16/2/08

Mestres da vida

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 44 – Ano V –febreiro, 2008)

A adolescencia, amigo meu, éche unha enfermidade que se cura co tempo, porque nesta vida sometida á ditadura do reloxo todas as desgrazas son susceptibles de cambio e temos tendencia a deixalas atrás, como as sombras. Xa sabedes… a prolongación da vida de estudante, o retardo na incorporación ao mercado laboral, o dilatado proceso da independencia persoal foron quen de situar a nenez na vintena e converter aos trintaneiros en adolescentes, chegando coa adolescencia case case ata a crise dos corenta e desprazando o período da reprodución ata as fronteiras da menopausia. Andamos, meu amigo, co reloxo biolóxico algo desaxustado con respecto ao mundo, e non é de estrañar que cheguemos á vellez coa sensación de ter superado unha carreira de obstáculos. Sentímonos estresados porque non somos quen de coller as nosas etapas vitais a tempo, e cando conseguimos chegar á meta da vellez: de premio, unha patada no cu.
Neste vertixinoso ritmo de vida que nos marcamos, como nunha cadea de montaxe, parecemos pezas de usar e tirar. Parece que somos “útiles” socialmente ponlle vinte ou trinta anos; e xubilámonos, e a sociedade asígnanos entón a tarefa de ver películas de vaqueiros, ler o xornal e pasar o tempo fiscalizando as obras dos edificios. Se viñeran os extraterrestres, de seguro pensarían que a nosa especie supostamente “pensante” non debe ser tal si marxina aos individuos con máis experiencia e sabiduría á condición de “floreiros”. Pensa, esta sociedade, que os vellos “non se enteran”, quizais porque lle damos máis importancia á configuración do móbil que á capacidade de ser felices. Penso, porque non se explicaría que alguén que viviu, ponlle, setenta ou oitenta anos a súa vida non sexa quen de ensinarnos algo minimamente útil para as nosas. Ás historias dos avós dicímoslles “batallitas”, sen entender que toda historia de vida pode servirnos de bo ou mal exemplo, pero sempre é un exemplo. Facémoslle caso aos mestres, que nos ensinan matemáticas ou lingua, facémoslle caso aos compañeiros de traballo con máis experiencia, facémoslle caso á veciña do lado que nos descubre os tiquismiquis da calefacción central, e cando temos á nosa total disposición un ancián que nos pode ensinar como vivir mellor á nosa vida berrámoslle “¡Abuelooo, el Inistón!” e continuamos a ver a tele. Haberán de ser máis importantes os caprichos da nosa caldeira, digo, ou haberemos de vivir en tal grado de ignorancia como para pensar que os humanos cambiamos tanto nun par de xeracións que non valerá de nada aprender das experiencias precedentes. Non é tal. Se cadra, cambiando algunhas cousas por outras, no esencial as persoas buscamos o mesmo fai 4 ou 400 anos: o amor, a felicidade, a consecución de diversos obxectivos; ás veces fomos demasiado rápidos e ás veces pecamos de lentos, ás veces pasámonos de inconformistas e outras conformámonos con pouco; sufrimos todos a decepción, gozamos das ilusións, nacemos, crecemos e morremos todos e, en cada etapa da vida, tivemos as mesmas distintas impresións, os mesmos diversos sentimentos. Quen non sabe da Historia está condenado a repetila, dícese, e as vidas non son sino historias que se repiten consecutivamente no tempo, como unha mesma obra de teatro na que soamente cambiamos os actores. Andaremos logo, amiga miña, como perdidos na vida pois cada vez saberemos menos dela, volvendo a meter a pata aí onde a meteron os nosos maiores por non querer escoitalos, por non valorar os seus consellos. Tomaremos por resposta un ansiolítico. A caldeira niquelada e o vello increpado por estorbarnos na escaleira.

4/2/08

Avespados bispos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 43 – Ano V –xaneiro, 2008)

“O laicismo conduce á disolución da democracia”, din os bispos en Madrid. O Vaticano, que sempre foi exemplo de Estado democrático (entendido pois como un estado teocrático, absolutista e misóxino), pretende darnos leccións de democracia despois de pasear a Franco baixo palio corenta anos seguidos. Xa, xa sei que falar disto é retrotaerme na historia, pero despois de que esa mesma xerarquía condene a Lei de Memoria Histórica por dividir aos españois e acto seguido leve a cabo a beatificación de 498 mártires da fe española, todos do mesmo bando na Guerra Civil, un xa non sabe que pensar. A xerarquía da Igrexa fala de concordia e tolerancia por un lado, e polo outro paga un medio de comunicación como a COPE no que máis dun energúmeno baixo o pretexto da liberdade de expresión adícase a radicalizar continuamente un sector da nosa sociedade.
Quizais, na Igrexa Católica, deberían ser os fieis quen elixiran aos seus sacerdotes e aos seus bispos, como nas democracias; quizais, os laicos non deberían ser tachados de antidemócratas en función da súa relixión ou ausencia dela, como nas democracias; quizais as mulleres non deberían ser marxinadas en función do seu xénero, como nas democracias; quizais, habería de xulgar aos colectivos que, como a Conferencia Episcopal, claman á desobediencia civil contra leis aprobadas no noso Parlamento; quizais a Igrexa, tan preocupada pola moral, tan preocupada pola sexualidade dos habitantes deste país, debería censurar dalgún xeito ao seu representante en Tenerife, o bispo Bernardo Álvarez, que falando da pederastia, indica tranquilamente “hai adolescentes de 13 anos que son menores e están perfectamente dacordo e, ademais, desexándoo. Incluso se te descoidas, provócanche”. Aí temos (por non censurar) a moralidade manifesta dos representantes desta institución, falando logo dos valores de familias que, por outra parte, eles teñen prohibido formar.
Os representantes da Igrexa dirían ante este artigo que eu critico aos cristiáns: non, eu critico aos representantes da Igrexa. Esa é a grande trampa que poñen sempre en práctica: tiran a pedra e esconden a man, refuxiándose logo entre a masa dos fieis, que para min merecen todo o respecto do mundo. Si vostede é católico, reflexione que eles din que tamén falan en representación súa. Falan de “ofensiva anticatolicista” cando escoitan críticas: pero o que pasa neste país é que moitos millóns de cidadáns estamos ata o carallo de que esta xente privilexiada ande a quentar os cascos e que cada vez que teñan un micrófono diante aproveiten para dicir outra burrada “chea de concordia e amor ao próximo”.
Eu non penso que a Igrexa como institución non poda opinar sobre o que lle pete, pero unha cousa é opinar e outra ben distinta tentar decidir. Que opinen os bispos, a pesar de que historicamente preocupábase máis por acender fogueiras debaixo dos que non opinaban como eles, ademais de marxinar a centos de sacerdotes dende América Latina ata a parroquia de San Carlos Borromeo de Vallecas que saltándose un chisco a súa ortodoxia pretenden facer unha Igrexa máis social e democrática que a Igrexa vestida de ouro e diamantes do Vaticano. A pesar de apoiar e beneficiarse de gran parte das ditaduras occidentais durante séculos ata hoxe en día. A pena é que lles fagamos caso, porque o que queren conseguir é crear ese nivel de crispación necesario para enarborar a bandeira de vitimismo, terxiversando e mentindo. Se Cristo levantara a cabeza, habíaos de escorrentar a todos como cando os mercaderes no templo.

12/12/07

Querido Papá Noel:

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 42 – Ano IV –decembro, 2007)


Chegando o Nadal, alzo a vista a Escandinavia para solicitarche o meu imposto revolucionario. Este ano fun máis ou menos bo – nesta vida, todo está suxeito a interpretación -, e por iso quería pedirche algo moi especial, un par de cousas, non para min – ves que non son egoísta -, senón para todos nós. Ti trouxeches do norte os peitos das suecas, para amosarse espidos nas praias dun pais de “toquillas” e “mojigatería”. Aquel exército de peitos nórdicos, orgullosos, viñeron en avións a un mundo no que as novas lavadoras se anunciaban como o garante da “liberdade” das mulleres. E aceleraron, aqueles peitos suecos que querían deixar de estar brancos, a nosa Transición política, social e mental. Non sei si saberás, que de aquí a uns meses temos nesta terra as eleccións, e como naquel tempo pasado, eu quería volver a pedirche algo de coherencia política, social e mental do norte para ir abonando o campo. Porque andan a pelexar aquí, a estas alturas, por ver quen baixará máis os impostos, e non che sei eu, Papá Noel, se será Rita a que manterá cheas as arcas do Estado ou quen vai ser.
Eu pídoche, como regalo nº 1, que subas os impostos nestas terras.
Eu pídoche, como regalo nº 2, que traias razón para administralos.
Todos, Papá Noel, miramos a Escandinavia envexando o seu Estado de Benestar, a calidade da educación, da sanidade, das infraestruturas, das pensións, das prestacións dos servizos públicos… o seu inmenso gasto social. Pero tamén sei que vós, os escandinavos, aceptades gustosamente uns impostos persoais moi elevados que chegan a máis do 50 %: porque sabedes que son razoables, porque entendedes que teñen unha relación directa co servizo estatal que recibides.
Neste Estado, o gasto público por habitante e o gasto público en temas sociais son dos máis baixos da Unión Europea. Pero é que neste pais, tamén se pensa que quen paga impostos podendo evitalo legal ou ilegalmente, é parvo. Tanto que periodicamente botan un anuncio onde se nos di que “Facenda somos todos”, por si a alguén se lle esqueceu. Os pais e nais queren mellores colexios, os automobilistas mellores estradas, os pensionistas pensións máis altas, todos queremos unha mellor sanidade… e todos queremos que baixen os impostos, é dicir: que teñamos menos cartos para financiar a educación, as estradas, as pensións, a sanidade. Quizais porque non percibimos de todo que os cartos que pagamos teñan unha relación directa co servizo estatal que recibimos. Quizais porque igual que se preocupan por dicirnos “Facenda somos todos”, deberían preocuparse porque as infraestruturas e os servizos públicos non tiveran os apelidos de políticos e partidos (“As autovías de Cuiña”, “Os pisos de Zapatero”, “As subvencións de tal partido”, “As liberdades sociais do outro”), parece que tentan, e moitas veces conseguen, dar como unha impresión xeral de beneficencia connosco, e iso confunde. Predican, aquí, que si se reducen os impostos aumenta o crecemento económico, pero non din que se terá que reducir o gasto público social, aínda máis. E eu non sei, Papá Noel, para que nos valerá tanto crecemento económico ás xentes do común – chegar ao posto número oito dos países enriquecidos custounos non poder chegar a fin de mes - se logo o Estado terá que ceder ás empresas privadas o prestamento dos servizos públicos, e deus nos colla confesados. Aínda máis.
Tráenos, Papá Noel, a coherencia política, social e mental da túa Escandinavia e líbranos de maior mal.

4/12/07

Connected people

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 41 – Ano IV –novembro, 2007)


