(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 4 – Ano I – setembro, 2004)
De volta na casa despois de realizar unha viaxe pola Europa do leste. De volta na miña querida e afumada Galicia véñenme ó pensamento as verbas pronunciadas por William Hazlitt gustaríame empregar toda a miña vida en viaxar ... sempre que alguén puidera emprestarme outra vida para pasala na casa. Coñecín un día o caso dunha muller da terra que, dicía, votaba en tódalas eleccións ó mesmo partido político – pouco importa cal - porque, explicaba, un alcalde dese partido lle puxera un punto de luz diante da súa casa facía anos. Ai de nós, neste o noso mundo onde “competir” é palabra máis popular e sonada que “colaborar”, onde camiñamos cara a “ninguneación” das persoas, convertidas en meros eslabóns da cadea económica, definidas en función da súa capacidade de consumo, desherdadas do coñecemento e da información veraz, condenadas ás veces por motu propio, e vontade, e vocación, a incluirse nas fronteiras dunha pseudohumana masa influible e manexable como o blandiblú, encapsuladas por sempre nunha gaiola de dous por dous a dar gracias por recibir de cando en vez un prato de sopa. Nesta oculta tiranía da partidocracia na que vivimos. Viaxar é o mellor modo de coñece-lo recuncho natal, pero non goza un tanto das vacacións cando pensa que hai tanto e tanto traballo por rematar na casa, nesta amada e afumada Galicia onde mexan por nós e dicimos que chove, onde incluso en agosto xa nos chove sobre mollado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario