4/12/07

Baixo a mesma lúa

(Publicado en Zona Temporalmente Autónoma, A Peneira nº 32 – Ano IV –xaneiro, 2007)


Mohammed preguntoume unha vez si no meu país tamén tiñamos lúa. Era unha noite desas do Sáhara, nas que camiñas tranquilamente por entre as jaimas coa agradable sensación de sentirte insignificante no medio dun enorme deserto de escuras areas azafranadas, baixo o acubillo dunha incrible e estrelada bóveda celeste, baixo a mirada dunha lúa enorme, tan grande que parece que soamente tes que estender o brazo para tocala. Mohammed e máis eu camiñabamos paseniñamente, coa agradable sensación de perder o tempo vagabundeando e divagando sobre as nosas cousas. Mohammed riuse cando lle dixen que sí, que alá en Galicia, a miles de quilómetros víamos a mesma lúa que estabamos vendo naqueles instantes. Mohammed ríase mentres meneaba a cabeza e repetía “la misma luna, jajajaja, la misma luna”, porque non sabendo exactamente de onde viña eu sí sabía que viña dun lugar demasiado afastado como para poder ver aquel enorme círculo branco que case se podía acariñar cos dedos. Tempo despois, en Perú, perdido nas profundidades do enorme Canón do Colca, deixaba pasar a noite ó seu ritmo sentado ó carón da miña cabana de canas, nun deses momentos en que sentes o pracer de ver como o tempo se desparrama marabillosamente pola túa vida, mentres escoitaba o rítmico fluír do río e observaba ensimesmado como unha enorme lúa parecía coroar pechando os cumios do canón, 1.800 metros máis arriba. “Es bonita, ¿eh? – interpeloume Vidal, o meu guía peruano -, casi parece que la pudieras tocar con la mano”. Vidal tiña bastantes máis coñecementos do mundo que Mohammed, razón pola cal escusei de indicarlle que alá, da terra da cal procedía, tamén podiamos observar a mesma lúa pois pensaría que ó final, despois de tanto avisar, collera por fin o “mal de altura” e andaba a desvariar. Observo dende a ventá do meu piso do Porriño unha lúa enorme e saúdoa dándolle as boas noites coa complicidade daqueles viaxeiros que se atopan periodicamente no seu percorrer polo mundo. Con desesperanza penso que tódalas razas, culturas, pobos e países cada noite observamos a mesma lúa. Que todos somos veciños e vivimos unidos baixo o acubillo do mesmo ceo nocturno, dos mesmos desexos, dos mesmos sentimentos. A historia da humanidade, tan chea de sangue e odio, de intolerancia, non poderá cambiar mentres non comprendamos que todos temos o dereito de vivir no mesmo planeta enfermo. Non cambiará mentres non aceptemos que este planeta saqueado, maltratado e malferido nos pertence a todos por igual. A Mohammed e a Vidal, a ti e a mín.

No hay comentarios: