba toda a xente abaneando cos arrebatos discursivos de Jacinto quen, para rematar, e como de regalo, antes de volver a meter os labios no Barrantes podía soltar un Por iso en Españistán sempre tivemos os mellores xogadores de fútbol.

Cando o reloxo avisaba das tres en punto, Capitán Jacinto burlaba as propostas e os convites dos compañeiros cun intransixente Marchoqueteñoquemarchar. Pero nunca marchaba sen deixarme un regalo para pensar: podería dicirme Recorda, rapaz, que a arma máis perigosa do mundo é a ignorancia, ou algo polo estilo, e eu observaba con admiración como desaparecía pola porta aquel home de mundo. Non sei que opinaría Jacinto de que estean collendo o seu reprobado e amado Españistán, cortándoo en trociños e vendéndoo no sueste asiático como si foran as pezas dun coche, probablemente fixera un bo proxectil gramático para lanzalo na taberna, algo sobre a indecencia, sobre o deshonor, sobre que as persoas van e veñen pero soamente permanecen os pobos, sobre que as únicas xeracións que pagan a pena son as que loitan por antepoñer a dignidade dos seus descendentes á comodidade propia. Un día Jacinto non apareceu ás 14,30. No enterro souben que o meu querido Capitán pasara toda a vida traballando no matadoiro para alimentar á súa necesitada familia. Aquel home de mundo tiña a casa chea de libros de viaxes, de novelas de aventuras, de todas as disciplinas e coñecementos da vida. Foi un dos mestres, dos viaxeiros máis incansables que coñecín no camiño da miña vida. Era, Capitán Jacinto, dunha caste de persoas das que Españistán está moi falto.


14/12/08

Xulia Bolboreta

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 54 – Ano V –decembro, 2008)



Nesta tola época de transfuguismos, onde os chinos comunistas privatizan ata o aire e os occidentales capitalistas nacionalizamos bancos; nestes anos onde asistimos á defunción das ideoloxías en pro do beneficio propio, cobra máis importancia para min a defensa dunha idea incorruptible e xusta na figura de Julia Butterfly Hill.
Julia era unha moza de 23 anos que, o 10 de decembro de 1997, subiuse a unha árbore para evitar a súa tala. A árbore en cuestión era un sequoia de 1000 anos de antigüidade que a compañía madeireira Pacific Lumber pretendía cortar, xunto a outras 60.000 hectáreas de bosque, na cidade californiana de Stanford. A rapaza subiuse á árbore e, a 50 metros de altura, construíu unha plataforma de 3 metros cadrados cuberta por unha lona, mentres os seus compañeiros periodicamente lle subían comida a través dunha polea. Julia estivo alí arriba durante 738 días sen por un só pe na terra, e soportou que lle botaran chorros de auga dende helicópteros, queimaran parte do bosque para tentar asfixiala, montaran garda para que non lle subministraran comida. Julia soportou tormentas que arrasaron o seu escuálido refuxio, padeceu unha enfermidade vírica nos riles que soportou medicándose con extractos de plantas do tronco, caeu ao baleiro varias veces pero conseguiu salvarse agarrándose ás polas da árbore. Julia soportou que a denigraran, que a difamaran co apelativo de “ecoterrorista”, que a insultaran e atacaran, pero 738 días despois puxo por primeira vez un pé na terra: conseguira que indultaran a árbore e todo o bosque de arredor. Conseguira coa súa odisea, coa defensa da súa idea ata as últimas consecuencias, gañarse o respecto da xente, e a gran compañía madeireira tivo que renunciar ante ela.
Para moitas persoas Julia podería parecer unha extremista, unha radical, unha tola por pasar todo o que pasou por defender unha árbore. Pero para min e moita xente Julia é unha heroína, unha persoa cunha ideoloxía xusta á que sacrificou parte da súa vida. Unha moza que merece todos os meus respectos e parabéns, e da que terían moito que aprender todos eses que din que traballan polo noso beneficio. Porque Julia non defendía soamente a unha árbore que vivira 1000 anos nesta terra e que corría o risco de desaparecer por aumentar a conta corrente de catro ou cinco, ela defendía unha idea: que ninguén ten o dereito a roubar o pasado e futuro de todos para conseguir beneficios rápidos no presente. Que as ideas xustas deben defenderse ata o final.
O humano leva millóns de anos neste planeta, e quizais estamos asistindo á primeira vez que unha xeración deixa aos seus fillos un mundo peor do que herdou. O medio ambiente non existe como unha opción allea a nós: existe a Natureza, con maiúsculas, da que nós formamos parte. E deixando que a sacrifiquen, “pasando” do tema, non só estamos a realizar una forma de suicidio, senón que estamos tamén condenando aos nosos fillos á miseria e á morte. Sen medias tintas. Ninguén pide que debamos exercer unha guerra como a de Julia, pero sexamos conscientes de que quen loita para que non contaminen un regato - quizais o noso veciño – debe ser un heroe para nós e todas as xeracións que virán no futuro. Defendámolos, porque eles nos defenden a todos nós perante o beneficio momentáneo duns poucos.
Nesta época na que a calidade moral dos nosos supostos “representantes” adquire o cariz do noxento con parte da nosa complacencia, debemos volver ás ideoloxías, ao ben do colectivo por riba do beneficio propio: e a defensa da Natureza ben sendo, quizais, a súa máxima expresión porque é tamén a defensa da especie humana. Fai moitísimos anos, un indíxena norteamericano plasmou esta ideoloxía que debería facernos pensar cara a onde camiñamos: “soamente despois de que a derradeira árbore sexa cortada, soamente despois de que o derradeiro río sexa contaminado, soamente despois de que o derradeiro peixe sexa capturado, soamente entón descubriremos que o diñeiro non se pode comer”.

