12/12/07

Querido Papá Noel:

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 42 – Ano IV –decembro, 2007)


Chegando o Nadal, alzo a vista a Escandinavia para solicitarche o meu imposto revolucionario. Este ano fun máis ou menos bo – nesta vida, todo está suxeito a interpretación -, e por iso quería pedirche algo moi especial, un par de cousas, non para min – ves que non son egoísta -, senón para todos nós. Ti trouxeches do norte os peitos das suecas, para amosarse espidos nas praias dun pais de “toquillas” e “mojigatería”. Aquel exército de peitos nórdicos, orgullosos, viñeron en avións a un mundo no que as novas lavadoras se anunciaban como o garante da “liberdade” das mulleres. E aceleraron, aqueles peitos suecos que querían deixar de estar brancos, a nosa Transición política, social e mental. Non sei si saberás, que de aquí a uns meses temos nesta terra as eleccións, e como naquel tempo pasado, eu quería volver a pedirche algo de coherencia política, social e mental do norte para ir abonando o campo. Porque andan a pelexar aquí, a estas alturas, por ver quen baixará máis os impostos, e non che sei eu, Papá Noel, se será Rita a que manterá cheas as arcas do Estado ou quen vai ser.
Eu pídoche, como regalo nº 1, que subas os impostos nestas terras.
Eu pídoche, como regalo nº 2, que traias razón para administralos.
Todos, Papá Noel, miramos a Escandinavia envexando o seu Estado de Benestar, a calidade da educación, da sanidade, das infraestruturas, das pensións, das prestacións dos servizos públicos… o seu inmenso gasto social. Pero tamén sei que vós, os escandinavos, aceptades gustosamente uns impostos persoais moi elevados que chegan a máis do 50 %: porque sabedes que son razoables, porque entendedes que teñen unha relación directa co servizo estatal que recibides.
Neste Estado, o gasto público por habitante e o gasto público en temas sociais son dos máis baixos da Unión Europea. Pero é que neste pais, tamén se pensa que quen paga impostos podendo evitalo legal ou ilegalmente, é parvo. Tanto que periodicamente botan un anuncio onde se nos di que “Facenda somos todos”, por si a alguén se lle esqueceu. Os pais e nais queren mellores colexios, os automobilistas mellores estradas, os pensionistas pensións máis altas, todos queremos unha mellor sanidade… e todos queremos que baixen os impostos, é dicir: que teñamos menos cartos para financiar a educación, as estradas, as pensións, a sanidade. Quizais porque non percibimos de todo que os cartos que pagamos teñan unha relación directa co servizo estatal que recibimos. Quizais porque igual que se preocupan por dicirnos “Facenda somos todos”, deberían preocuparse porque as infraestruturas e os servizos públicos non tiveran os apelidos de políticos e partidos (“As autovías de Cuiña”, “Os pisos de Zapatero”, “As subvencións de tal partido”, “As liberdades sociais do outro”), parece que tentan, e moitas veces conseguen, dar como unha impresión xeral de beneficencia connosco, e iso confunde. Predican, aquí, que si se reducen os impostos aumenta o crecemento económico, pero non din que se terá que reducir o gasto público social, aínda máis. E eu non sei, Papá Noel, para que nos valerá tanto crecemento económico ás xentes do común – chegar ao posto número oito dos países enriquecidos custounos non poder chegar a fin de mes - se logo o Estado terá que ceder ás empresas privadas o prestamento dos servizos públicos, e deus nos colla confesados. Aínda máis.
Tráenos, Papá Noel, a coherencia política, social e mental da túa Escandinavia e líbranos de maior mal.

4/12/07

Connected people

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 41 – Ano IV –novembro, 2007)


Obrigueime a escribir esta columna con bolígrafo e papel. Saiban vostedes que teño por vicio escribir, escribir calquera tipo de cousas que a maioría das veces nunca saen á luz, e a maioría das veces fágoo por necesidade de sacarme todas esas palabras que andan roldándome a cabeza desde o mesmo momento que soa o maldito despertador. Non escribo por vontade, non: escribo por necesidade, e chegados a este punto dinme de conta que había demasiado tempo que non me enfrontaba a unha páxina en branco por enfrontarme ás 15 polgadas do meu ordenador portátil. En realidade voulles ser franco: fodéronse, a un mesmo tempo, a miña conexión wifi e o teclado do meu portátil. Xa que logo, escribo en papel por necesidade e non, seguramente, por vontade, o que me fixo reconsiderar algunha serie de cousas ademais do marabilloso que é un papel cheo de borróns e correccións por riba da aséptica farmacoloxía do “Delete”.
A miña vida está definitivamente informatizada, case sen darme de conta e a pesar de moitas reticencias pola miña parte. Eu son da xeración que facía os traballos de clase en máquina de escribir, que comezou co da informática cando aínda non existían os ratos e a pantalla do Wordperfect 5.1 era dunha espesa e aburrida cor azul, tampouco hai tanto tempo. E hoxe, cando estou parcialmente disconnected, decátome de que gran parte da miña actividade pasa necesariamente por Internet e a informática, aínda que penso que non me botei a perder definitivamente. Traballo diante dun ordenador e por Internet, compro e levo as contas desde Internet, e gran parte do meu ocio desenvólvese ao redor do ordenador. Pero son dos que prefiren un mundo sen pixelizar, palabra. O outro día, ao meu carón, uns rapaces xogaban ensimesmados coas súas PSP (xa saben, a típica maquiniña) sen levantar a vista para apreciar unha paisaxe espectacular. Os tres alí, tan xuntiños e afastados de todo, sen dicírense palabra. Eu non, eu son dos que, polo de agora, prefiren camiñar pola rúa absorbendo todos os sons, e ruídos, que ensimesmarme nun MP3 que, pola mesma, aínda son remiso a mercar. Prefiro navegar polo mar que por Internet, e para min sempre será preferible chatear nos bares que facelo no Messenger. Incluso ás veces esquézome o móbil na casa, adrede, coma unha especie de reto a min mesmo.
A tecnoloxía é inmensamente útil, non vou ser nin retrógrado nin hipócrita, porque dicir o contrario sería do máis absurdo e tampouco é conto de converterse nun eremita, como San Antonio Abade, pero tamén ten o perigo de converterte nun autómata desligado do mundo (é dicir, nun eremita) si un non é capaz de poñela ao seu servizo. É perigosa esa tendencia galopante a preferir conectarse á rede antes que conectarse ás persoas, á realidade non reconstruída a través de bits. Pensen vostedes nesa especie de ansiedade que lle provoca a un perder a cobertura do móbil ou quedarse sen batería, vamos… estar disconnected, cando tampouco hai tantos anos que viviamos baixo a ditadura da telefonía fixa.
Un escritor ao que moito admiro, escribiu “A ciencia e a tecnoloxía deberían ser empregadas como si foran creadas para o home, e non, como sucede na actualidade, como si o home debera adaptarse e escravizarse a elas”. Foi Aldous Huxley, no seu prólogo a “Un mundo feliz”, alí polo remoto ano de 1946.

Con España ás voltas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 40 – Ano IV –outubro, 2007)


Estamos tan acostumados a que os políticos mintan e terxiversen, tan acostumados a unha clase política propia dunha república bananeira, que moitos chegan ata o límite de votar a xente na que non confían porque “mellor que rouben estes a que rouben os outros”. A clase política que nos toca, especialmente nas súas altas esferas e no caso dos supostos “comunicadores” dos grandes partidos, é tan patética que hai tempo pasou a ser noxenta. Houbo épocas de grandes políticos: pero pasaron os tempos dos políticos de estado para deixar paso aos cantamañanas da verborrea. Unha cousa é que se practique a demagoxia como norma en beneficio exclusivamente propio, do partido, pero cando alguén pretende enfrontar en dous bandos á poboación dun estado cun pasado recente tan negro, merecería ser inhabilitado de por vida para o exercicio de calquera cargo público. Debería ser tratado como inimigo público. Andan estes tipos a tirarse no noso nome as bandeiras e as nacionalidades á cara de forma tan nauseabunda, que o que realmente fan é emborrallalas, fomentando unha especie de crise da identidade nacional e rexional e da concordia na sociedade creada exclusivamente nos despachos políticos e potenciada por uns medios de comunicación tan repugnantemente partidistas, tan repulsivamente pouco obxectivos, que un día fannos crer que comezan a morder todos os cans perigosos do país e ao día seguinte métennos nun estado prebélico. Quen bote un pé ao freo e mire atrás, observará que esa suposta crispación que parece que temos na actualidade non existía fai pouco tempo, e si existe nestes momentos é porque levantámonos cada mañá e somos bombardeados, excitados e exhortados con declaracións e manifestacións nos medios de comunicación, a través de noticias traballadas e manipuladas para que tomemos partido por un determinado bando. Para que escollamos o bando dun determinado partido. Metendo medo. Pero iso, chegando a determinadas alturas, é pasarse da raia. Tendo como norma o respecto ás ideas dos demais, persoalmente non creo nin en bandeiras, nin en himnos, nin en patrias, porque normalmente son esas as palabras coas que enchen a boca as súas señorías antes de comezar a próxima carnicería, e iso algo quererá dicir. Pero respecto totalmente as ideas e os sentimentos dos demais no tocante mesmo ás bandeiras, aos himnos e ás patrias, porque eu son “demócrata”, ese término tan mascado e tan mal empregado últimamente que significa non soamente ter o dereito de elixir senón tamén o deber de aceptar as decisións da maioría, aínda que non gusten. A cousa da Democracia vai por aí. Isto non quita que poidamos exercer a crítica e cambiar as cousas, mesmo as leis, mesmo a Constitución (ese texto que dedica un capítulo enteiro dos dez que ten para a súa reforma), mesmo a forma do Estado pasando dunha monarquía a unha república ou a unha sociedade sen ánimo de lucro ou unha comunidade de veciños ou a unha pandilla de colegas, se así o quixera a maioría; pero quen vaia pola vida enarbolando o carallo da guerra civil como estímulo ou resposta, que se retire. Este pais xa tivo demasiados mesías. Estamos no 2007, maduren un pouco, sexan un pouco máis dignos. E postos a dicir, si se aplicara ao pé da letra a tan famosa Lei de Partidos Políticos penso que non quedaría un sen ilegalizar, o que quizais fora en grande beneficio para todos nós: os cidadáns aos que supostamente serven, e non á inversa.

