9/7/09

Meter water resistance

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 61– Ano VI –xullo, 2009)

Shangai afógase nas augas. E vaia noticia que lles traio a colación, pensarán, despois de saber que estamos a afogarnos todos co do cambio climático. Pero o caso é que Shangai leva por ese lado (afógase polo aumento do nivel do mar co desconxelamento dos polos) pero tamén leva por outro: o peso dos xigantescos rañaceos que pouco a pouco cobren todo o seu horizonte está afundido a cidade a un ritmo de dous centímetros por ano. Algo que ver coa masa e a forza da gravidade, non me pregunten, eu son de Letras.
Co “Espertar do Gran Dragón Chinés”, Shangai converteuse nun centro financeiro e económico mundial de primeira orde, despois de tantos anos como Taiwan vendendo transistores, calculadoras con funcións e reloxos con dubidosos “meters water resistant” (que cousas ten a vida…). Shangai é agora un símbolo desa nova e perfecta forma de capitalismo onde se conxuga o imperio do mercado co semiescravismo real das persoas. Shangai é unha megalópole en constante aumento, un mundo de obras, de edificios que se levantan batendo todos os records, de rañaceos cada vez máis impresionantes que compiten entre si e parecen rivalizar na súa altura coa física e coa lóxica. O orgullo do humano que en canto gaña catro duros xa está a facer a casa con máis pisos ca do veciño. O humano que nunca aprende dos erros e pensa que todos teñen o dereito de volver a cometelos. Xa pasara coa Torre de Babel, non sei si se lembran, e miren vostedes como acabaron daquela. Os chineses están un pouco así, como pensando quen podería ser quen metera a pata en todo este lío, sen lembrarse que alí estaba todo o mundo botando berros de ledicia cada vez que se inauguraba outra nova mole de aceiro e cristal (Viva! Máis arriba!) para envexa dos occidentais, sen preocuparse, entre outras nimiedades, de que se estaban a cargar todo o medio ambiente para maior gloria do capital, e de como carallo podería sosterse todo aquelo nunha cidade construída sobre un pantano.
Pero as obras non van a pararse, non se pensen. Están en proxecto de execución os rañaceos máis grandes do mundo en Shangai. Os chineses teñen por dogma que eles poden arrasar con todo o que lles pareza; que nós, os occidentais, xa levamos séculos arrasando e agora tócalles a eles. E non lles faltaría razón lóxica si o primeiro que arrasaran non foran a eles mesmos. O capitalismo, que non crearon os chineses pero que están a levar á súa perfección máis retorcida, obriga a que o crecemento nunca deba pararse: pararse significaría a crise (de aí o de “refundar o capitalismo” e todas esas chorradas que nos din coa crise económica). E de aí que cheguemos á situación lisérxica de subvencionar aos bancos para que fagan negocio connosco. Pero continuar, como vemos, é tamén unha especie de suicidio: polo que Shangai paréceme unha metáfora da civilización humana.
Sabemos que o consumo desaforado non nos leva a ningunha parte, que arrasando o medio ambiente estamos a arrasarnos a nós mesmos, e entendemos que cando esgotemos todos os recursos non imos a ter máis: pero, “mariquita o último”, morrerremos coas botas postas.
Como símbolos que son da tolemia dunha forma de vida que está a arrasar con toda a vida no planeta, non lle desexo a Dubai maior sorte que debaixo dela soamente exista arena moi pero que moi fina. Porque este tipo de sobradas construtivas, de chulerías urbanísticas, do todo vale, do crecemento sen límite e sen prexuízos por parte de multinacionais e multimillonarios, este concepto de correr cada vez máis e a maior velocidade ou se detén, ou afogamos todos. Paseniño. Uns centímetros cada ano.

14/6/09

Esquéce-Me

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 60– Ano VI –xuño, 2009)



Camiño pola rúa e todo son estímulos para min. Todas esas luces de neon que iluminan os meus pasos, esas cores pestanexantes que me aledan a alma; todos eses carteis nos que multitude de señoras estupendas en provocativas posturas te observan diante dun deportivo e parecen dicirche: chato, se compras este coche eu vou no lote… pirata. Porque sempre nos faltará algo máis para ser felices. Sigo camiñando pola rúa, e en cada porta unha alfombra de esparto exclama cortesmente “¡benvido! ¡benvido!”, e me alegra o día. “Pase sen chamar”, indica a porta dunha inmobiliaria, e a máquina de tabaco, mentres me vende 20 paliños de morte plastificados, non deixa de comportarse coa maior corrección “O seu tabaco, grazas”. Escoitei algunha vez que soamente existimos por canto alguén pensa en nós, que nos transformamos en realidade unicamente cando formamos parte do pensamento doutra persoa. E todos eses estímulos están aí para nós, por nós, para captar a nosa atención como consumidores potenciais. Sempre haberá alguén pensando en nós se nos tiramos ás fauces das avenidas. Sempre parece haber un ollo do Gran Irmán espiándonos, dirixindo os fíos para facernos as cousas máis cómodas sen darnos de conta. Tanto como para chegar a escoller os nosos gustos. Os produtos que me poden interesar colócanos no supermercado sempre á mesma altura e posición; os destacan por cores, para que os vexa ben, para que non me esqueza de levalos. Os políticos páranme na rúa cada catro anos e me aseguran que eles pensan en min, que me queren coidar, que non estou só; me acariñan suavemente, e eu a rosmar coma un gatiño co voto na furna despois de convencerme de que o que máis lóxico sería votar nesa liña, cabaleiro, de acordo ao meu estatus, aos meus desexos, á miña cor de calzóns. Para os músicos sempre son un público estupendo, para os presentadores son un espectador intelixente e para os vendedores son un cliente esixente que non se deixa enganar.
Camiño pola rúa e a xente, os carteis, os anuncios, os políticos, os traficantes, as señoras con bolso das esquinas non deixan de ofrecerme cousas que quizais necesite. “Veña cabaleiro, tome isto, colla aquelo, probe o outro”. Compre, compre, compre. Porque saben que gastar faime máis humano, faime máis guapo, máis sabio e máis alto. Ás veces, cando teño a sensación de que me trepanaron a caveira cun abrelatas oxidado e conseguiron un touchdown co meu cerebro, saio á rúa para que a xente me ofreza cousas, para que as cousas me ofrezan cousas e para que eu as compre. Paso por un caixeiro automático, e na súa pequena pantalliña escondida e infeliz leo “Introduza a súa tarxeta, por favor”; paso por outro pequeno caixeiro e o pobre dime: “Por favor, introduza a súa tarxeta”; e como son tan sensible e dáme pena, ao terceiro non me aguanto e termino por introducila. Unha e outra vez. Recibo máis chamadas no móbil das “identidades ocultas” que dos meus amigos, e cada día son merecedor de ter na casa unha visita de comerciais que me informan amablemente dos produtos que quizás necesite. Sorríntes, eloxiándo-Me aínda que aparente ter sido atropelado por un tráiler. O meu buzón de correo está cheo de cartas de bancos, tendas, comercios e curandeiros senegaleses que me invitan a formar parte dos seus proxectos, do seu colectivo de usuarios, da súa gran familia de clientes; e a bandexa de entrada do e-mail colapsada por tantas e tantas mensaxes de empresas que se preocupan por comunicarme as súas novidades.
Cada día recibimos entre 1600 e 3000 anuncios publicitarios case sen decatarnos, entre 1600 e 3000 notificacións de que o mundo nos ten en conta. Todos parecen dirixirse soamente a nós. Para cada un deles somos importantes. Non lles parece entrañable? A min paréceme realmente insoportable.