4/12/07

Unha vida dende Varsovia a Chittabong

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 34 – Ano IV –marzo, 2007)


Luisa M. tamén caeu. Unha pena. Lémbrome dos primeiros e-mails que nos intercambiabamos: ela era unha poetisa sevillana que andaba a facerlle as beiras ó vodka polaco mentres pululaba dunha beira a outra de Polonia, tentando montar unha empresa de importación de ámbar. Eu era un escritor novel, que non Nobel, e acababa de exportar das miñas mans un libro que caera nas súas. Non deixou de resultarme curiosa a imaxe desa muller, dando voltas polo Leste entre vodka e facturas, pasando as noites entre as sabas de psicanalistas (éravos unha cousa que non podía evitar) e os meus relatos. Luisa M. apostaba sempre unha botella de Bols a que nunca caería nos prácidos brazos da vida cómoda e prefixada, no normal, no típico, nos marcados carreiros do modelo de vida occidental. Pero Luisa M. tamén caeu, e sinto pena. Despois de moito tempo recibín fai pouco un e-mail dende Bangladesh: Luisa M. andaba a voltas cun cargamento de soia en Chittagong, e lin que conseguira esquivar tódalas balas coas que un ex – ministro, alá pola rebelión do 17 de xaneiro, pretendía encher as rúas dese país. Luisa M. celebrouno cunha botella de “morte branca de 40º”, e ata aquí todo na súa excéntrica normalidade. Pero Luisa M. comentábame acto seguido “Cato, he abandonado la literatura por los millones de dólares, me he vendido suciamente a los valores del mercado continuo, los commodity y la banca suiza”. Confesaba que era a raíña da noite con menos glamour do que un puidera imaxinar, a pesar de gastar unha pasta en cremas de Chanel e Opium, a pesar de xurar que se sentía a muller máis vella do mundo, sabedora de que hai engurras que non se poden alisar. A pesar de saberse derrotada pola forza das circunstancias. Tiña por certo que o vodka polaco, barato e corrupto, queimáballe os tacóns, e agora sinte que leva uns zapatos demasiado caros como para poder brindarllos a unha noite de copas, pero eu prefería á Luisa M. de antes. Nunca souben moito dela, pero quedo coa idea de que antes era unha feliz poetisa sen cartos e agora é unha empresaria con cartos e infelicidade que se deixou levar pola corrente. Ímonos adaptando á vida que nos toca, pero desgrazadamente ás veces fáltanos a vontade para adaptar esa vida a nós mesmos, moldeala ó noso gusto como se fora unha escultura en terracota. Luisa M. antes vivía como lle daba a gana e viaxaba levando ás costas o seu ámbar: agora viaxa detrás dos cargamentos de soia, ao vaivén do mercado, vivindo segundo a ditadura da moda e dos cartos. Luisa M. tamén sabe que os billetes cos que paga os seus zapatos caros e as súas bebidas de luxo poda que non estean tan limpos como os de antes, os de cando andaba ao “tuntún” por Polonia queimando os tacóns dos seus zapatos baratos e era, se cadra, un chisco máis feliz.

Baixo a mesma lúa

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 32 – Ano IV –xaneiro, 2007)