Pablito… sálete del agua

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 39 – Ano IV –setembro, 2007)
Rematounos outro verán normalmente anormal aos que nos iremos acostumando coa climatoloxía dos clorofluorocarbonos. Rematoume para repouso da miña pel calcinada, para sosego do meu fígado castigado por tantas cañas nas terrazas, para fortuna da miña conta bancaria mortificada de tanto cámping e tanto jolgorio na terra na que se celebran todas as festas xuntas cando sae o sol catro días. Rematoume o verán canso xa de tanta empanada e tortilla, de tanto bisté rebozado e de escoitar tantas veces que a auga das nosas praias, á que lle falta un grao para chegar ao punto de conxelación, “ao principio non, pero logo está moi boa”. Botarei de menos pretender estar tranquilo na area, lendo esa literatura lixeira do verán, mentres ao lado alguén berra a gorxa partida “¡Pablito, te he dicho cienes y cienes de veces que te me salgas del agua!, ¡sa-le-té!”. Esa posibilidade de achegarse, por defecto, ata a praia cando un ten que romperse tanto a cabeza no inverno para contestar á pregunta “¿Que podemos facer?”. Nada, neste recuncho da terra no que o inverno se prolonga por nove meses ao ano, parece incrible que todas as posibilidades parezan concentrarse en catro días que sae o sol. Pero aínda así botarei de menos ulir o frescor da alborada, levantar a persiana e sorrir con optimismo ante outro novo día cheo de posibilidades, rematar o día con Rosalía, tomando unha cervexa fría na miña terraza, que segundo un amigo, é máis tirando a balcón. Non me gustan as despedidas, e para a xente coma min, que prefire coller as vacacións cando fai sol noutro sitio mentres neste chove, ten certo grao de desencanto observar como as persoas se van para volver con síndromes postvacacionais e voracidade por comprar nos quioscos todo tipo de coleccionables. Hibernamos, neste recuncho da terra no que o inverno se prolonga por nove meses ao ano hibernamos, e non sería de estrañar que algún engominado puidera achacarnos que “non optimizamos o tempo” como é debido. Ánimo, amigos e amigas, todos botaremos de menos platicar bizantinamente sobre cales son os que pican e cales non ao redor dunha tapa de pementos de Padrón, pasear ás once en camiseta, ignorar a televisión e durmir na cómoda postura de “pelota-picada”. De seguro que Pajares e Esteso poderían afirmar que o bo que ten o inverno é que se durme todas as noites cunha nórdica. Pero, chistes á marxe, resignación: aquí a norma é a choiva e o mal tempo, e o verán ven sendo unha sorte de accidente meteorolóxico que, como os pementos de Padrón, ás veces pica e outras non. Se cadra deste ano non picou bastante, pero si non queremos ver as nosas terras asaltadas por exércitos de turistas, si non queremos soportar unha costa de cemento dende A Guarda ata Viveiro, deixémolo estar. Porque leis e PXOUMS a un lado, mentres caia unha choiva de cando en vez nos nosos veráns normalmente anormais, estaremos a salvo de batallóns de escavadoras e formigoneiras, de convertermos noutra Costa do Sol que ben poucos apetecerían. Máis vale vivir só que mal acompañado, e si nos din que o futuro de toda rexión pasa inescusablemente polas costas bordadas de dúplex e os chiringuitos de praia, apaga, e ímonos. E se ten que chover, que chova, a mares, que por algo a costa galega é verde, e a Costa do Sol é gris cementosa e amarelo desértico.

En cómodos prazos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 38 – Ano IV –agosto, 2007)
Dous de cada tres españois son incapaces de aforrar un só céntimo cada fin de mes, e por iso, e porque cada vez que un pasa polo banco aparecen no papel todas as letras que temos acumulado, eu propoño dende esta tarima literaria que as “cartillas de aforro” pasen a denominarse “prosa fiscal”. Por unha sorte de malabarismo económico, o pago a crédito que xurdiu (ou iso nos dixeron) para facilitarnos a cousa das compras tense convertido, para moitos, nunca forma de hipotecarse toda unha vida. Unha v-i-v-e-n-d-a, un c-o-c-h-e, ou un s-o-f-a-c-a-m-a teñen moitísimas máis letras das que parece, e custa máis pagalas do que nos informa ese señor comercial que, sorrinte, case chega a chamarnos “estúpidos” por non contratar ese produto imprescindible que nos tenta vender, se cadra unha batedora en trinta cómodos prazos que non necesitamos. Non é nada persoal: probablemente ese señor comercial teña dous traballos en precario e letras dabondo que pagar como apechugar coa cabeza baixa calquera cousa que lle ordenen no traballo; e así anda a xente pola rúa, amargada, porque temos tantos créditos concertados que necesitamos calquera traballo de merda para pagalos. Porque nos teñen pillados polos collóns. Un inocente neno saharauí que observaba o ritual do caixeiro automático, exclamaba inocente que aquí os cartos saían das paredes, e así lle debe parecer a moita xente que despois mantén a respiración cada vez que lle pasan o imposto revolucionario da VISA. Porque, vamos a ver, unha sinxela operación matemática bastaría para comprender que se un ten 1.000 euros non pode gastar 1.500, por cómodo, aprazado ou fraccionado que sexa o pago, so pena de ter que contratar (e isto xa raiaría na estupidez verdadeira) un crédito para pagar un crédito para pagar un crédito, algo insostible a medio prazo, créanme. A xente non se corta, e alentada polo universo dos anuncios e pola audacia de axentes comerciais formados (lembremos que a profesión de “axente comercial”, por moi digna que sexa, é vender, calquera cousa) compra e compra e veña a comprar. Todo ven a rematar na cousa do consumismo feroz, dado que mercamos cousas que moitas veces non necesitamos e a prezos que non son os axeitados. Sei de xente nova sen traballo fixo que comprou un piso cunha hipoteca a 30 anos con mensualidades de 700 euros ao mes, e a min me poden dicir misa porque eu sigo cavilando que esa xente estará obrigada durante 30 anos a conseguir 700 euros ao mes para o demo do piso, todo un deporte de risco, como andan as cousas da vida. E soamente despois de 30 anos poderán dicirme que ese piso e seu, porque antes, amigos meus, ese piso é propiedade do banco, e un non ten máis que deixar de pagar catro mensualidades da hipoteca para quedarse na rúa. Existe tamén a palabra “aluguer” que a min me gusta moito máis e permite unha vida máis disoluta. E aínda que parece que da vértigo pensar que tes que vivir de aluguer toda a vida, cando aqueles e eu teñamos sesenta anos, eles con moita sorte terán un pequeno piso en propiedade despois de trinta anos de aforros, medos e resignacións, mais eu terei trinta anos de vida relaxada e cómoda, de ter a liberdade de gastar os cartos que gaño como me pete a gaña. Sinceramente, se os cartos naceran nas paredes ou se os créditos de tantas cousas que me queren vender me permitiran ter cartos ao mes para viaxar, cenar fora e saír de noite dous ou tres veces á semana, comprar roupa e libros, etcétera, etcétera, non o dubiden: eu tamén caería no abismo do consumismo feroz. Pero mentres tanto, prefiro ter que traballar para vivir, e non vivir e traballar para pagar cada mes as débedas.

Transfusións entre fronteiras

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 37 – Ano IV –xullo, 2007)
Non me pregunten como nin por que me encontraba eu nun cámping construído encima dun cemiterio de Bruxelas falando con Hans. Mentres el me comentaba a situación económica da antiga Alemaña do leste, eu tomaba unha Leffe mirando de reollo ás lápidas que se amoreaban contra os muros, escoitando como as campás da igrexa parella repenicaban na noite. Non lles aconsello durmir nun aloxamento desas características: un non descansa en paz. O caso é que un camposanto cheo de mortos deixa de dar cartos cando non hai máis mortos que sepultar por cuestións de espazo, e a Igrexa, sempre tan sagaz, optara por retirar as lápidas e plantar un tupido céspede que crecía marabillosamente (aboado estaba dabondo), para desconxestionar a oferta de aloxamento en Bruxelas, sacándolle de paso algunhas perras aos turistas. Hans traballaba para unha subcontrata dunha subcontrata da Axencia Espacial Europea, e adicábase a facer deseño artístico, a perfeccionar a estética deses vehículos espaciais que logo vemos tan lucidos nas noticias. A situación laboral da antiga Alemaña do leste era tal, que a pesar de que Hans trataba con enxeñeiros espaciais de primeiro nivel, víase na obriga de vender o seu sangue (literalmente) durante todo o ano para poder pagarse unha viaxe por Europa en agosto. Hans era branco e fraco, quizais pola súa xenética eslava ou ben porque as súas viaxes vampirizábano, nunca mellor dito, o que non quitaba que lle quedara sangue e xenio dabondo para insultar con vehemencia aos inmigrantes polacos que, segundo el, eran os causantes da precariedade laboral que sufría a súa rexión. Dicía, Hans, que os polacos cruzaban a fronteira para traballar en condicións de semiescravismo na súa terra, e así fodían ao resto dos traballadores. “Fucking pigs”, berraba Hans, e pasaba de súpeto do inglés ao alemán para dicirlles catro cousas máis alzando a voz e poñéndose máis branco mentres eu pensaba se non había de necesitar unha boa transfusión o pobre do rapaz. Eu baixaba a cabeza e abría outra botella de Leffe, mentres Hans “xuraba en corso”, e pensaba eu que, se cadra, os polacos non terían que cruzar hoxe aquela fronteira se Alemaña non fixera o propio: é dicir, se Alemaña historicamente non tivera a costume de invadir Polonia (militar ou economicamente) cada dous por tres para roubarlle aos polacos as materias primas e sometelos a un obrigado réxime de semiescravismo na súa propia terra. E que, vamos, se cobraban pouco os polacos habería de ser porque os alemáns pagaríanlles pouco, e as boas ganancias desa diferencia quedarían nos petos dos empresarios alemáns que, segundo parece, para Hans non tiñan culpa ningunha do tema.
Un pouco o mesmo pasa con España e América Latina. Os colonizadores de nome Hernán Cortés, Francisco Pizarro ou Ponce de León, teñen hoxe os seus dignos herdeiros en BBVA, SCH, Telefónica, Endesa, Iberdrola, Gas Natural, Repsol-YPF… Os primeiros fixeron un camposanto de toda América Latina, e os segundos quitaron as lápidas e plantaron céspede no campo abonado: pero nós, a costa duns e outros, sempre gañamos uns bos dividendos. Fai pouco lin un artigo dun escritor arxentino, que describía as relacións entre os países facendo un paralelismo coa relación entre as persoas, e sabiamente indicaba: España ten fillos por tódalas partes, que viven lonxe. Quéreos moito, pero moléstalle que, cando teñen fame, pasen unha tempada na súa casa e lle abran a neveira.