Obrigueime a escribir esta columna con bolígrafo e papel. Saiban vostedes que teño por vicio escribir, escribir calquera tipo de cousas que a maioría das veces nunca saen á luz, e a maioría das veces fágoo por necesidade de sacarme todas esas palabras que andan roldándome a cabeza desde o mesmo momento que soa o maldito despertador. Non escribo por vontade, non: escribo por necesidade, e chegados a este punto dinme de conta que había demasiado tempo que non me enfrontaba a unha páxina en branco por enfrontarme ás 15 polgadas do meu ordenador portátil. En realidade voulles ser franco: fodéronse, a un mesmo tempo, a miña conexión wifi e o teclado do meu portátil. Xa que logo, escribo en papel por necesidade e non, seguramente, por vontade, o que me fixo reconsiderar algunha serie de cousas ademais do marabilloso que é un papel cheo de borróns e correccións por riba da aséptica farmacoloxía do “Delete”.
A miña vida está definitivamente informatizada, case sen darme de conta e a pesar de moitas reticencias pola miña parte. Eu son da xeración que facía os traballos de clase en máquina de escribir, que comezou co da informática cando aínda non existían os ratos e a pantalla do Wordperfect 5.1 era dunha espesa e aburrida cor azul, tampouco hai tanto tempo. E hoxe, cando estou parcialmente disconnected, decátome de que gran parte da miña actividade pasa necesariamente por Internet e a informática, aínda que penso que non me botei a perder definitivamente. Traballo diante dun ordenador e por Internet, compro e levo as contas desde Internet, e gran parte do meu ocio desenvólvese ao redor do ordenador. Pero son dos que prefiren un mundo sen pixelizar, palabra. O outro día, ao meu carón, uns rapaces xogaban ensimesmados coas súas PSP (xa saben, a típica maquiniña) sen levantar a vista para apreciar unha paisaxe espectacular. Os tres alí, tan xuntiños e afastados de todo, sen dicírense palabra. Eu non, eu son dos que, polo de agora, prefiren camiñar pola rúa absorbendo todos os sons, e ruídos, que ensimesmarme nun MP3 que, pola mesma, aínda son remiso a mercar. Prefiro navegar polo mar que por Internet, e para min sempre será preferible chatear nos bares que facelo no Messenger. Incluso ás veces esquézome o móbil na casa, adrede, coma unha especie de reto a min mesmo.
A tecnoloxía é inmensamente útil, non vou ser nin retrógrado nin hipócrita, porque dicir o contrario sería do máis absurdo e tampouco é conto de converterse nun eremita, como San Antonio Abade, pero tamén ten o perigo de converterte nun autómata desligado do mundo (é dicir, nun eremita) si un non é capaz de poñela ao seu servizo. É perigosa esa tendencia galopante a preferir conectarse á rede antes que conectarse ás persoas, á realidade non reconstruída a través de bits. Pensen vostedes nesa especie de ansiedade que lle provoca a un perder a cobertura do móbil ou quedarse sen batería, vamos… estar disconnected, cando tampouco hai tantos anos que viviamos baixo a ditadura da telefonía fixa.
Un escritor ao que moito admiro, escribiu “A ciencia e a tecnoloxía deberían ser empregadas como si foran creadas para o home, e non, como sucede na actualidade, como si o home debera adaptarse e escravizarse a elas”. Foi Aldous Huxley, no seu prólogo a “Un mundo feliz”, alí polo remoto ano de 1946.

Con España ás voltas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 40 – Ano IV –outubro, 2007)


Estamos tan acostumados a que os políticos mintan e terxiversen, tan acostumados a unha clase política propia dunha república bananeira, que moitos chegan ata o límite de votar a xente na que non confían porque “mellor que rouben estes a que rouben os outros”. A clase política que nos toca, especialmente nas súas altas esferas e no caso dos supostos “comunicadores” dos grandes partidos, é tan patética que hai tempo pasou a ser noxenta. Houbo épocas de grandes políticos: pero pasaron os tempos dos políticos de estado para deixar paso aos cantamañanas da verborrea. Unha cousa é que se practique a demagoxia como norma en beneficio exclusivamente propio, do partido, pero cando alguén pretende enfrontar en dous bandos á poboación dun estado cun pasado recente tan negro, merecería ser inhabilitado de por vida para o exercicio de calquera cargo público. Debería ser tratado como inimigo público. Andan estes tipos a tirarse no noso nome as bandeiras e as nacionalidades á cara de forma tan nauseabunda, que o que realmente fan é emborrallalas, fomentando unha especie de crise da identidade nacional e rexional e da concordia na sociedade creada exclusivamente nos despachos políticos e potenciada por uns medios de comunicación tan repugnantemente partidistas, tan repulsivamente pouco obxectivos, que un día fannos crer que comezan a morder todos os cans perigosos do país e ao día seguinte métennos nun estado prebélico. Quen bote un pé ao freo e mire atrás, observará que esa suposta crispación que parece que temos na actualidade non existía fai pouco tempo, e si existe nestes momentos é porque levantámonos cada mañá e somos bombardeados, excitados e exhortados con declaracións e manifestacións nos medios de comunicación, a través de noticias traballadas e manipuladas para que tomemos partido por un determinado bando. Para que escollamos o bando dun determinado partido. Metendo medo. Pero iso, chegando a determinadas alturas, é pasarse da raia. Tendo como norma o respecto ás ideas dos demais, persoalmente non creo nin en bandeiras, nin en himnos, nin en patrias, porque normalmente son esas as palabras coas que enchen a boca as súas señorías antes de comezar a próxima carnicería, e iso algo quererá dicir. Pero respecto totalmente as ideas e os sentimentos dos demais no tocante mesmo ás bandeiras, aos himnos e ás patrias, porque eu son “demócrata”, ese término tan mascado e tan mal empregado últimamente que significa non soamente ter o dereito de elixir senón tamén o deber de aceptar as decisións da maioría, aínda que non gusten. A cousa da Democracia vai por aí. Isto non quita que poidamos exercer a crítica e cambiar as cousas, mesmo as leis, mesmo a Constitución (ese texto que dedica un capítulo enteiro dos dez que ten para a súa reforma), mesmo a forma do Estado pasando dunha monarquía a unha república ou a unha sociedade sen ánimo de lucro ou unha comunidade de veciños ou a unha pandilla de colegas, se así o quixera a maioría; pero quen vaia pola vida enarbolando o carallo da guerra civil como estímulo ou resposta, que se retire. Este pais xa tivo demasiados mesías. Estamos no 2007, maduren un pouco, sexan un pouco máis dignos. E postos a dicir, si se aplicara ao pé da letra a tan famosa Lei de Partidos Políticos penso que non quedaría un sen ilegalizar, o que quizais fora en grande beneficio para todos nós: os cidadáns aos que supostamente serven, e non á inversa.

Pablito… sálete del agua

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 39 – Ano IV –setembro, 2007)
Rematounos outro verán normalmente anormal aos que nos iremos acostumando coa climatoloxía dos clorofluorocarbonos. Rematoume para repouso da miña pel calcinada, para sosego do meu fígado castigado por tantas cañas nas terrazas, para fortuna da miña conta bancaria mortificada de tanto cámping e tanto jolgorio na terra na que se celebran todas as festas xuntas cando sae o sol catro días. Rematoume o verán canso xa de tanta empanada e tortilla, de tanto bisté rebozado e de escoitar tantas veces que a auga das nosas praias, á que lle falta un grao para chegar ao punto de conxelación, “ao principio non, pero logo está moi boa”. Botarei de menos pretender estar tranquilo na area, lendo esa literatura lixeira do verán, mentres ao lado alguén berra a gorxa partida “¡Pablito, te he dicho cienes y cienes de veces que te me salgas del agua!, ¡sa-le-té!”. Esa posibilidade de achegarse, por defecto, ata a praia cando un ten que romperse tanto a cabeza no inverno para contestar á pregunta “¿Que podemos facer?”. Nada, neste recuncho da terra no que o inverno se prolonga por nove meses ao ano, parece incrible que todas as posibilidades parezan concentrarse en catro días que sae o sol. Pero aínda así botarei de menos ulir o frescor da alborada, levantar a persiana e sorrir con optimismo ante outro novo día cheo de posibilidades, rematar o día con Rosalía, tomando unha cervexa fría na miña terraza, que segundo un amigo, é máis tirando a balcón. Non me gustan as despedidas, e para a xente coma min, que prefire coller as vacacións cando fai sol noutro sitio mentres neste chove, ten certo grao de desencanto observar como as persoas se van para volver con síndromes postvacacionais e voracidade por comprar nos quioscos todo tipo de coleccionables. Hibernamos, neste recuncho da terra no que o inverno se prolonga por nove meses ao ano hibernamos, e non sería de estrañar que algún engominado puidera achacarnos que “non optimizamos o tempo” como é debido. Ánimo, amigos e amigas, todos botaremos de menos platicar bizantinamente sobre cales son os que pican e cales non ao redor dunha tapa de pementos de Padrón, pasear ás once en camiseta, ignorar a televisión e durmir na cómoda postura de “pelota-picada”. De seguro que Pajares e Esteso poderían afirmar que o bo que ten o inverno é que se durme todas as noites cunha nórdica. Pero, chistes á marxe, resignación: aquí a norma é a choiva e o mal tempo, e o verán ven sendo unha sorte de accidente meteorolóxico que, como os pementos de Padrón, ás veces pica e outras non. Se cadra deste ano non picou bastante, pero si non queremos ver as nosas terras asaltadas por exércitos de turistas, si non queremos soportar unha costa de cemento dende A Guarda ata Viveiro, deixémolo estar. Porque leis e PXOUMS a un lado, mentres caia unha choiva de cando en vez nos nosos veráns normalmente anormais, estaremos a salvo de batallóns de escavadoras e formigoneiras, de convertermos noutra Costa do Sol que ben poucos apetecerían. Máis vale vivir só que mal acompañado, e si nos din que o futuro de toda rexión pasa inescusablemente polas costas bordadas de dúplex e os chiringuitos de praia, apaga, e ímonos. E se ten que chover, que chova, a mares, que por algo a costa galega é verde, e a Costa do Sol é gris cementosa e amarelo desértico.

En cómodos prazos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 38 – Ano IV –agosto, 2007)
Dous de cada tres españois son incapaces de aforrar un só céntimo cada fin de mes, e por iso, e porque cada vez que un pasa polo banco aparecen no papel todas as letras que temos acumulado, eu propoño dende esta tarima literaria que as “cartillas de aforro” pasen a denominarse “prosa fiscal”. Por unha sorte de malabarismo económico, o pago a crédito que xurdiu (ou iso nos dixeron) para facilitarnos a cousa das compras tense convertido, para moitos, nunca forma de hipotecarse toda unha vida. Unha v-i-v-e-n-d-a, un c-o-c-h-e, ou un s-o-f-a-c-a-m-a teñen moitísimas máis letras das que parece, e custa máis pagalas do que nos informa ese señor comercial que, sorrinte, case chega a chamarnos “estúpidos” por non contratar ese produto imprescindible que nos tenta vender, se cadra unha batedora en trinta cómodos prazos que non necesitamos. Non é nada persoal: probablemente ese señor comercial teña dous traballos en precario e letras dabondo que pagar como apechugar coa cabeza baixa calquera cousa que lle ordenen no traballo; e así anda a xente pola rúa, amargada, porque temos tantos créditos concertados que necesitamos calquera traballo de merda para pagalos. Porque nos teñen pillados polos collóns. Un inocente neno saharauí que observaba o ritual do caixeiro automático, exclamaba inocente que aquí os cartos saían das paredes, e así lle debe parecer a moita xente que despois mantén a respiración cada vez que lle pasan o imposto revolucionario da VISA. Porque, vamos a ver, unha sinxela operación matemática bastaría para comprender que se un ten 1.000 euros non pode gastar 1.500, por cómodo, aprazado ou fraccionado que sexa o pago, so pena de ter que contratar (e isto xa raiaría na estupidez verdadeira) un crédito para pagar un crédito para pagar un crédito, algo insostible a medio prazo, créanme. A xente non se corta, e alentada polo universo dos anuncios e pola audacia de axentes comerciais formados (lembremos que a profesión de “axente comercial”, por moi digna que sexa, é vender, calquera cousa) compra e compra e veña a comprar. Todo ven a rematar na cousa do consumismo feroz, dado que mercamos cousas que moitas veces non necesitamos e a prezos que non son os axeitados. Sei de xente nova sen traballo fixo que comprou un piso cunha hipoteca a 30 anos con mensualidades de 700 euros ao mes, e a min me poden dicir misa porque eu sigo cavilando que esa xente estará obrigada durante 30 anos a conseguir 700 euros ao mes para o demo do piso, todo un deporte de risco, como andan as cousas da vida. E soamente despois de 30 anos poderán dicirme que ese piso e seu, porque antes, amigos meus, ese piso é propiedade do banco, e un non ten máis que deixar de pagar catro mensualidades da hipoteca para quedarse na rúa. Existe tamén a palabra “aluguer” que a min me gusta moito máis e permite unha vida máis disoluta. E aínda que parece que da vértigo pensar que tes que vivir de aluguer toda a vida, cando aqueles e eu teñamos sesenta anos, eles con moita sorte terán un pequeno piso en propiedade despois de trinta anos de aforros, medos e resignacións, mais eu terei trinta anos de vida relaxada e cómoda, de ter a liberdade de gastar os cartos que gaño como me pete a gaña. Sinceramente, se os cartos naceran nas paredes ou se os créditos de tantas cousas que me queren vender me permitiran ter cartos ao mes para viaxar, cenar fora e saír de noite dous ou tres veces á semana, comprar roupa e libros, etcétera, etcétera, non o dubiden: eu tamén caería no abismo do consumismo feroz. Pero mentres tanto, prefiro ter que traballar para vivir, e non vivir e traballar para pagar cada mes as débedas.

Transfusións entre fronteiras

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 37 – Ano IV –xullo, 2007)
Non me pregunten como nin por que me encontraba eu nun cámping construído encima dun cemiterio de Bruxelas falando con Hans. Mentres el me comentaba a situación económica da antiga Alemaña do leste, eu tomaba unha Leffe mirando de reollo ás lápidas que se amoreaban contra os muros, escoitando como as campás da igrexa parella repenicaban na noite. Non lles aconsello durmir nun aloxamento desas características: un non descansa en paz. O caso é que un camposanto cheo de mortos deixa de dar cartos cando non hai máis mortos que sepultar por cuestións de espazo, e a Igrexa, sempre tan sagaz, optara por retirar as lápidas e plantar un tupido céspede que crecía marabillosamente (aboado estaba dabondo), para desconxestionar a oferta de aloxamento en Bruxelas, sacándolle de paso algunhas perras aos turistas. Hans traballaba para unha subcontrata dunha subcontrata da Axencia Espacial Europea, e adicábase a facer deseño artístico, a perfeccionar a estética deses vehículos espaciais que logo vemos tan lucidos nas noticias. A situación laboral da antiga Alemaña do leste era tal, que a pesar de que Hans trataba con enxeñeiros espaciais de primeiro nivel, víase na obriga de vender o seu sangue (literalmente) durante todo o ano para poder pagarse unha viaxe por Europa en agosto. Hans era branco e fraco, quizais pola súa xenética eslava ou ben porque as súas viaxes vampirizábano, nunca mellor dito, o que non quitaba que lle quedara sangue e xenio dabondo para insultar con vehemencia aos inmigrantes polacos que, segundo el, eran os causantes da precariedade laboral que sufría a súa rexión. Dicía, Hans, que os polacos cruzaban a fronteira para traballar en condicións de semiescravismo na súa terra, e así fodían ao resto dos traballadores. “Fucking pigs”, berraba Hans, e pasaba de súpeto do inglés ao alemán para dicirlles catro cousas máis alzando a voz e poñéndose máis branco mentres eu pensaba se non había de necesitar unha boa transfusión o pobre do rapaz. Eu baixaba a cabeza e abría outra botella de Leffe, mentres Hans “xuraba en corso”, e pensaba eu que, se cadra, os polacos non terían que cruzar hoxe aquela fronteira se Alemaña non fixera o propio: é dicir, se Alemaña historicamente non tivera a costume de invadir Polonia (militar ou economicamente) cada dous por tres para roubarlle aos polacos as materias primas e sometelos a un obrigado réxime de semiescravismo na súa propia terra. E que, vamos, se cobraban pouco os polacos habería de ser porque os alemáns pagaríanlles pouco, e as boas ganancias desa diferencia quedarían nos petos dos empresarios alemáns que, segundo parece, para Hans non tiñan culpa ningunha do tema.
Un pouco o mesmo pasa con España e América Latina. Os colonizadores de nome Hernán Cortés, Francisco Pizarro ou Ponce de León, teñen hoxe os seus dignos herdeiros en BBVA, SCH, Telefónica, Endesa, Iberdrola, Gas Natural, Repsol-YPF… Os primeiros fixeron un camposanto de toda América Latina, e os segundos quitaron as lápidas e plantaron céspede no campo abonado: pero nós, a costa duns e outros, sempre gañamos uns bos dividendos. Fai pouco lin un artigo dun escritor arxentino, que describía as relacións entre os países facendo un paralelismo coa relación entre as persoas, e sabiamente indicaba: España ten fillos por tódalas partes, que viven lonxe. Quéreos moito, pero moléstalle que, cando teñen fame, pasen unha tempada na súa casa e lle abran a neveira.

O nó da garabata

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 36 – Ano IV –xuño, 2007)

Aprendín a facer o nó de garabata. Son este tipo de cousas que un, cando chega aos trinta tacos, vese na obriga de saber facer: os saraos multiplícanse e os amigos casan, que lles vou a contar... Antes chegábame con pedirlle á miña nai un par de minutos para facerme o demo do nó en fin de ano. Pero un, coa idade, vai perdendo esa ilusión primeira de cando neno en fin de ano, e obrígase a pór a garabata máis veces das que quixera; vaise, metaforicamente falando, estrangulándose un pouco máis co tempo. Sempre quixen ser autosuficiente, de feito aprendín a manexar a lavadora antes de aprender a facer integrais de segundo grao, aprendín a usar a prancha antes de saber as instrucións de todo o universo dos “Juegos Reunidos Geiper”. Pero o nó da garabata, non sei por que, sempre se me resistiu. Agora, unha mañá produtiva, empeñeime en retirarme esa espiñiña que tiña cravada e descubrín que, moito máis alá do que pensara, existen os nós simples, dobre simples, Windsor, medio Windsor, pequenos ou cruzados. O universo dos nós de garabata.
Supoño que teño sorte dabondo. No mundo en que vivimos, a nosoutros, os dos trinta tacos, aos que por dereito lles corresponde tomar as rendas desta sociedade dentro de ben pouco, temos tan poucas posibilidades, tan poucas esperanzas de tirar do carro que temos diante, que moitos aprenden a facer o nó da garabata soamente para colgarse dunha viga do teito. A xeración dos meus pais con vinte anos estaban casados e con fillos; eran, por así dicilo, adultos. E na seguinte camada, na nosa, a xente vai notando desesperanzada como pasa dos trinta e sigue vivindo cos pais, e como non van vivir? Se temos sorte temos traballo, e si o temos será probablemente precario e temporal, e nesa tesitura a ver quen vai comprar un piso a trinta quilos por cabeza. Así non hai dios que sexa adulto, señores. Non é cousa nosa: é o que hai. É unha cuestión de pura matemática: demasiados gastos para tan poucos ingresos. Temos moitas cousas que agradecerlle á xeración que nos precede, pero sentíndoo no alma, a situación do mercado laboral que herdamos non é unha delas. Non queremos vivir subvencionados, queremos crear a nosa propia vida e soamente pedimos os instrumentos para poder creala e vivir por nós mesmos. Se non hai traballo de calidade, señores adultos, vostedes tampouco poderán satisfacer unha das alegrías desta vida: xogar cos netos. Iso si, poderán xogar cos fillos ata os corenta e cinco pois viviremos porta con porta. Poderemos ir xuntos ao parque, de botellón.Eu tiven sorte porque, de tan autosuficiente que quixen sempre ser, á primeira oportunidade marchei coa maleta de casa para buscar facerme adulto. Xa saben… sempre se está ben na casa e co da independencia un perde bastante: pero tamén ten moito que gañar. Cunha man diante e outra detrás marchei, iso si, ás duras e ás maduras, que tamén é certo que á vida hai que mirala fronte por fronte (a sobreprotección, señores adultos, tampouco axuda porque a comodidade tamén existe como vicio de fillos). Pero vamos, que me teño por home afortunado. Pola mesma, aprendo a facer o nó da garabata, aos trinta tacos, por cuestións de estética máis que por necesitade vital, xa me entenden, pero solidarízome con toda a miña xeración que, sexa por cuestión estética, sexa por medo, opta por levar o colo da camisa aberta, sen garabata, para respirar ben profundo.