Mohammed preguntoume unha vez si no meu país tamén tiñamos lúa. Era unha noite desas do Sáhara, nas que camiñas tranquilamente por entre as jaimas coa agradable sensación de sentirte insignificante no medio dun enorme deserto de escuras areas azafranadas, baixo o acubillo dunha incrible e estrelada bóveda celeste, baixo a mirada dunha lúa enorme, tan grande que parece que soamente tes que estender o brazo para tocala. Mohammed e máis eu camiñabamos paseniñamente, coa agradable sensación de perder o tempo vagabundeando e divagando sobre as nosas cousas. Mohammed riuse cando lle dixen que sí, que alá en Galicia, a miles de quilómetros víamos a mesma lúa que estabamos vendo naqueles instantes. Mohammed ríase mentres meneaba a cabeza e repetía “la misma luna, jajajaja, la misma luna”, porque non sabendo exactamente de onde viña eu sí sabía que viña dun lugar demasiado afastado como para poder ver aquel enorme círculo branco que case se podía acariñar cos dedos. Tempo despois, en Perú, perdido nas profundidades do enorme Canón do Colca, deixaba pasar a noite ó seu ritmo sentado ó carón da miña cabana de canas, nun deses momentos en que sentes o pracer de ver como o tempo se desparrama marabillosamente pola túa vida, mentres escoitaba o rítmico fluír do río e observaba ensimesmado como unha enorme lúa parecía coroar pechando os cumios do canón, 1.800 metros máis arriba. “Es bonita, ¿eh? – interpeloume Vidal, o meu guía peruano -, casi parece que la pudieras tocar con la mano”. Vidal tiña bastantes máis coñecementos do mundo que Mohammed, razón pola cal escusei de indicarlle que alá, da terra da cal procedía, tamén podiamos observar a mesma lúa pois pensaría que ó final, despois de tanto avisar, collera por fin o “mal de altura” e andaba a desvariar. Observo dende a ventá do meu piso do Porriño unha lúa enorme e saúdoa dándolle as boas noites coa complicidade daqueles viaxeiros que se atopan periodicamente no seu percorrer polo mundo. Con desesperanza penso que tódalas razas, culturas, pobos e países cada noite observamos a mesma lúa. Que todos somos veciños e vivimos unidos baixo o acubillo do mesmo ceo nocturno, dos mesmos desexos, dos mesmos sentimentos. A historia da humanidade, tan chea de sangue e odio, de intolerancia, non poderá cambiar mentres non comprendamos que todos temos o dereito de vivir no mesmo planeta enfermo. Non cambiará mentres non aceptemos que este planeta saqueado, maltratado e malferido nos pertence a todos por igual. A Mohammed e a Vidal, a ti e a mín.

3/12/07

Soamente se morre unha vez

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 6 – Ano I – novembro, 2004)

O único que nos fai iguais a tódolos habitantes deste planeta é que todos morreremos un día ou outro. Unha mañá estamos tan escarallados que non podemos erguernos da cama, chaman a un cura e oímos chorar a familiares e amigos nunha habitación contigua. Merda – pensamos -, tocoume hoxe. Cavilamos se realmente todo pagou a pena e facemos reconto do que conseguimos. Un televisor de 32 polgadas “dolbisurraun”, un coche novo que é a envexa dos veciños, unha fermosa casa na que traballamos ata onte, un chollo no que partimo-lo lombo corenta anos para pagar o televisor, o coche e a casa. Quizáis un traxe de Armani e unhas vacacións en Marina D´Or. Pode que nesa tesitura nos caia unha bágoa, tanto tempo perdido... Lembrámonos de pequenos, cando tiñamos tantos proxectos, tantas ilusións, tantas esperanzas, e dámonos de conta de que deixamos escapa-las todas sen saber nin como nin porqué. Un pensa que a vida ten que ser o conxunto de cousas coas que lograremos morrer cun sorriso na boca. ¿A qué estamos dispostos a renunciar para conseguilo?, ¿de verdade necesitamos gastar todo o noso tempo, esforzos e cartos en cousas que poida que non necesitemos, nin nos fagan realmente felices? Paremos o carro un momento, pensemos no camiño que estamos a percorrer, porque a mellor inversión posible é a propia vida. Calquera día nos toca sin realizar aquela viaxe que sempre quixemos facer.

Encol do progreso e a infelicidade

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 3 – Ano I – agosto, 2004)

¿Como che pode dar igual Picardía, Bretaña ou Normandía? – preguntábame o encargado dos billetes de tren dunha estación parisina -, non son o mesmo. Eu, daquela, tentaba escapar da cidade para ver o mar, respondéndolle nun mediocre francés que si, que me importaba tres carallos cara onde, que soamente quería irme o máis rapidamente posible.Fai uns días un amigo comentábame que quizais o progreso social acádase reducindo o tempo de lecer. A sociedade francesa – continuaba – está moito máis avanzada ca nós nese senso. Ben é certo, penso pola miña parte, pero tamén o é que á sociedade francesa fáltalle a espontaneidade que eu considero totalmente necesaria para o desenvolvemento dunha vida feliz. Se o progreso significa orden e concerto, normas, vida sosegada e aburrida, garderías, colexios e cárceres, museos e manicomios, asesores infantís, xuvenís e alevíns, avogados de primeira, segunda e terceira división que interpretan leis de segunda rexional preferente, medidas, liñas continuas na estrada, códigos morais ata no sentido, o neno de azul e a nena de rosa – Pabliño será médico de maior ... ou enxeñeiro -, prexuízos, preimpresións e prerrelacións maritais antes do contrato matrimonial – prohibidas -, prohibido amar tolamente, prohibido pensar de forma ilegal – has de segui-la norma -, prohibido prohibar... monsieur, a mín dame o mesmo Picardía, que Bretaña, que Normandía.