O nó da garabata

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 36 – Ano IV –xuño, 2007)

Aprendín a facer o nó de garabata. Son este tipo de cousas que un, cando chega aos trinta tacos, vese na obriga de saber facer: os saraos multiplícanse e os amigos casan, que lles vou a contar... Antes chegábame con pedirlle á miña nai un par de minutos para facerme o demo do nó en fin de ano. Pero un, coa idade, vai perdendo esa ilusión primeira de cando neno en fin de ano, e obrígase a pór a garabata máis veces das que quixera; vaise, metaforicamente falando, estrangulándose un pouco máis co tempo. Sempre quixen ser autosuficiente, de feito aprendín a manexar a lavadora antes de aprender a facer integrais de segundo grao, aprendín a usar a prancha antes de saber as instrucións de todo o universo dos “Juegos Reunidos Geiper”. Pero o nó da garabata, non sei por que, sempre se me resistiu. Agora, unha mañá produtiva, empeñeime en retirarme esa espiñiña que tiña cravada e descubrín que, moito máis alá do que pensara, existen os nós simples, dobre simples, Windsor, medio Windsor, pequenos ou cruzados. O universo dos nós de garabata.
Supoño que teño sorte dabondo. No mundo en que vivimos, a nosoutros, os dos trinta tacos, aos que por dereito lles corresponde tomar as rendas desta sociedade dentro de ben pouco, temos tan poucas posibilidades, tan poucas esperanzas de tirar do carro que temos diante, que moitos aprenden a facer o nó da garabata soamente para colgarse dunha viga do teito. A xeración dos meus pais con vinte anos estaban casados e con fillos; eran, por así dicilo, adultos. E na seguinte camada, na nosa, a xente vai notando desesperanzada como pasa dos trinta e sigue vivindo cos pais, e como non van vivir? Se temos sorte temos traballo, e si o temos será probablemente precario e temporal, e nesa tesitura a ver quen vai comprar un piso a trinta quilos por cabeza. Así non hai dios que sexa adulto, señores. Non é cousa nosa: é o que hai. É unha cuestión de pura matemática: demasiados gastos para tan poucos ingresos. Temos moitas cousas que agradecerlle á xeración que nos precede, pero sentíndoo no alma, a situación do mercado laboral que herdamos non é unha delas. Non queremos vivir subvencionados, queremos crear a nosa propia vida e soamente pedimos os instrumentos para poder creala e vivir por nós mesmos. Se non hai traballo de calidade, señores adultos, vostedes tampouco poderán satisfacer unha das alegrías desta vida: xogar cos netos. Iso si, poderán xogar cos fillos ata os corenta e cinco pois viviremos porta con porta. Poderemos ir xuntos ao parque, de botellón.Eu tiven sorte porque, de tan autosuficiente que quixen sempre ser, á primeira oportunidade marchei coa maleta de casa para buscar facerme adulto. Xa saben… sempre se está ben na casa e co da independencia un perde bastante: pero tamén ten moito que gañar. Cunha man diante e outra detrás marchei, iso si, ás duras e ás maduras, que tamén é certo que á vida hai que mirala fronte por fronte (a sobreprotección, señores adultos, tampouco axuda porque a comodidade tamén existe como vicio de fillos). Pero vamos, que me teño por home afortunado. Pola mesma, aprendo a facer o nó da garabata, aos trinta tacos, por cuestións de estética máis que por necesitade vital, xa me entenden, pero solidarízome con toda a miña xeración que, sexa por cuestión estética, sexa por medo, opta por levar o colo da camisa aberta, sen garabata, para respirar ben profundo.

… que ven o lobo

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 35 – Ano IV –maio, 2007)


De cativo, a través da ventá do coche, observaba impresionado o aspecto dos pobos abandonados da conca mineira de Asturias. Aldeas pantasmas cuxa vida se foi despois de que pecharan as fábricas de carbón baixo as cales se distribuían miserentos poboados de pequenos edificios monocromos. Apenábame a visión daqueles parques infantís, de columpios oxidados, case tristes, que tan só se movían co impulso do vento, e no ambiente silencioso existía tal grado de tristura melancólica, de lembranza de vidas, que un, case nun acto reflexo, abría os beizos e pronunciaba a palabra “nostalxia”. Entre aquelas paredes abandonadas celebráranse noiteboas e cumpreanos; naceran e creceran nenos e ilusións, proxectos de vida, e só tiña que pechar os ollos e agudizar o oído para escoitar as risas e os choros que quedaran para sempre impregnados no aire daqueles espazos agora inertes. Coa estrada e os cartos do carbón, alí chegaran os homes coas súas familias, e levantaran fábricas e traballaran nelas, e crearan escolas, farmacias e bares, peñas deportivas, amizades, amoríos. Coa estrada marcharan certo día os cartos e o carbón, e comezara a xente a marchar detrás deles, a pechar a escola, a clausurar os bares e a separarse os amantes con bágoas nos ollos. Todos fixeran as maletas e marcharan en pouco tempo: tan rápido que se esqueceran de levar consigo os mortos do cemiterio agora abandonado. Había unha palabra que o resumía todo: “carbón”; e a súa cor impregnaba os muros e as árbores de todo o val, e o seu olor embriagaba o nariz, e o seu son se escoitaba fuxidío polos camiños que serviran para chegar, e serviran despois para marchar daquel lugar. Quedaran, para o recordo, as construcións valeiras e ennegrecidas que chegaran co carbón e co carbón se foran. Cando un depende tanto dunha única cousa, esa única cousa (como a droga) se converte en dona o señora da vontade dun, e un non pode máis que seguir os pasos que lle sexan marcados por ela. O carbón desta historia podería chamase “granito” ou “Citroën” noutra historia sen que cambiase a cuestión de que a nosa vida non debería depender de si unha empresa quere ser máis o menos rendible segundo o vaivén do mercado. Teño claro que o granito deste val acabarase máis cedo que tarde, e os chineses aprenden a pronunciar a palabra “Citroën” como aprenderon a pronunciar o nome de centos de empresas que a preceden cada día. A cuestión non é só quen terá as maletas máis cheas cando moitos teñan que marchar de aquí, senón, creo, ata que punto estamos dispostos a estirar a corda, a baixar os pantalóns, a “flexibilizar” a nosa dignidade laboral, social, humana en beneficio destas empresas antes de que o inevitable suceda. Dependemos tanto de tan poucas cousas, que se non comezamos a buscar alternativas económicas xa, teremos que ir pensando nesta terra que poñer nas maletas cando teñamos que trasladarnos a outra.

Unha vida dende Varsovia a Chittabong

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 34 – Ano IV –marzo, 2007)


Luisa M. tamén caeu. Unha pena. Lémbrome dos primeiros e-mails que nos intercambiabamos: ela era unha poetisa sevillana que andaba a facerlle as beiras ó vodka polaco mentres pululaba dunha beira a outra de Polonia, tentando montar unha empresa de importación de ámbar. Eu era un escritor novel, que non Nobel, e acababa de exportar das miñas mans un libro que caera nas súas. Non deixou de resultarme curiosa a imaxe desa muller, dando voltas polo Leste entre vodka e facturas, pasando as noites entre as sabas de psicanalistas (éravos unha cousa que non podía evitar) e os meus relatos. Luisa M. apostaba sempre unha botella de Bols a que nunca caería nos prácidos brazos da vida cómoda e prefixada, no normal, no típico, nos marcados carreiros do modelo de vida occidental. Pero Luisa M. tamén caeu, e sinto pena. Despois de moito tempo recibín fai pouco un e-mail dende Bangladesh: Luisa M. andaba a voltas cun cargamento de soia en Chittagong, e lin que conseguira esquivar tódalas balas coas que un ex – ministro, alá pola rebelión do 17 de xaneiro, pretendía encher as rúas dese país. Luisa M. celebrouno cunha botella de “morte branca de 40º”, e ata aquí todo na súa excéntrica normalidade. Pero Luisa M. comentábame acto seguido “Cato, he abandonado la literatura por los millones de dólares, me he vendido suciamente a los valores del mercado continuo, los commodity y la banca suiza”. Confesaba que era a raíña da noite con menos glamour do que un puidera imaxinar, a pesar de gastar unha pasta en cremas de Chanel e Opium, a pesar de xurar que se sentía a muller máis vella do mundo, sabedora de que hai engurras que non se poden alisar. A pesar de saberse derrotada pola forza das circunstancias. Tiña por certo que o vodka polaco, barato e corrupto, queimáballe os tacóns, e agora sinte que leva uns zapatos demasiado caros como para poder brindarllos a unha noite de copas, pero eu prefería á Luisa M. de antes. Nunca souben moito dela, pero quedo coa idea de que antes era unha feliz poetisa sen cartos e agora é unha empresaria con cartos e infelicidade que se deixou levar pola corrente. Ímonos adaptando á vida que nos toca, pero desgrazadamente ás veces fáltanos a vontade para adaptar esa vida a nós mesmos, moldeala ó noso gusto como se fora unha escultura en terracota. Luisa M. antes vivía como lle daba a gana e viaxaba levando ás costas o seu ámbar: agora viaxa detrás dos cargamentos de soia, ao vaivén do mercado, vivindo segundo a ditadura da moda e dos cartos. Luisa M. tamén sabe que os billetes cos que paga os seus zapatos caros e as súas bebidas de luxo poda que non estean tan limpos como os de antes, os de cando andaba ao “tuntún” por Polonia queimando os tacóns dos seus zapatos baratos e era, se cadra, un chisco máis feliz.

Profetas novos para problemas vellos: ou aínda que a mona se vista de seda…

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 33 – Ano IV –febreiro, 2007)


Al Gore, flamante vicepresidente estadounidense e flamante perdedor a presidente en beneficio de Jorgito Bush, preséntasenos como candidato ó Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional. Anda o amigo Gore a voltas polo mundo coa cousa de avisar contra “o cambio climático”, pasando de político a paladín do ecoloxismo mundial cunha vehemencia, e por que non, cunha presenza tal nos medios de comunicación (creando unha organización planetaria con certos tintes á Igrexa da Ciencioloxía) que parece que foi el quen se decatou do problema antes incluso de que durante décadas milleiros de científicos, colectivos e institucións estivesen clamando ante as portas pechadas da política. Non nos debe estrañar o tema nunha personaxe que hai tempo reclamou para si “ser o pai de Internet”, o que aínda hoxe provoca cachondeos e bromas varias na comunidade de internautas, tomando a risa as cousas. Porque si non tomaramos a risa as cousas poderiamos dicir que Al Gore non fixo absolutamente nada, e digo nada, contra o cambio climático mentres foi durante oito anos vicepresidente de EE.UU. Antes ben o contrario: o acordo de mínimos sobre emisións de gas de efecto invernadoiro coñecido como Protocolo de Kyoto é un acordo de mínimos debido exclusivamente ás presións que exerceron Clinton e Gore, que dende que chegaran ó poder no 1993 adicáronse a entorpecer sistematicamente tódalas negociacións internacionais sobre o cambio climático en beneficio das empresas multinacionais. Tanto que ó final, mira ti que cousas, nin sequera firmaron o Protocolo de Kyoto. Agora Gore pide que fagan os demais (e ogallá que o fagan, por outra parte, a pesar de Gore) o contrario do que el fixo, “donde dije digo, digo Diego”, e me levo un premio para casa. Máis ben paréceme a min que este político reconvertido a estrela mediática utiliza a caparuza do ecoloxismo como unha sorte de Cabalo de Troia para poder entrar de novo no hipódromo das carreiras ás presidenciais de EE.UU. que non puido gañar noutrora precisamente por non ser “animal mediático”. Persoalmente prefiro a Bush, que queren que lles diga, porque sendo os dous animais da mesma piara un é porco manifesto e outro quere pasar polo entrañable Babe, “el cerdito valiente”, empregando para o seu beneficio persoal un problema de tal envergadura como é o futuro da vida no planeta. Malo raio parta ós dous. As cousas teñen que cambiar, pero si o cambio está dirixido por este tipo de falsos predicadores non teremos un cambio verdadeiro, senón, como moito, unha “maquillada reciclaxe circunstancial”. O que me entristece é que o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional perda caché: o ano pasado Bill Gates e poida que este Al Gore. ¿E que tal a ra Gustavo, o reporteiro máis dicharacheiro, para o Príncipe de Asturias de Comunicación?