11/5/09

A fantasía dos horizontes

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 59– Ano VI –maio, 2009)


De pequeno sempre pensaba que o mundo era máis grande do que realmente era. Tiña a idea da existencia de paisaxes inabarcables, de carreiros que comezaban ás beiras do monte, preto da miña casa, e conducían a lugares inimaxinables a través de milleiros, millóns de quilómetros que atravesaban naturezas inexpugnables, descoñecidas. De enormes paisaxes cheas de vales, montañas, bosques indómitos, árbores e animais que apenas seriamos capaces de imaxinar. Pensaba que existían continentes enteiros aínda por descubrir, e que si seguira as direccións e orientacións correctas, a partir do camiño que saía da miña casa, podería introducirme en rexións onde ninguén ousara pisar. A pesar de que os montes de Torneiros non poderían cualificarse como unha selva tupida, non había quen me sacara da cabeza aquela ilusión por perderme entre eles, buscando a aventura da natureza “salvaxe”; e as veces collía folgos, metía no peto un bocadillo de mortadela, e enchendo a cantimplora de auga acometía un novo carreiro como quen da inicio a un acto histórico. Ás veces levaba unha navalla, para defenderme das bestas, e unha cana de pesca rudimentaria, para alimentarme nos regatos que atopase. Pretendíame un descubridor, un digno herdeiro de Magallanes, de Marco Polo, Admunsen ou Shackleton. Ben sabía, non se crean, que camiñando un pouco chegaría por un lado a Chenlo e polo outro a Tui, pero tampouco tiña tanto tempo, entre a hora de comer e a hora de cear, para descubrir continentes perdidos como un Alexandre Magno.
Pero, sobre todo, cando a idade me permitiu viaxar máis alá das montañas deste vale, tentando sempre ir un pouco máis lonxe, decepcionoume o feito de que o home ten “humanizado”, “civilizado” a inmensa maioría das nosas paisaxes, e quen acomete un carreiro, por moi afastado que sexa, ten poucas oportunidades de camiñar unha decena de quilómetros sen atoparse unha casa, unha estrada, unha liña eléctrica. A nosa paisaxe está tan domesticada, a nosa natureza tan explotada, que as miñas esperanzas de converterme nun aventureiro explorador quedaron do mesmo xeito domesticadas. Sobre todo na Louriña. Supoño que un neno de Mos non podería ter a día de hoxe a amplitude de miras, esa pequena fantasía do descubrimento ao que me refería, a ilusión por acometer o camiño dun monte que comunicara con continentes perdidos, porque por cen metros que andase acabaría atopándose coa cuneta dunha estrada. Case vivimos neste vale como engaiolados, entre tanta estrada, autoestrada, liña de ferrocarril e autovías. Somos como periquitos de salón: observamos o horizonte limitado por barrotes artificiais. Somos como notas enchironadas nun pentagrama.
Sempre pensei que ese carácter galego, supersticioso, misterioso, brumoso, viña condicionado en grande medida pola nosa xeografía abrupta, polos nosos densos bosques, onde calquera cousa podería agocharse “detrás de”. Pero cada vez máis temos paisaxes fragmentadas, e incluso se constrúen zigzageantes camiños para que algunhas especies de animais non se atopen cos humanos. E o Miño, con tanta presa e minicentral, deixou de ser río para converterse nunha forma de Aquapark. Fragmentamos toda a nosa paisaxe, e, con elo, ímonos fragmentado un pouco máis a nós mesmos.
Sempre houbo dispersión rural, pero co “progreso”, con tanta devoción pola construción, por esa teima de vivir no quinto carallo e pretender ter todos os servizos que un pode ter no medio da cidade, tendemos a unir cada núcleo poboacional, cada casa perdida, con tantas infraestruturas, arrasando tanta paisaxe que había polo medio, que a día de hoxe, quen observa Galicia dende un avión non sabe si está a ver unha paisaxe ou un prato de “espaguetti ao pesto”.

Proxectos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 58– Ano VI –abril, 2009)



Os humanos pasamos toda a vida facendo proxectos dos que moi poucos poderemos levar a cabo. Sometidos á necesidade do cambio, da evolución, do progreso constante. A nosa existencia non é máis que un grande proxecto, e quizais por iso cada neno que nace é visto como un “proxecto de vida”, e o humano, que non gaña todas as batallas ás que se enfronta, como un ser incompleto e inacabado. Cando as persoas non están sometidas á cousa da civilización a súa vida está condicionada polo rutineiro ritmo do día e a noite, das estacións do ano, do sol e da choiva; e as fases da súa existencia (adolescencia, matrimonio, descendencia…) repítense case identicamente e ao mesmo tempo en cada individuo: seguimos un ritmo natural que, como as plantas, florecen e xerminan cando toca. Daquela, os proxectos redúcense ao mínimo, porque tamén mínimas son as opción de cambio, as esperanzas de modificar a evolución das cousas. Hoxe as persoas nacemos cunha grande interrogante sobre a cabeza: ninguén podería dicir a onde iremos a parar, que seremos, en que nos converteremos. Somos pedras sen esculpir e así nos mantemos gran parte da nosa vida. Os milleiros de posibilidades que temos enfronte pasan necesariamente polo establecemento de proxectos, e a vida é tan absurdamente curta que moitos deles quedarán no camiño, ás veces tinguidos dun sentimento de frustración.
Un proxecta aprender algún idioma estranxeiro, viaxar ao Nepal, cambiar de traballo, montar o negocio que sempre quixo ter, irse a vivir á montaña, escribir un libro, facer ioga, estudar psicopatoloxía, converterse, cincelada a cincelada, nesa persoa que admiramos como modelo e que cada un de nós ten no seu interior: ese “nós” que queremos imitar a cada paso para sentirnos autorrealizados, para conseguir ser felices con palabras maiúsculas. Todos os nosos proxectos se encamiñan, dunha maneira ou doutra, a ese fin: a felicidade. Pero sempre nos atopamos cun muro diante en cada proxecto, construído cos recios ladrillos da rutina, da comodidade, das trabas morais, temporais ou materiais que temos que derrubar para chegar á nosa meta. E está ben que os nosos proxectos se atopen con muros, porque senón non serían retos que nos axuden a crecer como persoas, porque poucas cousas que se conseguen con facilidade merecen verdadeiramente a pena. Moitas veces nos quedaremos, pois, co noso proxecto escorréndose entre as mans.
Sen embargo, paréceme bastante logro de por si, alcanzar ese punto no que xa nos déramos detido no camiño, nos preguntáramos “Que é o que quero da miña vida?” e conseguíramos atopar respostas, construír proxectos arredor delas e ter a valentía de emprendelos con ilusión. Debemos preguntarnos sempre “Que quero?”, escoitar a nosa resposta máis sincera e atopar a forza de vontade que nos permita perseguir ese desexo. Aínda teremos problemas, pero xa estaremos en movemento e teremos a oportunidade de resolvelos. Ademais, os proxectos son como as viaxes, das que un pode gozar tanto do camiño como do destino. Todo, se non queremos converternos en plantas, levados en volandas pola vida por una rutina allea a nós, que quizais non nos faga felices. Aínda que ser planta, realmente, tampouco debe ser mala opción si podes vivir fóra da civilización.

20/3/09

Trapallada

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 57– Ano VI –marzo, 2009)

Non sei si compartirán esa sensación comigo. Esa impresión de que se lle foi a pinza ultimamente a moita xente. Esa marea de maltratadores, pederastas, pais que maltratan aos fillos e fillos que maltratan aos pais. Ese mundo de persoas, ás veces, e a maioría delas trapallada humana que ocupan os telexornais e que me provocan náuseas de estar a observar tanta senrazón no corazón desta sociedade. Uns adolescentes queiman a un vagabundo por diversión, un home demostra amor á súa parella con vinte puñaladas no abdome, un profesor abusa sexualmente do seu alumno de seis anos. Parecíame, ao principio desta especie de virus de tolemia que golpea á nosa sociedade, que se trataba doutro caso típico de sensacionalismo por parte dos medios. Casos illados empregados para crear xeneralizacións. Xa saben: o medo vende. Os americanos facíanse dóciles a través do medo a que calquera puidera ser un terrorista, e parecía un produto vendible o medo a que calquera veciño noso puidera ser un desgraciado. Parecíame, ao principio, ata decatarme agora de que nos estamos a meter nun camiño no que para que dúas persoas se relacionen sexa necesario un policía de por medio. Eu teño medo, pero non por crer que calquera persoa normal poida converterse nunha trapallada do calibre do que estamos a falar, senón porque teño a certeza de que, precisamente, non se trata de persoas normais. Por moito trastorno mental transitorio, por moito atenuante que sexa, por moito malabarismo interpretativo que se precie, non me pode coller na cabeza que un home normal poida facer dano á persoa que quere, non podo asimilar que un pai poida abusar sexualmente dun fillo, non me entra nas neuronas que alguén poida excitarlle a visión dun cativo ou calzarlle dúas hostias a un bebé por moito que chore. Non hai escusa posible. Nin importa calquera escusa que se poida poñer por medio. A min dáme medo, e non me da medo soamente por saber que convivimos con este calibre de trapallada humana, senón pola certeza de que son tantos e cada vez son máis. No 2007 houbo 63.347 denuncias por malos tratos a mulleres, o ano pasado morreron 75 mulleres a mans das súas parellas, os casos de pederastia incrementáronse nun 1.246 % dende 2003 e estamos fartos de ver casos onde parece perseguirse o “máis difícil aínda” da demencia. Cara a onde camiñamos? Parece que estamos a volver á lei da selva. Tantos milenios de evolución humana para converternos de novo en salvaxes. O que está claro é que algo estamos a facer mal nesta sociedade para convivir con tanto horror en aumento. E, certamente, non me parece casual o feito de que na actualidade unha persoa sexa valorada socialmente pola súa beleza, o seu éxito ou polo poder que posúa, moi por diante das súas calidades morais. Ser moral máis parece unha carga que unha virtude. Que o valor de ser moral pase a segundo plano nas relacións humanas é o primeiro paso para que unha persoa normal se converta en trapallada. A moral como esixencia de vida deixou paso á necesidade dunha lei implacable para que non deamos acabado uns cos outros. E paréceme triste que poidamos chegar a ese punto no que facer o mal poida ser máis rendible, práctico e incluso divertido que facer o ben. Que déramos chegado a un punto no que milleiros de persoas neste país, cada ano, poidan ter trastornos mentais transitorios que rematen en manchas de sangue. Acenda vostede a tele e soamente verá a xente que insulta, critica e denigra a outra xente, envalentonada por risas e aplausos. Estamos a pisotear a nosa humanidade, e dáme medo que a palabra ética se inclúa dentro da palabra estética.

18/2/09

A agridoce festa da democracia

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 56– Ano VI –febreiro, 2009)


Nathan M. Rothschild, magnate das finanzas estadounidenses, dixo unha vez alá pola primeira metade do século XIX, nun deses ataques de sinceridade que alimentan o champaña e as distendidas sobremesas entre os oligarcas da banca, “Déanme a emisión de moeda dun país e non me importa quen faga as leis”. O bo de Nathan probablemente sería aplaudido polos seus colegas, arroibados polo alcohol, os puros e a erótica do poder, porque ninguén lle podería negar que acababa de dicir unha gran verdade. Pouco despois Rothschild pasaría a peor vida – o consolo que nos queda aos pobres é que soamente nós poderemos pasar a mellor vida – e vería o seu sono parcialmente feito realidade. Nathan M. Rothschild foise, pero moitos máis viñeron a ocupar o seu sitio. Fai pouco, o xornal “The Guardian” sinalaba co dedo aos 25 culpables da actual catástrofe financeira, a maioría vellos traxeados, encollidos e severos, mantidos con vida soamente polo pequeno pero sólido fío da cobiza. Parvadas. Cortiñas de fume. Este tipo de acusacións fáciles verquidas polos xornais de masas e apoiadas polo poder político son pura terxiversación, con aleivosía. Sinalan a este tipo de magnates como culpables únicos porque estes teñen inmunidade moral e legal. É dicir, son os únicos en todo este planeta que nunca veriamos nun banquiño de acusados (dun xulgado ou dunhas eleccións), por iso lles importa un carallo quedar como os malos: porque poden permitirse seguir co chiringuito aberto a pleno rendemento mentres os seus compinches políticos se atribúen o cargo de fiscais. É coñecido, por exemplo, que en política a mellor forma de dar carpetazo a un asunto incómodo é crear una comisión de investigación para que non se investigue nada. Acusados, avogados, fiscais e xuíces son os mesmos. A vítima do caso, a masa social que paga, será debidamente informada de que “se fixo xustiza”. O caso é que o circo continúe. Todo debe cambiar para que nada cambie.
Verán vostedes, un Estado de democracia real é aquel onde os representantes do pobo deciden por si o futuro económico e financeiro da Nación que normalmente deberá repercutir no beneficio de todo o edificio social. Si o futuro o deciden os monopolios de banqueiros nacionais ou internacionais, é calquera cousa que poda chamarse, menos democracia. Éche un panorama triste pero é o que construímos, temos, mantemos e defendemos: esta crise debería confirmarnos dunha vez por todas que a nosa vida, inevitablemente rexida pola economía, non está no noso poder, nin tan sequera no poder dos nosos representantes “democráticos”; está fora do alcance da protección do Estado, concentrada e dirixida por intereses económicos privados. E eses intereses privados, rexidos pola lóxica do capitalismo, baséanse na rendibilidade e beneficio persoal, ás veces por derivación do beneficio da sociedade (situación de antes) e outras por derivación da ruína da sociedade (situación de agora). Segundo veña o vento. Pero sempre saen gañando porque nós lles concedemos un sistema que poden manexar ás súas anchas. Nós lle delegamos o noso poder, por comodidade ou ignorancia. Queren unha explicación da crise? Pois aquí vai unha: hai crise porque alguén ten o suficiente poder para creala e saír beneficiado dela.
A solución? Pois non sei. Non estaría de máis ter as ideas básicas ben claras, aínda que sexa duro aceptalas, e deixarse de confiar en que calquera mesías de turno vainos sacar as castañas do lume con novas promesas cargadas de retórica cada catro anos. Por moita vontade que teña e de calquera partido que sexa. Algúns defenden unha resposta á grega: saír por milleiros ás rúas e facer bronca para que se desmorone todo o sistema. Paréceme demasiado radical, pero que llo neguen a eses millóns de familias españolas que están quedando na indixencia porque Rothschild tiña toda a maldita razón.