… que ven o lobo

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 35 – Ano IV –maio, 2007)


De cativo, a través da ventá do coche, observaba impresionado o aspecto dos pobos abandonados da conca mineira de Asturias. Aldeas pantasmas cuxa vida se foi despois de que pecharan as fábricas de carbón baixo as cales se distribuían miserentos poboados de pequenos edificios monocromos. Apenábame a visión daqueles parques infantís, de columpios oxidados, case tristes, que tan só se movían co impulso do vento, e no ambiente silencioso existía tal grado de tristura melancólica, de lembranza de vidas, que un, case nun acto reflexo, abría os beizos e pronunciaba a palabra “nostalxia”. Entre aquelas paredes abandonadas celebráranse noiteboas e cumpreanos; naceran e creceran nenos e ilusións, proxectos de vida, e só tiña que pechar os ollos e agudizar o oído para escoitar as risas e os choros que quedaran para sempre impregnados no aire daqueles espazos agora inertes. Coa estrada e os cartos do carbón, alí chegaran os homes coas súas familias, e levantaran fábricas e traballaran nelas, e crearan escolas, farmacias e bares, peñas deportivas, amizades, amoríos. Coa estrada marcharan certo día os cartos e o carbón, e comezara a xente a marchar detrás deles, a pechar a escola, a clausurar os bares e a separarse os amantes con bágoas nos ollos. Todos fixeran as maletas e marcharan en pouco tempo: tan rápido que se esqueceran de levar consigo os mortos do cemiterio agora abandonado. Había unha palabra que o resumía todo: “carbón”; e a súa cor impregnaba os muros e as árbores de todo o val, e o seu olor embriagaba o nariz, e o seu son se escoitaba fuxidío polos camiños que serviran para chegar, e serviran despois para marchar daquel lugar. Quedaran, para o recordo, as construcións valeiras e ennegrecidas que chegaran co carbón e co carbón se foran. Cando un depende tanto dunha única cousa, esa única cousa (como a droga) se converte en dona o señora da vontade dun, e un non pode máis que seguir os pasos que lle sexan marcados por ela. O carbón desta historia podería chamase “granito” ou “Citroën” noutra historia sen que cambiase a cuestión de que a nosa vida non debería depender de si unha empresa quere ser máis o menos rendible segundo o vaivén do mercado. Teño claro que o granito deste val acabarase máis cedo que tarde, e os chineses aprenden a pronunciar a palabra “Citroën” como aprenderon a pronunciar o nome de centos de empresas que a preceden cada día. A cuestión non é só quen terá as maletas máis cheas cando moitos teñan que marchar de aquí, senón, creo, ata que punto estamos dispostos a estirar a corda, a baixar os pantalóns, a “flexibilizar” a nosa dignidade laboral, social, humana en beneficio destas empresas antes de que o inevitable suceda. Dependemos tanto de tan poucas cousas, que se non comezamos a buscar alternativas económicas xa, teremos que ir pensando nesta terra que poñer nas maletas cando teñamos que trasladarnos a outra.

Unha vida dende Varsovia a Chittabong

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 34 – Ano IV –marzo, 2007)


Luisa M. tamén caeu. Unha pena. Lémbrome dos primeiros e-mails que nos intercambiabamos: ela era unha poetisa sevillana que andaba a facerlle as beiras ó vodka polaco mentres pululaba dunha beira a outra de Polonia, tentando montar unha empresa de importación de ámbar. Eu era un escritor novel, que non Nobel, e acababa de exportar das miñas mans un libro que caera nas súas. Non deixou de resultarme curiosa a imaxe desa muller, dando voltas polo Leste entre vodka e facturas, pasando as noites entre as sabas de psicanalistas (éravos unha cousa que non podía evitar) e os meus relatos. Luisa M. apostaba sempre unha botella de Bols a que nunca caería nos prácidos brazos da vida cómoda e prefixada, no normal, no típico, nos marcados carreiros do modelo de vida occidental. Pero Luisa M. tamén caeu, e sinto pena. Despois de moito tempo recibín fai pouco un e-mail dende Bangladesh: Luisa M. andaba a voltas cun cargamento de soia en Chittagong, e lin que conseguira esquivar tódalas balas coas que un ex – ministro, alá pola rebelión do 17 de xaneiro, pretendía encher as rúas dese país. Luisa M. celebrouno cunha botella de “morte branca de 40º”, e ata aquí todo na súa excéntrica normalidade. Pero Luisa M. comentábame acto seguido “Cato, he abandonado la literatura por los millones de dólares, me he vendido suciamente a los valores del mercado continuo, los commodity y la banca suiza”. Confesaba que era a raíña da noite con menos glamour do que un puidera imaxinar, a pesar de gastar unha pasta en cremas de Chanel e Opium, a pesar de xurar que se sentía a muller máis vella do mundo, sabedora de que hai engurras que non se poden alisar. A pesar de saberse derrotada pola forza das circunstancias. Tiña por certo que o vodka polaco, barato e corrupto, queimáballe os tacóns, e agora sinte que leva uns zapatos demasiado caros como para poder brindarllos a unha noite de copas, pero eu prefería á Luisa M. de antes. Nunca souben moito dela, pero quedo coa idea de que antes era unha feliz poetisa sen cartos e agora é unha empresaria con cartos e infelicidade que se deixou levar pola corrente. Ímonos adaptando á vida que nos toca, pero desgrazadamente ás veces fáltanos a vontade para adaptar esa vida a nós mesmos, moldeala ó noso gusto como se fora unha escultura en terracota. Luisa M. antes vivía como lle daba a gana e viaxaba levando ás costas o seu ámbar: agora viaxa detrás dos cargamentos de soia, ao vaivén do mercado, vivindo segundo a ditadura da moda e dos cartos. Luisa M. tamén sabe que os billetes cos que paga os seus zapatos caros e as súas bebidas de luxo poda que non estean tan limpos como os de antes, os de cando andaba ao “tuntún” por Polonia queimando os tacóns dos seus zapatos baratos e era, se cadra, un chisco máis feliz.

Profetas novos para problemas vellos: ou aínda que a mona se vista de seda…

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 33 – Ano IV –febreiro, 2007)


Al Gore, flamante vicepresidente estadounidense e flamante perdedor a presidente en beneficio de Jorgito Bush, preséntasenos como candidato ó Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional. Anda o amigo Gore a voltas polo mundo coa cousa de avisar contra “o cambio climático”, pasando de político a paladín do ecoloxismo mundial cunha vehemencia, e por que non, cunha presenza tal nos medios de comunicación (creando unha organización planetaria con certos tintes á Igrexa da Ciencioloxía) que parece que foi el quen se decatou do problema antes incluso de que durante décadas milleiros de científicos, colectivos e institucións estivesen clamando ante as portas pechadas da política. Non nos debe estrañar o tema nunha personaxe que hai tempo reclamou para si “ser o pai de Internet”, o que aínda hoxe provoca cachondeos e bromas varias na comunidade de internautas, tomando a risa as cousas. Porque si non tomaramos a risa as cousas poderiamos dicir que Al Gore non fixo absolutamente nada, e digo nada, contra o cambio climático mentres foi durante oito anos vicepresidente de EE.UU. Antes ben o contrario: o acordo de mínimos sobre emisións de gas de efecto invernadoiro coñecido como Protocolo de Kyoto é un acordo de mínimos debido exclusivamente ás presións que exerceron Clinton e Gore, que dende que chegaran ó poder no 1993 adicáronse a entorpecer sistematicamente tódalas negociacións internacionais sobre o cambio climático en beneficio das empresas multinacionais. Tanto que ó final, mira ti que cousas, nin sequera firmaron o Protocolo de Kyoto. Agora Gore pide que fagan os demais (e ogallá que o fagan, por outra parte, a pesar de Gore) o contrario do que el fixo, “donde dije digo, digo Diego”, e me levo un premio para casa. Máis ben paréceme a min que este político reconvertido a estrela mediática utiliza a caparuza do ecoloxismo como unha sorte de Cabalo de Troia para poder entrar de novo no hipódromo das carreiras ás presidenciais de EE.UU. que non puido gañar noutrora precisamente por non ser “animal mediático”. Persoalmente prefiro a Bush, que queren que lles diga, porque sendo os dous animais da mesma piara un é porco manifesto e outro quere pasar polo entrañable Babe, “el cerdito valiente”, empregando para o seu beneficio persoal un problema de tal envergadura como é o futuro da vida no planeta. Malo raio parta ós dous. As cousas teñen que cambiar, pero si o cambio está dirixido por este tipo de falsos predicadores non teremos un cambio verdadeiro, senón, como moito, unha “maquillada reciclaxe circunstancial”. O que me entristece é que o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional perda caché: o ano pasado Bill Gates e poida que este Al Gore. ¿E que tal a ra Gustavo, o reporteiro máis dicharacheiro, para o Príncipe de Asturias de Comunicación?

Baixo a mesma lúa

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 32 – Ano IV –xaneiro, 2007)


Mohammed preguntoume unha vez si no meu país tamén tiñamos lúa. Era unha noite desas do Sáhara, nas que camiñas tranquilamente por entre as jaimas coa agradable sensación de sentirte insignificante no medio dun enorme deserto de escuras areas azafranadas, baixo o acubillo dunha incrible e estrelada bóveda celeste, baixo a mirada dunha lúa enorme, tan grande que parece que soamente tes que estender o brazo para tocala. Mohammed e máis eu camiñabamos paseniñamente, coa agradable sensación de perder o tempo vagabundeando e divagando sobre as nosas cousas. Mohammed riuse cando lle dixen que sí, que alá en Galicia, a miles de quilómetros víamos a mesma lúa que estabamos vendo naqueles instantes. Mohammed ríase mentres meneaba a cabeza e repetía “la misma luna, jajajaja, la misma luna”, porque non sabendo exactamente de onde viña eu sí sabía que viña dun lugar demasiado afastado como para poder ver aquel enorme círculo branco que case se podía acariñar cos dedos. Tempo despois, en Perú, perdido nas profundidades do enorme Canón do Colca, deixaba pasar a noite ó seu ritmo sentado ó carón da miña cabana de canas, nun deses momentos en que sentes o pracer de ver como o tempo se desparrama marabillosamente pola túa vida, mentres escoitaba o rítmico fluír do río e observaba ensimesmado como unha enorme lúa parecía coroar pechando os cumios do canón, 1.800 metros máis arriba. “Es bonita, ¿eh? – interpeloume Vidal, o meu guía peruano -, casi parece que la pudieras tocar con la mano”. Vidal tiña bastantes máis coñecementos do mundo que Mohammed, razón pola cal escusei de indicarlle que alá, da terra da cal procedía, tamén podiamos observar a mesma lúa pois pensaría que ó final, despois de tanto avisar, collera por fin o “mal de altura” e andaba a desvariar. Observo dende a ventá do meu piso do Porriño unha lúa enorme e saúdoa dándolle as boas noites coa complicidade daqueles viaxeiros que se atopan periodicamente no seu percorrer polo mundo. Con desesperanza penso que tódalas razas, culturas, pobos e países cada noite observamos a mesma lúa. Que todos somos veciños e vivimos unidos baixo o acubillo do mesmo ceo nocturno, dos mesmos desexos, dos mesmos sentimentos. A historia da humanidade, tan chea de sangue e odio, de intolerancia, non poderá cambiar mentres non comprendamos que todos temos o dereito de vivir no mesmo planeta enfermo. Non cambiará mentres non aceptemos que este planeta saqueado, maltratado e malferido nos pertence a todos por igual. A Mohammed e a Vidal, a ti e a mín.