Baixo a mesma lúa

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 32 – Ano IV –xaneiro, 2007)


Mohammed preguntoume unha vez si no meu país tamén tiñamos lúa. Era unha noite desas do Sáhara, nas que camiñas tranquilamente por entre as jaimas coa agradable sensación de sentirte insignificante no medio dun enorme deserto de escuras areas azafranadas, baixo o acubillo dunha incrible e estrelada bóveda celeste, baixo a mirada dunha lúa enorme, tan grande que parece que soamente tes que estender o brazo para tocala. Mohammed e máis eu camiñabamos paseniñamente, coa agradable sensación de perder o tempo vagabundeando e divagando sobre as nosas cousas. Mohammed riuse cando lle dixen que sí, que alá en Galicia, a miles de quilómetros víamos a mesma lúa que estabamos vendo naqueles instantes. Mohammed ríase mentres meneaba a cabeza e repetía “la misma luna, jajajaja, la misma luna”, porque non sabendo exactamente de onde viña eu sí sabía que viña dun lugar demasiado afastado como para poder ver aquel enorme círculo branco que case se podía acariñar cos dedos. Tempo despois, en Perú, perdido nas profundidades do enorme Canón do Colca, deixaba pasar a noite ó seu ritmo sentado ó carón da miña cabana de canas, nun deses momentos en que sentes o pracer de ver como o tempo se desparrama marabillosamente pola túa vida, mentres escoitaba o rítmico fluír do río e observaba ensimesmado como unha enorme lúa parecía coroar pechando os cumios do canón, 1.800 metros máis arriba. “Es bonita, ¿eh? – interpeloume Vidal, o meu guía peruano -, casi parece que la pudieras tocar con la mano”. Vidal tiña bastantes máis coñecementos do mundo que Mohammed, razón pola cal escusei de indicarlle que alá, da terra da cal procedía, tamén podiamos observar a mesma lúa pois pensaría que ó final, despois de tanto avisar, collera por fin o “mal de altura” e andaba a desvariar. Observo dende a ventá do meu piso do Porriño unha lúa enorme e saúdoa dándolle as boas noites coa complicidade daqueles viaxeiros que se atopan periodicamente no seu percorrer polo mundo. Con desesperanza penso que tódalas razas, culturas, pobos e países cada noite observamos a mesma lúa. Que todos somos veciños e vivimos unidos baixo o acubillo do mesmo ceo nocturno, dos mesmos desexos, dos mesmos sentimentos. A historia da humanidade, tan chea de sangue e odio, de intolerancia, non poderá cambiar mentres non comprendamos que todos temos o dereito de vivir no mesmo planeta enfermo. Non cambiará mentres non aceptemos que este planeta saqueado, maltratado e malferido nos pertence a todos por igual. A Mohammed e a Vidal, a ti e a mín.

Dos deberes e deberes dos cidadáns

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 31 – Ano III –decembro, 2006)

Segundo o Manual de Cociña do Bo Constituínte, o prato forte do repertorio lexislativo – a maior parte das veces tan teórico coma irrisorio – debe anunciar nos seus títulos os nosos “Dereitos e deberes” para máis tarde pasar a enumerar os nosos “Deberes e dereitos” nunha fórmula na que a orde dos factores si altera o producto. Parece como si uns foran unha sorte de mal menor para que podan ser lexislados os outros. Dinos toda a trouppe nas súas leis, que todos temos dereito a unha vida e vivenda dignas, á educación e á sanidade, ó acceso á vida cultural, a participar do progreso científico, a disfrutar do medio ambiente e a non sei cantas historias máis a cada cal máis poética – de seguro que vostede, como no “Un, Dos, Tres” poderá nomear de corrido varios casos de normalizada vulneración fragrante e impune en cada un dos epígrafes anteriores -, pero soamente fai falla darse unha volta pola rúa ou crecer un pouco máis da indiferente idade que permiten as gominolas para coñecer si na práctica existen ou non estes dereitos; soamente fai falla carecer de cartos para que a relación de dereitos en calquera constitución se converta en pura literatura de ficción. Vamos, que son como un marco xeral, como unha “cousa”, como un “aquel filosófico chachiguay” que se supoñen inherentes ó cidadán, pero que como os desexos das misses nas galas (“Eu o que máis quero é a paz no mundo”) son tan difíciles de alcanzar, maldita sexa, tan terriblemente difíciles de alcanzar…Por desgraza, dende a época de Pericles (que tamén tiña o seu) os que deberían encargarse de lexislar dedícanse agora soamente á cuestión política, que por moito que nos digan non é o mesmo dado que a oratoria deixou paso ó eslogan, a dialéctica ó marketing, e as cuestións do estado xa non se debaten nos congresos senón nas axencias de publicidade. O ben común deixou paso ás estatísticas de intención de voto e os nosos votos son soamente productos de compravenda. En todo caso, un non deixa de pensar que as leis, como os políticos e os profetas, nacen, crecen e desaparecen, e ¡válame o ceo! ten que haber algún tipo de dereitos e deberes naturais – instintivos, case poderiamos dicir – para que os humanos non déramos rematado definitivamente uns cos outros, por moito que o teñamos intentado. Filósofos coma Plauto, Hobbes, Nietzsche ou Golding dicían que o humano é un cabrón por natureza, pero supoño que non só Gloria Fuertes, vostede e máis eu pensamos o contrario e, pola mesma, supoño que aínda existe un espazo para a esperanza. Por iso non quero parecer pesimista, dado que son un tipo dos que chaman “utópico”, dos que pensan que a humanidade pode ser tan miserenta como grandiosa, e se ós meus trinta tacos, como andan as cousas neste mundo e despois de tantas voltas que da a vida, sigo crendo no amor puro, verdadeiro e eterno, pois xa non lles digo máis. E esta fermosa utopía que convive en min, anímame a confirmarlles que sempre crerei na existencia de dereitos irrenunciables da persoa, tan difíciles coma posibles de acadar. Co cal eu, pola parte que me toca, e sen o asesoramento do Estado, pretendo polos en práctica cada día que estes pés saen pola porta de casa practicando o respecto e o amor polos demais. Sinxelamente. Non me fan falla pesados volumes constitucionais nin confusos repertorios lexislativos para saber que toda persoa ten dereito a ser feliz, e todos temos o deber de facilitarllo como ben poidamos.

El pisito

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 30 – Ano III –novembro, 2006)


Tódolos españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo dacordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xenere a acción urbanística dos entes públicos (Constitución Española, art. 47). Pola noite gústame ler literatura de ficción porque faime evadirme e soñar. Na miña mesiña de noite nunca falta unha Biblia nin unha Constitución como deus manda, porque estes escritos metafóricos fan que un soñe con paraísos tan fantásticos e afastados coma imposibles de acadar. Coa Biblia e Huxley sigo, pero co da lectura da Constitución xa me está empezando a dar o que me dá coas películas de terror: que non podo velas pola noite, porque despois teño pesadelos. Tiven un. Soñaba que quería comprar un piso no Porriño - mira ti que cousas o dos soños - e alí ía eu, iluso de mín, canda a inmobiliaria a ver de gastar entre vinte e trinta millóns por mercar un piso de merda mal situado. E botei a sinatura, a verdade sen saber nin como nin por que, entre unha morea de papeis camuflados onde se incluían hipotecas, seguros de vida, bonobuses a perpetuidade e algunha vaixela a prazos. Despois do shock, e de decatarme de todos os papeis que asinara, entereime tamén de que o piso en cuestión fora comprado e vendido tres veces no prazo dun mes, e entre compra-e-venda subira así como seis quilos sen sequera ser estreado. Non porque pensara que calquera cabrón especulador gañara cartos coa miña perda pensaba que alguén me estaría a estar estafando, non, nin porque me sentira desasistido nos meus dereitos constitucionais que me garanten o acceso a unha vivenda digna e a protección contra a especulación, non. A Constitución, como toda literatura fantástica, é unha cousa que como os pica-pica explota nos beizos - sexa en anuncios, promocións, informativos e demais publicidade comercial - pero de aí non pasa. E hai delictos punibles, os que cometemos corenta e pico millóns de cidadáns neste estado, e hai delictos que non o son: os que cometen a pleno día e a cara descuberta os que teñen os cartos e o poder. Pensaba que cavilaba nos meus futuros fillos – si é que veñen a este mundo de tolos, os pobres. Antes, a prole pelexaba por ser quen de facerse coa herdanza dos vellos: agora, na época das hipotecas a 150 anos, pelexan por escapar delas. Quita, quita...