3/2/09

Parece que refresca

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 55– Ano VI –xaneiro, 2009)


Si señor, un inverno como deus manda, non se fala doutra cousa. E pase por nós, os galegos, tan expertos nas conversas sobre o clima que ver o parte do tempo na tele éche cousa sagrada, pero que todos os informativos empecen falando do tempo coa que cae en Gaza… non deixa de sorprenderme. Alí, todos eses reporteiros distribuídos por diferentes puntos da xeografía peninsular cajándose de frío co micro nas mans, dicíndonos que si en Burgos xeou pola noite ou si en Pamplona andan a botar sal polas rúas. As señoras patinando nos portais do edificio, e os señores tusindo coa gripe nos asentos dos centros de saúde. A xente envía fotos e todo “Aquí Mari Puri, dende Cáceres, envía unha imaxe do seu can medio morto de frío”. Non se fala doutra cousa. Os caprichos do clima son de interese nacional. O tema da crise foi arrasado polos mapas de isobaras. E coa cousa do cambio climático ben poderemos mandar os xeranios ao lixo e plantar uns percebes no balcón. Non me digan que o tema non ten futuro. Ben é verdade que esta climatoloxía convulsa que imos soportando nunha estación que xa nin era estación nin era nada, debe facernos sentir afortunados. A neve, o xeo e ese frío que fainos pasear polas beirarrúas encollidos, como si fósemos imitando a Chiquito de la Calzada – no puedorrrr -, podería interpretarse como un claro factor de cohesión social. Explícome. Coa cousa dos excesos climatolóxicos afondamos moitísimo máis na conversa con aqueles seres humanos que non chegando a “amigos” quedáronse en “coñecidos”. Socializámonos. Abrímonos aos demais.
Xa me dirán vostedes si non soportaron esa incómoda situación de compartir o ascensor cun veciño do que apenas lle coñecemos o nome. Alí, os dous metidiños nun metro cadrado mirando o chan e contando os pisos que faltan. Si parece que non pasa o tempo. Unha situación difícil na que os dous habitantes do ascensor saben que é necesario falar, aínda que ningún arranca. Unha disposición que intimida, certamente. Cun inverno normal o roce non pasaría dos típicos “Ola”, “Bos dias”, e tate, disconnecting; sen embargo, cun inverno de tantas inclemencias un ten materia dabondo para estenderse, e pode darlle renda solta a unha conversa que por trivial e repetitiva non deixa de ser un pasiño no camiño da boa veciñanza. Aí lle mandamos un “Que frío, non?”, e xa está, xa temos conversa montada. Quedamos como dios.
Os expertos na materia, aqueles que poden chegar a establecer diálogo ata co Antonio Palacios da peatonal, memorizan toda a información meteorolóxica da tele para este tipo de situacións. Poden darche a media de temperatura de todas as capitais provinciais. Os portos de montaña pechados, os metros de neve en Baqueira-Beret. Poden facerche unha análise completa da situación. Estatísticas, previsións, contar os anos que pasaron sen que pasara o mesmo. Sen chegar a tanto, na molesta situación do ascensor, un debe ter algún dato adicional para subsistir: non vale con responder “Pois si, vai moito frío”, porque así estariamos asasinando unha conversa ao pouco de nacer: a resposta non aporta nada ao discurso e o veciño calará de súpeto. Pensará que somos uns bordes antisociais. Logo non nos queixemos de ser ignorados pola comunidade. Sexamos máis sociais, indiquemos, quizais, algo do tipo “Din que o martes xa se moderan as temperaturas” e teñamos unha cordial relación de veciñanza. Unha xeada a tempo pode ser unha oportunidade para fomentar a camaradería cos nosos concidadáns, para desenvolver novas relacións de amizade. Non se corte, sexa comunicativo, fale vostede do tempo.

14/12/08

Xulia Bolboreta

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 54 – Ano V –decembro, 2008)



Nesta tola época de transfuguismos, onde os chinos comunistas privatizan ata o aire e os occidentales capitalistas nacionalizamos bancos; nestes anos onde asistimos á defunción das ideoloxías en pro do beneficio propio, cobra máis importancia para min a defensa dunha idea incorruptible e xusta na figura de Julia Butterfly Hill.
Julia era unha moza de 23 anos que, o 10 de decembro de 1997, subiuse a unha árbore para evitar a súa tala. A árbore en cuestión era un sequoia de 1000 anos de antigüidade que a compañía madeireira Pacific Lumber pretendía cortar, xunto a outras 60.000 hectáreas de bosque, na cidade californiana de Stanford. A rapaza subiuse á árbore e, a 50 metros de altura, construíu unha plataforma de 3 metros cadrados cuberta por unha lona, mentres os seus compañeiros periodicamente lle subían comida a través dunha polea. Julia estivo alí arriba durante 738 días sen por un só pe na terra, e soportou que lle botaran chorros de auga dende helicópteros, queimaran parte do bosque para tentar asfixiala, montaran garda para que non lle subministraran comida. Julia soportou tormentas que arrasaron o seu escuálido refuxio, padeceu unha enfermidade vírica nos riles que soportou medicándose con extractos de plantas do tronco, caeu ao baleiro varias veces pero conseguiu salvarse agarrándose ás polas da árbore. Julia soportou que a denigraran, que a difamaran co apelativo de “ecoterrorista”, que a insultaran e atacaran, pero 738 días despois puxo por primeira vez un pé na terra: conseguira que indultaran a árbore e todo o bosque de arredor. Conseguira coa súa odisea, coa defensa da súa idea ata as últimas consecuencias, gañarse o respecto da xente, e a gran compañía madeireira tivo que renunciar ante ela.
Para moitas persoas Julia podería parecer unha extremista, unha radical, unha tola por pasar todo o que pasou por defender unha árbore. Pero para min e moita xente Julia é unha heroína, unha persoa cunha ideoloxía xusta á que sacrificou parte da súa vida. Unha moza que merece todos os meus respectos e parabéns, e da que terían moito que aprender todos eses que din que traballan polo noso beneficio. Porque Julia non defendía soamente a unha árbore que vivira 1000 anos nesta terra e que corría o risco de desaparecer por aumentar a conta corrente de catro ou cinco, ela defendía unha idea: que ninguén ten o dereito a roubar o pasado e futuro de todos para conseguir beneficios rápidos no presente. Que as ideas xustas deben defenderse ata o final.
O humano leva millóns de anos neste planeta, e quizais estamos asistindo á primeira vez que unha xeración deixa aos seus fillos un mundo peor do que herdou. O medio ambiente non existe como unha opción allea a nós: existe a Natureza, con maiúsculas, da que nós formamos parte. E deixando que a sacrifiquen, “pasando” do tema, non só estamos a realizar una forma de suicidio, senón que estamos tamén condenando aos nosos fillos á miseria e á morte. Sen medias tintas. Ninguén pide que debamos exercer unha guerra como a de Julia, pero sexamos conscientes de que quen loita para que non contaminen un regato - quizais o noso veciño – debe ser un heroe para nós e todas as xeracións que virán no futuro. Defendámolos, porque eles nos defenden a todos nós perante o beneficio momentáneo duns poucos.
Nesta época na que a calidade moral dos nosos supostos “representantes” adquire o cariz do noxento con parte da nosa complacencia, debemos volver ás ideoloxías, ao ben do colectivo por riba do beneficio propio: e a defensa da Natureza ben sendo, quizais, a súa máxima expresión porque é tamén a defensa da especie humana. Fai moitísimos anos, un indíxena norteamericano plasmou esta ideoloxía que debería facernos pensar cara a onde camiñamos: “soamente despois de que a derradeira árbore sexa cortada, soamente despois de que o derradeiro río sexa contaminado, soamente despois de que o derradeiro peixe sexa capturado, soamente entón descubriremos que o diñeiro non se pode comer”.