Dos deberes e deberes dos cidadáns

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 31 – Ano III –decembro, 2006)

Segundo o Manual de Cociña do Bo Constituínte, o prato forte do repertorio lexislativo – a maior parte das veces tan teórico coma irrisorio – debe anunciar nos seus títulos os nosos “Dereitos e deberes” para máis tarde pasar a enumerar os nosos “Deberes e dereitos” nunha fórmula na que a orde dos factores si altera o producto. Parece como si uns foran unha sorte de mal menor para que podan ser lexislados os outros. Dinos toda a trouppe nas súas leis, que todos temos dereito a unha vida e vivenda dignas, á educación e á sanidade, ó acceso á vida cultural, a participar do progreso científico, a disfrutar do medio ambiente e a non sei cantas historias máis a cada cal máis poética – de seguro que vostede, como no “Un, Dos, Tres” poderá nomear de corrido varios casos de normalizada vulneración fragrante e impune en cada un dos epígrafes anteriores -, pero soamente fai falla darse unha volta pola rúa ou crecer un pouco máis da indiferente idade que permiten as gominolas para coñecer si na práctica existen ou non estes dereitos; soamente fai falla carecer de cartos para que a relación de dereitos en calquera constitución se converta en pura literatura de ficción. Vamos, que son como un marco xeral, como unha “cousa”, como un “aquel filosófico chachiguay” que se supoñen inherentes ó cidadán, pero que como os desexos das misses nas galas (“Eu o que máis quero é a paz no mundo”) son tan difíciles de alcanzar, maldita sexa, tan terriblemente difíciles de alcanzar…Por desgraza, dende a época de Pericles (que tamén tiña o seu) os que deberían encargarse de lexislar dedícanse agora soamente á cuestión política, que por moito que nos digan non é o mesmo dado que a oratoria deixou paso ó eslogan, a dialéctica ó marketing, e as cuestións do estado xa non se debaten nos congresos senón nas axencias de publicidade. O ben común deixou paso ás estatísticas de intención de voto e os nosos votos son soamente productos de compravenda. En todo caso, un non deixa de pensar que as leis, como os políticos e os profetas, nacen, crecen e desaparecen, e ¡válame o ceo! ten que haber algún tipo de dereitos e deberes naturais – instintivos, case poderiamos dicir – para que os humanos non déramos rematado definitivamente uns cos outros, por moito que o teñamos intentado. Filósofos coma Plauto, Hobbes, Nietzsche ou Golding dicían que o humano é un cabrón por natureza, pero supoño que non só Gloria Fuertes, vostede e máis eu pensamos o contrario e, pola mesma, supoño que aínda existe un espazo para a esperanza. Por iso non quero parecer pesimista, dado que son un tipo dos que chaman “utópico”, dos que pensan que a humanidade pode ser tan miserenta como grandiosa, e se ós meus trinta tacos, como andan as cousas neste mundo e despois de tantas voltas que da a vida, sigo crendo no amor puro, verdadeiro e eterno, pois xa non lles digo máis. E esta fermosa utopía que convive en min, anímame a confirmarlles que sempre crerei na existencia de dereitos irrenunciables da persoa, tan difíciles coma posibles de acadar. Co cal eu, pola parte que me toca, e sen o asesoramento do Estado, pretendo polos en práctica cada día que estes pés saen pola porta de casa practicando o respecto e o amor polos demais. Sinxelamente. Non me fan falla pesados volumes constitucionais nin confusos repertorios lexislativos para saber que toda persoa ten dereito a ser feliz, e todos temos o deber de facilitarllo como ben poidamos.

El pisito

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 30 – Ano III –novembro, 2006)


Tódolos españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo dacordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xenere a acción urbanística dos entes públicos (Constitución Española, art. 47). Pola noite gústame ler literatura de ficción porque faime evadirme e soñar. Na miña mesiña de noite nunca falta unha Biblia nin unha Constitución como deus manda, porque estes escritos metafóricos fan que un soñe con paraísos tan fantásticos e afastados coma imposibles de acadar. Coa Biblia e Huxley sigo, pero co da lectura da Constitución xa me está empezando a dar o que me dá coas películas de terror: que non podo velas pola noite, porque despois teño pesadelos. Tiven un. Soñaba que quería comprar un piso no Porriño - mira ti que cousas o dos soños - e alí ía eu, iluso de mín, canda a inmobiliaria a ver de gastar entre vinte e trinta millóns por mercar un piso de merda mal situado. E botei a sinatura, a verdade sen saber nin como nin por que, entre unha morea de papeis camuflados onde se incluían hipotecas, seguros de vida, bonobuses a perpetuidade e algunha vaixela a prazos. Despois do shock, e de decatarme de todos os papeis que asinara, entereime tamén de que o piso en cuestión fora comprado e vendido tres veces no prazo dun mes, e entre compra-e-venda subira así como seis quilos sen sequera ser estreado. Non porque pensara que calquera cabrón especulador gañara cartos coa miña perda pensaba que alguén me estaría a estar estafando, non, nin porque me sentira desasistido nos meus dereitos constitucionais que me garanten o acceso a unha vivenda digna e a protección contra a especulación, non. A Constitución, como toda literatura fantástica, é unha cousa que como os pica-pica explota nos beizos - sexa en anuncios, promocións, informativos e demais publicidade comercial - pero de aí non pasa. E hai delictos punibles, os que cometemos corenta e pico millóns de cidadáns neste estado, e hai delictos que non o son: os que cometen a pleno día e a cara descuberta os que teñen os cartos e o poder. Pensaba que cavilaba nos meus futuros fillos – si é que veñen a este mundo de tolos, os pobres. Antes, a prole pelexaba por ser quen de facerse coa herdanza dos vellos: agora, na época das hipotecas a 150 anos, pelexan por escapar delas. Quita, quita...