Sabas de flanela

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 29 – Ano III –outubro, 2006)


Rematounos o verán e con el o estrés de ter que aproveitar cada minuto pola cousa dos “beneficios” da climatoloxía estival. Encher as pilas de aire e de luz, de sol e mar, de cañas nas terrazas antes de que o outono e o inverno nos traian as mantas no sofá, os cafés quentiños e os domingos de visionado-DVD´s. Xa non poderemos, polo de agora, incrementar as nosas posibilidades de padecer un melanoma ós 50 empantanados coma lagartos na area das praias, e polas noites haberá que botar un xersei por riba da camiseta: que máis dará, se por fortuna acaba de abrir o H & M no pobo do lado. Porque cousas boas tamén as ten o outono, a mans cheas. Os momentos, sobre todo. Eses momentos deliciosos ós que obriga a climatoloxía do outono. O outro día gocei dun deles. En penumbra, no exterior da habitación, facíase pouco a pouco de noite mentres as campás dunha catedral inundaban paseniñamente co seu son as rúas cubertas de néboa. Un pequeno gato rosmaba ós meus pés, mentres eu acariñaba un corpo tan alleo como próximo que descansaba aletargado ó meu carón; abrazábaa, e os latexos do seu corazón reducían pouco a pouco a cadencia, e mentres ela cabalgaba o Ave Fénix que sobrevoa o mundo dos soños – un mundo cálido e silencioso -, eu oía entre o son dos seus rítmicos latexos os compases dun cuarteto de cordas no cruceiro dunha igrexa veneciana, alá pola época en que a vida non estaba subxugada polo ruído e polo tempo dos reloxos. Non hai mantas no verán que protexan dous corpos abrazados do frío, da néboa e da escuridade que reinan nas rúas silenciosas do exterior das habitacións. Nin fermosos ceos inmensamente grises. Non hai xerseis de cores nos estantes do H & M, nin cafés quentiños, nin películas antigas en DVD, e non hai pequenos gatos que busquen o cálido refuxio dos pés dos namorados para acurruncharse rosmando. Ven a ciencia de descubrir que anda o noso Sistema Solar correndo a 250 quilómetros por segundo dun lado a outro da galaxia. Pero aquí está o outono de novo para amosarnos que hai momentos, ás veces, en que todo se detén no tempo e no espacio. Ata o espacio mesmo.

Touche disindo…

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 28 – Ano III –setembro, 2006)


Máis dun amigo afirma que son un friki antisocial pola miña tendencia a permanecer coa boca pechada e as verbas no peto toda vez que me atopo nun ambiente de persoas estrañas á miña cotianidade. Pola contra, chegan outros a afirmar categoricamente que son un descarado e un desvergoñado – quizais porque aínda non me coñeceron fora dese o meu núcleo afectivo. Penso eu – que non me teño por calado – que non chegando ás fronteiras da misantropía, nin dende logo, ás veces, ata os límites de ser un desvergoñado, considérome persoa silenciosamente expresiva. Nas miñas viaxes literarias descubrín con sorpresa que había unha cousa compartida entre a escrita dramática de Shakespeare, a “metafórica” da Biblia, a lúcida de Henry Miller e a filosófica conversa dos borrachos de bar: a consideración de que, non sabendo, a mellor opción é a de permanecer cos oídos abertos e a boca pechada. Canso de estar en discusións nas que oito persoas berran ó redor dunha mesa considerando que a idea máis verdadeira é a que se impón pola forza dos decibelios; aínda que leven media hora falando de temas diametralmente distintos. Canso estou, digo, de acender a tele e escoitar opinións que se impoñen pola destreza e virulencia con que un llas refrega ó outro pola cara. Neste mundo onde todo cristo se considera cos suficientes coñecementos como para ser seleccionador nacional de fútbol, presidente do goberno ou físico nuclear, penso que sobran bocas e faltan oídos, sobra o dogma e falta relativismo: a nosa verdade é única e soamente a nosa verdade, non ten por que ser a verdade de todos. Maldita sexa, menos mal que non existen opinións universais. Falemos menos e escoitemos máis, e se non sabemos, e por orgullo non queremos preguntar por saber, calemos. De seguro que o mundo sería un lugar moito máis agradable no que vivir se prestaramos as nosas orellas ós beizos alleos.

Americano, te saludamos con alegría

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 23 – Ano III – abril, 2006)



Volveunos a pasar o señor Marshall por diante sen pena nin gloria. Os galegos temos o vicio de protestar soamente cando o cu doe a máis non poder, e mentres tanto, baixamos os pantalóns, poñémonos a catro patas e xiramos a testa de cando en vez para pedir, mentres nos cae unha bágoa polas meixelas, que nos boten un pouco máis de vaselina. Pasa o tempo e Galicia ten a honra de converterse na comunidade máis solidaria do estado. Viu Mr. Marshall e díxonos que tiñamos un grande potencial en enerxía eólica, e nós enchemos o peito mentres os nosos montes ían crucificándose con aeroxeneradores eléctricos que se construían fóra, con xente de fóra, con empresarios de fóra e con impostos que se pagaban fóra. Mentres, a nós quedábannos as expropiacións, a contaminación ambiental e paisaxística e a “honra” de converternos na sexta potencia mundial en producción eólica. Din que a partir de agora (¿a partir de cando? se o pastel xa foi repartido fai tempo) ímonos quedar dun 10 a un 30 por cento das ganancias (é dicir, un 10 por cento). A ver si é verdade. Un xa borda de tanto crer. O País Vasco, que en enerxía non representa un carallo do total do estado, percibe dende o comezo un 50 % das súas ganancias. Nós, que somos a terceira comunidade máis pobre e a que proporcionamos ó estado a cuarta parte da enerxía total que produce, aínda non chupamos un can. Os vascos e os cataláns si que saben: gustaríame saber a mín quen mantén a quen se sempre se pagasen os cartos alí onde se producen. Pero quen non chora, non mama: así están as cousas. E nós soamente choramos cando a merda nos chega ata o pescozo. De aquí a pouco, os ricos murcianos e valencianos chegarán coas súas tuberías ata as nosas fronteiras para pedirnos, solidariamente, claro, un pouquichiño de auga porque xa saben que a nós de filántropos non nos gaña ninguén. Os nosos ríos escarallados coas máis de 300 minicentrais que temos que soportar, os nosos bosques escarallados cos máis de cen parques eólicos que temos que sufrir, o noso aire escarallado coas centrais térmicas máis contaminantes de Europa que temos que respirar, e nós, escarallados a máis non poder. Dicía Castelao que “a nosa vaca ten o pesebre en Galicia e os tetos en Madrid”, pero tamén é verdade que Castelao, aquel señor que vivía entre Badaxoz e Bós Aires, morreu fai máis de 50 anos, e nós temos que seguir a dar leite.

Este rapaz está tolo

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 22 – Ano III – marzo, 2006)



Este rapaz está tolo, comentábame alguen nun deses momentos nos que ves a televisión sinxelamente porque ten luz e as cousas, no seu interior, se moven. Unha interxección que me sacou do meu estado de aletargamento progresivo e casi fai que me atragante cunha cervexa barata do Lidl. Oh, carallo, pensei. E logo está tolo por que? O rapaz en cuestión un bo día mandara todo a tomar polo cu e adicábase ó soberbio exercicio de vivir e ver mundo; sen traballo e sen cartos, sen ambicións e sen preocupacións. Unha persoa desas que soamente deixan detrás a pegada das botas e que por desvelo soamente sofren a elección de camiñar cara o norte ou cara o sur. Acendín un pito e pensei que se neste mundo hai alguén tolo, somos nós e os que son como eu. Os que, tendo opcións, transiximos e aceptamos, e pasarán media vida traballando para gastar os poucos cartos que den apañado no pouco tempo que lles quede para disfrutalos. Os que traballan para poder seguir traballando e morren cunha sensación de fraude nos beizos. A xente das hipotecas e da vida solucionada sempre e cando parte da nómina sexa depositada no banco, coma un tributo ós novos deuses que nos conceden unha satisfactoria explicación do mundo a un 6 % TAE. Os que se arrastran polo mundo rodeados de mentiras, e sábeno, e continúan a xogar a ser actores dramáticos de reparto. A xente que vive e morre e non sabe nin por que vive, nin por que morre. Os que se preocupan máis de pensar na vida que en vivila. Nós, a caste dos que botan a sábana por riba cando as pantasmas invaden a nosa habitación nas eternas noites en vela. Nós, os descastados existenciais. A tolemia nunha vida deshumanizada, desnaturalizada, é a mellor forma de cordura nun mundo que cada vez, e en maior medida, xoga a estar durmido. Nun mundo desmondado como unha laranxa espida.

Duelo a garrotazos

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 21 – Ano III – febreiro, 2006)

Houbo un momento na historia, non sei cal, cando deixei de ser unha persoa para converterme nun dato. Son un número de conta e un número de teléfono; son unha cifra máis que se perde no mare magnum da masa social. Perdemos a nosa liberdade e a nosa independencia, o noso valor como seres humanos diferenciados e especiais, cando nos obrigaron a elixir un bando: eu son de dereitas ou de esquerdas, de Movistar ou Vodafone, do Barça ou do Madrid, de Kas laranxa ou Kas limón. Condolezza Rice deixouno claro un mal día: quen non esté conosco está contra nós. E nesa polarización galopante de pensamentos, vivencias e actitudes, imos perdendo a riqueza orixinal que nos concedeu a natureza para fundirnos en números, en bandos, en faccións das que non sabemos moi ben como e cando eliximos formar parte. As trinta mil tonalidades de gris perdéronse cando soamente podemos escoller na mesa carta branca ou carta negra. Se pretendo manterme á marxe son, para o neoliberalismo occidental, un herexe desclasado e marxinal mentres que para o islamismo fundamentalista seguirei sendo un infiel neoliberal do occidente. Se te mantés no medio serás inimigo de todos, e verás como che caen pedras dun lado e outro. Á maioría tócalle un bando sen saber moi ben o como e o porqué. Un, cando chega á casa despois da marabunta diaria, sinte que xa está canso de ter que loitar contra o traballo, contra a hipoteca, contra o xefe e os demais conductores, contra a domiciliación dos pagos para rabuñarlle catro duros ó mes á nómina como para ter que pensar nas razóns que poderían determinar pertencer a uns ou outros. Pertencer a alguén. Un déixase conducir cara o extremo ó que o leve o vento que máis sople, e, dende ese extremo, insulta e golpea, e déixase fundir coa masa que lle toque nun mundo no que os polos opostos non acaban de atraerse.