21/11/08

Nossa Senhora de Ikea

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 53 – Ano V –novembro, 2008)


Circula un pulo por Internet, que teñen intención de beatificar a “Nossa Sra. de Ikea” en Matosinhos, seguindo a liña das grandes relixións monoteístas cos seus centros do comercio espiritual: Roma, Compostela, Xerusalén, A Meca, e agora Porto. Os medios informativos recollen verdadeiras romarías de peregrinación de compatriotas polas autoestradas lusas nas fines de semana e festas de gardar, e un pasea pola sección de cociña da portuguesa Ikea saudando a tantos veciños como quen paseara pola peatonal. Fátima, no pais do lado, está de capa caída, e soamente hai que ver o aparcadoiro deste templo sueco dos mobles e complementos, para comprender que as preferencias dos nosos compatriotas cidadáns cambiaron dunha combinación (bacallau + toallas + Virxe de Fátima) a outra (bacallau + toallas + Nossa Sra. de Ikea), polo motivo evidente de que, a pesar dos rogos e pregarias, a de Fátima non é quen de decorar as nosas casas como deus manda, e a de Matosinhos, cunha pátina escandinava, parece ser que si.
¡Que recorrido temos dado, dende os mobles de formica! ¡Que recorrido! E pensabamos ser internacionais gastando os cuartos nos “mobles portugueses” de antes, cando agora temos unha mesiña de noite feita en Bulgaria, un colchón indonesio, un aparador de Senegal e variado xénero internacional, nunha furgalla de aluguer con todo dentro vai e ben entre Porriño e Porto. ¡Que recorrido!, logo de pasar polo enriquecemento persoal que supoñía o “fágao vostede mesmo” dun Bricoking ou dun Leroy Merlin, enchendo toda a casa de serríns e de pintura, de tablóns mal encadrados, malevolamente animados polo vasco de barbas de Bricomanía. ¡Pero que recorrido temos dado!, ata chegar á serie Lack, a esas liñas rectas, á suave intranscendencia da estética moderna. Coñezo xente que saltou, como por arte de maxia, do barroquismo dos mobles decimonónicos, que un podía atoparse nos almacéns do Centro Reto de Vigo, e agora sonche minimalistas; e un pensa que case case poderían estar nunha beira do Mar Báltico, por Estocolmo, con gafa de patilla plástica teorizando sobre a dietética da remolacha ecolóxica.
Escusamos, co de Ikea, de rompernos a cabeza tentando sacar ao deseñador que poida que non teñamos dentro, para delegar as cousas da decoración de interiores a un Tord Björklund, a un Nike Karlsson ou a unha Carina Bengs, que están na súa casiña prefabricada de Uppsala, deseña que te deseña, cunha manta a cadros Blahägg, ben postiña sobre as pernas. Preocupámonos do noso, sacamos a tarxeta de crédito e deixámoslle o deseño da nosa casa a IKEA of Sweden. Os suecos, que non teñen unha climatoloxía envexable, dedícanse todos a deseñar e deseñar dende moi novos, alí, todo o día con regra e compás metidos nas súas casiñas quentes, mentres nós podemos sacarlle toda a punta á vida contemplativa e andar por aquí de cañas nas terrazas, quizais sentados nunha cadeira Äpplarö, 29,95 € a unidade. Pero como non todo monte é ourego, se cadra temos un salón idéntico, punto por punto, a Tatsumi Irigochi, que vive en Osaka (Xapón) e ao veciño de 2º, do 3º e do 5º G, sentíndonos, ás veces, como aquela que vai de punta en branco a unha voda e recoñece o seu vestido copiado por dúas ou tres convidadas máis; como quen fora de Inditex. Éche o que ten o deseño en serie: que está ao alcance de todos. Co de Nossa Sra. de Ikea, ¡Deus nos colla confesados!, somos un pouco máis “exclusivamente homoxéneos” e Silleda deixou de ser a capital do moble para seguir sendo un pobo que ninguén sabe moi ben onde nos queda. Non me toca opinar si todo isto é bo ou é malo, pero sentado escribindo no meu salón Made in Ikea, non deixo de pensar si todo isto é necesario ou non. Pero, Nossa Senhora de Fátima, confeso que eu peco coa de Ikea, porque son un mortal feble.

17/10/08

O mellor que me pasou na vida

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 52 – Ano V –outubro, 2008)