Xeneralísimo Mena

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 20 – Ano III – xaneiro, 2006)


O xeneralísimo Mena ameaza a 43 millóns de cidadáns dun país con roubarlles a súa liberdade e non é inmediatamente expulsado do exército con deshonor e encarcerado no acto. O xeneral Mena ameaza claramente cun golpe de estado do exército cando a eles lles saia do carallo e o único que pasa é que se nos pasa á reserva dous meses antes do previsto, dous meses máis rascándoa mentres cobra un soldo que moi poucos españois poden ter o luxo de cobrar. Os españois... os ameazados por el, os que pagamos o seu salario, mercamos as súas armas, dámoslle a súa función e lóxica como militar e agachamos a orella cando personaxes da súa condición nos avisan “ojo, a ver si os vamos a tener que correr a hostias”. É, nestes momentos, cando un como que esperta dun soño e comeza a cerciorarse de que non son os cidadáns deste país os que o gobernan senón soamente co permiso dos señores de uniforme. “Liberdades e cambios ata onde queramos nós”, aí estamos, con dous […], viva a democracia representativa; “descoidade, obrigarémosvos a facer o que é mellor para vós caia quen caia”, tela mariñeira. É, nestes momentos, cando un cercioráse de que dende a “transición” - así, entre comiñas como debe ser - o perigo máis grande que correu este país de perder as liberdades que se conseguiron non foi por mor de Al-Qaeda, nin por ETA, nin por o Estatut de Cataluña: foi pola tentativa de golpe de Estado do 1981 confabulado, precisamente, entre parte da Garda Civil e do exército. ¿Pero quen se cree esta xente que son? ¿Quen lles encargou a tarefa a estes mozalbetes de uniforme de defendernos de nós mesmos? ¿A quen din representar e con que dereito son eles os encargados de representalos? Deixémonos de historias, ¿vivimos nunha democracia ou non vivimos nunha democracia?, porque se xogamos haberemos de xogar todos ó mesmo xogo. Parece que esta xente ten o dereito de vivir nun país independente dentro desta España que no século XXI aínda treme pensando no ruído de sables nos cuarteis. Dacordo que a de Mena pode non ser unha opinión xeneralizada entre o exército, pero cando un home con tanto poder como o xefe da forza terrestre do Estado di á luz pública cousas coma esas e tantos asenten coa testa, quere dicir que, primeiro, hai alguén por riba del coa mesma idea, e, segundo, coincidiremos en que tampouco é un caso tan illado como nos queren vender.

Matrix

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 19 – Ano II – decembro, 2005)


O director do Medialab do Instituto de Tecnoloxía de Massachussets, Nicholas Negroponte, ven de anunciar recentemente a creación de ordenadores persoais cun ínfimo custe de 100 $, destinados principalmente ós países en desenvolvemento, co fin de paliar a enorme brecha tecnolóxica entre o “primeiro” e o “terceiro” mundo. Lonxe de interpretar este negocio como unha labor “filantrópica” polo ben da humanidade (a estas alturas…), o certo é que a ONU xa se postulou totalmente a favor da iniciativa, e máis de cincuenta países dos máis pobres da terra anunciaron o seu profundo interese polo avance tecnolóxico, vendo nel unha luz ao final do túnel. Non é de estrañar: na actualidade se non tes acceso a Internet non tes acceso ó mundo, e a ONU continuamente expresa que o dereito de acceso a Internet (= comunicación) é outro dereito fundamental do home. Craig Barret, presidente da empresa informática Intel, critica duramente a proposta, acusando o aparato de “cacharro” dado que non ten todas as funcionalidades dun PC ó uso. Indiquemos, pola nosa conta, que o “cacharro” non ten procesadores Intel, os máis populares do planeta; popularidade que fai que Intel tivera no último trimestre de 2005 uns beneficios de 10.600 millóns de dólares. Incorporan tamén software libre, e aí nos doe outra vez porque non hai cartos que gañar. Cunha sinxela ecuación matemática poderiamos comprobar que Craig Barret pretende sacrificar un dereito fundamental da humanidade polo aumento das súas ganancias empresariais, e sendo como é colaborador incondicional do “filantrópico” goberno estadounidense non sería de estrañar que o conseguise. Nada novo: no 2005 morreron 3 millóns de persoas por causa do SIDA, sobre todo nos países pobres, que non teñen cartos para pagar os carísimos medicamentos gravados por patentes desorbitantes que enriquecen as arcas das grandes corporacións farmacéuticas. Nada novo. Na recente reunión da Organización Mundial do Comercio, en Hong Kong, reúnense os gobernos públicos do mundo pagados cos nosos cartos, e coma os mercaderes do templo na época de Susito (Bo Nadal!), reparten para os máis ricos dos gobernos privados os despoxos da carne dos máis pobres.

3/12/07

Cópiame

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 18 – Ano II – novembro, 2005)

Parece que toda a nosa vida está patentada e debemos pagar dereitos de autor por vivila. Probablemente pouca xente saiba que a música do himno socialista “A Internacional” é propiedade da sociedade SDRM; o símbolo universal da paz, a pomba branca, é propiedade de VEGAG, entidade que xestiona os dereitos de reproducción das obras de Pablo Picasso, quen a “creou” coma tal símbolo. En Chicago hai prazas públicas con copyright, nas que non podes sacarte unha foto sen pagar aparte. A canción “Cumpreanos feliz” pertence á Wagner, quen cobra 2 millóns de dólares anuais polos seus royalties; mentres que a súa letra é propiedade da empresa chinesa Fufeng, quen intelixentemente decidiu patentala. Si, queridos amigos, que todos nós saibamos que nos cumpreanos, cando nos reunimos nas nosas casas para homenaxear a un amigo coa referida canción, estamos cometendo un delicto de “comunicación pública ilegal”; e por agora aínda non chaman á porta para cobrarnos, pero hai que deixar andar as cousas... En Francia Nestlé quixo patentar a cor azul... nin máis, nin menos. E en España as bibliotecas públicas están comezando a pagar multas polo préstamo de libros. Un empeza a pensar que neste xogo do que haberá moito camiño por andar, están gañando os defensores das “propiedades intelectuais”, da defensa dos “valores do mercado e do capital” por riba dos que defenden o dereito ó accseso á cultura, da formación da personalidade e do dereito a ser e existir como persoa en sociedade. Toda persoa ten dereito a percibir unha compensación económica polo seu traballo, sexa na realización dunha canción ou dun libro; pero os límites desta compensación están na lóxica humana e na consideración de que hai un patrimonio universal ó que todos temos dereito. E se eu saio á rúa non podo esixir ás demais persoas que non me miren... alá eu, se saio á rúa ou non, ninguén me obriga. As sociedades de xestión de dereitos saen na tele apelando á moral e dicindo que os seus socios “tamén queren comer”, pero non se lles cae a cara de vergoña cando cobran cantidades desorbitantes ós socios e non socios por dereitos que se atribúen e non son seus, que irán a parar ós máis multimillonarios da súa ralea; nin cando unha delas manifestou “Internet é un paraiso para os contrabandistas, ¿pode a industria da música levarse a súa parte?”. Que non nos vendan a moto, a cultura sempre existiu e existirá, e o seu frustrado modelo de negocio non é o noso problema. Que espabilen.

Saltando valados

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 17 – Ano II – outubro, 2005)

Chámome Eric e son subsahariano. O primeiro valado que me puxeron foi na infancia. Negáronme a educación, a alimentación, a felicidade e o futuro. Dende aquela vou saltándoos. Ás veces máis altos, outras máis pequenos, pero a vida da xente coma min é unha carreira atlética de salto de valados. Ás veces caio, pero teño que levantarme e volver a correr, e volver a saltar, porque a xente como eu non ten máis opcións que correr e saltar, e cair e seguir correndo. Cada día morren 20.000 persoas como eu: non me pidas que non corra, que non salte o valado, non quero ser un número máis nunha morea de números porque quizáis ó outro lado poida ter unha opción de vida. Non me quedarei a este lado, cruzado de pernas a esperar a morte porque todo canto tiña foi roubado pola xente que estades dese lado da fronteira. Ó carón da chabola onde vivía, unha refinería de Repsol, enreixada, contaminou a pouca auga que xa non teño. A mina de diamantes dos meus tatarabós foi roubada pola multinacional que agora os vende na esquina do teu barrio. O teu goberno apoia ó meu goberno corrupto negándonos a opción de poder cambia-las cousas. Non me digas que non intente saltar ese valado que me separa do teu mundo porque non podo morrer cos brazos cruzados. Non pido moito: mentres manteñades o meu país sen futuro terei que converterme nun desarraigado e buscalo no voso. Agora, dende o alto enreixado de espiños que construíchedes para apartarvos da nosa mísera vida, dispáranme dun lado e aporréanme do outro. Dende aquí arriba non vexo futuro ningún. E aínda así, por máis alta que me poñades o valado, máis alto terei que saltar, pero saltarei.

Con vitaminas A, B, C e CHE

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 16 – Ano II – setembro, 2005)
Estoume quedando atrás. Definitivamente. Cada vez que acendo a tele e me poño a ver anuncios, alguén non deixa de recordarme que son un maldito desgraciado. Vexo ás mulleres de Corporación Dermoestética... – sabendo que nunca as terei se non boto tres tipos de crema - e póñome a pensar en dar unha ducha fría: pero alí sempre me aparece a do xampú Herbal de “toda unha experiencia sensual” e así non imos a ningunha parte. Que non me dou concentrado, que tremo cada vez que penso o día en que, para vender as Gillette, aparecerá unha muller rasurándose o pubis. Porque agora xa non basta tampouco con pasarlle un auga á ensalada: tes que botarlle Amukina. E pensas que, despois de todo, gastar cinco minutos en facer unha ensalada é perde-lo tempo podendo seguir vendo anuncios mentres se fai un polo no microondas en tan só dous minutos e medio; total, se Ferran Adriá acabou facendo patatillas... Os nenos ven a Micky Mouse nos debuxos e logo comen a súa cara empantanada na mortadela nunha sorte de canibalismo; e a irmán concienciada explícalle ó pequeno que para ser moderno, o Cola-Cao lévase en botella nas excursións polo monte. Co da mutación xenética, o de “a miña vaca da leite merengada” pasou o plano da Historia Friqui Contemporánea, e agora, teño unha vaca que por un teto da leite desnatada, por outro café descafeinado de sobre con Sacarina e por outro bota cremosa con “isoflavonas de la soja”. Pero da igual, porque se non tomas Danao non almorzaches un carallo. Chamo a Cofidis e antes de colga-lo teléfono regaláronme 3.000 euros para pagar a primeira das 300 letras do novo colchón Flex (zzzzzzzzzzzz), e Caja Madrid deixou de ser caixa para converterse nunha ONG que só pensa en salva-la natureza. Endesa non contamina, que va, Endesa ultimamente fala co noso irmán Planeta Terra por ver se nos pasa enerxía, e cando pagamos os intereses do crédito hipotecario en Caja Duero sentimos como un relaxante baño no río. Se quero lavar a roupa, soíño e tranquilo, aparece unha muller do futuro na miña cociña para venderme un deterxente da hostia, e eu, como si fose a cousa máis normal do mundo, pregúntolle se tamén saca as manchas do tomate frito… e das babas que me caían no xersei de Zara logo de almorzar co LSD que algún cabrón, penso eu, me botou no Danao pola mañá. Pensabas en acada-la felicidade... se resulta que cun Donuts xa vai todo OK, tío.