“É o mellor que me pasou na vida”, pensa o pai na porta do colexio, rodeado doutros pais e nais de mediana idade que saúdan coa man ao fillo ou filla que se introduce no patio da escola. Todos amosan un espléndido sorriso na cara e volven saudar coa man cando o fillo ou filla se da a volta. Unha escena cándida, encantadora, que se repite cada mañá do curso escolar en cada colexio do mundo e das que por estes lares andabamos tan escasos. Os índices de natalidade parece que están repuntando, a pesar da crise hipotecaria e a crise económica nun país no que ata fai ben pouco o único aforro que exercitaban os cidadáns era en fillos. Tate, á media pouco lle faltaba para baixar de un, se cadra no pensamento de que para ter un fillo fan falta dous, andabamos case polo medio fillo por cabeza. ¿De onde sacabamos os cartos, o tempo, para coidar dun fillo? ¿Que lle iamos deixar en herdanza, ao pobre, se viviamos de aluguer e apurabamos ata o último día de prazo na ITV? Pero parece que andamos agora algo máis ricos (incluso subvencionamos aos bancos); onde comen dous, comen tres, e ben claro está que, por riba dos 2.000 euros por parto do goberno (ou sexa, de nós mesmos), no Porriño a Peatonal foi decisiva neste punto: sacar ao fillo a pasear pola Peatonal é un vicio ao que moi poucos se poden resistir. É unha tentación demasiado forte como para non ceder ante ela. Non me digan que non luce o fillo, ven vestidiño, unha tarde de sol Peatonal-para -abaixo-Peatonal-para-arriba. Parece que a un, de terraza, fáltalle algo se non ten un deses pequenos berrando ao redor ou chocando contra a pata da cadeira cunha pequena moto de plástico, último modelo. Tal como existiu a xeración do “baby boom”, a X e a Y, dentro duns anos falarase da “xeración-Peatonal”, e todos terán en común un destacado moreno de pel e unha certa tendencia ao motociclismo.
A xente pola rúa fala de panais e de biberóns, do método Estivill e deses pequenos avances en principio (soamente en principio) intranscendentes dos fillos sempre esaxerados polos proxenitores: se o neno eructa dise que xa fala, non me digan que non lles parece entrañable ese orgullo por derivación xenética . Os anciáns convertéronse en avós, e pasaron de ver as obras a ter conta dos netos, un branco móbil moitísimo máis enriquecedor e entretido. En serio, parece que nestas latitudes a xente como que reviviu con este exército de nenos e nenas que berran polas rúas, berran nos pisos novos e berran pola Peatonal. Faltábanos algo de optimismo e non hai maior optimismo que o provocado pola descendencia, xa que significa a prolongación da nosa vida. A xente mira un neno e inconscientemente sorrí, non sabemos ben por que, polo que como obxecto provocador de sorrisos xa estaría xustificada a súa presenza entre nós, a pesar dos berros, das babas e das cacas. Cada neno é un proxecto de vida, significa esperanza, unha especie de espertar na sociedade, a asunción dunha responsabilidade na existencia. O neno, como produto, significa de principio unha longa baixa laboral por maternidade/paternidade e 2.000 euros na conta do banco, polo que era certo que chega ata nós cun pan debaixo do brazo, aínda que non sexa un pan de fartura. Significa tamén noites en vela, carreiras ao pediatra e un gasto moi considerable en paciencia e panais, pero todos estes contratempos quedan de lado co estimulador exercicio de pasear ao neno pola Peatonal, con “P” maiúscula.

28/9/08

Europa

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 51 – Ano V –setembro, 2008)



Recordo que La Polla Records tiña unha canción dedicada a Europa. “Sento toda a túa luz, alumea o teu novo engano, vella e podre prostituta, a túa maquillaxe non tapa o olor”. Cantábanlle, no 1992, a aquela nova nación que no mesmo ano parecía pórse en marcha co Tratado de Maastrich: xa saben, todos collidos da man, baixo o Himno da Alegría e o estrelado ceo azul da nosa bandeira común. Nunca me gustou esa canción, porque ata ben pouco ese soño de empezar de novo, edificar entre todos un estado no que os intereses dos cidadáns e os valores do home se puñan por riba de todo, atraíame. Abraiábame o feito de que este mundo, politicamente cheirento, podería ter unha esperanza si era a “Europa das liberdades” a que encabezaba unha nova época de verdadeira democracia. Remataba a canción de La Polla Records cun “non verás cambiar nada”, e con esa certeza que agora si teño, tamén rematou o meu soño europeo.
Quizais debería ter antes probas para convencerme de que “Europa” deixara de ser o “Mercado Común Europeo”. Vexan vostedes, dixéronos “construiremos entre todos a nación europea”, e como toda nación ha de ter unha constitución, presentáronnos unha para referendala. Pero alí non había dereitos e liberdades que non foran para as empresas: vendéronos humanismo e déronnos capitalismo feroz. Así que algúns (os franceses, holandeses e fai pouco os irlandeses) dixeron que se meteran aquel panfleto polo cu, e agora, polo baixo, rumorosos, andan todos os gobernos a aprobala por decreto en cadanseu Parlamento sen preguntar. Rumorosos, polo baixo, sen que nos decatemos que aproban ditatorialmente algo que tantos cidadáns rexeitaron co seu voto. O conto de sempre: eles son os representantes lexítimos de todo o pobo, aínda que moi poucos de nós poderiamos identificarnos con eles e así non sei como nos van representar.
Miren vostedes, téñome por europeísta porque penso que neste continente vivimos como dios, en estado de benestar, en dereitos, en liberdades. E non me gustaría que esas liberdades que tanto nos custaron conseguir, polas que sufriron tantas xeracións (dende a que pasou a media aristocracia francesa pola guillotina ata a que lle tiraba adoquíns aos grises por aquí cerquiña), se vaian ao carallo nun par de anos por culpa das cabareteras, mangoneantes e futuros conselleiros directivos das grandes empresas que mantemos nos Parlamentos, conspirando polo baixo para pasar por alto a esa vella desdentada que chamabamos democracia. Preocúpame, pola mesma, que a política actual sexa o “todo vale” na ampliación da UE: entrou Polonia, que ten dereito a veto nas decisións de política social europeas, cun goberno extremista e ultranacionalista que pretende meter no cárcere aos homosexuais; que entre Turquía, un país que non se distingue precisamente por valores como a igualdade de sexos, a defensa das minorías ou a defensa dos dereitos do cidadán, e que cos seus 70 millóns de habitantes sería o país con maior poder da Unión. Ámbolos dous, países que coñezo e admiro, son, sen embargo, dous exemplos de que esta Unión Europea non busca ese soño de humanismo e liberdade para os cidadáns, senón man de obra barata, menores custes de produción e máis millóns de consumidores para as grandes empresas. Repito: moito lles custou ás nosas sociedades chegar ata o punto onde estamos para sacrificalo todo perante os beneficios das grandes empresas; porque non se crea o conto de que os beneficios delas son beneficios nosos (senón á nosa costa), e porque nelas traballaron, traballan ou traballarán como altos cargos antigos ou futuros políticos que no seu día non tomaron as mellores decisións para os cidadáns aos que servían, pero si para a rendibilidade das empresas ás que serven ou servirán. Curiosas coincidencias. “Europa parece rexurdir da miseria ao esplendor – cantaba La Polla Records fai dezaseis anos - ¡ela é a solución!: a moeda, a súa bandeira”.