Queimando calorías

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 15 – Ano II – agosto, 2005)

Non son nin persistente, nin voluntarioso. Por iso cando collo a bicicleta “extática” e me poño a pedalear como un maldito, nunha desas as miñas tempadas temporais de mens sana in corpore sano, os amigos escachan coa risa e van contando os días que aguanto nesa tesitura. Que carallo – dígolles eu cando volvo a renunciar á bici e volto ás miñas tempadas de ociosidade e terraza de bar -, non penso gañar unha olimpiada, pero non me negaredes que catro ou cinco días de exercicio de vez en cando non veñen mal; non me vou converter nun atleta, vaia, pero para o corpo e a saúde esta solución parcial non ven nada mal. Pasa o mesmo ca cousa de prohibir barbacoas nos montes. Está claro que así non remataremos cos lumes, está claro que neste país sempre se recorre ó cómodo – prohibir – no canto do mellor – educar e concienciar, reflexionar e lexislar cabalmente -, e, sempre, con medidas estímulo/resposta ó rebufo dunha desgraza dada – 11 mortos en Guadalaxara – da que sacan partido primeiro os periodistas e logo os políticos. Pero si está claro que cada verán nos convertemos nun estado de crise medioambiental – negro futuro nos agarda se non cambian as cousas -, calquera medida que se tome para atalla-lo problema, aínda que sexa parcial e tardía, por min vale. Vále que a cousa da barbacoa éche moi tradicional, pero tamén son tradicionais a tortilla e os filetes empanados en “taperware” e, miren vostedes, non están as cousas para andar con historias e preferencias. Tamén é tradicional neste país o machismo, a corrupción política, ou arranxar os problemas a hostias nas guerras, e mal demo as leve. Non é conto de que cada fin de semana milleiros de persoas acendan milleiros de lume nos montes resecos porque, como na droga: todos controlan pero algún sempre cae, e cando cae... malo. E non están as cousas para andar con historias. Eu, que tanto gusto das churrascadas silvestres, son o primeiro en renunciar a elas. A pesar de pensar que a maioría dos incendios non comezan nas barbacoas, senón nos despachos. E, por certo, ¿para que anda o exército a desfilar en Figueirido cando nunca hai medios humanos nin técnicos para apaga-lo lume?

Por marcha nupcial a Gloria Gaynor

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 14 – Ano II – xullo, 2005)

Que unha persoa pense que a palabra “matrimonio” non pode significar a unión entre dúas persoas do mesmo xénero sexual, paréceme ben. Asisto asombrado a unha súbita preocupación nacional pola precisión terminolóxica, a un profundo interese pola Gramática e a Literatura, e iso sempre está ben. Agora si, gustaríame que nos deixaramos de caralladas e falaramos en prata. Porque a maioría dos que empezan o discurso dicindo “Eu non estou en contra da homosexualidade, pero...” precisamente están declarando a súa postura contraria á homosexualidade. Non vou dicir que no século XXI, e despois do que levamos percorrido, pensar que a homosexualidade é unha “patoloxía”, e que a vida dunha persoa esté deterrminada por si prefire dar por diante ou por detrás é unha “burrada” en maiúsculas (vaia, mira ti, xa o dixen), porque me importa un carallo o que pensen as persoas que pensen iso se en xogo está o respecto ás liberdades fundamentais dun humano, como é o poder vivir en amor e formar unha familia. Si, señor@s, unha familia, porque as “familias de homosexuais”, por moito que lles desgusten, son tamén familias, e os séculos de historia que levan existindo na práctica así o amosan.A única diferencia é que un neno criado por homosexuais ten a estúpida tendencia de ser máis tolerante que os demais (e quen diga o contrario, por favor me poña diante calquera estudio científico, estatística ou caso de andar por casa que o demostre); e ser “tolerante”, polo visto, é un vicio e un pecado moi grande, parece ser, e non hai máis que observar algunha que outra manifestación que agora non ven ó caso. Por certo, tamén me gustaría que antes da celebración dun “matrimonio heterosexual” se solicitase un certificado do Psicotécnico, á máis de varios estudos científicos sobre o matrimonio en cuestión, dado que estou canso de ver familias esnaquizadas, nenos malcriados, maleducados, abandonados e ninguneados polos seus pais; pais e nais, quero dicir neste caso. E para comprobalo, non fai falla ningunha estatística, porque todos o sabemos. E esas “familias heterosexuais” seguen criando como coellos co beneplácito desta sociedade benpensante. Falemos claro dunha vez, porque a min tamén me preocupan as cuestións da Gramática: non teman, señor@s, non teman, a homosexualidade, a diferencia da sarna, non se pega co roce.

Por favor, dáme unha esmoliña

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 13 – Ano II – xuño, 2005)

Galicia vaise quedar sen as subvencións europeas. Vaia por dios... Que desastre... Despois de 20 anos de estar a recibir as maiores axudas de toda Europa, agora quítanas e estamos coma o principio: somos unha rexión subdesenvolvida. Os cartos vanse para os países do leste, ogallá os saiban aproveitar mellor ca nós. Mira para Irlanda, estaban peor que Galicia pero en dez anos, co 30 % das axudas que recibimos nós, son agora unha das rexións máis desenvoltas do continente. E nós seguimos como estabamos. Vaia por dios... Agora cansarémonos de ver pola tele a toda a cohorte de politiquillos nativos berrando que “Europa traizoa a Galicia”, e que, vaia, que os de Bruxelas son uns cabróns. Se cadra, os de Bruxelas estarán pensando que ós galegos gústanos demasiado estar no sofá rascando o carallo mentres gastamos os cartos dos demais. Se cadra, estabamos vivindo nun País de Jauja e agora, coma sempre, tocaranos comer terra. Claro, con cartos no peto deixabamos facer e mirabamos para outro lado. En Muxía os pescadores miraban ledos como os voluntarios limpaban o chapapote, e, coas mans no peto, algún bastardo aínda se atreveu a dicir que “ogallá viñera outra marea negra, nunca vivimos mellor que agora”. Todos contentos. Todo segue igual. Nada cambia. Claro, a golpe de talonario se arranxa todo; pero nin eran nosos os cartos, nin o talonario ten máis talóns. Agora toca morde-lo po. Poderiamos pensar que se toda esa enchente de millóns se aproveitara como era debido, agora non necesitariamos cartos dos demais porque seríamos quen de gañar o noso propio diñeiro. Pero non o vamos facer porque chamaríannos reaccionarios, ¿verdade? Pois a chorar toca, mentres erguemos o dedo acusador máis alá das nosas fronteiras e asentimos convencidos cando nos digan que os de Bruxelas, vaia, que os de Bruxelas son uns cabróns.

O Primeiro Mundo e a inmundicia das martinicas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 12 – Ano II – maio, 2005)

O outro día estaba vendo a tele. Botaban nos informativos unha sorte de mercadillo que se celebraba alí polo Oriente Medio. Nel estaban grandes responsables e dignatarios mundiais cos petos cheos cos cartos da xente de a pé. Por outra parte estaban as grandes empresas de armamento do mundo, si, tamén as españolas. Esas empresas que poden estrangular a calquera goberno do “Terceiro Mundo” para que comece unha guerra inútil co único afán de gañar cartos. E alí estaban os caciques da África, e os dictadores de Asia, e os déspotas da América Latina e máis dun cabrón do “mundo occidental”.Éche a hostia, porque resultaba curioso que nun mesmo “stand” puideran estar xuntos os dous dictadores enfrontados dun país da África en guerra mentres o responsable da empresa norteamericana Colt lles comentaba, sostendo un lanzagranadas nas mans, que podía fabricar tantas armas como aqueles dous elementos puideran comprar, mentres os dous asentían coa cabeza gratamente sorprendidos. Os dous aínda puideran estar aloxados no mesmo hotel de cinco estrelas e, se me apuran, aínda puideran cear xuntos aquela noite - porque a guerra non é escusa para escusar as boas costumes e a axeitada educación, queiras que non ambos eran paisanos. Logo viume á testa a imaxe do seu pobo, desa xente que enche de cartos os maletíns que cadanseu portaba na man dereita, a xente que morre de fame e que en moitos dos casos están obrigados a asasinar os seus concidadáns con aquelas armas que o ianqui traxeado estaba disposto a verder (“tantas como puideran comprar”... non deixa de ter a súa gracia). Non sei... logo pensei no momento en que un daqueles cans gañe a guerra, ou bote do poder ó outro, e marche logo ó estranxeiro, quizáis a Marbella, a vivir coma un rei o resto da súa vida grazas ás subvencións de occidente mentres o contrario se dispón a consolidar o seu propio poder tiránico. Non sei... seguramente a empresa Colt, ou Santa Bárbara - e por derivación os nosos gobernos -, comecen a arengar a otro cacique nativo para que se levante en armas contra o seu primeiro cliente. Vaia, cambio de canal e vexo a milleiros de líderes mundiais enchéndose a boca coa palabra PAZ, palabra que se vende ben, pero que co seu sacrificio gañamos moitos cartos nós os occidentais, sí señor.

Hay un gallego en la luna, luna

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 11 – Ano II – abril, 2005)

Cando un dos adxectivos propios da denominación de orixe “galego” é o de que non habita en Galicia, malo. Non estará moi lonxe o día no que no diccionario Xerais poidamos ler:galego, -a (lat. galaicu). adx. e. s. 1. Subespecie humana definida por algún tipo de vínculo con Galicia.E non deixa un de lembrar os problemas que houbo na redacción do estatuto para que no concepto de “galegos” puidesen entrar decenas de miles de persoas que nin naceran, nin viviran, nin tan sequera viaxaran nunca a Galicia. Sonche os problemas da emigración. Porque a emigración é un problema. Non deixo ás veces de sorprenderme cando programas como “Encontros” da TVG amosan unha especie de sentimento de orgullo patrio existente en Galicia por todo o que signifique emigración. Parece que a xente enche o peito cando di que en calquera lugar do mundo hai un galego, e non o entendo. Non me refiro a que deba manterse en segredo, como a existencia das almorrás, non, todo o contrario, refírome a que a emigración masiva do pobo galego é unha das maiores desgracias da súa historia e enfocalo cun aquel de altanería festiva é desvirtua-los feitos. No século XIX “galega” significaba, polo mundo adiante, ou ben “criada” ou ben “puta” e o mundo andaba cheo de galegas emigrantes. Nestes anos que corren, a metade dos meus amigos emigraron ou van emigrar porque nesta rica terra na que vivimos non hai oportunidades. Si, a emigración masiva non rematou coas fotos en branco e negro no peirao de Vigo. Segue sendo unha cruenta realidade. Emigraron os meus bisavós, os meus avós, o meu pai, os meus amigos e probablemente teñan que emigrar tamén os meus fillos. E iso é unha desgracia de enormes proporcións. Tanto Encontros, tanta Concellería de Emigración, tanta gaita polos centros galegos e tanto Luar cando unha das materias que debería ser obrigatoria en todas as facultades universitarias de Galicia é a de “como facer ben unha maleta”, alomenos ensinaríannos algo que fora de utilidade. Como traballo aquí parece que non imos ter...

Queimada embotellada e tortillas precociñadas

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 10 – Ano II – marzo, 2005)

Un amigo comentábame que aínda que estivera falto de tempo, non deixaba de aproveitar periodicamente os 20 minutos que tardaba en ir a buscar auga á fonte cada día: case os 20 únicos minutos que teño para mín mesmo cada día, dicía, para cavilar, para reflexionar. Paréceme soberbio que os nosos turistas, ávidos consumidores de material turístico variado en xeral e souvenirs culinarios en particular, opten por mercar unha queimada embotellada antes de aprender o rito de preparala, que é onde está a gracia, e queiras que non, unha tortilla precociñada e enlatada pode sacarche dun apuro de cando en vez. Pero non deixo de darlle voltas á idea de que a psicose de pensar na escaseza de tempo é máis real que a súa propia escaseza. Parécenos que nunca temos tempo para nada, nin 20 minutos para gastar nalgún pracer superfluo e persoal dos que sabemos todos e cada un do seu, pensamos, mentres pasamos media noite a ver a tele, por poñer un exemplo; para desconectar, dicimos, logo dun duro día de traballo. Pero, ás veces, desconectar tódolos días dunha forma como esa, non deixa de ser a mellor forma de estar conectados a unha feroz monotonía. Gastar un pouco de tempo en facer unha comida caseira, 20 minutos en ir a busca-la auga, ou pasear pola rúa botando un pito, son praceres superfluos que melloran a convivencia connosco, con nós mesmos; que nos deteñen uns instantes nesta vida de imparable trasfego, coma un kit-kat, para darnos de conta de que estamos vivos, de que respiramos. Non fai falla apuntarse a un curso de ioga, ou viaxar á India, para aprender as cousas que nos poden ensinar os vinte minutos que tardamos en ver como se pon o sol no horizonte, e que, no futuro, e por acumulación, evitarán que botemos man tanto do Prozac como de Platón.

Eurovisión

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 9 – Ano II – Febreiro, 2005)

Escachoume o video. Non sei que lle pasará que a imaxe sáeme en branco e negro na pantalla. Será cousa do euroconector. Vaia, alomenos este pequeno incidente doméstico serviume para pensar en Europa e na constitución esa da que falan constantemente na miña tele en branco e negro. Como si xa non tiveramos suficientes problemas coa nosa, que nos queren meter outra constitución por riba... Sonche gañas de embrolla-las cousas. Pero haberá que ir a votar, digo eu, para unha vez que nos deixan opinar a nós mesmos, que aquí fálannos todo o día de democracia pero a última vez que tiven que depositar a miña papeleta non sabía se metela nunha urna ou no buzón de correos ou na disquetera do ordenador, de tan pouco adestrado que estou nisto do exercicio democrático. Que Facenda ven cada ano a preguntar, pero nós temos que esperar catro anos para darlles a resposta. E a ver si de aquí ó referendo dou aprendido dunha vez por todas o que dí a constitución esta, porque de ver a tele non vou entender nada dos nosos políticos: tan clariños que me son para unhas cousas e tan opacos para outras, tantas gañas teñen que o pobo decida sobre unhas cousas e sobre outras non. Vaia, parece que ás veces a un bástalle con pensar “si” ou “non”, como nesas preguntas do Trivial nas que pos cara de circunstancias e, á hora de responder, meneas o dedo para arriba e para abaixo e dáslle á unha casiña calquera e se acertas, de pura sorte, pois mira tí que ben. Pois a ver si acerto eu tamén co meu voto, home, aínda que sexa por pura sorte, e damos construído esa Europa que todos queremos, sexa dunha forma ou doutra. E esperemos que nesta grande casa que é Europa non teñamos que rematar todos arranxando os nosos problemas a tortas... como na do Gran Hermano.

Cando xogabamos ós trompos cos amigos...

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 8 – Ano II – xaneiro, 2005)

Ben é certo que os tempos cambian, afortunadamente, pero ás veces non son capaz de discernir se cambian para mellor ou peor. Se cadra foi o Nadal o que me puxo melancólico, pero tendo en conta que un non ten tantos anos de idade preocúpame o feito de mirar ós tempos da miña infancia con nostalxia. E comparalos con estes tempos que corremos e as infancias que creamos. Antes, logo do colexio, continuabamos a nosa educación na rúa, cos amigos, xogando a calquera xogo imaxinable, xogando xuntos a facernos maiores pouco a pouco; e aprendiamos tolerancia, integración no grupo, amizade, sociabilidade. Os nenos de hoxe pasan as horas de lecer en soedade, vendo a tele ou cos videoxogos que lles regalamos xogando a arrasar unha cidade calquera. E non é difícil aventurar que se a formación dos nosos nenos depende do violento heroe do videoxogo americano de turno, ou dos programas televisivos de prensa rosa e frikis por doquier, imos aviados meu. Logo nos extrañamos de que un rapaz colla unha escopeta e se leve por diante á familia e a medio barrio. Non me explico como puido pasar”, dirá a veciña do lado, en bata e zapatillas no Telediario Primeira Edición. E é que a educación, por fortuna, non remata na escola, nin consiste en deixa-lo neno diante dunha pantalla para que non de o coñazo. Ben se sabe que na actualidade todos temos moi pouco tempo, pero quen non teña tempo para darlle a mínima educación que se merece un fillo... que non o teña. Que teña un hámster, que xa nacen sabidos.

Ariel Sharon, defensor da paz e da liberdade

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 7 – Ano I – decembro, 2004)

Menudo lío se montou porque o alcalde de Oleiros calificara a Ariel Sharon, primer ministro israelí, de “asasino”, “bestia” e “nazi”. E ben, ¿mentiu? Se cadra non era Ariel Sharon o mando que estaba ó frente da unidade de comandos 101 que no 1953 asasinou a 60 civiles no poboado palestino de Kybia; se cadra non era Sharon o que tivo que dimitir coma comandante de operacións israelíes no Libano logo de que en 1982 os seus subordinados extermiran a 2.000 civiles palestinos nos campos de refuxiados de Sabra e Chatila; se cadra non foi Ariel o que nunha actitude provocante e desafiadora entrou na explanada das mesquitas de Xerusalén no 2000, provocando o inicio da segunda Intifada na que xa morreron centos de persoas; se cadra Ariel Sharon non pertence ó Likud, partido que aglutina á extrema dereita israelí, que defende leis que nalgúns casos son máis racistas que as postas en práctica na Alemaña nazi. Se cadra non. Israel acusa ó alcalde coruñés de Oleiros de “antisemita”. Para variar, todo aquel que acuse a Israel de calquera cousa é un antisemita; aproveitando a mala conciencia que segue tendo occidente cara os xudeos despois dos despreciables xenocidios da II Guerra Mundial, Israel segue pasándose a legalidade internacional polo cú, mentres occidente mira cara outro lado. Tema espinoso este: mentres Palestina e os palestinos son asasinados, recluidos en campos de concentración, despreciados en función da súa raza e relixión en Israel, calquera que levante un dedo, calquera que denuncie, preténdeno un antisemita perante a opinión pública. A intolerancia e o racismo xa sacrificaron demasiadas cousas neste planeta, por favor, non deixemos que tamén sacrifiquen a verdade e a xustiza.

Soamente se morre unha vez

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 6 – Ano I – novembro, 2004)

O único que nos fai iguais a tódolos habitantes deste planeta é que todos morreremos un día ou outro. Unha mañá estamos tan escarallados que non podemos erguernos da cama, chaman a un cura e oímos chorar a familiares e amigos nunha habitación contigua. Merda – pensamos -, tocoume hoxe. Cavilamos se realmente todo pagou a pena e facemos reconto do que conseguimos. Un televisor de 32 polgadas “dolbisurraun”, un coche novo que é a envexa dos veciños, unha fermosa casa na que traballamos ata onte, un chollo no que partimo-lo lombo corenta anos para pagar o televisor, o coche e a casa. Quizáis un traxe de Armani e unhas vacacións en Marina D´Or. Pode que nesa tesitura nos caia unha bágoa, tanto tempo perdido... Lembrámonos de pequenos, cando tiñamos tantos proxectos, tantas ilusións, tantas esperanzas, e dámonos de conta de que deixamos escapa-las todas sen saber nin como nin porqué. Un pensa que a vida ten que ser o conxunto de cousas coas que lograremos morrer cun sorriso na boca. ¿A qué estamos dispostos a renunciar para conseguilo?, ¿de verdade necesitamos gastar todo o noso tempo, esforzos e cartos en cousas que poida que non necesitemos, nin nos fagan realmente felices? Paremos o carro un momento, pensemos no camiño que estamos a percorrer, porque a mellor inversión posible é a propia vida. Calquera día nos toca sin realizar aquela viaxe que sempre quixemos facer.

O depósito cheo, por favor

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 5 – Ano I – outubro, 2004)

Con menos do que Europa e EE.UU gastan en perfumaría ó ano, todos os habitantes deste planeta terían tres pratos de comida diante cada día. Un exemplo entre moitos. ¿Un tópico?, é verdade, desgraciadamente estamos acostumados a oir cousas como que cada 24 h morren 20.000 persoas por fame neste recuncho do Sistema Solar. Deixando de lado o que cada un de nós podería facer ó respecto, unha cuestión que agora mesmo me parece insultante e tremendamente noxenta é que os gobernos occidentais se reúnan nesas especies de akelarres que son as “cumbres” para dicirnos que se preocupan polas nosas preocupacións. De seguro que a vostede non lle importaría pagar 1 céntimo máis por litro de gasolina para que nun par de sitios do mundo a choiva non esté composta por bombas-racimo, pero é que eles non están pola labor, non señor. Ó final do exercicio fiscal esa renuncia solidaria da poboación significará unha subida, inda que sexa mínima, de impostos, e iso non será políticamente solvente, non señor. Logo veremos a toda esa xente que queima as nosas bandeiras polo mundo adiante e preguntarémonos que é o que teñen en contra nosa, por dios bendito, se o ano pasado xa lle concedemos unha axuda a non sei cantos países do África. E deixando de lado ese exercicio de literatura que permite chamarlle “axudas” a créditos altamente rentables para os nosos países, sei que as cousas non son como deben ser, e sei que este mundo podería ser sostenible se todos o quixeramos, do mesmo xeito que sempre pensei que o mundo comeza nun para acabar no resto. Como o caudal dos ríos que alimentan a inmensidade do mar, cada unha das nosas vidas alimentan o mundo no que vivimos. Non hai arma máis perigosa que un grifo de gasolina dunha estación de servicio: eu tamén a empuño de cando en vez: pero sei que cada vez que a utilizo, alguén morre. Polo de agora, a mala conciencia é o precio que hai que pagar por vivir no “Primeiro Mundo”, ata que a nós tamén nos teñan que chover as bombas.