12/8/08

Manual crítico para crises

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 50 – Ano V –agosto, 2008)

Habemus crise, irmáns e irmás, pero non debemos caer no desalento se temos en conta unha serie de procedementos básicos para a nosa “vida crítica” que de seguro nos farán a costa máis levadeira. A primeira solución para ser máis optimistas, máis felices, é non botarlle a culpa a ninguén: non sexamos rancorosos, non nos rompamos a cabeza. Todos sabemos que ninguén ten a culpa dunha crise: estas nacen por xeración espontánea, sen causa aparente e por motivo ningún; botarlle a culpa ao petróleo pode ser un placebo, é cómodo porque non pode defenderse o pobre líquido dos ataques daqueles reaccionarios e axitadores que andan a predicar incluso que un líder é alguén capaz de enterarse dun problema antes de que se converta nunha crise. Estupideces, propaganda revolucionaria, todos sabemos a estas alturas que si alguén ten a culpa da mala marcha dun país son os masóns e os comunistas e non as estigmatizadas petroleiras, poñamos por exemplo. Solución número 1: pechar os ollos e botarlle, por norma, 30 € de carburante ao depósito ¿que importa si sube ou baixa o diésel si nós sempre gastamos o mesmo? Descubramos o pracer do “seminovo”, pensemos que todo obxecto reutilizado é unha vida rescatada. Reciclemos, que nada saia de casa sen darlle catro ou cinco usos distintos, estamos nunha terra na que un somier de cama pode converterse nunha cancela, aprendamos da sabedoría popular. Recuperemos aquelas botellas de Chivas que comprabamos nos tempos de bonanza e enchámolas de Dyc fomentando a industria nacional: a gastronomía entra pola vista, e se lle botamos imaxinación, o noso balcón pode converterse nunha envexable terraza de praia se as butacas están ben distribuídas e reaproveitamos a arena dos xeranios no chan para crearlle ambiente.
As vacacións… en casiña: hai que rentabilizar a hipoteca. Irse de vacacións por aí era de novos ricos, un vicio burgués cansiño e estresante. Reflexionen que si todos os estranxeiros veñen para aquí por algo será: cancelemos a reserva no hotel de Punta Cana e consideremos a posibilidade de irnos de cámping á Freixa, poderán sorprender as enormes posibilidades que nos ofrecen as cercanías. É cambiarlle o punto de vista, eliminar das nosas vidas o estrés postvacacional parece posible si parece que non estamos de vacacións. Nada de restaurantes, aproveitemos para comer en todas as casas dos amigos e familiares que poidamos: gañaremos en sociabilidade e a nosa dieta mellorará porque é ben sabido que a mellor comida é a comida caseira. E a máis barata ben sendo a comida caseira nunha casa que non sexa a nosa.
Baixo ningún concepto ter nas mans un folleto publicitario, pensemos que por culpa desas lecturas ocasionais e a priori intranscendentes estamos no punto crítico actual: o mirar por mirar, o preguntar por preguntar logo, son primeiros pratos do comprar por comprar, e o pago a prazos é aliado do Maligno. Estéamos alerta, hai un inimigo agochado en cada propaganda publicitaria. E, como indica sabiamente un anónimo castelán, “mejor sufrir una crisis de dinero que de tisis”, optimismo, irmáns e irmás, o importante é ter saúde, fagamos de cada día unha eterna resaca do Sorteo de Lotería de Nadal. E, xa que non con cartos, tapemos con masilla eses buracos que fan da nosa economía familiar un coladoiro esperando que por xeración espontánea, sen causa aparente, desaparezan esas nubes negras que nos fan ir a traballar soamente para pagar as débedas. Pórlle “rodilleiras” aos pantalóns, como nos vellos tempos. Na crise, ollo con renegociar os créditos, e nesta aristocracia-democraciante nunca darlle crédito a quen nos diga dende a tarima que non hai crise.

9/7/08

Zume de laranxa

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 49 – Ano V –xullo, 2008)

Na cola do supermercado un home protesta con evidente derrotismo, axitando unha botella de viño tinto nas mans, “¿Como que 1,45 €? Onte valía 1,30 €”. A caixeira, resignada – ela tamén ten o seu -, encolle os ombros “Xa sabe… todo sube”. O home paga e vaise, resignado, mentres murmura “¡Pero que país de merda!” e a caixeira asinte con complicidade.
Disque os cartos son como a enerxía: nin se crean, nin se destrúen, que soamente se transforman, que soamente cambian de mans. E nesta época de cris.., perdón, de desaceleración acelerada da economía, de re-axuste estrutural, de conxuntura financeira en retroceso e de… vaia, de crise económica, as xentes do común observamos como os cartos que entran por un lado vanse polo outro sen sequera saudar. Un pouco por aquí e outro pouco por alí, como quen non quere a cousa todo sube “porque todo sube” mentres os poderes públicos miran para outro lado: suben os alimentos de primeira necesidade porque sube o transporte porque sube o petróleo porque sube o transporte porque suben os alimentos de primeira necesidade... loxicamente. Un lío. A luz… sube, ¿como non vai subir? ata un 35 %, pero non para que as eléctricas gañen máis cartos, non – despois de todo, en plena “desaceleración acelerada”, no que vai de ano están gañando un 59 % máis que o anterior -, a luz sube para “que aforremos”. Un lío, tío. E para que aforremos aínda máis propóñennos a medida de traballar 65 horas á semana. Fenómenos.
Somos, as xentes do común, como un pozo sen fondo onde cada quen arrampla o que pode. Mentres me retiran a carteira do peto e van sacando cartos dela, me din que si o déficit… que si a inflación… que si os tipos de interese… que si o euribor ou que si o barril de cru Brent… que si o carallo 29 ¡Ei, frea aí, home! que eu fun estudante de Letras e nesas cousas me perdo un pouco; e se pago a un exército de ministros, conselleiros, directores xerais e variada fauna da Economía e das Finanzas públicas será para que eles me miren esas cousas e procuren que a miña carteira se vaia enchendo de cartos, non a inversa.
Hai pouco tempo estaba eu nun bar dun festival, no que o prezo dos cubatas ía subindo a medida que pasaba o tempo; porque ante a grande demanda seguíase a lóxica de quen paga 3 €, paga 4, e quen pode pagar 4 malo será que non chegue a 5. Alcanzando un punto económico extremo, a demanda comezou a baixar e o prezo baixou con ela: ai, jesús, pareciamos alí “brokers” de Wall Street esperando diante a ver si baixaban ou subían os cubatas para inverter ou non. Pero unha cousa é que pasen estas cousas nun bar dun festival, que o toma un medio a cachondeo, e outra que pase nun Estado co prezo da comida, do carburante ou da vivenda. E non é o mesmo por tres razóns ben sinxelas:
- Os cubatas son máis ou menos prescindibles, pero a comida, o carburante e a vivenda non.
- Aos poderes públicos dun Estado supóñense maior seriedade, compromiso e responsabilidade cara o cidadán que o camareiro dun bar, entre outras cousas porque lles pagamos unha boa pasta por elo.
- O Estado non é unha empresa privada cuxo obxectivo sexa conseguir o máximo beneficio económico, por medio de impostos directos ou indirectos. Máxime cando o beneficio lógrase a custa da ruína dos cidadáns aos que serve, que se converten en laranxas no espremedor, e máxime cando os beneficios non son redistribuídos e gozados por eses cidadáns. Que o país sexa rico non quere dicir que os seus cidadáns se beneficien desa riqueza á que contribúen. Se cadra, catro ou cinco elementos.

9/6/08

Gominolas e cacahuetes

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 48 – Ano V –xuño, 2008)


Teño o avalado parecer de que a educación como tal (formación para crear persoas adultas, conscientes, con personalidade crítica e, en definitiva, felices) está a piques de desaparecer, si xa non é pasto de responso. Os pais, obrigados polo mercado laboral e a velocidade desta sociedade que non deixa tempo “libre”, tiveron que renunciar á súa fundamental obriga de crear persoas formadas en valores dende a nenez. Ensinarlles que significa o bo, e que significa o malo. En detrimento, moitos practican a sobre protección e a permisibilidade máxima cara as actitudes e actuacións dos seus fillos no pouco tempo que poden estar con eles, creando nenos hipermimados, que nunca poderán desenvolverse sós na vida sen ninguén ao lado que os conduza. Suma e sigue, os profesores viron mermada a súa capacidade de empregar a disciplina, de exercer a autoridade - fundamental na educación - pasando a instrución escolar dun extremo a outro: da libre utilización da hostia como ximnasia educativa ata non poder levantarlle á voz ao neno indisciplinado que en clase impide que os demais poidan ser educados. Pola contra, foron as empresas e a televisión na súa liberdade sen límites, quen substituíron esa labor de preceptores, creando nos rapaces un humanismo de mercado onde os valores cívicos son substituídos pola independencia, a competición, o egoísmo e a negación de toda disciplina e razoamento: todo é susceptible de risa, ser un ignorante converteuse nun piropo, compremos ata rebentar. Os nenos, empantanados diante dos televisores, devoran toda a intranscendencia dunha televisión que invariablemente tense convertido en “telebasura”, son animados a esixirlle aos pais a compra de determinados produtos polos que son bombardeados, e un neno de doce anos vístese, peinase, fala e quere ser como David Beckham ou Pete Doherty, e unha nena de trece vístese, peinase, fala e quere ser Kate Mosh ou Amy Winehouse, modelos de persoas elevadas como referentes polos medios e as empresas: modelos de persoas de éxito baseados na compra, na moda, na intranscendencia e, moitas veces, no desaforado consumo de drogas. Os rapaces non queren ser bombeiros, para axudar á xente, nin aventureiros astronautas: a súa aspiración na vida é ser concursante de Gran Hermano, gañar unha edición de Operación Triunfo. Esixen en lugar de pedir, e pretenden ter máis dereitos negándose a asumir calquera tipo de responsabilidade. E o conseguen, magoa deles e culpa de todos.
Unha cousa é querer facerlle a vida máis doada aos menores e outra moi distinta mimalos con piruletas condenándoos a ser meniños o resto da súa vida. Non son todos, por fortuna, pero bastantes como para xeneralizar. E con esta xeración de adolescentes consentidos, esquilmadores de recursos e esforzos alleos, non me quero nin imaxinar que tipo de xubilación nos espera ao resto, deus nos colla confesados, que xa nos vexo traballando ata os 85 anos. No canto de obrigarlles a que asuman responsabilidades esta sociedade ponlles máis facilidades para todo, tendo en conta que si chegamos a esta situación é precisamente por darlles un mar de facilidades. Está prohibido prohibir neste patio, e así nos vai o conto. A prioridade na mastigada “Defensa do menor” debería pasar por garantirlle unha educación mínima, unha capacidade crítica, en inculcarlles uns valores cívicos, humanos e a aceptación de básicos compromisos e responsabilidades básicas, antes de obsesionarse unicamente por si reciben un sopapo de cando en vez.
Coa presa por destruír o pasado, parece que nos esquecemos de ir construíndo un futuro.

16/5/08

A focaccia contra o BigMac

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 47 – Ano V –maio, 2008)



Luigi Digesú é un humilde panadeiro italiano de 35 anos que vive nunha pequena cidade do sur de Italia, Altamura. Quizais porque non en tódalas casas de ferreiro hai coitelos de pau, o feito de que o pai de Luigi, o avó de Luigi, o bisavó de Luigi e o tataravó Digesú foran destros na arte de enfariñar a tafona tería algo que ver para que o mozo panadeiro tivera a ben abrir un pequeno comercio na súa localidade natal. Luigi é representante desas antigas escolas familiares que modelaban un oficio común asumido polos descendentes case case por vocación xenética, herdado xunto coas fotografías e os recordos de familia. Se cadra por iso, pola esmagadora determinación dos xenes, Luigi Digesú non tivo outra que abrir ilusionado a súa pequena panadería-restaurante ao carón dos 550 metros cadrados do xigante mundial da comida rápida, McDonald´s, que elixira a pequena localidade de Altamura como punta de lanza para expandirse en todo o sur do país. Xa saben como son estas cousas: o McDonald´s atestado de xente, sobre todo mozos, que acoden case en procesión dende toda a comarca para comer o que a xente come na televisión e nas películas de Hollywood. E o bo de Luigi no seu pequeno establecemento artesán encarado á grande multinacional, enfariñando cun movemento de man similar ao da sementeira, traballando pausadamente, facendo a súa labor con cariño porque os alimentos tratados con cariño conservan ese amor co que foron manufacturados. Digesú explica a quen queira oílo que “para facer o pan necesítase tempo, deixar que o fermento faga o seu traballo; e despois hai que amasado coas mans, porque as máquinas non o fan igual; e logo débese cocer en forno de leña, e usar leña de aciñeira”.
A historia, contrariamente ao que poderiamos pensar, remata inusualmente: nuns meses o McDonald´s pecha e vaise de Altamura coa cabeza gacha. De nada serven as operacións de marketing da multinacional, as promocións, os descontos ou os cambios de directores no coloso da comida rápida, as súas mesas van baleirándose de xente nuns meses, mentres na panadería-restaurante de Digesú centos de persoas forman cola para probar os seus focaccia, as súas pizzas con setas cardoncello, o seu sinxelo pan regado con aceite de oliva e condimentado con tomates maduros. Unha noite, con premeditación e alevosía, os operarios da multinacional retiran a xigante “M” da fachada, e o pallaso sorrinte da súa publicidade vaise do sur de Italia coas súas “afamadas” hamburguesas. Luigi, atarefado co seu pan, non se da de conta que lle zumbou unha patada nas pelotas ao símbolo da globalización.
Desgraciadamente esta historia sucede a miúdo, pero sucede ao revés: chegan os grandes e o comercio local, artesán, tradicional, vaise ao carallo. En xeral vaise ao carallo todo o que teña que ver co artesán, o tradicional, porque a globalización nunca se adapta a nós senón que nós temos que adaptarnos a ela. Por aí camiñamos. E que me din dos oficios? Cada vez máis, na actualidade, o concepto de “oficio” vai deixando paso á máis descafeinada palabra de “traballo”, e así cada un soe ter un oficio, unha profesión, pero traballa, sen embargo, no que un poda ou lle saia na vida. Con iso temos algunha que outra cousa que gañar, pero tamén moitas que perder: e entre elas, non me negarán que no caso do panadeiro Luigi, alguén que creceu entre o forno e o cheiro do pan quente non sexa quen de sacarlle ao fermento e á fariña cousas que un licenciado en enxeñería, poño por caso, panadeiro polas vicisitudes do mercado laboral e empregado a tempo parcial, non sexa quen de sacarlle. Non sei vostedes, pero a min co pan de Digesú fíxoseme a boca auga, e teño a esperanza de que non desapareza nunca o bo facer destes entregados artesáns locais neste apático mundo globalizado.